Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 29 de xuño de 2000 Páx. 10.145

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2000, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se dictan instruccións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica no curso 2000-2001.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 30 establece que a formación profesional específica comprenderá un conxunto de ciclos formativos cunha organización modular, de duración variable, constituídos por áreas de coñecemento teórico-prácticos en función dos diversos campos profesionais. No artigo 34.2º establece tamén que o currículo das ensinanzas de FPE incluirá unha fase de formación práctica nos centros de traballo, do cal poderá quedar total ou parcialmente exento quen teña acreditada a experiencia profesional.

Por Decreto 239/1995, do 28 de xullo, (DOG do 16 de agosto), establécese para a Comunidade Autónoma de Galicia a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional e as directrices sobre os seus títulos, define a estructura común da ordenación académica dos títulos profesionais e establece as finalidades do módulo de formación en centros de traballo. No artigo 17 deste decreto establécense os criterios para a avaliación de alumnos que cursan un ciclo formativo e concretamente para o módulo de FCT, indicándose tamén que a superación dun ciclo formativo requirirá a avaliación positiva en todos e cada un dos módulos profesionais que o compoñan.

O Real decreto 777/1998, do 30 de abril, (BOE do 8 de maio) polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación profesional no ámbito do sistema educativo, vén modificar e completa-lo marco establecido, polo que é preciso a súa adaptación no funcionamento dos ciclos formativos. No artigo 16 deste real decreto establécense as condicións para a exención do módulo profesional de formación en centros de traballo pola súa correspondencia laboral.

O Decreto 296/1999, do 21 de outubro, adapta o disposto no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, (BOE do 8 de maio) para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Os procedementos de acceso e admisión a ciclos formativos están regulados para a Comunidade Autónoma de Galicia pola Orde do 24 de abril de 2000 (DOG do 30 de maio) que regula o procedemento para admisión do alumnado no bacharelato e ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio, en centros sostidos con fondos públicos; pola Orde do 22 de maio de 1998 (DOG do 1 de xullo) que regula a admisión de alumnado nos ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior en centros sostidos con fondos públicos e pola Orde do 25 de abril de 2000 (DOG do 30 de maio) que regula as probas de acceso ós ciclos formativos de graos medio e superior. En aplicación destas, a Resolución do 27 de abril de 2000 (DOG do 30 de maio) dicta instruccións sobre o acceso e admisión para o curso 2000-2001.

A Orde do 31 de maio de 1999 (DOG 1 de xullo, corrección de erros DOG do 23 de xullo), pola que se regula o desenvolvemento, en réxime ordinario e de adultos, dos ciclos formativos de formación profesional específica, recolle a experiencia da implantación anticipada destas ensinanzas e establece o marco normativo no que se desenvolverán os ciclos formativos de formación profesional específica, en réxime ordinario ou para as persoas adultas, posibilitando a oferta de forma parcial dos ciclos formativos; e a Orde do 1 de xuño de 1999 (DOG do 9 de xullo), pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia. Estas dúas ordes autorizan á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto nelas, e na súa virtude, esta dirección xeral,

RESOLVE:

I. Funcionamento xeral dos ciclos formativos:

Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta resolución ten por obxecto dictar instruccións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica no curso 2000-2001 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Matrícula.

1. A matrícula realizarase para todo o ciclo formativo segundo os prazos establecidos na Resolución do 27 de abril de 2000 (DOG do 30 de maio) pola que se dictan instruccións sobre o acceso e admisión ós ciclos formativos de formación profesional específica para o curso 2000-2001.

2. O alumnado que reúna os requisitos académicos, indicados no artigo segundo da Resolución do 27 de abril de 2000, para o acceso directo ós ciclos formativos de grao superior, na convocatoria do mes de setembro de 2000, poderá face-la inscrición, nos

ciclos que teñan prazas vacantes, do 1 ó 10 de setembro. Os centros publicarán as listas de admitidos antes do 15 de setembro, debéndose matricular estes alumnos antes do 18 de setembro de 2000.

Terceiro.-Constitución de grupos.

Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos/as por centro. O número de alumnos de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas e das posibilidades das instalacións e medios de cada ciclo e centro en particular e non deberá supera-los 30 alumnos, non contabilizándose para estes efectos o alumnado repetidor. Calquera modificación destes límites requirirá autorización expresa da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto.-Horario do ciclo formativo.

1. A distribución horaria dos módulos que constitúen o ciclo formativo será a que se indica no anexo VI desta resolución no que tamén se reflicte para os centros públicos o número de sesións que corresponde no caso de organización horaria en sesións de 50 minutos. Non obstante o centro educativo poderá establecer no seu proxecto curricular unha distribución horaria diferente que deberá ser aprobada pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria antes do inicio do ciclo formativo.

2. Aqueles centros que, polas súas características específicas ou polas dos ciclos que imparten, requiran unha modalidade horaria especial deberán solicitalo á delegación provincial que, logo do informe da Inspección Educativa, resolverá o que proceda, respectando a distribución horaria que aparece no anexo VI desta resolución.

3. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autorizar outras modalidades horarias diferentes adecuadas ás singulares características de colectivos concretos.

4. Coa finalidade de que se poida verifica-lo cumprimento do horario mínimo para cada ciclo, a dirección do centro remitirá á Inspección Educativa, xunto co horario semanal do grupo, un calendario no que irán especificados os días lectivos da formación no centro educativo.

Quinto.-Profesorado de centros públicos.

1. Cada módulo dun ciclo formativo constitúe unha unidade de oferta formativa e, polo tanto, será impartido, con carácter xeral, por un só profesor. En todo caso, sempre que existan espacios e razóns de seguridade ou de práctica educativa, e o número de alumnos sexa superior a 20 por grupo, a Inspección Educativa poderá autoriza-lo desdobramento do grupo.

2. No caso de desdobramento de grupos de alumnos terase en conta que:

-O profesorado que participe do desdobramento dun módulo ten a obriga de se responsabilizar da impar

tición da totalidade dos contidos e de avalia-lo alumnado que o cursa, polo tanto:

-Non se poderá dividi-lo módulo profesional por tipos de contidos.

-En ningún caso o profesorado dos grupos desdobrados rotará na aula ou no taller.

3. Mentres o alumnado do ciclo formativo estea realizando o módulo profesional de formación en centros de traballo os membros do equipo docente realizarán, entre outras, as seguintes actividades:

a) Impartición de actividades de recuperación ó alumnado que teña pendente de superar algún módulo profesional. Con tal fin a xefatura de estudios, co apoio do titor do ciclo formativo, elaborará o novo horario do profesorado que resulte con horas vacantes, que se dará a coñecer ó profesorado e, se é o caso, ós pais ou titores legais.

b) Realización de actividades de avaliación e cualificación extraordinaria do alumnado con módulos profesionais pendentes.

c) Participación nas actividades de actualización e formación que se convoquen pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

d) Aqueloutras que o director do centro lles encomende dentro das súas competencias.

Sexto.-Módulo profesional de segunda lingua estranxeira.

Os centros realizarán a oferta do módulo profesional de segunda lingua estranxeira, para os ciclos formativos nos que así se establece no anexo VI desta resolución de entre os seguintes: alemán, francés, italiano e portugués; de acordo cos recursos dispoñibles.

En todo caso, a lingua que se imparta será única para tódolos alumnos do grupo.

Sétimo.-Módulo profesional de proxecto integrado.

1. O módulo de proxecto integrado contribuirá de forma específica ó logro das seguintes finalidades:

-Comprender globalmente aspectos sobresaíntes da competencia profesional característica do título que foron abordados noutros módulos profesionais do ciclo formativo.

-Integrar ordenadamente distintos coñecementos sobre organización, características, condicións, tipoloxías, técnicas e procesos que se desenvolven nas diferentes actividades productivas do sector a que corresponde o título.

-Adquirir, se é o caso, coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes que favorezan o desenvolvemento daquelas capacidades relacionadas coa profesión para a que se forma que, sendo demandadas polo contorno productivo en que radica o centro, non poidan ser recollidas no resto de módulos profesionais.

2. Tomando como referencia un proceso productivo, real ou simulado, o proxecto integrado debe:

-Analiza-la interrelación e contribución das distintas etapas da organización, programación e control dun proceso.

-Determina-las especificacións do proceso productivo dun artigo (materia prima, medio productivo, método operativo, etc.) e os métodos que aseguren a calidade, a partir das especificacións dun deseño, dun pedido, de obxectivos de calidade, dos recursos dispoñibles e de catálogos comerciais de materiais.

-Determina-la viabilidade das especificacións do proceso de producción e, se é preciso, as medidas correctoras a partir da elaboración e avaliación do prototipo.

-Determina-la cantidade de recursos, o nivel de stock óptimo, os sistemas de traballo e de control da producción máis adecuada e a organización das liñas de producción, aprovisionamento, mantemento preventivo dos recursos e as fases productivas necesarias para a producción en función dos recursos dispoñibles, volume e variedade do pedido, así como os prazos establecidos.

-Determina-las medidas correctoras que se deben tomar e a súa viabilidade no hipotético proceso de producción para garanti-las condicións de producción establecidas, considerando as posibles anomalías, incidencias ou desviacións simuladas.

Este módulo forma parte do currículo dos ciclos formativos de grao superior que se indica no anexo VI desta resolución.

II. Formación en centros de traballo (FCT):

Oitavo.-Definición e finalidades.

O módulo profesional de formación en centros de traballo é un bloque coherente de formación específica, no que os obxectivos están constituídos por un conxunto de capacidades terminais elementais, que orientan as actividades formativas de referencia que constitúen os contidos que o alumnado debe realizar nun centro de traballo. Ten carácter obrigatorio en tódolos ciclos formativos e desenvolverase procurando aplica-las competencias profesionais adquiridas no centro educativo complementándoas con aquelas previamente identificadas entre as actividades productivas do centro de traballo. Posibilitará así mesmo, avalia-los aspectos máis relevantes da competencia profesional do alumnado, razón pola que con carácter xeral, constituirá a última fase de formación do alumnado.

A duración da formación en centros de traballo será a que se establece no anexo VI para cada ciclo formativo.

O período de formación en centros de traballo constitúe unha parte obrigatoria dos currículos dos ciclos. Consecuentemente, a súa realización non dá dereito á percepción por parte do alumnado de ningunha compensación económica distinta das bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral.

A característica máis relevante do módulo de formación en centros de traballo, en adiante FCT, é que se desenvolve nun ámbito productivo real, onde o alumnado poderá observar e desempeña-las funcións propias das distintas ocupacións relativas a unha profesión, coñece-la organización dos procesos productivos ou de servicios e as relacións sociola

borais na empresa ou centro de traballo, orientados e asesorados en tódolos momentos polos responsables do seguimento e avaliación das súas actividades.

O módulo profesional da FCT, de acordo co establecido no artigo 7.3 do Decreto 239/1995, está encamiñado de forma específica ó logro das seguintes finalidades:

a) Complementa-la adquisición polo alumnado da competencia profesional conseguida no centro educativo, mediante a realización dun conxunto de actividades de formación previamente identificadas e delimitadas entre as actividades productivas do centro de traballo.

b) Contribuír ó logro do conxunto de finalidades descritas para a formación profesional no artigo 2º do referido decreto.

c) Avalia-los aspectos máis relevantes da competencia profesional adquirida polo alumnado.

Noveno.-Convenios.

1. Os centros educativos que imparten ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia suscribirán convenios con empresas, agrupacións ou asociacións de empresas, institucións ou organismos, que teñan por fin a realización dun programa formativo que desenvolva adecuadamente o currículo do módulo de FCT, de acordo co perfil profesional que debe acada-lo alumnado segundo establece o real decreto de ensinanzas mínimas de cada título profesional e o currículo correspondente.

2. O centro educativo proporá á Inspección Educativa para a súa aprobación, se procede, cunha antelación mínima de dous meses á data prevista para o inicio, os convenios de colaboración, a relación de alumnado por cada unha das empresas e os programas formativos para desenvolver nelas.

3. Os convenios específicos de colaboración para a realización das actividades de formación en centros de traballo deberán formalizarse por escrito segundo o modelo que figura como anexo I desta resolución. Serán asinados polo director do centro e o representante legal da empresa ou institución colaboradora. A delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirá copia do convenio e da relación de alumnos que en cada período de tempo estean realizando a FCT nas empresas e institucións á Inspección Provincial de Traballo.

A estes convenios asinados iranse incorporando ó longo do período de vixencia os sucesivos anexo II -relación de alumnos- e anexo III -programa formativo, de cada grupo de alumnos participante- que contarán coa conformidade da Inspección Educativa.

4. A duración destes convenios específicos de colaboración será dun ano a partir do seu asinamento, considerándose prorrogado automaticamente cando ningunha das partes asinantes manifeste o contrario.

5. Os convenios específicos de colaboración poderán ser rescindidos por calquera das partes, mediante denuncia dalgunha delas, que será comunicada á

outra cunha antelación mínima de quince días e baseada nalgunha das seguintes causas:

a) Cesamento de actividades dalgunha das partes asinantes do convenio.

b) Forza maior que imposibilite o desenvolvemento das actividades programadas.

c) Incumprimento das cláusulas establecidas no convenio específico de colaboración, inadecuación pedagóxica das prácticas formativas, ou vulneración das normas que, en relación coa realización das actividades programadas, estean en cada caso vixentes.

d) Mutuo acordo entre o centro docente, adoptado polo director de centro e a empresa ou institución colaboradora.

6. Poderase excluír do convenio un determinado alumno ou grupo de alumnos, por decisión unilateral de calquera das partes asinantes, ou conxunta de ámbalas dúas, nos seguintes casos:

-Faltas repetidas de asistencia e/ou puntualidade non xustificadas.

-Actitude incorrecta ou falta de aproveitamento, logo de audiencia ó interesado

7. O centro docente deberá informar á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da extinción ou rescisión dos convenios específicos de colaboración en calquera dos casos. A delegación provincial comunicarallo á Inspección Provincial de Traballo.

Décimo.-Programación da formación en centros de traballo: programa formativo.

1. O desenvolvemento do módulo de FCT esixe a elaboración dun programa formativo. Este consiste no conxunto de actividades formativas, ordenadas no tempo e no espacio, que debe realizar un alumno durante as horas establecidas para tal fin, para a súa realización no centro de traballo. Estas actividades, inspiradas polas unidades de competencia do perfil do título, serán o complemento final para consegui-la competencia profesional característica do título e proporcionarán as situacións de avaliación necesarias para a acreditación desa competencia.

Salvo en sectores productivos ou de servicios altamente homoxéneos, centros de traballo diferentes requiren programas formativos diferentes como medio para garantir que o módulo profesional que o alumnado desenvolve no centro de traballo sexa cumprible e avaliable.

2. Naquelas zonas ou sectores onde se constate que o posto formativo ofertado por un centro de traballo é insuficiente para conseguir tódalas capacidades terminais da FCT e requira que se complete con outros, o profesor-titor xunto co coordinador de FCT, se fose o caso, realizará a selección de centros de traballo que constitúan o programa formativo, debendo ser un máximo de tres empresas/institucións. Se se precisara realizar a FCT superando o límite de empresas establecido na presente resolución solicitarase autorización á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Elaboración do programa formativo.

Os elementos de que consta o programa formativo son:

a) Capacidades terminais elementais da FCT establecidas no currículo do ciclo formativo, ou se é o caso, as capacidades terminais do módulo de FCT definidas no documento base do título.

b) Actividades formativas tomadas das de referencia que establece o currículo, e se é o caso, dos criterios de avaliación establecidos no documento base do título, que deben permitir executar ou, se é o caso, completa-la competencia profesional correspondente ó título.

c) Áreas ou departamentos do centro de traballo polos que rotará o alumnado, coa temporalización correspondente.

É especialmente importante que no proceso de elaboración do programa formativo sexan ben identificadas as actividades formativas relacionadas coas capacidades terminais elementais do módulo de FCT e coa competencia profesional que debe evidenciar.

Décimo primeiro.-Períodos de realización das actividades da formación en centros de traballo.

1. O módulo da FCT desenvolverase entre os días 1 de setembro e 30 de xuño. En casos excepcionais poderase ampliar ata o 31 de xullo, logo da autorización da inspección. O número de horas de estadía do alumnado no centro de traballo será o indicado nos decretos dos currículos correspondentes desta Comunidade Autónoma e, no anexo VI desta resolución.

2. Como norma xeral, o módulo de FCT será realizado ó final de cada ciclo formativo, unha vez superada a formación cursada no centro educativo nun só período e de forma ininterrompida.

3. O desenvolvemento das estadías do alumnado no centro de traballo seguirá o horario laboral da entidade colaboradora, salvo que no programa formativo se estableza outro horario, reservando unha xornada cada quincena para a realización no centro educativo de actividades de seguimento de FCT e recuperación do módulo pendente, se é o caso.

4. A realización do módulo de FCT antes de finaliza-la formación no centro educativo, motivado pola dispoñibilidade de postos formativos, estacionalidade, especificidade curricular da familia profesional correspondente ou outras causas, requirirá a autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Os centros remitirán á delegación provincial, xunto coa programación da FCT, solicitude na que se incluirá a xustificación razoada, calendario e horario proposto, sistema e condicións para o seguimento e control titorial. A delegación provincial remitirá a correspondente proposta, xunto co informe detallado da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

5. A realización das actividades formativas do módulo de FCT en centros de traballo/institucións

situadas fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, requirirá, igualmente, a autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Os centros remitirán á delegación provincial solicitude e xustificación da súa necesidade, seguindo o mesmo procedemento do punto anterior.

Décimo segundo.-Avaliación da formación en centros de traballo.

1. A avaliación da FCT será continua, é dicir, realizarase durante todo o proceso formativo correspondente, tal e como indican o Decreto 239/1995 e a Orde do 1 de xuño de 1999.

2. A avaliación do módulo da FCT ten por obxecto determina-la competencia profesional, entendida esta como a habilidade para realizar roles ou postos de traballo ós niveis requiridos do emprego. Polo tanto, os métodos de avaliación deste módulo deben ser orientados a obter evidencia desa competencia.

3. O profesor-titor do centro educativo establecerá un calendario de visitas ó centro de traballo, cunha periodicidade quincenal, para efectos de manter entrevistas co responsable do centro de traballo, observar directamente as actividades que o alumnado realiza nel e rexistra-lo seu propio seguimento.

4. Na avaliación deste módulo de FCT colaborará a persoa responsable designada por cada centro de traballo para o seguimento da formación do alumnado durante a estadía nel. Esta colaboración na avaliación expresarase mediante un informe valorativo do responsable do centro de traballo (anexo IV). Se a FCT tivera lugar en varias empresas, solicitarase un informe de cada unha delas.

5. Os instrumentos de seguimento e avaliación do módulo de FCT serán:

-O informe valorativo do centro de traballo anexo IV.

-O caderno do alumno.

6. O profesor-titor entregará a cada alumno, ó comezo da FCT, o caderno do alumno para a formación en centros de traballo e o programa formativo acordado coa empresa.

7. Cada alumno reflectirá no seu caderno as tarefas que desenvolve na empresa. Farao de forma breve e facilmente identificable, destacando, se é o caso, as dificultades que atopou na realización da actividade, circunstancias que as motivaron e cantas observacións que a nivel profesional ou persoal considere oportunas. O caderno do alumno incluirá follas de control de actividades realizadas (anexo V). As follas de actividades do alumno serán supervisadas e asinadas polo profesor-titor durante a xornada quincenal destinada á acción titorial no centro educativo, con tódolos alumnos que estean durante ese período realizando a FCT na empresa.

8. Correspóndelle ó Servicio da Inspección Educativa o seguimento e avaliación das programacións e a análise dos resultados obtidos no desenvolvemento da FCT en cada un dos ciclos formativos de cada centro educativo.

Décimo terceiro.-Relación alumnado-centro de traballo ou entidade colaboradora.

1. A relación entre o alumnado e o centro de traballo ou entidade colaboradora, como consecuencia do convenio específico de colaboración para a realización das actividades do módulo profesional de formación en centros de traballo, non terá, en ningún caso, natureza xurídica laboral ou funcionarial, de acordo co disposto no artigo 19 do Real decreto 1992/1984, do 31 de outubro (BOE do 9 de novembro). Polo tanto, os alumnos non poderán percibir retribución ningunha do centro de traballo pola súa actividade formativa.

2. A empresa ou entidade colaboradora non poderá cubrir, nin sequera con carácter interino, ningún posto de traballo no cadro de persoal co alumnado que realice actividades formativas na empresa, salvo que se estableza para tal efecto unha relación laboral de contraprestación económica por servicios contratados. Neste caso, considerarase que o alumno abandona o programa formativo no centro de traballo, debendo comunicar este feito por parte da empresa ou institución colaboradora ó profesor titor do centro educativo, quen será o que llo notifique ó director ou directora do centro educativo e este, pola súa vez, comunicarallo á delegación provincial de Educación. A delegación provincial de Educación deberá comunicar esta continxencia á Inspección Provincial de Traballo.

3. De acordo co disposto no Decreto 2078/1971, do 13 de agosto (BOE do 13 de setembro), polo que se amplía o seguro escolar os alumnos de formación profesional, o réxime de cobertura por accidentes dos alumnos nos centros de traballo será o establecido pola normativa vixente en materia de seguro escolar e polos estatutos da mutualidade de tal seguro. Todo iso, sen prexuízo da póliza que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o seu ámbito de xestión territorial subscribe, como seguro adicional para mellorar indemnizacións, cubrir danos a terceiros ou responsabilidade civil.

Décimo cuarto.-Funcións e tarefas na xestión da FCT.

Para o desenvolvemento efectivo do módulo de FCT deberán realizarse as seguintes funcións:

1. O/A director/a do centro educativo:

a) Acreditar ante a delegación provincial a existencia de convenios que garantan a realización da FCT dos alumnos matriculados nos ciclos formativos.

b) Asina-los convenios específicos de colaboración coas empresas e asumi-la responsabilidade da súa execución.

2. O coordinador de formación en centros de traballo: son as establecidas no artigo 80 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo.

Ademais elevará anualmente á dirección do centro unha memoria anual, segundo se establece no punto 43 da Orde do 1 de agosto de 1997 (DOG do 2 de setembro).

3.- As funcións e competencias do profesor-titor responsable da FCT son as establecidas no artigo 59.2, do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, xa citado, e na instrucción 63 da Orde do 1 de agosto de 1997 e ademais as seguintes:

a) Propoñer ó director do centro educativo e ó coordinador de formación en centros de traballo, empresas coas que procede contactar para o desenvolvemento da FCT.

b) Relacionarse, polo menos unha vez cada quince días, coa persoa responsable designada pola empresa para o seguimento do programa formativo, co fin de contribuír a que este programa se axuste á cualificación que se pretende.

c) Extraer datos e conclusións que realimenten as actividades, con especial atención a aqueles que suxiran a modificación da programación docente, do programa formativo ou que afecten a continuidade do convenio coa empresa, así como proporciona-los datos significativos que lle sexan requiridos, para a avaliación global do programa da FCT.

Décimo quinto.-A FCT en programas de garantía social.

O alumnado matriculado nas diferentes modalidades de programas de garantía social poderá realizar prácticas formativas en centros de traballo. A duración será a que se estableza na normativa reguladora destes programas.

En todo o referente á subscrición de convenios con empresas e outros aspectos da relación entre centros educativos e centros de traballo observarase o disposto na presente resolución, así como aquelas instruccións que se poidan dictar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os directores e directoras dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por tódolos membros da comunidade educativa.

Segunda.-Os delegados provinciais, a través do servicio da Inspección Educativa e dos directores e directoras dos centros educativos, garantirán o cumprimento do disposto nesta resolución e asesorarán os centros sobre o seu contido.

Terceira.-Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2000.

Mª Pilar del Mar Pérez Marsó

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

Delegados da Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria