Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 26 de xuño de 2000 Páx. 9.929

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 14 de xuño de 2000 pola que se regula a concesión de axudas para pequenas empresas de servicios e artesanais de actividades productivas vinculadas ó mar.

No desenvolvemento de políticas de pesca responsable, a mellora de todos e cada un dos elos da cadea de actividades que permiten poñer no mercado os productos pesqueiros é un obxectivo permanente. Estas actividades, no sector pesqueiro, son desenvolvidas en gran parte por pequenas empresas de servicios, de transformación e comercialización de productos pesqueiros, moitas delas con base local nos pequenos portos do litoral.

Estas pequenas empresas constitúen nas zonas litorais dependentes da pesca a única posibilidade de xerar emprego neto no sector, tanto se as súas actividades incorporan valor engadido nos productos pesqueiros, como se prestan servicios ás empresas pesqueiras ou desenvolven os recursos locais de calquera tipo. Elas permiten por un lado manter unha masa crítica mínima no sector mar e por outro xerar actividade económica alternativa á pesca extractiva e ás industrias que nela se sustentan.

As limitacións das flotas e da actividade pesqueira teñen unha grande incidencia naquelas zonas altamente dependentes da pesca, non só polo que ten de diminución da actividade económica, senón polo que se refire ás esperanzas das poboacións afectadas que parecen verse destinadas a un futuro sen saída. Paliar isto precisa de accións de apoio ó desenvolvemento de novas actividades vinculadas ó mar especialmente as que se apoien nos recursos locais de calquera tipo.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ten entre os seus programas de actuación o apoio á creación ou desenvolvemento de pequenas empresas artesanais ou de servicios ligadas ó desenvolvemento dos recursos locais e vinculadas ó sector mar ben sexa pola orixe das súas materias primas, polo obxecto das actividades que realiza, ou pola vinculación dos seus membros ás poboacións pescadoras.

No orzamento da Comunidade Autónoma para o ano 2000, inclúese unha liña de apoio á creación ou desenvolvemento deste tipo de empresas, que é conveniente desenvolver tendo en conta a situación de moitas das nosas comunidades pesqueiras e vinculalas a procesos de formación de xente nova e as empresas de economía social.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas para pequenas empresas artesanais e de servicios con actividades productivas vinculadas ó mar conforme as normas contidas na presente orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

As axudas concederanse con cargo ás partidas orzamentarias 12.04.772.0 do programa 752.A. «Servicios ás actividades marítimas» do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000 por un importe máximo de 35.000.000 de ptas.

Artigo 2º.-Actuacións elixibles.

As actuacións que poderán acollerse a estas axudas serán aquelas que teñan por finalidade:

1º A construcción de novas instalacións ou a modernización das existentes.

2º A adquisición e instalación de maquinaria e equipos necesarios para o desenvolvemento da actividade.

3º A adquisición de vehículos adaptados cando sexan o soporte para o desenvolvemento da actividade ou imprescindibles no proceso productivo.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas as persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas que cumpran os requisitos da presente orde e representen a pequenas empresas (definición de PEME segundo a Recomendación da Comisión Europea do 3 de abril de 1996, DOCE do 30 de abril) que non teñan máis de 50 traballadores, cun volume de negocios anual non superior ós 7 millóns de euros e cumpran o criterio de independencia cando:

1. Teñan como fin o desenvolvemento de actividades:

a) Que incrementen directamente o valor engadido dos productos pesqueiros mediante o seu procesado, envasado ou transformación.

b) Que melloren os procesos de comercialización e distribución dos productos pesqueiros.

c) Que sexan auxiliares ou complementarias das actividades pesqueiras ou das de transformación dos productos da pesca, ou de mantemento destas.

2. Teñan como fin a realización de actividades artesanais e sempre que estean constituídas por mulleres ou xente nova de comunidades pescadoras que participasen en cursos de formación orientado

a este tipo de actividade, impartido ou controlado por unha Administración pública e realizado con posterioridade ó 1-1-1998.

Tódolos beneficiarios relacionados anteriormente deberán te-lo seu domicilio social, no caso das entidades, ou particular, no caso de persoas físicas, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Deberá acreditarse o cumprimento de todos estes requisitos no momento da finalización da presentación das solicitudes.

Artigo 4º.-Contía e límites de axuda.

As axudas concederanse en relación coas cantidades solicitadas e nas contías que permitan as dispoñibilidades orzamentarias e co límite máximo do 40 % do importe financiable, segundo o proxecto presentado para a solicitude da axuda.

Artigo 5º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o conxunto destas non exceda a limitación establecida na disposición cuarta desta orde. No caso de que foran superadas estas limitacións, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura minorará o importe da axuda concedida ata alcanza-lo máximo porcentual permitido.

Artigo 6º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo do anexo que se poderá recoller nos servicios centrais ou nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e deberán ser presentadas nas delegacións territoriais correspondentes, ou ben a través do mecanismo establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará ós 45 días naturais contados a partir do seguinte ó da súa publicación.

Artigo 8º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI do solicitante.

2. Fotocopia compulsada dos estatutos da sociedade e certificacion do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se concede autorización para face-la solicitude ó asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a dis

posición que recolle a competencia e xuntando unha certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal, ou NIF, segundo se trate de persoas xurídicas ou físicas.

4. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

5. Memoria descritiva do obxecto do investimento, onde conste a súa localización e características principais e a súa xustificación; relación das actividades que xa realiza ou proxecte realiza-la empresa, da función que dentro delas vai realiza-la nova infraestructura, relación con outras actividades propias ou da zona, impacto económico e social que representa, postos de traballo fixos e temporais que crea e outras que se considere de interese.

6. Proxecto técnico (se é necesario) de realización da infraestructura ou equipamento, indicando características físicas e xeométricas das distintas instalacións, planos e orzamento de execución, asinado por técnico competente segundo corresponda.

7. Memoria económica que recolla os seguintes aspectos: 1) Plan económico e estudio de viabilidade indicando a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cál ás axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera Administración estatal, autonómica, local ou institucional, resultados esperados, amortización do investimento, etc., 2) Calendario de investimentos e plan de financiamento por anos, 3) Declaración de calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida ou que se pretenda solicitar a calquera Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto presentado para acollerse a esta orde.

8. Declaración responsable de estar ó día nas obrigas fiscais, tributarias e coa Seguridade Social e ademais non ter débedas coa Xunta de Galicia.

9. Acreditación de que o solicitante está en posesión das autorizacións e permisos necesarios para a realización da actividade e o investimento. En calquera caso será necesaria a súa presentación para o pagamento da axuda.

10. Certificado de situación de realización do investimento para o que se solicita a axuda no momento da solicitude.

11. Acreditación dos datos rexistrais da empresa ou entidade (escrituras, poderes e imposto de actividades económicas ou equivalentes), se é o caso.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

Á vista das solicitudes e documentación presentadas, o Servicio de Extensión Pesqueira da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura solicitará a ampliación de datos ou os informes que considere necesarios, e efectuará as comprobacións pertinentes; seguidamente formulará a proposta de resolución favorable ou denegatoria de cada solicitude ó director xeral de Formación Pesqueira e Investigación, na contía que se considere oportuna en función das dispoñibilidades do crédito existente.

O director xeral dictará resolución da axuda solicitada, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta disposición, no prazo máximo de tres meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. No caso de non recaer resolución expresa de concesión, a solicitude quedará desestimada. Contra a dita resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa notificación e segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 10º.-Criterios obxectivos de prioridade.

1. Para establece-las prioridades teranse en conta os seguintes criterios para establecer a baremación:

a) Terán preferencia as solicitudes presentadas por empresas formadas por mulleres ou xente nova sobre o resto de peticionarios.

b) Terán preferencia as solicitudes presentadas por empresas de economía social e autónomos sobre o resto de peticionarios.

c) Terán preferencia as solicitudes presentadas para empresas de procesado, transfomación ou comercialización de productos pesqueiros e mariños sobre as demais.

d) Terán preferencia as empresas que estean situadas en concellos costeiros dependentes da pesca e menores de 20.000 habitantes.

e) Terán preferencia as solicitudes que xeren máis empregos por investimento realizado.

En caso de igualdade terase en conta a actividade inducida polo investimento, a innovación da actividade obxecto da axuda e o interese para a zona onde se vaia realizar.

Artigo 11º.-Prazo de realización.

O prazo no que debe ser realizada a actividade axudada será fixado na resolución de concesión de axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 31 de decembro do ano 2000.

Cando o beneficiario considere que non pode remata-lo proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade axudada.

O director xeral dictará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada non poderá exceder de doce meses a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda. O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 12º.-Alteración das condicións de concesión.

Toda alteración das condicións de concesión e en todo caso a obtención concorrente doutra axuda pública de calquera tipo, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Control das actividades obxecto das axudas.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a través da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación e das súas delegacións territoriais, reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito o inicio do investimento obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectua-las comprobacións que se estimen oportunas.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación establecerá as medidas necesarias, para efectos de face-la comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

No suposto de que unha vez notificada a resolución de concesión houbera algunha variación no calendario, nos prazos de execución do investimento sinalado na memoria de solicitude, ou en calquera outro aspecto, será comunicada á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación coa antelación suficiente para que poida realiza-las comprobacións que considere necesarias, para os efectos de aprobar ou denega-la devandita modificación.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, como ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. É obriga do beneficiario facilitar toda a información que lle sexa requirida por estes

organismos para as súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 14º.-Pagamento das axudas.

Finalizada a execución do proxecto no prazo sinalado, ou no que resultase como consecuencia da prórroga concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar ó Servicio de Extensión Pesqueira, dentro do prazo dun mes, a seguinte documentación:

a) Facturas xustificativas dos gastos realizados en copia orixinal ou fotocopia compulsada, xunto cos documentos xustificativos do seu aboamento, e cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude.

b) Declaración na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera outra Administración ou ente público.

c) Memoria sinxela de realización do investimento onde se indiquen as incidencias habidas na súa execución.

d) Certificación, expedida polo órgano competente, acreditativa de que o beneficiario se encontra ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

e) Certificación de non ter débedas coa Xunta de Galicia expedido pola Consellería de Economía e Facenda.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación certificará a execución completa do investimento obxecto da axuda despois de realiza-las comprobacións oportunas.

Artigo 15º.-Pagamentos con carácter de anticipo.

Os beneficiarios poderán solicitar pagamentos parciais, ata un máximo do 80 % da axuda concedida. O seu aboamento farase logo da solicitude polo beneficiario e xustificación dos gastos realizados e aboados, segundo o estipulado no artigo 14º e constitución dun aval bancario a favor da Xunta de Galicia, polo importe da cantidade que hai que aboar, nas condicións establecidas no artigo 37.Dos.2.e) da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei de contratos das administracións públicas, para este tipo de documentos.

O beneficiario está obrigado a xustificar un investimento de recursos propios na mesma proporción que representa o pagamento parcial sobre a subvención concedida.

O resto da axuda librarase unha vez rematado o investimento, segundo o disposto no artigo anterior. No caso de non ter finalizado o investimento o beneficiario está obrigado a reintegra-las cantidades recibidas con carácter de anticipo.

Artigo 16º.-Mantemento da actividade e obriga de reintegro.

O beneficiario comprométese a manter aberta e en funcionamento a instalación obxecto da axuda por un período mínimo de tres (3) anos contados a partir da data de xustificación da finalización do investimento.

O beneficiario que incumpra as condicións de concesión da axuda, incluído o compromiso de mantemento da actividade está obrigado a reintegra-lo importe total ou parcial da axuda percibida, segundo corresponda, consonte o establecido no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada pola artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 17º.-Infraccións e sancións.

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ó réxime de infraccións e sancións do artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 18º.-Obrigas de información.

En toda a documentación pública relacionada co investimento obxecto da axuda, farase constar que estas se realizarán cunha axuda da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura