Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 26 de xuño de 2000 Páx. 9.926

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 13 de xuño de 2000 pola que se convocan prazas de educadores bolseiros para o Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo da Coruña dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle a posibilidade de outorgar axudas individualizadas, logo da correspondente convocatoria pública e con suxeición a criterios obxectivos.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 347/1997, do 9 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia en materia de xestión de créditos orzamentarios, o Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia; así como, no Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura dos servicios centrais da consellería, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado no seu artigo 78 pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, establécense os requisitos xerais para as subvencións que concederá esta Administración autonómica.

Coa presente convocatoria preténdese dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial o Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo, persoal que, como contrapartida, gozará de aloxamento e mantenza gratuíta nel durante o curso escolar 2000-2001, así como de axudas para sufraga-los gastos ocasionados polo pagamento de matrícula académica e material escolar.

Entre outros fins, na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Gali

cia para o ano 2000, na aplicación orzamentaria 11.03.212D.485.0, existe crédito axeitado e suficiente para este gasto.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Convoca-la cobertura de 12 prazas de educadores-bolseiros para o curso escolar 2000-2001, no Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 2º.-Condicións dos solicitantes.

Son requisitos para participar na convocatoria:

a) Non ter perdido con anterioridade a condición de educador-bolseiro por causa imputable ó solicitante.

b) Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade.

c) Non supera-la idade de 25 anos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

d) Estar cursando estudios medios ou superiores, nunha facultade, colexio universitario ou escola técnica, e ter aprobados integramente dous cursos dos devanditos estudios ou ter rematado estes durante os cursos 1997-1998 ou 1998-1999.

Artigo 3º.-Solicitudes.

Os interesados deberán dirixi-la solicitude anexa á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Coruña, r/ Gregorio Hernández, 2-4, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas, e, se é o caso, título académico que capacite para participar ou xustificante de que se solicitou a súa expedición.

-Curriculum vitae do solicitante.

-Declaración xurada de non desempeñar unha actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin gozar de bolsas ou axudas equiparables á convocada.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados a partir da data en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Dereitos dos adxudicatarios.

a) A concesión da bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o 1 de setembro de 2000 ata o 30 de xuño do 2001. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ó bolseiro a normal realización dos seus estudios.

b) O pagamento por parte do centro de ata 27.308 ptas. para gastos de matrícula, logo da xustificación do correspondente gasto.

c) O pagamento por parte do centro de ata 13.554 ptas. para adquisición de libros relacionados cos estudios cursados polos bolseiros nas condicións fixadas na alínea b).

d) O pagamento por parte da Dirección Xeral de Servicios Sociais da contía de 9.554 ptas. mensuais, logo da certificación do servicio prestado pola dirección do centro.

e) Ó remata-la estadía no centro, seralles entregado un diploma acreditativo pola devandita dirección xeral, logo do informe favorable do director do centro das prácticas realizadas.

Artigo 5º.-Duración da bolsa.

A duración da bolsa será do 1 de setembro de 2000 ó 30 de xuño do 2001.

Sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias, por resolución da Dirección Xeral de Servicios Sociais, a bolsa poderase prorrogar anualmente ata un máximo de 3 anos, incluíndo o ano da concesión, á vista do traballo realizado polo bolseiro. No suposto de prórroga a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos ó consumo que se estableza para cada ano.

Artigo 6º.-Financiamento.

O gasto financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.212D.485.0 por un importe máximo de 1.663.032 ptas.

Artigo 7º.-Obrigas dos bolseiros.

A condición de educador-bolseiro obriga a este a realiza-las tarefas que a dirección do centro lle encomende en relación coa atención dos acollidos nel, en horas de actividade extraescolar. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro.

Os bolseiros teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Antes do derradeiro pagamento os educadores-bolseiros presentarán unha declaración de que durante o período da bolsa non recibiron ningunha outra axuda coa mesma finalidade.

Artigo 8º.-Procedemento de selección.

Para a adxudicación de prazas procederase da seguinte maneira:

Unha comisión, presidida polo delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Coruña ou persoa en quen delegue, sendo vocais o xefe da Área de Servicios Sociais da Coruña, dous funcionarios designados polo delegado provincial e o director do centro, examinará as solicitudes, valorando no seu conxunto os seguintes datos, por orde de preferencia:

-Expediente académico.

-Animación sociocultural.

-Motivo da solicitude.

-Situación económica.

-Ter sido educador-bolseiro dalgún centro dependente desta consellería.

Terán prioridade os solicitantes con estudios en facultades de Psicoloxía, Pedagoxía e Escolas Universitarias de EXB, ademais de Enfermería.

Confeccionarase unha lista das solicitudes recibidas, elevando a correspondente proposta ó delegado provincial, antes de que pasen vinte días naturais, contados a partir do seguinte a aquel no que remate o prazo para presenta-las instancias.

Delégase no delegado provincial competente, logo de fiscalización da Intervención, a competencia para a adxudicación das prazas e comunicarase tanto ó centro como a tódolos solicitantes. O prazo máximo para notifica-la resolución expresa será de cinco meses, contados desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se no dito prazo máximo non se dictase resolución expresa, entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

As resolucións dictadas en relación con estas prazas poñerán fin á vía administrativa podendo interpoñer contra elas recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da data da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as dictou ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados así mesmo desde a data da notificación.

Os seleccionados terán de prazo ata o 1 de novembro para presenta-la documentación requirida para o efecto pola Delegación Provincial da Coruña. De non cumprirse tal esixencia non se procederá a ningún pagamento.

Artigo 9º.-Natureza da relación bolseiros-Administración.

Os seleccionados adquirirán exclusivamente a condición de bolseiros, sen ningunha outra relación laboral ou administrativa.

Artigo 10º.-Revogación ou interrupción no goce das bolsas.

A directora xeral de Servicios Sociais resolverá a perda da condición de bolseiro polo incumprimento das súas obrigas, ausencias inxustificadas ou, se é o caso, por non cumpri-la disciplina do centro, logo dos informes pertinentes.

O suposto de revogación obrigará o adxudicatario a reintegrarlle ó Tesouro Público as cantidades percibidas ata o momento de acordarse aquela. No caso de interrupción do goce da bolsa o director xeral, apreciando as circunstancias concorrentes, resolverá se procede esixi-la devolución total ou parcial das cantidades aboadas, ou suspender ou anula-los pagamentos pendentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Servicios Sociais para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2000.

P.S. (Decreto 138/2000, do 6 de xuño, DOG do 8 de xuño)

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria