Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 21 de xuño de 2000 Páx. 9.727

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV Vimianzo-Mazaricos, nos termos municipais de Vimianzo, Dumbría e Mazaricos da provincia da Coruña. (Expediente 186/1999).

Examinado o expediente instruído a instancias da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para efectos de notificación na Avda. de Arteixo 171; 15007 A Coruña, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data 17 de xuño de 1999 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Liña de alta tensión aérea a 220 kV de 23.788 m, en conductor LA-455-Condor/Dúplex cun só circuíto

de 454,5 mm de sección de conductor e cable de fibra óptica/terra OPGW de 64 fibras, coa orixe na subestación de Vimianzo e a fin na subestación de Mazaricos, concellos de Vimianzo, Dumbría e Mazaricos.

Segundo.-A delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 26 de xullo de 1999, publicada no DOG do 30 de agosto, BOP da Coruña do 6 de setembro e o diario La Voz de Galicia do 6-8-1999, nos taboleiros de anuncios dos concellos de Vimianzo, Dumbría e Mazaricos e na delegación provincial da Coruña; así mesmo, a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran en dita relación, no caso de titulares descoñecidos ou de enderezo ignorado, deu traslado das actuacións ó Ministerio Fiscal.

Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período no que se someteu a trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1. Jesús Novo Santos, respecto ó predio nº 163, pide que se lle aboe o prezo xusto ó tempo que

sinala que non está de acordo coa valoración de Fenosa, S.A.

2. Carmen Coscoñas Leis, respecto ó predio 170-A, sinala que á hora de face-la valoración se teña en conta que o predio está arado e repoboado de piñeiros e eucaliptos.

3. María José Leis Espasandín, respecto ó predio 239, indica que o predio pertence a José Pose Romero, falecido, e a José Leis Romero, tamén falecido.

4. Francisco Calo Andrade, respecto ó predio 240, fai referencia a que a superficie afectada é menos que a real e que o linde co predio 248 é erróneo. Pide que se rectifique a superficie que se vai expropiar, e indica que non se reflicte no plano a parte afectada da súa propiedade e que non se fai mención ó arboredo.

5. Manuela Trillo Conde, con respecto ós predios 332 y 348C, solicita que se lle aclare se existen apoios nos referidos predios, e que as valoracións sexan as adecuadas.

6. María Esther Moreira Ramos, respecto ó predio 396, indica que acepta acordo económico, pero que a verdadeira afección é de 60 ml polo tanto 1800 m.

7. Esperanza Pérez Lado, respecto ó predio 403, solicita que se rectifique a titularidade.

8. José Capelo Braña, con respecto ó predio 406, sinala que a afección non é correcta e pide que se lle corrixa o erro.

9. Manuel Quintáns Suárez , con respecto ó predio 407, reclama maior afección e que se lle rectifique o erro.

10. Manuel Otero Fernández, con respecto ó predio 408, sinala que hai erros na afección e que estremeira co seu predio hai outra propiedade da súa sogra que non recibiu notificación.

11. Jesús Lema Pérez, con respecto ós predios 453 y 467, sinala que o predio 453 non é da súa propiedade e en relación co predio 467 solicita aclaración, xa que o asentamento do poste segundo proxecto non é o que lle dixeron sobre e terreo. O predio está destinado desde sempre á producción de madeira, por iso solicita que se considere una franxa de 30 m, é dicir de 132 ml e 3.960 m de voo para evitar problemas futuros.

12. Benigno Martínez Trillo, en relación co predio 642, solicita cambio de titularidade.

13. O Concello de Dumbría alega o seguinte:

a) Que a citada liña é en realidade unha LAT 220 kV Dumbría-Mesón do Vento o que supón unha duplicidade coa LAT Dumbría-Mesón do Vento propiedade de Ferroatlántica cos efectos que sobre a saúde da poboación teñen as radiacións electromagnéticas causadas polas dúas liñas, concretamente nas parroquias de Oliveira e Olveiroa a liña transcorre moi preto das casas co conseguinte risco para a saúde das persoas.

b) Que a política de reforestación do concello se ve afectada pola citada liña.

c) Que a pesar de se-lo Concello de Dumbría productor de electricidade prodúcese unha situación paradoxal pois algúns dos lugares do concello son deficitarios no abastecemento eléctrico.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente conta con informe favorable da Delegación Provincial da Coruña, comprobándose mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións nin limitacións previstas no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e nos artigos 25 e 26 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Quinto.-O 24 de marzo de 2000 a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental da citada liña, notificándose ó promotor o 10-4-2000, sendo esta modificada por Resolución do 11 de maio de 2000 da Dirección Xeral de Calidade.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación ás mesmas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que obra no expediente, queda de manifesto que:

1. Non se toman en consideración as alegacións referidas á valoración da afección das parcelas, por non ser obxecto desta fase do expediente. Corresponde esta valoración á fase de cálculo de prezo xusto.

2. Con respecto ás alegacións referidas a posibles erros na determinación de servidumes así como na natureza dos terreos afectados estas tomaranse en consideración cando se proceda o levantamento de actas de ocupación incluíndose na correspondente folla de aprecio.

3. En relación ós cambios de titularidade nas parcelas, a empresa beneficiaria tomará razón delas e procederase á tramitación dos expedientes cos alegantes. Nembargantes, durante a fase do levantamento de actas previas á ocupación, á que serán convenientemente notificados, deberán presenta-la documentación acreditativa da dita titularidade.

4. Con respecto á alegación presentada por a Manuela Trillo Conde, relativa ós predios 332 e 348C, non se proxecta a colocación de ningún apoio nas parcelas da súa propiedade, a servidume de paso aéreo non impide ó dono cercala ou edificala deixando a salvo a dita servidume; nestes predios poderanse seguir realizando actividades pecuarias ou de cultivo respectando as distancias de plantación de árbores e que a liña cumpre a normativa de seguridade que lle é de aplicación.

5. Con respecto á alegación presentada por Jesús Lema Pérez, relativa ó predio 467, o trazado da liña adáptase ó recollido nos planos do proxecto, co apoio 47 ó límite do camiño que linda polo norte coa súa propiedade e tendo como referencia o linde que aparece nos planos no extremo oeste.

6. En relación coas alegacións presentadas polo Concello de Dumbría cabe dicir que:

a) Neste momento hai discrepancia na comunidade científica sobre os posibles efectos dos campos electromagnéticos asociados ás liñas de alta tensión. Por outra banda, un recente informe do Centro de Investigacións Enerxéticas, Medio Ambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT), conclúe que estas, cando ten una frecuencia extremadamente baixa (50-60 Hz), non proporcionan evidencias de que a exposición ós campos supoña un risco para a saúde das persoas ou o ambiente. As distancias da citada liña ás vivendas é superior á esixida no Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión, Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, tal como se indica no punto segundo de fundamentos de dereito.

b) Os prexuízos que sobre a política de reforestación do concello puidese causa-la realización do proxecto xa se tiveron en conta na realización de estudio de impacto ambiental, o cal contempla unha análise de alternativas na definición da traza.

c) A citada liña é de tranporte de enerxía eléctrica, mentres que os problemas que alega o concello corresponden á rede de distribución da zona; de tódalas formas a construcción da liña repercutirá favorablemente na mellora da rede.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que lle atribúen os artigos 11 e 14 do Decreto 2617/1966

RESOLVE:

1. Autoriza-la liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV Vimianzo-Mazaricos, nos termos municipais de Vimianzo, Dumbría e Mazaricos (A Coruña).

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria