Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 29 de xuño de 2000 Páx. 10.201

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 22 de xuño de 2000 sobre medidas de estímulo e apoio para a promoción de novas tecnoloxías en maquinaria e equipos agrarios.

O fomento da incorporación de modernas técnicas de producción e a racionalización do uso dos medios empregados son o obxectivo fundamental desta orde.

Coa incorporación destas novas tecnoloxías perséguese, ademais, alcanzar obxectivos de aforro enerxético, a supresión de mecanismos de alto risco, a diminución da contaminación atmosférica e acústica e a mellora das condicións de traballo dos agricultores.

Tendo en conta a estructura e dimensión da maioría das explotacións galegas, e considerando que os custos de adquisición da maquinaria poderían compromete-la rendibilidade do investimento se non se alcanzan uns mínimos de horas anuais de utilización, o sistema de adquisición e utilización máis aconsellable é o réxime asociativo.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3. do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983 ,do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicita-las axudas que recolle esta orde:

a) As cooperativas, as sociedades agrarias de transformación e as cooperativas de traballo asociado de carácter agrario con actividade económica propia.

b) As agrupacións para tratamentos integrados na agricultura, para maquinaria e equipos propios da súa actividade específica.

c) As empresas de servicios legalmente constituídas e con actividade económica, dedicadas á realización de traballos nas explotacións agrogandeiras.

Artigo 2º.-Maquinaria subvencionable.

Serán obxecto destas axudas as máquinas e equipos incluídos nos seguintes plans de innovación tecnolóxica:

a) Plan de mecanización racional da producción e aproveitamento das forraxes.

- Maquinaria de semente, colleita, preparación, almacenamento e distribución de forraxes.

b) Plan de racionalización do emprego de estercos, xurro e lodos na fertilización de solos.

-Cisternas e batedores de xurro.

-Aplicadores-enterradores de esterco e lodos líquidos.

-Separadores de esterco sólido/líquido.

-Inxectores para fermentación aeróbica de xurro.

c) Plan de fomento da utilización de maquinaria e equipos que representen unha innovación tecnolóxica:

-Maquinaria para a apaña de pataca e outros cultivos hortofructícolas:

Maquinaria para a aplicación de productos fitosanitarios.

-Calquera outra máquina ou equipo que represente unha innovación tecnolóxica.

d) Plan de renovación do parque de tractores.

-Tractores que incorporen novas tecnoloxías para a mellora dos actuais sistemas productivos, o aforro

enerxético, a conservación do ambiente ou a mellora das condicións de traballo.

Artigo 3º.-Contía da subvención.

O importe da subvención estará condicionado á existencia de crédito orzamentario e regularase en función das seguintes especificacións para cada caso:

1. Plans de innovación dos epígrafes a), b), c) do artigo anterior.

a) As agrupacións incluídas nos epígrafes 1a) e 1b) do artigo 1º poderán obter ata o 30% do total do investimento, podendo chegar ata o 40% cando as explotacións se atopen en zonas desfavorecidas, sen superaren en ningún caso os 5.000.000 de ptas.

b) No caso de empresas de servicios (punto 1 c) do artigo 1º ata o 15% do total do investimento, coa mesma limitación de 5.000.000 de pesetas.

2. Plans de innovación tecnolóxica de renovación do parque de tractores.

Neste caso a axuda máxima establecerase en razón de 4.000 pesetas por CV de potencia de inscrición do tractor ou tractores para achatarrar.

Artigo 4º.-Obrigas dos beneficiarios.

As subvencións só poderán ser concedidas para a maquinaria de primeira adquisición e non poderá ser revendida no prazo de cinco anos, a partir da data de adquisición.

Así mesmo, as máquinas e equipos subvencionados deberán inscribirse no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola da provincia.

A maquinaria adquirida ó abeiro desta orde só poderá empregarse nas explotacións dos membros da agrupación ou entidade asociativa, agás no caso de cooperativas de traballo asociado e empresas de servicios.

Artigo 5º.-Renovación do parque de tractores.

No Plan de renovación do parque de tractores susbtituiranse por modelos que incorporen novas tecnoloxías aquelas unidades que estean inscritas no Rexitro Oficial de Maquinaria Agrícola con anterioridade ó ano 1980 e que non cambiasen de titular nos dous últimos anos. Cando se concedan axudas para a renovación de tractores o solicitante deberá xustifica-lo achatarramento dos tractores antigos, mediante un certificado de baixa definitiva expedido polo Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola onde estea inscrito o tractor e no que se faga consta-la data da primeira inscrición, o número de bastidor e a potencia en CV.

Artigo 6º.-Outras obrigas dos beneficiarios.

O/os beneficiario/s terá/n a obriga de facilitar toda a información que lle/s sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

As accións subvencionables deberán iniciarse, en todo caso, con posterioridade á entrada en vigor desta orde.

Artigo 7º.-Preferencias establecidas e exclusións.

Na aprobación de solicitudes estableceranse as seguintes preferencias que a continuación se relacionan:

1. Agrupacións formais segundo a orde establecida no artigo 1º.

2. O número de explotacións incluídas na agrupación de productores directamente beneficiadas da axuda.

3. O tipo de maquinaria de que se trate, tendo en conta basicamente o seu carácter innovador e de respecto ó ambiente.

4. Aqueles expedientes que acheguen un programa global de renovación da maquinaria agrícola da agrupación por recollida da maquinaria vella.

Quedan expresamente excluídas as máquinas de uso xeneralizado na agricultura, tales como tractores (salvo que susbtitúan a unidades achatarradas), motocultores, remolques, equipos tradicionais de laboreo ou colleitadoras de cereais.

Así mesmo, exclúense as subvencións para os almacéns polivalentes, edificacións gandeiras e instalacións para a comercialización ou transformación de productos agrarios ou forestais.

Artigo 8º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes para acollerse ás axudas que inclúe a presente orde presentaranse preferentemente nas oficinas locais ou provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xustificando ademais a viabilidade técnica e económica do investimento previsto, utilizando o modelo do anexo I e xuntando a seguinte documentación:

-Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes.

-Memoria descritiva do programa, que inclúa, como mínimo, os seguintes puntos:

* Situación actual: actividade desenvolta, maquinaria existente, etc.

* Xustificación da necesidade do investimento e a súa rendibilidade.

* Descrición da maquinaria que se vai adquirir e a súa aplicación técnica.

-Fotocopia compulsada do CIF.

-Fotocopia compulsada dos estatutos de constitución da sociedade.

-Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social de estar ó día na cotización.

-Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria de estar ó día no cumprimento das súas obrigas fiscais.

-Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria do pagamento do imposto de sociedades (modelo 201).

-Acreditación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

-Facturas proforma das máquinas que se adquiran.

-No caso de empresas de servicios fotocopia compulsada do último recibo do Imposto de Actividades Económicas (IAE), que acreditará a súa dedicación a servicios agrícolas e gandeiros.

Artigo 9º.-Prazos de execución e xustificacións.

O prazo de presentación de solicitudes rematará ós 30 días naturais dende o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde.

As delegacións provinciais remitirán un informe sobre as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, que emitirá a proposta correspondente para a súa aprobación polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, nun prazo máximo de seis meses.

Enténdese a solicitude por desestimada se no devandito prazo non se resolve a preceptiva aprobación do expediente.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá recorrerse potestativamente en reposición perante o mesmo órgano que a dictase nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992 segundo redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo no prazo establecido no artigo 46 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Unha vez aprobada a subvención de maquinaria, deberán presentarse xustificantes do investimento nun prazo máximo de dous meses desde a notificación oficial.

A documentación que hai que achegar para acredita-la execución do programa, e en calquera caso, antes do último pagamento, consistirá en:

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto ou programa, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

-Factura definitiva.

-Copia compulsada do documento de inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola.

-Certificado de baixa definitiva do tractor achatarrado de se-lo caso.

O incumprimento dos programas propostos suporía a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidensen incorre-los beneficiarios.

Artigo 10º.-Financiamento.

No exercicio do ano 2000 este programa financiarase con cargo ó concepto orzamentario 09.03.614-A 775.0 Fomento da mellora tecnolóxica e mecanización en común, dotado con 51.050.000 ptas., dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria

As solicitudes ó abeiro da Orde do 25 de febreiro de 1999 pendentes de resolución e que cumpran coas condicións reguladas na presente convocatoria poderán ser tidas en conta salvo indicación expresa do interesado en sentido contrario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar cantas disposicións considere necesarias para a aplicación da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria