Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 29 de xuño de 2000 Páx. 10.198

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 22 de xuño de 2000 pola que se anuncia a concesión de axudas en forma de bolsas de iniciación á investigación agraria en centros dependentes do Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria, no marco do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Coa finalidade de que os estudiantes do último curso de especialidades agrarias ou recentemente titulados adquiran máis coñecementos e prácticas en temas propios dos seus estudios que lles facilite unha máis ampla formación profesional, establécese unha liña de axuda económica en forma de bolsas para prácticas.

Polo exposto esta consellería, en virtude das atribucións que ten conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e os artigos 1º e 3º do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro modificado polo Decreto 69/1999, do 18 de marzo, e de acordo coa Resolución do 28 de decembro de 1998 da Consellería de Economía e Facenda,

DISPÓN:

Artigo 1º

Conceder dez bolsas de iniciación á investigación no eido da mellora xenética do millo, que se desenvolverán no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo, A Coruña), cunha dotación mensual por bolsa de cen mil (100.000) pesetas brutas (601,01 euros).

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das devanditas bolsas os solicitantes maiores de idade que resulten seleccionados e que reúnan os seguintes requisitos:

a) Demostrar estar matriculados no último curso das carreiras de enxeñería de grao medio ou superior en especialidades agrícolas durante o ano académico 1999-2000 ou te-las titulacións indicadas.

b) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

c) Ter veciñanza administrativa en Galicia ou ser natural de Galicia ou fillo de emigrantes galegos no exterior.

d) No caso de títulos expedidos por centros non-pertencentes á Unión Europea será preciso que estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3º.-Carácter da bolsa.

A concesión da bolsa, dado o seu carácter formativo, non suporá ningún tipo de vínculo laboral ou esta

tutario entre o beneficiario e a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria subscribirá unha póliza de seguro colectivo de accidentes ós bolseiros, que cubrirá os riscos durante o período de concesión da bolsa.

Artigo 4º.-Período da bolsa e contía.

A duración do período de desfrute da bolsa será dun mes ó redor do mes de agosto. A contía global máxima é de 100.000 ptas. (601,01 euros), na que se inclúe o custo do seguro.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse no rexistro da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 8 de xullo.

3. As solicitudes dirixiranse ó director xeral de Desenvolvemento Rural segundo modelo normalizado do anexo I, xunto cos seguintes documentos:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou pasaporte.

b) Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Expediente académico completo de cualificacións compulsado e certificación orixinal ou compulsada de estar matriculado no último curso das carreiras de enxeñeiros de grao medio ou superior en especialidades agrícolas no ano académico 1999-2000 ou te-las titulacións indicadas.

d) Declaración orixinal na que se compromete a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións e ó desfrute doutras bolsas ou axudas para a mesma finalidade.

Para os efectos desta declaración indícase a obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida polos organismos legais de fiscalización da Comunidade Autónoma no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da axuda, segundo a Lei 8/1999, do 30 de decembro de 1999.

Artigo 6º.-Comisión avaliadora.

A documentación achegada será examinada e avaliada por unha comisión integrada por cinco membros, presidida polo director do Centro Galego de Investigación e Tecnoloxía Agraria, e composta por dous

funcionarios do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e dous da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación e selección.

A selección realizarase tendo en conta o expediente académico completo de cada solicitante e os méritos alegados. Ademais do exame da documentación, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal co fin de comproba-la súa aptitude e idoneidade.

O baremo que hai que aplicar será o seguinte:

a) Valoración das cualificacións académicas:

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

-Disciplinas pendentes de cursos anteriores (aínda que non se presentaran): 0 puntos.

b) Valoración expediente académico:

Suma puntos de notas x 10--------------------------------=

Número de disciplinas

c) Valoración polo título acadado:

-Título de enxeñeiro de grao superior (especialidades agrícolas): 2 puntos.

-Título de enxeñeiro de grao medio (especialidades agrícolas): 1,50 puntos.

(Valoración máxima 2 puntos).

d) Outras valoracións:

Poderanse valorar tamén, sempre que veñan perfectamente acreditados documentalmente:

-Coñecementos informáticos: ata 3 puntos.

-Coñecementos de galego:

-Curso de iniciación: 2 puntos.

-Curso de perfeccionamento: 4 puntos.

(Valoración máxima 4 puntos).

-Outros idiomas: ata 3 puntos.

Artigo 8º.-Resolución da convocatoria.

A comisión avaliadora elevará a proposta de resolución ó director xeral de Desenvolvemento Rural, que dictará a oportuna resolución.

A lista de seleccionados publicarase nos taboleiros de anuncios do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e na páxina webb: http://www.xunta.es/coselle/ag/servicios/cgita, sen prexuízo da comunicación persoal ós solicitantes que resulten adxudicatarios.

Artigo 9º.

1. Tódalas solicitudes serán resoltas no prazo máximo de 6 meses, transcorrido o cal sen que recaese resolución denegatoria, consideraranse aquelas estimadas.

2. De acordo co disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, contra a resolución de concesión destas bolsas poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da data da publicación no Diario Oficial de Galicia. Non embargantes, os interesados poderán interpoñer calquera outro recurso que teñan por oportuno.

Artigo 10º

A falsidade na documentación achegada ou a ocultación de datos darán lugar á denegación da bolsa solicitada ou á perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades a que houbese lugar.

Artigo 11º.-Obrigas dos bolseiros.

a) O beneficiario deberá incorporarse ó Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo no prazo sinalado na comunicación de adxudicación. De non incorporarse perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, entrando en substitución o primeiro suplente seleccionado e así sucesivamente.

b) Realiza-las tarefas de campo e gabinete encomendadas polo titor asignado no ámbito da mellora xenética (polinizacións, contaxes, etc.), nos tempos e lugares que se lle indiquen.

c) Presentar ó final do período de desfrute da bolsa o correspondente informe sobre o labor realizado ou sobre o interese que os traballos de iniciación á investigación lle merecen desde o punto de vista da súa futura orientación profesional.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

De acordo co disposto na Lei 8/1999, do 30 de decembro, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º

Ó termo do período da bolsa, o director do centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo emitirá unha certificación a favor do bolseiro co fin de que poida incorporala ó seu currículum vitae.

Artigo 13º

Esta concesión financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.432A.480.0 denominada Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico - bolsas de formación de investigadores, do Plan Sectorial de Investigación Agraria, da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000 por un importe máximo de 1.000.000 de ptas. (6.010,12 euros), incluída unha parte para contrata-la póliza de seguro de accidentes que cubrirá os riscos para 10 bolseiros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Rural a dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria