Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 30 de xuño de 2000 Páx. 10.259

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 21 de xuño de 2000 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para as actuacións en materia de calidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.

En mercados cada vez máis abertos, internacionalizados e competitivos nos que as empresas levan a cabo a súa actividade, a calidade constitúe un dos factores clave para acada-la posición competitiva que estas necesitan e asegura-la súa permanencia neles ó longo do tempo.

É necesario que as empresas adopten modernas técnicas de xestión empresarial que lles permitan acada-lo grao de desenvolvemento axeitado para competiren nos referidos mercados.

Para afronta-los datos retos é punto de partida seguir fomentando as actividades de certificación de sistemas da calidade para que as empresas e entidades lles ofrezan productos e servicios ós seus clientes que incorporen elementos diferenciadores e lles permitan a súa fidelización e a obtención de vantaxes competitivas. Máis alá, é necesario introduci-los principios que posibiliten abordar un proceso sistemático que teña como horizonte a mellora continua.

Ademais, para demostra-la conformidade dos productos cos requisitos especificados, as empresas deben acometer plans de calibración coa finalidade de determina-la exactitude dos equipos de medida e a súa aptitude para acada-la precisión que se require nas correspondentes medicións.

Impulsa-las actuacións que teñan por obxecto a identificación e valoración dos custos asociados á non calidade, para poñer de manifesto as situacións de desaproveitamento dos recursos e poder adopta-las medidas necesarias para o seu seguimento, o seu control e a súa mellora, e aquelas accións encamiñadas á aplicación de ferramentas avanzadas de xestión empresarial que mediante a autoavaliación da xestión integral das organizacións lles permita avanzar por medio da mellora continua cara á xestión da calidade total, convértese nunha necesidade prioritaria no obxectivo permanente de achegamento á excelencia empresarial.

Coa finalidade de dar resposta ó esforzo investidor que para as empresas e entidades representa afronta-los novos retos competitivos, esta orde proporcionará axudas económicas para o desenvolvemento das actuacións en materia de calidade.

Estas axudas financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma galega, Fondos de Compensación Interterritorial (FCI) e Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal, «Mentres non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómico axustándose ás directrices, tanto horizontais como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, de se-lo caso, ós límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas de España para o período 2000-2006».

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto desta orde de convocatoria desenvolve-lo marco regulamentario da convocatoria de axudas, que se concedan no exercicio de 2000, co obxectivo de

impulsa-la cultura da calidade mediante a incentivación de actuacións conducentes á mellora da competitividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Convócanse axudas para a calidade, con cargo ás partidas orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, 08.03.661-C.770.0 «Empresas privadas: fomento da calidade industrial», cunha contía máxima global de 84.836.879 ptas. e 08.03.661-C.780.0 «Familias e institucións sen fins de lucro: fomento de servicios ás asociacións» cunha contía máxima global de 20.841.594 ptas.

Estas cantidades poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Artigo 3º.-Beneficiarios e ámbito de aplicación.

Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas por esta orde as empresas, as agrupacións ou asociacións de empresas e as entidades sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o expresado no artigo anterior.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento daqueles proxectos que teñan por obxecto o desenvolvemento dalgunha ou algunhas das accións que se indican a continuación:

a) Obtención da certificación correspondente á implantación de sistemas de xestión da calidade, mediante entidade certificadora acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación ou organismo internacional. Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable os custos de certificación derivados das auditorías pola entidade de certificación, así como da concesión, tramitación, rexistro ou emisión dos certificados.

Para acceder a esta axuda será necesario que a data de concesión do certificado, ou certificación de entidade certificadora que acredite a consecución desta por parte da empresa ou entidade beneficiaria estea comprendida entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2000. Non serán subvencionables os custos correspondentes á renovación de certificados.

b) Consultoría de apoio á calidade que teña por obxecto, de forma global e indisociable, o asesoramento externo para a obtención da certificación correspondente á implantación de sistemas de xestión da calidade, así como a determinación dun plan de mellora e o apoio para a posta en marcha de accións contidas no plan.

b.1) Asesoramento e consultoría de apoio para a obtención da certificación.

b.2) Asesoramento e consultoría de apoio para a elaboración dun plan de mellora determinando potenciais áreas de actuación. Este plan, para efectos de homoxeneidade, efectuarase segundo a metodoloxía de criterios e subcriterios do Modelo EFQM de Exce

lencia, desenvolvendo os criterios e subcriterios, total ou parcialmente, segundo corresponda.

b.3) Asesoramento e consultoría de apoio para a implantación de medida ou medidas contidas no plan de mellora do punto anterior que explicitamente se seleccionen indicando, para tal efecto, o criterio ou subcriterios no que se circunscriben.

Deberá tratarse dun apoio sistemático, non puntual, de consultoría nun proceso de mellora continua da empresa, sendo unicamente considerado se se verifican conxuntamente as condicións dos tres puntos b.1), b.2) e b.3) indicados neste epígrafe, no caso de empresas que non posúan certificado según normas ISO 9000, ou os puntos b.2) e b.3) no caso de empresas que xa conten co requisito anterior e pretendan avanzar mediante un proceso de mellora continua cara á xestión da calidade total.

O custo vinculado ás actuacións do punto b.3) deberán supoñer un mínimo do 50% do custo vinculado a este punto b.).

As actuacións indicadas nos puntos b.1) e b.2) deberanse levar a cabo no presente exercicio, sendo necesario presenta-la xustificación correspondente ó obte-la certificación do sistema da calidade, agás no caso de empresas que xa dispoñan da certificación que deberán efectua-las actuacións correspondentes a b.2). As actuacións recollidas no punto b.3) poderanse realizar ata o prazo de xustificación da anualidade 2001.

c) Accións encamiñadas ó desenvolvemento de plans de calibración de equipos de medida co obxecto do aseguramento da trazabilidade e uniformidade dos resultados das medicións, incluíndo os instrumentos e patróns de medida, os materiais de referencia e aparellos auxiliares necesarios para as medicións.

Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable a adquisición de patróns de medida necesarios para o desenvolvemento do plan de calibración, así como os custos externos da calibración dos equipos de medida, realizada por unha entidade independente acreditada polo organismo correspondente. Para a determinación da preferencia destas axudas, ademais do recollido no artigo 5º desta orde, priorizaranse os plans de calibración vencellados a conglomerados industriais ou clusters de empresas (coa adhesión mínima de tres), así como a integración na relación entre empresas e organismos interface ou centros tecnolóxicos de apoio á armazón empresarial.

d) Proxectos ou estudios para a implantación de sistemas de custos de non calidade, que permitan a identificación dos elementos que xeran os ditos custos, a valoración, o seguimento, o seu control e a conseguinte definición de actuacións de mellora con indicación expresa dos obxectivos cuantificables para conseguir. Consideraranse custos de non calidade os debidos a fallos internos e externos, correspondentes a unha actividade, área ou proceso determinado, quedando excluídos os custos de prevención e avaliación.

Neste puntos terán a consideración de investimento subvencionable os custos externos derivados da rea

lización, por parte de entidades consultoras de apoio a calidade, dos citados proxectos ou estudios.

e) Actuacións de relevancia ou alcance, cuantitativo ou cualitativo, que contribúan a fomentar e divulgar entre as organizacións empresariais as vantaxes da cultura da calidade, mediante a difusión, posta en común e/ou intercambio de experiencias de relevancia significativa en materia de calidade, levadas a cabo por asociacións ou entidades sen ánimo de lucro.

Neste punto terán a consideración de actuación subvencionable os gastos derivados da organización de congresos, xornadas, cumios, foros, convencións, etc., de difusión da calidade (a título de exemplo, técnicas avanzadas de xestión da calidade, normas ou referenciais específicos internacionalmente recoñecidos).

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas teranse en conta os seguintes criterios: a tipoloxía e alcance da actuación, a relación con actividades de conglomerados industriais de empresas, o efecto tracción ou demostración que as actuacións produzan no contorno da armazón empresarial.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

As axudas non poderán supera-lo 40% do investimento subvencionable, nin excede-las contías máximas que se especifican a continuación:

Para as actuacións contidas nos puntos a), c) e d), as axudas poderán acadar un máximo de 500.000 pesetas.

Para as actuacións comprendidas nos puntos b.1), b.2) e b.3) as axudas poderán ser como máximo de 2 millóns de pesetas por proxecto.

Para as actuacións comprendidas no punto e), as axudas poderán ser como máximo de 5 millóns de pesetas.

Artigo 7º.-Período subvencionable.

Considérase como período subvencionable, para a anualidade de 2000 e a efectos da realización das actuacións acollidas a esta orde, o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2000. As actuacións correspondentes ó punto b.3) poderán estenderse ata o 15 de novembro de 2001.

Artigo 8º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a súa presentación será de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no DOG.

As ditas solicitudes presentaranse por triplicado exemplar (orixinal e dúas copias) segundo o modelo que figura nos anexos desta orde, e constarán da seguinte documentación:

-Anexo I debidamente cuberto.

-Memoria explicativa do alcance dos proxectos e/ou actuacións que se van desenvolver, suficientemente detallada, na que se recollan, entre outros, os obxectivos do proxecto, a súa xustificación e vantaxes que achega, así como unha breve descrición da entidade solicitante e das súas principais actividades. Para as accións indicadas no punto c) do artigo 4º desta orde, relativas ós plans de calibración, deberá presentarse a relación dos equipos de medida que se van calibrar indicando a súa data de calibración e a súa referencia ou identificación.

-Orzamento desagregado do investimento e/ou actuación.

-Prazo de execución do investimento e/ou actuación, con indicación expresa da temporalidade de cada unha das actuacións que configuran o proxecto ou actuación, utilizando para iso un diagrama de Gantt.

-Anexo II debidamente cuberto por cada unidade de actuación coa finalidade de poder leva-lo control estatístico dos proxectos presentados.

-Incluirase, segundo o anexo III, declaración expresa doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevexa solicitar para o mesmo investimento en calquera institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía e de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

-Copia compulsada da licencia fiscal ou NIF/CIF e do último recibo do Imposto de Actividades Económicas (IAE).

-Copia compulsada do documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante e do seu DNI.

Artigo 9º.-Emenda de erros.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición previa resolución de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Valoración dos proxectos.

Por cada expediente, os xefes de servicio de xestión de cada delegación provincial emitirán un informe de cumprimento dos requisitos esixidos na convocatoria.

As solicitudes, ás que se lles achegará o devandito informe, serán estudiadas por unha comisión constituída polo titular da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas ou persoa na que delegue, que a presidirá, actuarán como vocais un subdirector xeral, un xefe de servicio da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, máis os catro delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou, no seu defecto, os xefes de Servicio de Xestión de cada delegación provincial. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de servicio.

Artigo 11º.-Resolución e aceptación das axudas.

Á vista do informe da comisión técnica de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de tres meses contados desde a publicación desta orde.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade, co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fora, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Industria e Comercio ou ante o delegado provincial, segundo proceda, no prazo dun mes se o acto fose expreso; se non o fose o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

A resolución de concesión determinará, cando menos, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda dentro dos límites establecidos por esta orde e o importe da subvención concedida. No caso de subvención plurianual, determinaranse tamén as cantidades concedidas con cargo ós orzamentos de exercicios posteriores.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á súa notificación, coas condicións específicas que se recollen nesta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 12º.-Ámbito temporal e actuacións plurianuais.

A presente orde aplicarase ás actuacións establecidas no artigo 4º, sempre que se inicien ou realicen durante o ano 2000.

No caso de actuacións plurianuais, que excedan o exercicio 2000, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, tendo que aterse ó disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

No caso de proxectos plurianuais, nos que a totalidade da subvención supere os cinco millóns de pesetas, poderanse efectuar pagamentos parciais, á conta da liquidación que se perciba, cumprindo os requisitos que para o efecto determina o artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizaran con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Nos proxectos plurianuais, entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio actual ata o final do ano corresponde á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para a cobranza da devandita anualidade.

Artigo 13º.-Xustificación das axudas.

Para o libramento de cada anualidade da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o día 30 de novembro, inclusive.

Esta documentación xustificativa, que se presentará por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias) constará dos seguintes documentos:

-Informe técnico no que se describa a realización dos proxectos e/ou actuacións e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución, suficientemente detallada. Ademais, para as actuacións acollidas ós puntos a), b.1), e c) do artigo 4º, deberá presentarse copia dos certificados que se obtivesen. Para todas aquelas actuacións recollidas nos puntos b.2), b.3, d) e e) do devandito artigo, deberá presentarse unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, plans, documentos, etc., que se realizasen ou desenvolvesen.

-Documentos acreditativos do investimento e/ou actuación (facturas e documentos xustificativos do pagamento).

-Xustificante das axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra Administración, ente público ou privado nacional ou internacional, indicando a súa contía.

-Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta bancaria onde se debe realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

-Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

-No caso de tratarse dunha subvención plurianual, que supere os 5.000.000 de pesetas, xustificante acreditativo do depósito na Caixa Xeral de Depósitos, por tempo indefinido, do aval bancario que garanta o importe da anualidade da que se estea a tramita-lo pagamento, así como dos seus correspondentes xuros (xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado vixente) por un prazo que medie entre a data de solicitude do pagamento da correspondente anualidade e a data límite que se estableza para a xustificación da última anualidade.

-Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da subvención.

Artigo 14º.-Modificación do proxecto subvencionado.

Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio antes do 15 de setembro do ano correspondente. A conformidade expresa da Consellería de Industria e Comercio

ás ditas modificacións requirirá informe favorable dos servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

De acordo co establecido no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15º.-Pagamento da subvención.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e demais condicións impostas na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente.

Artigo 16º.-Concorrencia de axudas.

De acordo co establecido no acordo da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 1999, no que se establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario, e se autoriza a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento, que se publicou mediante Resolución do 30 de novembro de 1999, cando o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 17º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, de se-lo caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obri

ga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 18º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas nesta orde, ou as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, despois da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19º a 23º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Os beneficiarios están suxeitos ó réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o artigo 79º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 19º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido nos parágrafos primeiro e segundo do artigo anterior.

Artigo 20º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada na Lei 8/1999, do 30 de decembro, e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 ou da anualidade que corresponda.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio