Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 26 de xuño de 2000 Páx. 9.934

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se lle dá publicidade ó laudo arbitral dictado ó abeiro do previsto no capítulo IV do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo -AGA-, para a fixación dos servicios de mantemento que hai que garantir durante a folga convocada na empresa Urbaser, S.A. concesionaria do servicio de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos do Concello de Ferrol.

Visto o texto do laudo arbitral do 10 de abril de 2000 dictado ó abeiro do establecido no capítulo IV do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo-AGA- para a fixación dos servicios de mantemento que hai que garantir durante a folga convocada na empresa Urbaser concesionaria do servicio de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos do Concello de Ferrol, presentado nesta delegación provincial con data 9-5-2000, e en cumprimento do artigo 2 f) e 6 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo en relación co artigo 90.2º do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro: ordena-la súa inscrición do citado laudo arbitral no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial.

Segundo: ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Tereceiro: dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 15 de maio de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Expediente AGA 3/2000.

Laudo arbitral

Julio Portela Ceballos, nomeado árbitro en acta de sometemento a arbitraxe para a fixación dos servicios de mantemento, en data do 7 de abril de 2000, pola partes do procedemento de solución de conflictos consonte o establecido no capítulo IV do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), procedemento número de referencia 3/2000, no que son partes interesadas, dunha banda, a representacións dos traballadores, conformada polo Comi-

té de Folga e doutra, a representación da empresa Urbaser, S.A. (sita na estrada de Catabois s/n, Teixoeiras, Ferrol), concesionaria do servicio de limpeza viaria e recollida de residuos sólidos do Concello de Ferrol.

Tendo ámbalas dúas partes lexitimación suficiente, resolvo a cuestión suscitada visto o expediente e oídas estas por medio do presente laudo.

Antecedentes.

O día 5 de abril dos correntes, segundo documentación que consta en poder deste árbitro subscribe, xúntanse, por unha banda, o comité de folga, constituido por Eugenio Rivera Gómez; Vicente Bañobre Bermúdez; Matías Cruz Usero; Ana María López Losada e como asesores deste comité, Xesús Anxo López Pintos, José González Lage e Juan Francisco Pérez Blanco; por outra banda, e en representación da empresa Urbaser, S.A., José Luis García López e José Alberto Pérez Aguilera.

O obxectivo desta reunión é proceder á fixación dos servicios de mantemento que deben establecerse no discorrer da folga convocada polos traballadores da empresa, que afectará a totalidade do cadro de persoal e que será efectiva a partir do día 10 de abril dos correntes, ás 23 horas e que ten o carácter de indefinida.

A finalidade que se persegue coa convocatoria desta folga é a de acada-lo desbloqueo existente na negociación do convenio colectivo de empresa aplicable.

As prospostas de servicios de mantemento das partes son as seguintes:

Por parte da respresentación dos traballadores:

-1 conductor e 2 peóns para a recollida de hospitais e centros sanitarios, mercados e colexios.

-1 conductor e 2 peóns para a recollida en quenda rotativa dos distritos.

-1 conductor e 2 peóns de retén en cada unha das tres quendas (mañá, tarde e noite) para casos de emerxencia.

-2 peóns para o mercado central.

-1 peón para o mercado das casas baratas (Recimil).

A empresa propón o seguinte:

-Quenda de mañá: 9 conductores, 25 peóns, 3 mecánicos e 1 encargado.

-Quenda de tarde: 9 peóns e 1 encargado.

-Quenda de noite: 11 conductores, 19 peóns e 1 encargado.

Ó non existir acordo entre as partes para acadar consenso na súa fixación, acordan somete-lo seu establecemento ó procedemento arbitral establecido para o efecto no texto do AGA.

Tal solicitude é tramitada de mutuo acordo con data do 6 de abril do ano en curso e a acta de sometemento á arbitraxe subscríbese o 7 de abril, onde se nomea formalmente o árbitro que dirimirá esas diferencias.

Ademais das posturas de cada parte que se acaban de reproducir, este árbitro deu tamén cumprimento ó trámite de audiencia ós interesados nesa referida xuntanza do 7 de abril de 2000.

A cuestión así suscitada, como é obvio, hai que resolvela en equidade, e de acordo co propio coñecemento que o árbitro adquiriu no transcurso do conflicto e das posicións das partes, resolvo a cuestión dictando o seguinte laudo conforme o establecido no capítulo IV do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), efectuándose no prazo sinalado no parágrafo 1 do artigo 26 do referido acordo.

Unico:

Segundo o anterior e a teor do disposto no parágrafo 2º do artigo 26 do texto do AGA («O árbitro deberá ter en conta para emiti-la súa decisión tanto a proposta das organizacións convocantes como as modificacións mantidas pola contraparte afectada, valorando ademais as circunstancias concretas de duración ou extensión da folga e a súa posible incidencia na seguridade das persoas e cousas, mantemento das instalacións e ulterior recuperación da actividade productiva.») emítise a seguinte resolución:

-Quenda de mañá:

Un retén dun conductor e 2 peóns.

2 peóns para varrido por distritos, de xeito rotativo.

-Quenda de tarde:

Un retén dun conductor e 2 peóns.

4 peóns para mercados.

-Quenda de noite:

Un retén dun conductor e 2 peóns.

1 conductor e 2 peóns para hospitais, centros sanitarios, mercados e colexios.

1 conductor e 2 peóns para recollida, de xeito rotativo por distrito.

Así mesmo, deberán integrar estes servicios mínimos un mecánico (na quenda de noite e na quenda de mañá) e un administrativo, que desenvolverá a súa xornada, como é habitual, de xeito partido en quenda de mañá e quenda de tarde.

Dado na Coruña o 10 de abril de 2000.

O arbitro

Rubricado