Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 28 de xuño de 2000 Páx. 10.097

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2000 pola que se crea o rexistro auxiliar da Oficina de Xestión e Valorización de I+D e se modifica o Regulamento de rexistros da Universidade de Santiago de Compostela.

Por Resolución 14 de setembro de 1998 (DOG do 6 de outubro), aprobouse o Regulamento dos rexistros da Universidade de Santiago de Compostela no que se establecen os rexistros xerais e auxiliares da USC.

O traslado e reordenación dos servicios de investigación e transferencia tecnolóxica e a súa unificación e asentamento nun novo edificio no campus sur, afastado dos rexistros ordinarios e auxiliares xa creados, fai aconsellable o establecemento dun novo rexistro auxiliar no novo edificio do CACTUS.

Para estes efectos e de conformidade co artigo 38.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das AA.PP. e do procedemento administrativo común, créase un novo rexistro auxiliar na Oficina de Xestión e Valorización da I+D, mediante a modificación do artigo 16 da Resolución do 14 de setembro de 1998 (DOG do 6 de outubro).

Por todo o anterior, este rectorado

RESOLVE:

Primeiro.-Modifica-lo artigo 16 da Resolución do 14 de setembro de 1998 (DOG do 6 de outubro), do seguinte xeito:

Artigo 16º

Considéranse rexistros auxiliares da Universidade de Santiago de Compostela os seguintes:

-O da Oficina de Xestión de Valorización de I+D (OXVI), situado no edificio CACTUS no Campus Sur, Santiago de Compostela.

-O do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua, situado na Casa dos Catedráticos, Campus Sur, Santiago de Compostela.

-O do Servicio de PAS, situado no edificio da Balconada, Rúa Nova 6, Santiago de Compostela.

-O da Unidade de Xestión Académica do Campus Sur, situado no edificio do Pavillón Estudiantil.

-O da Unidade de Xestión Académica do Campus Norte, situado no Burgo das Nacións.

Polo contrario non se consideran rexistros auxiliares os rexistros das facultades, escolas, institutos e departamentos da USC, así como os dos colexios e residencias do sistema universitario de residencias, nos que só se poderán tramitar de entrada e de saída os documentos que expresamente se delimiten nos regulamentos de réxime interno e convocatorias específicas e de orde interna do propio centro e exclusivamente no ámbito das súas competencias.

Segundo.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2000.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela