Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 23 de xuño de 2000 Páx. 9.864

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 14 de xuño de 2000 pola que se regula a concesión de axudas para a creación no litoral de infraestructuras para actividades de tipo turístico, cultural e de lecer vinculadas ó mar.

As políticas de pesca responsable implican xunto coa protección dos recursos a busca de alternativas á reducción das flotas e da actividade pesqueira. Nas zonas dependentes da pesca, esta afecta non só polo que ten de diminución da actividade económica, senón polo que supón de abandono dunha cultura e un saber facer que se acumulou ó longo de anos de experiencia.

Evitar esta perda ou, polo menos, minimizala, precisa que se xeren novas actividades vinculadas ó mar que axuden a soster estas comunidades e, polo tanto, a manter unha masa crítica suficiente de poboación portadora da cultura mariñeira. Estas deben, ademais, xerarse fóra da pesca extractiva e ligarse á diversificación das actividades económicas na comunidade, desenvolvendo recursos endóxenos.

Dentro destas premisas, as actividades dirixidas ó lecer e ó turismo parecen aquelas con maiores posibilidades de desenvolvemento, tendo en conta as características do noso litoral, onde se encontran moi pouco desenvolvidas, máis aínda se temos en conta o amplo pulo que nos últimos anos tivo o turismo rural.

Parece logo conveniente incentivar estas actividades mediante o apoio á creación, nos portos e no litoral, das infraestructuras permanentes que faciliten o seu desenvolvemento. Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas ás empresas para a creación de infraestructuras permanentes no litoral para o desenvolvemento de actividades de tipo turístico, cultural e de lecer, vinculadas ó mar, conforme as normas

contidas na presente orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 12.04.770.0 do programa 752.A. do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000 por un importe global de 69.000.000 de ptas.

Artigo 2º.-Fins.

As actuacións que poderán acollerse a estas axudas serán aquelas que teñan por finalidade:

1º A creación de novas instalacións permanentes, tanto en terra como a flote, para a realización de actividades ou prestación de servicios de tipo turístico, cultural ou de lecer ligadas ó mar, agás as que teñan caracter portuario.

2º O equipamento destas instalacións para o cumprimento das súas funcións.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas:

1º As persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas en empresas que teñan como fin o desenvolvemento de actividades que cumpran os requisitos da presente orde.

Tódolos beneficiarios relacionados anteriormente deberán ter o seu enderezo social, no caso das entidades, ou particular, no caso de persoas físicas, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia ou polo menos delegacións abertas que realicen actividades con continuidade.

Artigo 4º.-Contía e límites de axuda.

As axudas concederanse nas contías que permitan as dispoñibilidades orzamentarias ata o límite máximo do 40 % do importe do investimento elixible, segundo o proxecto presentado para a solicitude da axuda e cunha contía máxima de 15.000.000 de ptas. Se o obxecto do investimento ten en conta a recuperación de bens patrimoniais de carácter cultural ou histórico, a contía da axuda poderá acadar ata o 60% do importe investido na recuperación do dito ben.

Artigo 5º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o conxunto delas non supere a limitación porcentual establecida na disposición cuarta desta orde.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais agás o establecido no parágrafo anterior, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 6º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo do anexo que se poderá recoller nos servicios centrais ou nas dele

gacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, debendo ser presentadas nas delegacións territoriais correspondentes, ou ben a través do mecanismo establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará ós 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da súa publicación.

Artigo 8º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI do solicitante.

2. Fotocopia compulsada dos estatutos da persoa xurídica ou sociedade e certificacion do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se concede autorización para face-la solicitude ó asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia e xuntando unha certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal, ou NIF, segundo se trate de persoas xurídicas ou físicas.

4. Certificación bancaria na que conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

5. Memoria descritiva do obxecto do investimento, na que conste a súa localización e características principais e a xustificación dela; relación das actividades que xa realiza ou proxecte realiza-la empresa, da función que dentro delas vai realiza-la nova infraestructura, relación con outras actividades propias ou da zona, impacto económico e social que representa, postos de traballo fixos e temporais que crea e outras que se considere de interese.

6. Proxecto técnico (se é necesario) de realización da infraestructura ou equipamento, indicando características físicas e xeométricas das distintas instalacións, planos e orzamento de execución, asinado por técnico competente segundo corresponda.

7. Memoria económica que recolla os seguintes aspectos:

a) Plan económico e estudio de viabilidade indicando a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cál a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera administración estatal, autonómica, local ou institucional, resultados esperados, amortización do investimento, etc.

b) Calendario de investimentos e plan de financiamento por anos.

c) Declaración de calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida ou que se pretenda solicitar

a calquera administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto presentado para acollerse a esta orde.

8. Declaración responsable de estar ó día nas obrigas fiscais, tributarias e coa Seguridade Social e ademais non ter débedas coa Xunta de Galicia.

9. Acreditación de que o solicitante está en posesión das autorizacións e permisos necesarios para a realización da actividade e o investimento. En calquera caso será necesaria a súa presentación para o pagamento da axuda.

10. Certificado de situación de realización do investimento para o que se solicita a axuda no momento da solicitude.

11. Acreditación dos datos rexistrais da empresa ou entidade (escrituras, poderes e imposto de actividades económicas ou equivalentes), se é o caso.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

Á vista das solicitudes e documentación presentadas, o Servicio de Extensión Pesqueira da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, o que se observa algunha deficiencia concederá ó solicitante un prazo de 10 días para emendala consonte o artigo 71 da Lei 30/1992 modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda ó expediente terase por desistido da súa petición, logo de resolución. No seu estudio e valoración, solicitará a ampliación de datos ou os informes que considere necesarios, e efectuará as comprobacións pertinentes; seguidamente formulará a proposta de resolución favorable ou denegatoria de cada solicitude ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, na contía que se considere oportuna en función das dispoñibilidades do crédito existente.

O conselleiro dictará resolución da axuda solicitada, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta disposición, no prazo máximo de catro meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes. No caso de non recaer resolución expresa de concesión, a solicitude quedará desestimada. Contra a dita resolución que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de revisión perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa notificación e segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou recurso contencioso-administrativo diante do órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Consonte o establecido no artigo 78.3º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamen

tarias e de función pública e actuación administrativa, delégase no director xeral de Formación Pesqueira e Investigación a resolución destas axudas.

Artigo 10º.-Criterios obxectivos de prioridade.

1. Para establece-las prioridades teranse en conta os seguintes criterios:

a) Terán preferencia as solicitudes presentadas para investimentos realizados en concellos do litoral que carezan dese tipo de infraestructuras, con prioridade das destinadas ó uso turístico sobre as demais e das presentadas por empresas de economía social sobre o resto de peticionarios.

b) Terán preferencia as solicitudes que xeren máis empregos por investimento realizado.

c) Terán preferencia as empresas que se establezan en concellos costeiros dependentes da pesca e menores de 10.000 habitantes.

En caso de igualdade terase en conta a actividade inducida polo investimento, a innovación da actividade obxecto da axuda e o interese para a zona onde se vaia realizar.

Artigo 11º.-Prazo de realización.

O prazo no que debe ser realizada a actividade axudada será fixado na resolución de concesión de axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 31 de decembro do ano 2000.

Cando o beneficiario considere que non pode remata-lo proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria na que se especifique o grao de realización da actividade axudada.

O director xeral dictará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada non poderá exceder de doce meses a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda. O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 12º.-Control das actividades obxecto das axudas.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a través da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación e das súas delegacións territoriais, reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito o inicio do investimento obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectua-las comprobacións que se estimen oportunas.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación establecerá as medidas necesarias, para efectos de face-la comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

No suposto de que unha vez notificada a resolución de concesión houbera algunha variación no calendario, nos prazos de execución do investimento sinalado na memoria de solicitude, ou en calquera outro aspecto, seralle comunicada á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación coa antelación suficiente para que poida realiza-las comprobacións que considere necesarias, para os efectos de aprobar ou denega-la devandita modificación.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos, tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, como ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. É obriga do beneficiario facilitar toda a información que lle sexa requirida por estes organismos para as súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

Finalizada a execución do proxecto no prazo sinalado, ou no que resultase como consecuencia da prórroga concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar ó servicio de Extensión Pesqueira, dentro do prazo dun mes, a seguinte documentación:

a) Facturas xustificativas dos gastos realizados, en copia orixinal ou fotocopia legalizada, acompañadas dos documentos xustificativos do seu aboamento, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude.

b) Declaración na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera outra Administración ou ente público.

c) Memoria sinxela de realización do investimento onde se indiquen as incidencias habidas na súa execución.

d) Certificación expedida polo órgano competente, acreditativa de que o beneficiario se encontra ó corrente de súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social.

e) Certificación expedida pola Consellería de Economía e Facenda acreditativa de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación certificará a execución completa do investimento obxecto da axuda despois de realiza-las comprobacións oportunas.

Artigo 14º.-Pagamentos con carácter de anticipo.

Os beneficiarios poderán solicitar pagamentos parciais, ata un máximo do 80% da axuda concedida. O seu aboamento farase logo de solicitude polo beneficiario e xustificación dos gastos realizados e aboados, segundo o estipulado no artigo 14º e constitución dun aval bancario a favor da Xunta de Galicia, polo importe da cantidade que hai que aboar, nas condicións establecidas no artigo 37.dos.2 e) da

Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei de contratos das administracións públicas para este tipo de documentos.

O beneficiario está obrigado a xustificar un investimento de recursos propios na mesma proporción que representa o pagamento parcial sobre a subvención concedida.

O resto da axuda librarase unha vez rematado o investimento, segundo o disposto no artigo anterior. No caso de non estar finalizado o investimento o beneficiario está obrigado a reintegra-las cantidades recibidas con carácter de anticipo.

Artigo 15º.-Mantemento da actividade e obriga de reintegro.

O beneficiario comprométese a manter aberto e en funcionamento a instalación obxecto da axuda por un período mínimo de tres (3) anos contados a partir da data de xustificación da finalización do investimento.

O beneficiario que incumpra as condicións de concesión da axuda, incluído o compromiso de mantemento da actividade está obrigado a reintegra-lo importe total ou parcial da axuda percibida, segundo corresponda, consonte o establecido no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 16º.-Infraccións e sancións.

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas o réxime de infraccións e sancións do artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo modificación realizada pola artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 17º.-Obrigas de información.

En toda a documentación pública relacionada co investimento obxecto da axuda, farase constar que estas se realizarán cunha axuda da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura