Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 22 de xuño de 2000 Páx. 9.807

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución do parque eólico denominado Sil. (Expediente IN661A 98/1-3 A.T.).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Iberdrola Diversificación, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en r/ Circunvalación nº 17, A Rúa (Ourense), sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Sil; resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 15 de decembro de 1998, Heliodoro Oviedo Busto, en nome e representación de Iberdrola Diversificación, S.A. solicitou a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución, do parque eólico denominado Sil, de 23,76 mW, achegando a documentación establecida ó efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, xa mencionado, 2619/1996, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e Decreto 205/1995, mediante resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense do 2 de febreiro de 1999, publicada no BOP de Ourense do 22, no diario La Región do 10, no DOG do 3 de marzo e no taboleiro de anuncios dos concellos de Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil e Esgos.

Durante o período de información pública, Rafael Vallés Urriza, en representación da comunidade de montes en man común de Carballos de Portela, Cimbro e Cubela, presentou un escrito de alegacións contra a autorización administrativa da citada instalación eléctrica, manifestando que non se seguiu o procedemento previsto no Decreto 205/1995 e que se produciron irregularidades que puidesen producir indefensión.

Terceiro.-O 15 de setembro de 1999, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense emitiu informe favorable sobre o citado proxecto, coas características básicas seguintes:

Localización e coordenadas poligonais:

Nome MunicipioVértices

Sil Nogueira de RamuínX Y

Xunqueira de Espadanedo607.500 4.694.000

Parada de Sil608.500 4.695.000

Esgos610.000 4.694.000

614.000 4.690.000

613.000 4.689.000

610.000 4.691.000

Características técnicas do parque:

Nº de aeroxeradores: 36.

Potencia unitaria por aeroxerador: 660 KW.

Xeradores: Gamesa G-47.

Potencia total instalada: 23,76 MW.

Producción anual estimada: 65.425 MWh/ano.

Investimento previsto: 3.046.558.687 ptas.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-Interconexión dos aeroxeradores con tres circuítos eléctricos subterráneos a 20 kV, cada un deles cunha potencia instalada de 7,92 mW.

-Centro de transformación para instalar un en cada aeroxerador de 800 kVA de potencia e r/t 0,690/20 kV, cos elementos de protección e auxiliares necesarios.

-Subestación transformadora con entrada e saída á liña Santo Estevo-Trives e unha posición de transformación de potencia. Trafo trifásico de 50 mVA, r/t 232,5/20 kV. Trafo de servicios auxiliares de 250 kVA con r/t 20/0,420-0,242 kV.

-Liña de alta tensión que conectará a subestación transformadora do parque eólico coa liña eléctrica Santo Estevo-Trives, aérea, a 220 kV, de dobre circuíto de 2.451 m en conductor AL-AC tipo Rail de 29,59 mm de diámetro en apoios metálicos.

-Sistemas de control e supervisión.

Cuarto.-O 2 de maio de 2000, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que se ben é certo que non se cumpriu o prazo que establece o artigo 12 do Decreto 205/1995 (dous meses) para presenta-lo proxecto de execución das instalacións, isto en modo algún representa indefensión, xa que non se presentou ningún proxecto en competencia coa solicitude presentada por Iberdrola.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados no Decreto 2617/1966 e o Decreto 205/1995. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que lle atribúen os artigos 11 e 14 do Decreto 2617/1966 e o artigo 13 do Decreto 205/1995.

RESOLVE:

-Autorizar a Iberdrola Diversificación, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Sil, que se vai situar nos concellos de Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadañedo, Parada de Sil e Esgos.

-Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Iberdrola Diversificación, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado a partir do outorgamento da presente autorización, unha fianza de 60.931.174 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 15 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, punto 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 3.046.558.687 ptas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Ourense poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Iberdrola Diversificación, S.A. no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da

dita orde. O parque conectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 2 de maio de 2000, así como aquelas que no seu día se emitan conforme ó disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sétima.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1175/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria