Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 30 de xuño de 2000 Páx. 10.268

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 29 de maio de 2000 pola que se declara de interese galego a Fundación Con Eles e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 17 de maio de 2000 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 28 de abril de 2000, pola que se clasifica como de interese social a Fundación Con Eles e se adscribe á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto:

a) Mellora-la calidade de vida das persoas con atraso mental e a das súas familias.

b) Esperta-la conciencia pública sobre ese problema no aspecto social e familiar.

c) Confeccionar un censo de persoas afectadas.

d) Fomenta-los estudios referentes á súa rehabilitación e educación.

e) Apoio e creación de consultorios médicos para a formulación do diagnóstico e indicación do tratamento propio de cada caso.

f) Orienta-la conducta que se debe seguir no trato de tales persoas, así como promover campañas de prevención.

g) Organizar, patrocinar ou fomenta-la fundación de centros de asistencia, escolas de ensino e obradoiros de aprendizaxe e formación ocupacional.

h) Busca-la colaboración de empresas públicas ou privadas que poidan proporcionar postos de traballo a aqueles que sexan idóneos.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificado pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Con Eles ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Con Eles no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, reformada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a renderlle contas anualmente ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais