Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 28 de xuño de 2000 Páx. 10.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do persoal de limpeza da empresa contratista deste servicio no centro residencial docente e o I.E.S.P. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo do persoal de limpeza da empresa contratista deste servicio no centro residencial docente e o I.E.S.P. de Ourense (código convenio nº 3200671), con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 28-4-2000, subscrito pola parte económica, por Ramón González Fontaiña, en representación da empresa Eurolimp, S.L., actual contratista del servicio de limpieza, e, da parte social por María José Lorenzo Pascual, delegada de persoal, o día 25-4-2000, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 18 de maio de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do persoal de limpeza

da empresa contratista deste servicio no centro

residencial docente e o I.E.S.P. de Ourense

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito persoal e territorial.

O presente convenio colectivo establece e regula as normas polas que se rexerán as relacións de carácter xurídico laboral entre a empresa contratista do servicio de limpeza e o persoal que, suxeito á lexislación laboral, preste os seus servicios baixo a súa dependencia no CRD e I.E.S.P. de Ourense.

Atópanse incluídos no ámbito de aplicación deste convenio tódolos/las traballadores/as dependentes desta empresa no servicio de limpeza do CRD e I.E.S.P. de Ourense, calquera que sexa a función que realizen e a categoría profesional que ocupen.

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia.

O presente convenio entrará en vigor o 1 de xullo do 2000 ata o 30 de xuño de 2001 e manterá a súa vixencia e prorrogarase ata a substitución por outro convenio tanto no contido normativo como obrigacional.

Non obstante, a denuncia do convenio non significará modificación ningunha do seu texto articulado que continuará vixente ata a súa substitución polo novo, nos termos que as partes establezan. Se se produce a denuncia escrita de calquera das partes dentro dos dous últimos meses de vixencia a comisión negociadora deberá reunirse dentro dos vinte días seguintes á denuncia sinalada anteriormente.

Capítulo II

Órgano de vixilancia

Artigo 3º.-Comisión paritaria de vixilancia, interpretación e desenvolvemento do convenio.

Para a interpretación e cumprimento do pactado no presente convenio e en xeral para cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria que estará integrada polo representante empresarial e o representante dos traballadores, todos eles de entre os integrantes da comisión negociadora do convenio.

As partes asinantes do presente convenio colectivo foron, Ramón González Fontaiña, en representación de Eurolimp, S.A. actual contratista do servicio de limpeza, pola parte empresarial, María José Lorenzo Pascual, delegada de persoal en representación dos traballadores e pola central sindical Comisións Obreiras (CC.OO.).

A comisión reunirase a pedimento dunha das partes e, con carácter extraordinario, cando as circunstancias así o fagan preciso.

A constitución da comisión paritaria realizarase no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación do convenio no BOP de Ourense. Os acordos tomaranse por unanimidade de entrámbalas dúas partes e serán recollidos en acta, dándoselle a debida publicidade nos taboleiros de anuncios do centro.

Capítulo III

Artigo 4º.-Estabilidade no emprego.

De conformidade co principio de estabilidade no emprego, os contratos de traballo abranguidos neste convenio entenderanse pactados por tempo indefinido, agás as excepcións legalmente establecidas.

Facilitaráselles ós delegados de persoal mensualmente o rexistro de persoal e razón de altas e baixas que houbera durante o período.

Artigo 5º.-Incompatibilidades.

De acordo cos principios para creación de emprego, o traballo fixo-descontinuo e de xornada completa neste centro será incompatible co traballo prestado a calquera outra empresa do sector. O incumprimento deste artigo será considerado falta moi grave para os traballadores/as suxeitos a este convenio, coas sancións que corresponda impoñer ás ditas faltas, e coa investigación correspondente no INSS.

Artigo 6º.-Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba, que en ningún caso poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados, nin de tres meses para os demais traballadores, excepto para os non cualificados; neste caso a duración máxima será de:

a) Para as categorías incluídas nos grupos I e II, 3 meses.

b) Para as categorías incluídas no grupo III, 2 meses.

c) Para as categorías incluídas no grupo IV e V, 1 mes.

Durante o período de proba o traballador terá os mesmos dereitos e obrigas que o persoal fixo da súa mesma categoría profesional, agás os derivados da resolución de relación laboral, que se poderá producir a petición de calquera das partes durante o seu transcurso. As situacións de ILT interrompen o período de proba.

A escisión durante este período non dará dereito a ningunha indemnización algunha.

Capítulo IV

Artigo 7º.-Relación de postos de traballo.

No artigo 20º do convenio figuran as categorías do persoal que integran cada grupo.

Artigo 8º.-Promoción e ascensos.

O persoal comprendido no presente convenio terá dereito, en igualdade de condicións, a cubri-las vacantes de categoría superior que se produzan no centro e de acordo co as seguintes normas:

As vacantes que se produzan serán cubertas por traballadores do servicio por un sistema de concurso-oposición convocado previamente xunto cunhas bases elaboradas pola empresa e os representantes dos traballadores. A igual puntuación e aptitude promocionará o de máis antigüidade no centro de traballo.

Do tribunal cualificador das probas terán que formar parte unha representación da empresa e o representante dos traballadores.

Capítulo V

Organización e dirección do traballo

Artigo 9º.-Traballos de superior e inferior categoría.

Amais do establecido no artigo 39 do Estatuto dos traballadores, teranse en conta os seguintes principios:

1. A realización de traballos de categoría superior ou inferior responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible.

2. A ocupación dun posto de traballo, en réxime de desempeño de funcións de categoría superior, non poderá exceder de seis meses consecutivos ou dez alternos. Transcorrido o período citado, e persistindo as mesmas circunstancias, o desempeño de funcións realizarase por rotación semestral, no suposto de existir máis dun traballador que reúna os requisitos e a capacidade necesarios da categoría que se vai cubrir, sempre que se desenvolvan as funcións adecuadamente, o límite de 6 meses consecutivos ou dez alternos non será aplicable cando non sexa posible a rotación por non existiren no centro de traballo outros traballadores que reúnan as condicións necesarias de acordo co disposto no presente punto.

A praza deixada vacante por este traballador ou polos seus substitutos cubrirase por contratación temporal.

3. A realización de funcións de categoría superior requirirá autorización expresa da empresa. Se a urxencia na cobertura da vacante non permite a autorización previa requirirase que, no prazo de quince días, a empresa ratifique o citado desempeño.

Da autorización ou ratificación daráselle conta ó delegado de persoal.

4. O simple desempeño dunha categoría superior non consolidará o salario nin á categoría superior. O único procedemento válido para consolidar unha categoría superior é o de superar o correspondente proceso selectivo nos termos regulados no capítulo IV do presente convenio.

5. O/a traballador/a só poderá realizar traballos da categoría inmediatamente inferior á súa durante un só período non superior a trinta días consecutivos, sen prexuízo do establecido no punto 2º do artigo 39 do Estatuto dos traballadores.

Transcorrido o período citado, o/a traballador/a non poderá volver a ocupar un posto de categoría inferior ata que transcorra 1 ano.

A empresa comunicaralle ó delegado de persoal tódalas modificacións que se produzan recollidas en cada un dos puntos anteriores.

Artigo 10º.-Organización do traballo.

Conforme a lexislación vixente, a organización do traballo é facultade da empresa exclusivamente, e a súa aplicación práctica correspóndelles ós seus representantes, sen prexuízo dos dereitos e facultade de audiencia e información recoñecidos ó persoal nos artigos 40, 41, 64.1º do Estatuto dos traballadores, así como o lexislado nesta materia na Lei orgánica de liberdade sindical (LOLS).

Capítulo VI

Xornada, horario de traballo, descanso e vacacións

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

a) Como regra xeral a xornada de presencia e traballo efectivo será de 37 horas e 30 minutos semanais, de luns a venres no centro de traballo, de forma continuada en termos xerais en quendas de mañá, tarde ou noite, agás naqueles centros que pola natureza das súas funcións se faga necesario a xornada partida; a xornada máxima anual será de 9 meses (fixos-descontinuos). Non terán natureza de horas extraordinarias aquelas que, excedendo das 37 horas 30 minutos semanais non superen os 9 meses anuais.

b) A dirección de cada centro, logo de autorización da consellería da que depende, a empresa, e os representantes dos traballadores poderán negociar un horario ou unha xornada distinta á expresada no punto anterior cando, polas súas peculiaridades específicas, así se considere necesario, respectándose, en todo caso, a capacidade organizadora que lle corresponde á empresa.

d) Tódolos/as que con xornada continuada estean afectados por este convenio terán acentuado dereito a unha pausa retribuída de 30 minutos durante a xornada de traballo, ou de 15 minutos, de realizaren a xornada partida.

Artigo 12º.-Descanso e festivos.

1. Descanso semanal: os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal de dous días ininterrompidos que, como regra xeral abrangerá o sábado e o domingo.

En todo caso, e sen prexuízo da xornada semanal pactada terase dereito a desfrutar, en semanas alternas, do descanso semanal en domingo e día laborable anterior.

O desfrute do descanso semanal é obrigatorio e non acumulable, agás naqueles casos nos que, a pedimento do/a traballador/a por causa xustificada se autorice a súa acumulación. A valoración destas situacións farase conxuntamente entre a empresa e o delegado/a de persoal sendo tamén informadas as seccións sindicais.

Dadas as especiais peculiaridades dalgúns centros respectarase a capacidade organizadora da consellería da que dependan garantindo, se é necesario, a presencia e a dotación de persoal que permita o normal funcionamento dos centros durante a xornada do sábado.

2. Domingos e festivos: un domingo ou festivo de traballo inhabilita, como mínimo, a traballa-lo festivo ou domingo seguinte, fixándose criterios de rotación para o persoal suxeito a estas circunstancias.

Para os servicios que haxa que prestar necesariamente en domingos e festivos establecerase un descanso adicional do 75% do tempo de prestación. Este descanso adicional será pactado de mutuo acordo entre ámbalas dúas partes.

3. Todo o persoal vinculado a este convenio desfrutará como descanso os días 24 e 31 de decembro e Sábado Santo; se por necesidades do servicio non se puideran desfrutar eses días, facilitarase un descanso equivalente no mes de xaneiro seguinte, cunha compensación adicional igual á que teñen os domingos e festivos.

Artigo 13º.-Vacacións.

Todo o persoal acollido a este convenio cun ano mínimo de servicios terá dereito a unhas vacacións retribuídas dun mes ininterrompido de duración.

De non levar un ano desfrutaranse as vacacións en proporción os días traballados a razón de dous días e medio por mes ou fracción de mes traballado.

En tódalas situacións de ILT ou baixa maternal que coincidan coas datas nas que deberan desfrutarse as vacacións, o desfrute posporase ás datas seguintes e inmediatas á situación de alta, agás que o período de baixa se iniciase con posterioridade ó principio do desfrute das vacacións.

De acordo co representante dos traballadores a empresa confeccionará un calendario de vacacións antes do 15 de novembro.

Naqueles centros que presenten características específicas tales como, residencia de estudiantes, ensino, etc., no suposto de ausencia masiva de asistidos ou de que non se realicen actividades propias neles, manteranse unicamente os servicios mínimos indispensables para a atención dos asistidos que permanezan neles e para o mantemento das instalacións do centro, quedando libre de servicio o resto do persoal.

A prestación dos ditos servicios mínimos distribuirase proporcionalmente entre os traballadores afectados.

Capítulo VII

Licencias e excedencias

Artigo 14º.-Licencias e permisos con soldo.

Todo o persoal vinculado a este convenio, logo de aviso e posterior xustificación (agás os asuntos propios) poderá desfrutar das seguintes licencias:

a) Por casamento, licencia retribuída de quince días naturais ininterrompidos.

b) Polo nacemento ou adopción dun/ha fillo/a e pola morte, enfermidade grave ou intervención cirúrxica do cónxuxe ou persoa que se atope ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co/coa beneficiario/a ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, dous días cando o suceso se produza na mesma localidade e catro días cando sexa en localidade distinta.

c) Poderá dispoñerse de nove días ó ano como máximo de permiso para asuntos persoais sen xustificación, atendendo sempre a necesidades do servicio, que deberá ser expresamente xustificada. Se os servicios prestados son inferiores ó ano natural, os días que se poden desfrutar serán en proporción ó tempo efectivamente traballado. Este permiso poderá desfrutarse ata o 30 de xuño.

d) Por traslado de domicilio sen cambio de residencia, un día; en caso de ter cambio de residencia, dous días.

e) Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais, durante os días da súa celebración.

f) Poderá concederse permiso polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

g) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos legalmente establecidos.

h) Por asistencia a consultorios médicos, con xustificación o tempo necesario.

Terán dereito a un día para asistencia ó especialista fóra da localidade; así mesmo, terán dereito a 3 horas retribuídas como máximo para asistir a consultorio médico con fillos menores de 12 anos ou minusválidos calquera que sexa a súa idade nun máximo de 3 veces ó mes.

i) Por asistencia a cursos de formación continua, terán dereito a que se lles reduza a súa xornada no número de horas precisas (se coincide a súa xornada laboral co horario do curso), sen mingua da súa remuneración.

Artigo 15º.-Licencias con soldo parcial e sen soldo.

1. Licencias con soldo parcial: quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos, un ancián ou un diminuído físico ou psíquico, que non desempeñen ningunha outra actividade retribuída, ou non perciban ingresos superiores ó salario mínimo interprofesional, terá dereito

a unha reducción da xornada total ordinaria dun máximo de 3 horas, sufrindo como mingua salarial o importe proporcional ó tempo de reducción. A solicitude deste permiso efectuarase con quince días de antelación ó seu desfrute.

2. Licencias sen soldo: os traballadores fixos que leven como mínimo un ano de servicio poderán pedir licencias sen soldo, por un prazo no inferior a quince días e non superior a seis meses, nun intervalo de tempo de dous anos.

O traballador solicitará a licencia con, polo menos, quince días de antelación á data do inicio do desfrute, a empresa contestará dentro deste prazo e de non facelo entenderase concedido o permiso.

Artigo 16º.-Licencias especiais e condicións de traballo nos supostos de maternidade e paternidade.

A traballadora xestante terá dereito a ocupar, durante o embarazo, un posto de traballo e/ou quenda distintos dos seus, sempre que, exista tal posto e quenda alternativos e sempre que, segundo prescrición dun facultativo do sistema da sanidade pública, o seu posto ou quenda resulten nocivos para a súa saúde ou a do feto. Este cambio de posto de traballo non suporá modificación da súa categoría, nin mingua dos seus dereitos económicos.

Finalizada a causa que motivou o cambio de posto de traballo, procederase á reincorporación ó seu destino orixinal.

A traballadora embarazada terá dereito a escolle-la data das súas vacacións regulamentarias.

O traballador/a cun fillo menor de 9 meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo. Este período de tempo poderá dividirse en dous fraccións ou substituír por unha reducción da xornada de 1 hora.

No non previsto neste punto rexerá o regulado na Lei de maternidade, adopción e paternidade.

Artigo 17º.-Suspensión durante o servicio militar.

Durante o tempo no que un traballador fixo estea prestando o servicio militar obrigatorio ou voluntario, ou servicio social substitutivo, o contrato quedará suspendido, con reserva do posto de traballo. O traballador deberá reincorporarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir da cesación do servicio.

O traballador en servicio militar ou servicio social substitutivo, e mentres dure este, percibirá o 50% do seu salario base se ten algún familiar ó seu cargo. Se non se dá esta circunstancia, percibirá soamente as pagas extraordinarias.

Estas percepcións serán incompatibles co cobramento dalgunha retribución salarial de índole castrense; tal concepto non abrange os chamados «haberes do soldado».

O tempo prestado no servicio militar obrigatorio ou prestación social substitutoria será computado para efectos de antigüidade.

Artigo 18º.-Excedencias.

1. Para o coidado de fillos/as menores de tres anos.

Tódolos traballadores fixos terán dereito a unha excedencia por tempo non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a, contados desde a data de nacemento deste/a.

Os fillos sucesivos darán lugar a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se viñese desfrutando.

Non será preciso que o traballador esgote o tempo de excedencia para reincorporarse cando, por motivos persoais acreditados, así o solicite.

Concederáselle este mesmo dereito ó traballador verbo dos/as fillos/as adoptivos/as.

Durante o desfrute da excedencia para o coidado dos fillos naturais e durante o primeiro ano para os adoptados, ó traballador reservaráselle o posto de traballo e quenda que viñera desempeñando con carácter definitivo.

Ó persoal que se atope nesta situación, computaráselle, para efectos da antigüidade, o primeiro ano de desfrute dela para os fillos adoptivos e a duración dela para os naturais.

2. Voluntaria.

a) Os traballadores fixos, cunha antigüidade mínima de dous anos na empresa ou centro de traballo deberán solicitar, cunha antelación mínima de 45 días, excedencia voluntaria por un período de tempo non inferior a un ano non superior a dez anos.

Unha vez solicitada resolverase o procedente e notificaráselle ó interesado con quince días de antelación á data de inicio proposta pola persoa interesada.

O traballador que solicite o seu reingreso, terá dereito a ocupa-la primeira vacante, con carácter provisional, que se produza no seu grupo e categoría, agás no caso de concorrer un excedente forzoso, que terá preferencia. Se a vacante fose de inferior categoría á que antes tiña, poderá optar a ela, á espera de que xurda a que corresponda á súa categoría.

O reingreso producirase por orde de antigüidade na solicitude.

Se o interesado non solicita o reingreso ou novo período de excedencia, que non supere en total 10 anos, polo menos 15 días antes de finaliza-lo prazo sinalado para a excedencia que desfruta, perderá o seu dereito ó posto de traballo. En todo caso, non se poderá solicitar nova excedencia voluntaria antes de transcorrido un ano.

b) Ós excedentes voluntarios e ós excedentes para coidado de fillos adoptivos que xa desfrutaran máis dun ano da dita excedencia concederáselle-lo ingreso ó servicio activo, de existiren vacantes, con carácter provisional, ata que obteñan destino con carácter definitivo a través do sistema de provisión de vacantes correspondente.

3. Forzosa.

A excedencia forzosa ó persoal fixo que dará dereito a conserva-lo posto de traballo, quenda e centro, e a que se compute a antigüidade durante a súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

O reingreso deberá efectuarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir da cesación no cargo. Para estes efectos, entenderase por cargo público a elección para deputado ou senador no Parlamento español, deputado de asembleas autonómicas, concelleiro dun concello ou o nomeamento para un cargo de carácter político dentro da Administración pública. Se non solicitan o reingreso no prazo citado serán declarados, de oficio, en excedencia voluntaria por interese particular.

A reincorporación producirase na mesma categoría profesional e quenda que tiña o traballador ó se inicia-la devandita excedencia, computándoselle o tempo transcorrido para efectos de antigüidade. Este reingreso terá carácter inmediato desde o momento no que se solicite e, en todo caso, un mes despois do cesamento no cargo.

Capítulo VIII

Condicións económicas

Artigo 19º.-Estructura do salario.

As retribucións do persoal acollido ó presente convenio, están constituídas polo salario base e os complementos salariais que a continuación se definen:

a) Salario base: é a parte de retribución do traballador/a fixada para a xornada ordinaria de traballo, en función da súa categoría profesional.

b) Complementos salariais:

1. Antigüidade: o complemento de antigüidade será o estipulado no convenio da Xunta de Galicia para tódolos traballadores, calquera que sexa a súa categoría profesional, que perfeccionen trienios naturais. O trienio cumprido terá efectos económicos desde o primeiro día do mes seguinte a aquel no que se perfeccione, excepto se se cumpre na primeira quincena do mes, xa que neste caso os seus efectos serían desde o primeiro día do mes de cumprimento.

Para o cómputo de trienios, estimaranse os servicios prestados en período de proba ou excedencia forzosa con cargo público. Así mesmo, estimaranse os servicios prestados durante o tempo de duración do servicio militar ou equivalente.

A remuneración por trienios dos traballadores a tempo parcial será proporcional á establecida para os traballadores fixos a xornada completa. O cómputo do tempo para a consolidación dos trienios determinarase como se fose contratado a tempo completo.

2. Complemento de convenio ó posto de traballo: é o complemento salarial que, na contía que para cada posto de traballo, se é o caso, figura na correspondente relación de postos de traballo, retribúe as

especiais dificultades materiais e técnicas que esixa o desempeño do posto de traballo e, entre outras, a especial dedicación, responsabilidade, dirección e/ou conducción de vehículos.

Soamente terán dereito á percepción deste complemento aqueles traballadores que efectivamente desempeñen o posto de traballo que o teña asignado na relación de postos de traballo.

3. Perigosidade, toxicidade e penosidade: estes complementos salariais de natureza funcional e ocasional só se derivarán das características especiais dun determinado posto de traballo, medidas obxectivamente. En consecuencia, terán necesariamente a súa causa no recoñecemento expreso da autoridade laboral competente, logo de informe do delegado/a ó vixilante de seguridade e hixiene no traballo.

A percepción simultánea destes complementos só será posible cando concorran causas diferentes que fundamenten a cada un deles logo de comprobación, medición e análise das condicións e efectos, obxectivamente determinados para cada posto concreto.

Artigo 20º.-Incremento salarial.

Equiparación total co persoal laboral da Xunta de Galicia en todo momento coa seguinte orde:

Limpadora grupo V-11.

Peón especialista grupo V-2.

Encargado grupo III-6.

De facerse os pagamentos mediante domiciliación bancaria o traballador/a terá o ingreso como máximo o día hábil posterior ó 30 de cada mes.

Artigo 21º.-Pagas extraordinarias e percepción de haberes.

a) Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio terá dereito a percibir dúas pagas extraordinarias que se aboarán os días 15 de xuño e decembro.

A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario base do convenio máis antigüidade, independentemente de ter estado en situación de ILT ou non.

b) As retribucións pagaranse mensualmente mediante nómina, na que se reflectirán con absoluta claridade tódolos aspectos retributivos, recollendo así mesmo tódolos conceptos polos cales se produzan descontos nos haberes dos traballadores/as.

O modelo de nómina será obrigatoriamente igual para tódolos traballadores incluídos no ámbito de aplicación deste convenio.

Artigo 22º.-Horas extraordinarias.

1. As horas extraordinarias son aquelas horas ou fraccións que excedan da xornada normal de traballo e teñan un carácter excepcional.

2. Tenderase a reducir ó mínimo imprescindible as horas extraordinarias que non se deban a imprevistos e teñan sempre un carácter excepcional. Como

norma xeral a realización de horas extraordinarias terá sempre un carácter voluntario.

O seu límite será de 80 en cómputo anual.

3. A dirección da empresa ou organismo informará mensualmente os delegados de persoal e delegados sindicais sobre o número de horas extraordinarias que se van realizar, especificando as causas, distribución, sesións e relacións nominal do persoal laboral que as realiza.

4. Sempre que a organización do traballo o permita, as horas extraordinarias compensaranse por tempo de descanso.

Para compensar por tempo de descanso as horas extraordinarias, computaranse cada unha destas por 1,45 horas de descanso en días laborables e 2.15 horas en domingo e festivos.

Poderanse acumular eses tempos de descanso ata constituíren xornadas completas, que nunca se poderán sumar ós períodos de vacacións e permisos ordinarios pactados no calendario laboral de cada centro.

Para efectos económicos, o valor da hora extraordinaria será o resultante de incrementar nun 75% o valor da hora ordinaria. O seu cálculo farase coa fórmula seguinte:

Hora extra=

S. bruto anual+antigüidadex 1,75

1.665 h (Nº h efectivas anuais)

Para as horas extraordinarias que se fagan en domingos ou festivos o coeficiente multiplicador será de 2,25.

5. No non previsto no presente artigo, rexerá o determinado no Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo.

Artigo 23º.-Incapacidade laboral transitoria.

En caso de baixa por ILT a empresa incrementará o subsidio económico da Seguridade Social ata acada-la contía do 100% do seu salario desde o primeiro día de baixa ata a súa finalización.

Nos centros de asistidos as situacións de incapacidade laboral transitoria derivadas de enfermidade común, enfermidade profesional, accidente de traballo, accidente non laboral ou maternidade, nas que a duración previsible sexa dun mes ou superior, cubriranse inmediatamente por contratos de interinidade, mentres dure esta situación.

Excepcionalmente e por necesidades do servicio, este límite poderá ser inferior.

A duración do contrato de interinidade virá determinada pola ausencia do substituído e aquela será idéntica a esta, cesando o substituto ó termina-la dita situación, sen dereito a indemnización ningunha.

Non obstante o anterior, o réxime será o seguinte:

a) Ausencias por enfermidade común ou accidente non laboral dun a tres días de duración, seguirase o seguinte procedemento:

1. Ausencias dun día: o persoal afectado comunicará a súa ausencia á unidade de persoal, órgano

ou persoa responsable, preferentemente dentro da primeira hora de xornada, salvo causas de forza maior que impidan a comunicación. De non producirse a comunicación ou xustificación pertinente, descontarase dos haberes o día faltado.

2. Ausencias de dous ou tres días: neste caso segundo o disposto no artigo 17 da Orde do 13-10-1967 (BOE do 4 de novembro), deberase presenta-lo parte médico no prazo de cinco días, contados a partir do seguinte ó da súa expedición.

De non entregarse tal parte, descontaranse dos haberes os días faltados. Poderase recorrer contra estas deduccións ante a xurisdicción laboral.

En ámbolos dous casos a empresa poderá practica-las inspeccións médicas oportunas, segundo o disposto no artigo 20 do Estatuto dos traballadores.

b) Ausencias por accidente de traballo, enfermidade profesional, maternidade, enfermidade común e accidente non laboral, de máis de tres días de duración.

Nestes casos o/a traballador/a percibirá o 100% do seu salario ordinario desde o primeiro día de baixa e ata o termo da ILT, sempre que se cumpran os requisitos esixidos no artigo 17 da Orde do 13-10-1967.

Capítulo IX

Beneficios sociais

Artigo 24º.-Formación e perfeccionamento profesional.

1. O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a ver facilitada a realización de estudios académicos ou profesionais, co obxecto de facilita-la asistencia a estes cursos ou actividades, o traballador/a terá dereito a que se lle reduza a xornada ordinaria de traballo no número de horas precisas para a asistencia a eles, sen mingua da súa remuneración.

Artigo 25º.-Orientación sobre planificación familiar e revisións médicas.

1. A empresa practicará os seguintes recoñecementos médicos:

a) Unha vez ó ano, a todo o persoal.

b) Periódicos e específicos, o persoal que pola súa actividade, se considere necesario.

c) A todo o persoal de novo ingreso, antes de incorporarse ó posto de traballo.

d) Revisión xinecolóxica voluntaria.

Coa fin de atende-lo cumprimento dos distintos epígrafes, a empresa porá os medios ou correrá co gasto necesario para facilitarlle ó traballador/a a súa asistencia ós centros de recoñecemento cando estean en localidade distinta a aquela onde o traballador presta os seus servicios.

2. Con carácter xeral, a empresa facilitará o acceso dos traballadores ós seguintes servicios:

a) Planificación familiar.

b) Consello xenético.

c) Consello prenatal.

Artigo 26º.-Xubilación e fomento do emprego.

1. Modalidades de xubilación:

a) Xubilación forzosa.

Coa fin de contribuír á realización dunha política de promoción de emprego, a xubilación para o persoal laboral fixo do centro, terá carácter de forzosa o cumpri-lo traballador/a a idade de 65 anos e medio (podendo elixi-lo traballador a xubilación desde os 65 anos).

Aqueles/as traballadores/as que, ó chegaren a esta idade, non teñan cumprido o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causar dereito á referida prestación, poderán continuar prestando servicios ata cumpriren o citado período de cotización, momento no que causará baixa de xeito inmediato.

b) Xubilación especial.

De conformidade co Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo (BOE do 20 de xullo), para o caso de que os traballadores/as con 64 anos se queiran acoller á xubilación co 100% dos dereitos, a empresa substituirá o que se xubile deste xeito por calquera traballador que se atope inscrito como desempregado na correspondente oficina de emprego e nas listas, que se é o caso, se elaboren, mediante un contrato da mesma natureza cá do extinguido.

No caso de que a contratación se decida con carácter indefinido, deberá levarse a cabo de conformidade co regulado no capítulo IV do presente convenio.

c) Xubilación voluntaria.

O persoal poderá xubilarse voluntariamente de acordo cos requisitos establecidos no réxime da Seguridade Social ó que perteneza.

2. No momento da xubilación, o persoal suxeito a este convenio percibirá unha gratificación consistente en 3 mensualidades de salario real, independentemente da súa xornada laboral anual.

Artigo 27º.-Política de axuda a diminuídos físicos e psíquicos.

Todo traballador que teña baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas, consorte, fillos e ascendentes de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais recoñecidos como tales polos órganos competentes na materia e sempre que os ingresos do diminuído non superen o salario mínimo interprofesional en cómputo anual, percibirá unha axuda de 18.000 pesetas mensuais.

Artigo 28º.-Indemnización por invalidez e morte por accidente de traballo ou enfermidade profesional.

Ámbalas dúas partes acordan que, se non estivera xa asumido, se xestione un seguro que ampare a invalidez ou morte do traballador/a, por accidente de traballo ou enfermidade profesional, e a responsabilidade civil, percibindo os seus beneficiarios unha cantidade non inferior a 4.000.000 de pesetas.

Artigo 29º.-Fondo de axuda para anticipos.

O persoal acollido a este convenio, dentro das previsións presupuestarias, poderá solicitar anticipos por importe de 2 mensualidades dos seus haberes líquidos, que se devolverán nun prazo de 14 meses como máximo.

Artigo 30º.-Complemento das pensións de viuvez e orfandade.

A morte do traballador/a que prestase os seus servicios na empresa no momento do seu falecemento, ou se atopase nalgún dos supostos de suspensión do contrato de traballo recollidos no artigo 45 do Estatuto dos traballadores e posúa o período de carencia esixido polas disposicións vixentes, poderá dar lugar ó recoñecemento dos seguintes complementos:

1. Complemento de garantía de salario real

Serán beneficiarios deste complemento os viúvos/as ou persoa que se atopase ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co/coa causante, con fillos a cargo menores de 18 anos de idade ou a que fixe a normativa vixente da Seguridade Social ou orfos absolutos, sempre que non posúan ingresos, de calquera tipo, superiores ó salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

A contía será igual á diferencia entre o salario bruto, percibido como media nos 12 meses anteriores ó mes do feito causante e a suma das pensións de viuvez e orfandade xeradas polo traballador/a a consecuencia do falecemento.

Este complemento será fixo no tempo ata o momento da súa extinción, que terá lugar como consecuencia das seguintes causas:

-Cumprimento da maioría de idade dos fillos ó seu cargo ou a idade que fixe a normativa específica da Seguridade Social.

-Percepción por parte do viúvo ou persoa que se atopase ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co/coa causante e os fillos a cargo, de ingresos superiores ó salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

-As causas xerais de extinción das pensións de viuvez e orfandade recollidas na lexislación da Seguridade Social.

Se a morte se produce por accidente de traballo ou enfermidade profesional contraída durante o seu servicio á empresa non se esixirá antigüidade nin

gunha para o cobramento dos complementos citados, percibindo os beneficiarios o salario bruto, sempre que non existan outros ingresos superiores ó salario mínimo vixente en cada momento, e coas mesmas causas de extinción que as establecidas no parágrafo anterior.

2. Complemento de garantía do salario mínimo interprofesional.

Nas situacións non recollidas no punto 1, garantirase en todo caso un complemento, sobre a pensión que asigne a Seguridade Social, que iguale en cada momento o salario mínimo interprofesional.

Naqueles supostos en que o/a traballador/a tivese unha xornada reducida, este complemento reducirase en proporción á xornada realizada.

Estes complementos concederanse con efectos desde a data na que a Seguridade Social recoñeza as pensións.

O beneficiario virá obrigado a comunicar calquera cambio das circunstancias de carácter familiar ou económicas das que dan lugar ó recoñecemento do complemento.

Capítulo X

Seguridade e hixiene

Artigo 31º.-Seguridade e hixiene.

O persoal acollido a este convenio ten dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e a unha adecuada política de seguridade e hixiene no traballo. Ten, así mesmo, o dereito a participar na formulación da política de prevención no traballo e no control das medidas adoptadas no desenvolvemento daquela a través dos seus representantes legais.

A empresa está obrigada a promover, formular e poñer en aplicación unha adecuada política de seguridade e hixiene no traballo así como facilita-la participación do persoal nela.

Así mesmo, debe garantir unha formación práctica e adecuada nestas materias, cando se contrate persoal ou cando se troque de posto de traballo ou se teñan que aplicar novas técnicas, equipos ou materiais que poidan ocasionar riscos para o/a traballador/a para os/as seus compañeiros/as ou a terceiros.

Artigo 32º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitará roupa de traballo o 1 de outubro e o 15 de febreiro e calzado profesional homologados o 1 de outubro, 1 de xaneiro e o 1 de abril a todo o persoal ó seu servicio. Os cristaleiros serán provistos de roupa de auga.

No caso de decidirse pola entrega en efectivo, no lugar de calzado, a cantidade no curso será a de 1.500 ptas. trimestrais máis a suba do convenio.

A especificación convencional deberán acordala a representación do persoal e a representación da

empresa. O material e útiles de traballo seranlle entregados os traballadores cando o precisen.

O persoal terá que devolve-la roupa e utensilios usados no momento no que se produza a substitución.

Artigo 33º.-Servicio e traballo.

O persoal acollido a este convenio non poderá realizar obras por un tanto, nin traballo axustado, durante a súa xornada laboral.

En ningún caso se poderá obrigar ó persoal que, polo específico do seu labor, desenvolva o seu traballo ó descuberto a realiza-las súas funcións cando a situación climática ou as condicións do terreo supoñan penosidade visible para o propio traballador/a. Nestes casos, paralizarase o traballo e empregarase ós referidos traballadores en labores propios do seu posto de traballo que se poidan realizar baixo cuberto.

O anterior non será de aplicación naqueles casos en que a actividade estea causada ou motivada polas citadas condicións climáticas, salvo sempre o cumprimento das medidas legais sobre seguridade e hixiene.

O representante dos traballadores e a dirección do persoal deberán velar polo dereito á intimidade, pola liberdade dos traballadores, e pola erradicación das conductas de acoso sexual, procurando silencia-la súa identidade.

Capítulo XI

Dereitos sindicais

Artigo 34º.-Delegados de persoal.

Os delegados de persoal, sen prexuízo das competencias, funcións e dereitos en xeral recoñecidos polas disposicións legais, terán os seguintes dereitos específicos:

1. Os delegados/as de persoal disporán, logo de aviso sempre que sexa posible, con 24 horas á empresa, de tempo retribuído para realizar xestións conducentes á defensa dos intereses do persoal. As horas mensuais necesarias para cubrir esta finalidade fíxanse en 35 horas.

2. Os delegados/as de persoal poderán ser substituídos durante as súas horas sindicais, mediante previo aviso con 24 horas de antelación, se ten carácter ordinario, e sen previo aviso, se ten carácter de urxencia.

De non realizarse a substitución, en ningún caso quedará limitado o dereito dos representantes do persoal a realizaren as súas actividades sindicais.

3. Coñecer e consulta-lo rexistro de accidentes de traballo e as súas causas. Terán acceso ó cadro horario, do que recibirán unha copia. Tamén accederán ós modelos TC-1 e TC-2 das cotizacións a Seguridade Social, ó calendario laboral, ó orzamento da empresa, a un exemplar da memoria anual da empresa e a calquera outro documento relacionado coas condicións de traballo que afecten ó persoal.

4. Facilitaránselle-los taboleiros de anuncios necesarios para que, baixo a súa responsabilidade, coloquen tódolos avisos e comunicacións que deban efectuar e consideren pertinentes, sen máis limitacións cás expresamente sinaladas pola lei. Os ditos taboleiros instalaranse en lugares claramente visibles para permitir que a información chegue ó persoal.

5. Porase á súa disposición un local adecuado, provisto de teléfono e do correspondente mobiliario para que poidan desenvolvelas súas actividades sindicais e comunicarse cos seus representados/as facilitándose o material de oficina preciso.

6. Poderán utilizar fotocopiadoras, multicopistas e demais aparellos de reprografía para uso da súa administración interna.

7. Os delegados de persoal recibirán puntualmente por conta da empresa un exemplar do Diario Oficial de Galicia, coa frecuencia das súas aparicións.

8. O delegado/a de persoal terá ademais das garantías recollidas no presente convenio, as establecidas nas letras A, B, e C do artigo 68 do Estatuto dos traballadores, desde o momento da súa proclamación como candidatos e ata dous anos despois do cesamento no seu cargo.

9. Realización de asembleas:

a) O delegado/a de persoal disporá dun mínimo de 20 horas anuais para este fin. As asembleas convocadas e cunha duración mínima de media hora, antes do inicio ou do final da xornada, non serán computadas, se ben, con este carácter só poderán convocarse como máximo dúas asembleas mensuais. Para tal fin, a empresa facilitará os locais adecuados en cada centro de traballo.

Os convocantes garantirán en todo momento a prestación dos servicios por realizar durante as asembleas, así como a orde destas.

En ámbolos dous supostos, o previo aviso, con antelación de 24 horas, que se deberá facer perante a dirección da empresa, deberá ir acompañado da orde do día que se vai tratar na reunión.

b) A empresa aboará os gastos de desprazamento ou as indemnizacións dos delegado/a de persoal pola súas reunións periódicas, así como por aquelas que sexan convocadas pola empresa.

Artigo 35º.-Das seccións sindicais, dos delegados/as sindicais e dos afiliados/as.

1. Sen prexuízo do disposto na Lei 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, as seccións sindicais que tivesen no centro máis dun 10% de afiliados terán dereito a: de 1 a 100 traballadores 1 delegado/a sindical, que terá o mesmo crédito horario que o delegado/a de persoal e a realización de asembleas queda establecida fóra e dentro da xornada de traballo nos mesmos termos.

Posuirán as mesmas garantías e dereitos que a lei e o convenio colectivo lles recoñece ós dele

gados/as de persoal, pero en representación dos seus afiliados.

As seccións sindicais poderán utiliza-lo mesmo local do que, se é o caso, dispoña o delegado de persoal, facilitándoselle-lo desenvolvemento da súa actividade representativa.

O representante dunha sección sindical terá a representación de tódolos afiliados/as da súa sección sindical en tódalas xestións necesarias perante a empresa e serán oídos por esta no tratamento daqueles problemas de carácter colectivo que afecten o persoal, en xeral, e os afiliados/as do seu sindicato en particular.

Serán informados e oídos pola empresa con carácter previo igual que os delegados de persoal nos seguintes casos:

-Acerca de despedimentos e sancións que afecten os afiliados/as ó sindicato.

-En materia de reestructuración do cadro de persoal, regulacións de emprego, traslado de traballadores, cando revistan carácter colectivo ou individual, ou do centro de traballo en xeral, e sobre calquera proxecto ou acción administrativa que poida afecta-lo persoal.

-Sobre a implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo.

2. Terán acceso á mesma información e documentación que a empresa deba poñer á disposición do comité de empresa, de acordo co regulado a través da lei, estando obrigados a gardar sixilo profesional nas materias en que legalmente proceda.

3. Dos afiliados/as.

Os afiliados/as a unha sección sindical terán os seguintes dereitos:

a) A obteren permisos sen soldos durante o tempo en que pasen a ocupar postos de responsabilidade sindical con plena dedicación en ámbito superior ó centro de traballo. Este permiso terá unha duración mínima de seis meses e, ó rematar, o traballador/a será reincorporado na mesma quenda e condicións de traballo.

b) Un 10 por 100 dos afiliados/as a unha destas seccións sindicais terán dereito a permisos sen retribucións cando se cumpran os seguintes requisitos:

-Que exista a comunicación previa por parte da comisión executiva do respectivo sindicato, cursada coa necesaria antelación.

-Que non superen os 20 días ó ano por afiliado/a, nin os 200 anuais para o conxunto do 10 por 100 de afiliados/as de cada sección sindical.

c) A que se lle desconte na súa nómina o importe da cota sindical que corresponda, coa previa conformidade do afiliado/a. A empresa transferirá as cantidades retidas á conta bancaria que designe cada sindicato, facilitándolle mensualmente á correspondente sección sindical a relación nominal das retencións realizadas.

Capítulo XII

Réxime disciplinario

Artigo 36º.-Réxime disciplinario.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respeto ou a intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores/as, conductas de acoso sexual, verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito.

A dirección de persoal da empresa e o representante dos traballadores velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a procurando silencia-la súa identidade.

Artigo 37º.-Faltas e sancións.

1. A imposición de sancións por faltas graves e moi graves, agás as derivadas de falta de asistencia e puntualidade, requirirá a realización dun expediente disciplinario, no que o procedemento, a tramitación e os termos son os seguintes:

1.a. Cando a empresa coñeza da comisión de feitos presuntamente constitutivos de falta grave ou moi grave, acordarase a incoación, se é o caso, de expediente disciplinario pola autoridade que normativamente en cada momento teña asignada tal competencia. O dito acto, que se lle deberá comunicar por escrito ó delegado/a de persoal e mais ó interesado interromperá os prazos legais de prescrición de faltas e infraccións.

1.b. No propio acto de incoacción de expediente acordarase o nomeamento e designación de instructor do procedemento, quen ordenará a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación e comprobación dos feitos e, en particular, de cantas probas poidan conducir ó seu esclarecemento e á determinación das responsabilidades susceptibles de sanción.

O instructor, como primeiras actuacións procederá a recibir declaración do presunto inculpado e a avaliar cantas dilixencias se deduzan da comunicación ou denuncia que motivou a incoación do expediente e do que aquel alegou na súa declaración.

Tódolos organismos e dependencias da empresa están obrigados a facilitarlle os antecedentes e informes necesarios, así como os medios persoais e materiais que precise para o desenvolvemento da súa actuación.

1.c. Nun prazo non superior a un mes desde o inicio do expediente, o instructor proporalle á autoridade competente o arquivo das actuacións, ou procederá á elaboración dun prego de cargos, que lle será notificado segundo o caso, ó interesado e ó delegado de persoal do centro.

O prego de cargos incluirá os feitos imputados con expresión, se é o caso, da falta presuntamente cometida e das sancións que poidan ser de aplicación. O instructor poderá, por causas xustificadas, solicita-la a ampliación do prazo referido.

1.d. O prego de cargos notificaráselle ó inculpado e concederáselle un prazo de 10 días para que poida contestalo coas alegacións que considere convenientes para a súa defensa achegando, así mesmo, cantos documentos considere de interese. Neste trámite deberá solicitar, se o considera conveniente, a práctica das probas que para a súa defensa crea necesarias.

1.e. Contestado o prego ou trascorrido o prazo sen facelo, o instructor poderá acorda-la práctica das probas solicitadas que xulge oportunas, así como a de todas aquelas que considere pertinentes. Para a práctica das probas disporase do prazo de 1 mes.

O instructor poderá denega-la admisión e a práctica das probas para investigar cuestións que considere innecesarias, debendo motiva-la denegación, sen que contra esta resolución caiba recurso do inculpado.

Os feitos relevantes para a resolución do procedemento poderán acreditarse por calquera medio de proba admisible en dereito.

1.f. Cumpridas as dilixencias previstas neste artigo daráselle vista do expediente ó inculpado con carácter inmediato para que no prazo de 10 días alegue o que vexa pertinente para a súa defensa e achegue cantos documentos considere de interese. Facilitaráselle unha copia completa do expediente ó inculpado cando este así o solicite.

1.g. O instructor formulará dentro dos 10 días seguintes a proposta de resolución da que se lle dará traslado ó delegado/a de persoal, así como ó interesado, na que fixará con precisión os feitos probados, motivando, se é o caso, a denegación das probas propostas polo inculpado, e fará a valoración xurídica dos feitos, determinando, se procede, a falta cometida, a responsabilidade do traballador e a sanción que xulgue procedente impoñer.

A proposta de resolución notificaráselle ó interesado, para que no prazo de 10 días poida alegar ante o instructor todo canto considere pertinente para a súa defensa.

Oído o inculpado ou transcorrido o prazo sen que haxa ningunha alegación, remitiráselle con carácter inmediato o expediente completo ó órgano que acordou a incoación do procedemento, o cal llo remitirá ó órgano competente para que proceda a dicta-la resolución que corresponda ou, se é o caso, ordenaralle ó instructor a práctica das dilixencias que considere necesarias.

Desta resolución daráselle conta ó interesado e ó delegado/a de persoal.

1.h. Da proposta de resolución e sanción, se procede, daráselle traslado á comisión paritaria do convenio, para simples efectos estatísticos e de información.

1.i. A omisión do procedemento aquí descrito determinará a nulidade do expediente, cando produza indefensión do interesado.

2. A sanción de faltas que non precisen a incoación de expediente disciplinario comunicaráselle ó delegado/a de persoal, con 3 días hábiles de antelación á súa notificación ó interesado.

3. As infraccións ou faltas cometidas polos traballadores, derivadas de incumprimentos contractuais, poderán ser leves, graves ou moi graves.

3.a. Faltas leves:

3.a.1. A incorrección cos superiores xerárquicos, cos compañeiros/as e co público en xeral.

3.a.2. A neglixencia e o descoido no cumprimento do traballo.

3.a.3. A presentación extemporánea de partes de baixa ou de confirmación, en tempo superior a 2 días, desde a data da súa expedición regular, a non ser que por causa de forza maior se probe a imposibilidade de facelo.

3.a.4. De tres a cinco faltas de puntualidade ó mes, respectándose ó réxime existente para efectos de cómputo en cada centro de traballo. Non obstante as faltas de puntualidade poderán supoñe-la deducción proporcional de retribucións.

3.a.5. A neglixencia no coidado e na conservación dos materiais e utensilios de traballo, do mobiliario e dos locais onde se presten os servicios.

3.a.6. A falta de asistencia inxustificada durante un día ó mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

3.a.7. O incumprimento dos deberes e obrigas do traballador, sempre que non deban ser cualificados como falta moi grave ou grave.

3.b. Faltas graves:

3.b.1. A indisciplina ou a desobediencia relacionada co seu traballo, e o incumprimento dos deberes previstos nas letras a), b), e c) do artigo do Estatuto dos traballadores.

3.b.2. A desconsideración co público, compañeiros e subordinados no desempeño das tarefas encomendadas, sempre que non sexa falta leve así como a grave falta de consideración cos administrados ou o abuso da autoridade no exercicio do cargo.

3.b.3. A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada durante dous ou tres días ó mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

3.b.4. A presentación extemporánea dos partes de confirmación de baixa, en tempo superior a sete días, desde a data da súa expedición regular, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

3.b.5. O abandono do traballo sen causa xustificada por tempo superior a dous días nun mes.

3.b.6. A simulación de enfermidade ou accidente que supoñan a incapacidade laboral transitoria por tempo inferior a tres días. Entenderase, en todo caso, que existe falta cando o traballador declarado de baixa por un dos motivos indicados realiza traballos de calquera clase por conta propia ou allea. Así mesmo, entenderase incluída neste punto toda acción ou omisión do traballador realizada para prolonga-la baixa por enfermidade ou accidente.

3.b.7. A colaboración ou o encubrimento de faltas doutros traballadores/as, en relación cos seus deberes de puntualidade, asistencia e utilización dos mecanismos de control.

3.b.8. Máis de cinco faltas de puntualidade nun mes, respectándose o réxime existente para efectos de cómputo en cada centro de traballo.

3.b.9. A reiteración na comisión de faltas leves, agás as de puntualidade inferiores a cinco faltas leves, nun prazo de seis meses, aínda, que sexan de distinta natureza, todo isto dentro dun mesmo trimestre e aínda que fosen sancionadas.

3.b.10. A diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado.

3.b.11. As conductas constitutivas de delicto doloso relacionadas co servicio ou que lles causen dano a empresa ou traballadores.

3.b.12. Causar danos graves nos locais, no material ou nos documentos dos servicios.

3.b.13. O incumprimento dos prazos ou outras disposicións de procedemento en materia de incompatibilidades cando non supoñan mantemento dalgunha situación de incompatibilidade.

3.b.14. A grave perturbación do servicio.

3.b.15. Actos que atenten contra a dignidade dos traballadores.

3.b.16. As accións ou omisións dirixidas a evadi-los sistemas de control de horarios ou a impedir que sexan detectados os incumprimentos inxustificados das xornadas de traballo.

3.c. Faltas moi graves:

3.c.1. O incumprimento de deber de fidelidade á Constitución e ó Estatuto de autonomía.

3.c.2. Toda actuación que supoña discriminación por razón de raza, sexo, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento, veciñanza ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

3.c.3. O abandono do servicio.

3.c.4. Adopción de acordos manifestamente ilegais que lle causen prexuízo grave á empresa.

3.c.5. A publicación ou utilización indebida de segredos empresariais.

3.c.6. A obstaculización do exercicio das liberdades públicas e dereitos sindicais.

3.c.7. A participación en folgas ilegais.

3.c.8. Os incumprimentos das obrigas de atende-los servicios esenciais en caso de folga.

3.c.9. Os actos limitativos da libre expresión de pensamento, ideas e opinións.

3.c.10. Ter sido sancionado pola comisión de tres faltas graves nun período dun ano.

3.c.11. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións e no desempeño das funcións encomendadas.

3.c.12. Máis de tres faltas ó mes de asistencia non xustificadas, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

3.c.13. A indisciplina e a desobediencia de carácter grave.

3.c.14. Os malos tratos de palabra ou obra cos traballadores/as de palabra ou obra de superior e inferior categoría, compañeiros/as e público.

3.c.15. O fustigamento sexual, máxime cando se acompañe de abuso de autoridade ó ser efectuado por un/unha superior/a contra un/unha subordinado/a.

3.c.16. O incumprimento ou abandono das normas e medidas de seguridade e hixiene no traballo, cando deles se deriven graves riscos ou danos para o propio traballador/a e/ou terceiros.

3.c.17. A simulación de enfermidade ou accidente que supoñan unha incapacidade ou baixa por un tempo de tres ou máis días. Entenderase, en todo caso, que existe falta moi grave cando o traballador/a declarado en baixa por un dos motivos indicados realiza traballos de calquera clase por conta propia ou allea. Así mesmo, entenderase incluída neste punto toda acción ou omisión do traballo realizada para prolonga-la baixa por enfermidade ou accidente.

3.c.18. A reiteración na comisión de faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun mesmo trimestre agás as de puntualidade.

3.c.19. O exercicio de actividades privadas ou públicas sen solicitar e obter autorización de compatibilidade do órgano competente para iso.

4. As sancións que poderán impoñerse, en función da cualificación das faltas, serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal ou por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo ata por dous días.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dous a quince días.

-Suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas ou concurso de ascenso por un período dun ano.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dezaseis días a seis meses.

-Inhabilitación para o ascenso por un período de ata un máximo de dous anos.

-Traslado forzoso sen indemnización.

-Despedimento.

5. Os xefes ou superiores que toleren ou encubran as faltas dos seus subordinados incorrerán en responsabilidade e sufrirán a corrección ou sanción que se considere procedente, tendo en conta a que se lle impoña ó autor e a intencionalidade, perturbación para o servicio, atentado á dignidade da empresa e reiteración ou reincidencia da dita tolerancia ou encubrimento.

6. Non se considerará falta de ningún tipo a negativa a realizar traballos de categoría distinta á específica de cada traballador, salvo cando medien circunstancias de excepcional necesidade.

Todo traballador/a poderá dar conta por escrito, a través do seus representantes dos actos que supoñan falta de respecto á súa intimidade ou á consideración debida á súa dignidade humana ou laboral. A empresa, a través do órgano directivo ó que que estea adscrito o interesado, abrirá a oportuna información e instruirá, se é o caso, o expediente disciplinario que proceda.

O aquí exposto tamén será de aplicación cando se lesionen dereitos dos traballadores/as recoñecidos neste convenio e na normativa vixente, e se deriven prexuízos notorios de orde material para eles.

7. As faltas leves prescribirán ós dez días; as faltas graves ós vinte días, e as moi graves, ós sesenta días, a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión, e en todo caso, ós seis meses de cometerse. Os ditos prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente instruído.

8. A cancelación do expediente de faltas e sancións producirase ós tres meses para as faltas leves, ó ano, para as graves, e ós dous anos para as moi graves.

Artigo 38º.-Lexislación subsidiaria.

Tódalas melloras a este convenio e os artigos non asumidos nel pero incluídos no convenio do persoal laboral da Xunta de Galicia pasarán en todo momento a formar parte deste convenio, empregándose como dereito supletorio conxuntamente co disposto no Estatuto dos traballadores e nas demais disposicións de xeral aplicación.

Disposición transitoria

O persoal fixo que á entrada en vigor do presente convenio se atope en excedencia voluntaria e non poida reingresar ó servicio activo por non existir posto de traballo reservado á súa categoría de pertenza poderá:

-Solicita-lo reingreso provisional, de cumprir tódolos requisitos, a postos de traballo reservados a outras categorías do mesmo ou inferiores grupos ó da súa.

Disposicións adicionais

Primeira.-A subrogación rexerase en todo momento polo convenio provincial de limpeza de edificios e locais vixente en cada momento. A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento ás partes que vincula; en calquera caso o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores/as só se extingue no momento no que se produza o dereito a subrogación del á nova adxudicataria.

Segunda.-Os acordos contidos neste convenio único forman un todo orgánico no seu conxunto e, polo tanto tódalas condicións que se establezan nel, sexan ou non de natureza salarial, son compensables e absorbibles no seu conxunto coas melloras de calquera tipo que viñese anteriormente satisfacendo a empresa ou anterior empresa, ben por norma legal, convenio colectivo, contrato individual, uso ou costume, concesión voluntaria da empresa ou por calquera outra causa.

Terceira.-A contía das pagas extraordinarias e o desfrute das vacacións anuais (independentemente de que estivesen ou non en situacións de ILT) será proporcional ó tempo traballado durante o ano; para estes efectos as fraccións de mes computaranse como mensualidade completa. Con tal fin, a mensualidade computarase como de trinta días naturais.

Cuarta.-Cando existan causas excepcionais debidamente xustificadas e non abrangidas nos artigos deste convenio poderase solicitar un permiso retribuído, polo tempo indipensable para atender tales necesidades.

Así mesmo, pódese contempla-la posibilidade de solicitar un período de licencia con carácter especial e sen soldo, por un tempo máximo dun ano e reincorporación automática para aqueles traballadores para os que, polas súas especiais características e funcións de atención directa a asistidos, así se considere aconsellable.

A anterior licencia esixe como requisito previo acredita-la antigüidade dun ano no posto de traballo, e non poderá ser solicitada de novo ata que transcorra un período mínimo de dous anos.

Quinta.-Principio de igualdade de oportunidades de trato.

Os traballadores/as afectados polo presente convenio non poderán ser obxecto de decisións e condicións ou calquera clase de medidas, que comporten

directa ou indirectamente un trato discriminatorio en función do sexo en canto ó acceso, promoción e conservación do posto de traballo.

En consonancia coas disposicións vixentes de carácter nacional e internacional en materia de igualdade de oportunidades no ámbito laboral, vixiarase e asegurarase unha igual prestación económica por un traballo de igual valor, así como o acceso á promoción e á formación profesional sen limitacións ou condicionamentos por razón de sexo.

Sexta.-O disposto no presente convenio poderá alterarse ou modificarse pola aplicación de pactos que poidan subscribirse entre a empresa e as organizacións sindicais cando no contido destes se faga referencia ó persoal suxeito ó dito convenio de acordo coa representación dos traballadores/as.

Sétima.-No caso de chegar a prorrogar este convenio, e mentres non se substitúa por outro, os traballadores acollidos a el rexeranse, tanto nos aspectos sociais como económicos, en todo momento polos recollidos no convenio do persoal laboral da Xunta de Galicia vixente en cada momento. A excepción da disposición adicional primeira (subrogación) que se rexerá polo convenio provincial de limpeza de edificios e locais de Ourense, tamén vixente en cada momento, e polo convenio prorrogado.

Oitava.-Calquera empresa que teña o servicio de limpeza do CRD e IESP de Ourense non poderá contratar a través das empresas de traballo temporal (ETT) tanto para substitucións como para calquera novo posto de traballo.

Cláusula de submisión ó AGA.

Ante a importancia que poida ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo AGA asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG as partes asinantes deste convenio durante a vixencia del acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formuladas.