Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 08 de xuño de 2000 Páx. 8.788

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 29 de maio de 2000 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para o fomento da innovación empresarial e prestación de servicios na Comunidade Autónoma galega para 2000.

A innovación tecnolóxica provoca transformacións na propia organización da empresa e xera variacións tanto nos procesos productivos como na oferta de servicios e productos. Polo tanto é frecuente que o proceso de innovación provoque cambios tanto intanxibles como tanxibles.

Consecuentemente, a adaptación empresarial a estes cambios esixe investimentos que adecuen a realidade da empresa para poder afronta-los cambios que acontecen tanto na súa estructura interna como no seu contorno.

A preocupación no mundo empresarial e, en especial, a definición dunha estratexia que promova a innovación, constitúe a base na que se deben asentar tódalas actividades da empresa. O acerto na estratexia de innovación garante o futuro da empresa ó proporcionarlle vantaxes competitivas.

Esta estratexia innovadora pode emprenderse mediante estudios, diagnósticos e outros tipos de análise tecnolóxica, todos encamiñados a coñecer e defini-las necesidades que melloren a actividade empresarial. Nalgúns casos estas necesidades poderán verse satisfeitas mediante a incorporación de bens de equipo orientados a mellora-lo proceso productivo.

O obxecto da presente convocatoria de axuda é prestar un servicio de financiamento a aqueles proxectos empresariais que teñan por finalidade mellora-los procesos de fabricación, sen que a empresa desenvolva actividades de investigación e

desenvolvemento propiamente ditas. Para isto subvencionarase a adquisición de equipos e a contratación dos estudios previos necesarios para acadar esas melloras.

Dado que a innovación non é un fenómeno illado dentro das organizacións e que non consiste exclusivamente en adquirir máquinas, con esta convocatoria preténdese ter en conta, na medida do posible, aqueloutros aspectos que se vinculan á actividade innovadora. O carácter marcadamente intanxible de moitos destes aspectos fai que non se perciba toda a importancia que teñen, sobre todo no proceso de mellora continua que debe rexe-la estratexia empresarial.

Estas axudas financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma galega, Fondos de Compensación Interterritorial (FCI) e Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal, «En tanto non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica axustándose ás directrices, tanto horizontais como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, de se-lo caso, ós límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas de España para o período 2000-2006».

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto da presente orde desenvolve-lo marco que regule a convocatoria de axudas que se concedan no exercicio de 2000, para a incentivación de actuacións de innovación en empresas, así como a prestación de servicios por agrupacións de empresas ou asociacións que teñan como finalidade o fortalecemento do tecido empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

As axudas convocadas ó abeiro da presente orde realízanse con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000, destinándose para o financiamento delas a cantidade global de 1.400.000.000 de pesetas, correspondéndose ás seguintes partidas orzamentarias:

CódigoImporte

en pesetas

08.03.661-C.780.0«Familias e institucións sen fins de lucro; fomento de servicios ás asociacións»67.563.045
08.03.723-B.772.0«Empresas privadas; fomento sector naval»91.700.000
08.03.732-A.770.0«Empresas privadas; axudas a industrias do complexo da madeira»194.905.236
08.03.741-A.770.0«Empresas privadas; axudas a industrias do complexo da automoción»404.872.828
08.03.744-A.770.0«Empresas privadas; apoio á industria das telecomunicacións e audiovisual»156.071.857

CódigoImporte

en pesetas

08.03.754-A.770.0«Empresas privadas; apoio ó desenvolvemento de conglomerados»161.629.012
08.03.754-B.770.0«Empresas privadas; potenciación de actividades empresariais»161.629.011
08.03.754-B.771.0«Empresas privadas; apoio ó desenvolvemento de conglomerados e industrias productivas»161.629.011
Total:1.400.000.000

Esta cantidade poderá ser incrementada en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Artigo 3º.-Beneficiarios e ámbito de aplicación.

Poderán ser beneficiarios das axudas á innovación empresarial as empresas, agrupacións, asociacións de empresas ou entidades sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e que desenvolvan a súa actividade en relación ós complexos e actividades vinculados ás aplicacións orzamentarias reflectidas no artigo 2º.

Ademais, se resultaran beneficiarias dunha subvención superior a dez millóns de pesetas, e o investimento consistira en activos fixos productivos, as empresas de dez ou mais traballadores deberán acreditar que alomenos o 35% do cadro de persoal dos centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia teñen contratos por tempo indefinido; nas de menos de dez traballadores a devandita porcentaxe reducirase ó 33%. Así mesmo deberán comprometerse a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de se-lo caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento daqueles proxectos constituídos polas seguintes actuacións:

a) Estudios previos á innovación: a realización de diagnósticos tecnolóxicos, estudios de prospectiva e coñecemento do estado da arte tecnolóxica e as súas aplicacións no contorno empresarial co obxecto de defini-las tecnoloxías que debe incorporar para mellora-lo proceso de producción. Análise prospectivo de mercados estratéxicos, así como do contorno competitivo en xeral (Benchmarking). Os estudios referidos a esta alínea deberán ser realizados por empresas ou entidades externas con experiencia recoñecida.

b) Innovación en proceso productivo: adquisición de bens de equipo e novos sistemas de concepción tecnolóxica avanzada que representen mellora na eficiencia productiva ou en parámetros de calidade.

c) Custos orixinados polo desenvolvemento de proxectos de asociacións e agrupacións empresariais para promoción de actividades de apoio e fomento de industrias, de servicios ás empresas e á iden

tificación e desenvolvemento de actuacións pertencentes a conglomerados industriais e asociacións.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas teranse en conta os seguintes criterios:

a) Calidade técnica do proxecto.

b) Contribución do proxecto á mellora da competitividade do sector no que está inmerso.

c) Contribución do proxecto á creación, directa o indirecta, de emprego ou novas empresas.

d) Contribución do proxecto á potenciación dos conglomerados industriais.

e) Contribución do proxecto á revitalización de zonas menos favorecidas da Comunidade Autónoma.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

As axudas non poderán superar con carácter xeral, e para calquera tipo de actuación, unha contía máxima do 40% do custo do investimento subvencionable. Ademais, para actuacións contidas na alínea a) do artigo 4º, as axudas non superarán o importe de 1.000.000 de pesetas por proxecto e 4.000.000 por empresa, do importe do traballo realizado por entidade externa.

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O modelo oficial de solicitude, do que se publica a cara externa como anexo I da presente orde, esta á disposición dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio e na Internet na dirección http://www.xunta.es/conselle/in.

O prazo para a súa presentación será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As ditas solicitudes presentaranse por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias) segundo o modelo que figura nos anexos desta orde, e constarán da seguinte documentación:

a) Anexo I debidamente cuberto.

b) Formulario cuberto segundo o modelo que figura como anexo II.

c) Declaracion expresa doutras axudas, cumprimento de obrigas fiscais, de estar ó día en obrigas coa Seguridade Social e a Comunidade Autónoma, segundo o punto 6 do formulario (anexo II).

d) Copia compulsada do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou da licencia fiscal.

e) Copia compulsada do NIF/CIF.

f) Copia compulsada do documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante e do seu DNI.

g) Para as empresas suxeitas ós requisistos establecidos nos parágrafos 2 e 3 do artigo 3º, declaración relacionando os traballadores e o seu tipo de contrato (fixo ou temporal) e, se é o caso, os compromisos requiridos no dito artigo.

Artigo 8º.-Emenda de defectos.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición logo da correspondente resolución de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Valoración dos proxectos.

Por cada expediente, os xefes de servicio de xestión de cada delegación provincial emitirán un informe de cumprimento dos requisitos esixidos na convocatoria.

As solicitudes, ás que se lles achegará o devandito informe, serán estudiadas por unha comisión constituída polo titular da dirección xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas ou persoa na que delegue, que a presidirá, actuarán como vocais un subdirector xeral, un xefe de servicio da dirección xeral de Programas Industrias e Infraestructuras Tecnolóxicas, máis os catro delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou, no seu defecto, os xefes de Servicio de Xestión de cada delegación provincial. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de servicio da dirección xeral.

Artigo 10º.-Resolución e aceptación de axudas.

Á vista do informe da comisión técnica de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde o día seguinte á publicacion desta orde.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima ó interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade, co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fora, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do devandito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Industria e Comercio ou ante o delegado provincial, segundo proceda, no prazo dun mes se o acto fose expreso; se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa do dereitos e intereses por parte dos interesados.

A resolución de concesión determinará, cando menos, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda dentro dos límites establecidos por esta orde e o importe da subvención concedida. No caso de subvención plurianual, determinaranse tamén as cantidades concedidas con cargo ós orzamentos de exercicios posteriores.

Unha vez concedida a subvención, está deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á súa notificación, coas condicións específicas que se recollen nesta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Ámbito temporal e actuacións plurianuais.

A presente orde aplicarase ás actuacións establecidas no artigo 4º, sempre que se iniciaran ou realizaran durante o ano natural de 2000.

No caso de actuacións plurianuais que sobrepasen o exercicio 2000, poderanse establece-los corres-

pondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, tendo que aterse ó disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

No caso de proxectos plurianuais, nos que a totalidade da subvención supere os cinco millóns de pesetas, poderanse efectuar pagamentos parciais, á conta da liquidación que se perciba, cumprindo os requisitos que para o efecto determina o artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000.

Cando estes prazos sufrisen calquera alteración derivada do propio desenvolvemento do investimento, notificaráselle á Consellería de Industria e Comercio para o correspondente reaxuste das anualidades comprometidas.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizaran con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Nos proxectos plurianuais, entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final de ano corresponde á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para a cobranza da devandita anualidade.

Artigo 12º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento de cada anualidade da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas contempladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o día 31 de outubro, inclusive.

Esta documentación xustificativa, que se presentará por triplicado ejemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias), constará dos seguintes documentos:

a) Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Documentos acreditativos do investimento ou actuación (facturas e documentos xustificativos do pagamento).

c) Para todos aqueles investimentos intanxibles deberá presentarse, así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, manuais, planos, etc. que se realizaran ou desenvolveran, así como unha copia dos certificados que se obtiveran.

d) Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra Administración, ente público ou privado nacional ou internacional, indicando a súa contía.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se deba realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

f) Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

g) Documento acreditativo de que se alcanzan os niveis de estabilidade laboral ó que se refire o artigo 3º.

h) No caso de tratarse dunha subvención plurianual que supere os 5.000.000 de pesetas, xustificante acreditativo do depósito na Caixa Xeral de Depósitos, por tempo indefinido, do aval bancario que garanta o importe da anualidade da cal se estea a tramita-lo pagamento, así como dos seus correspondentes xuros por un prazo que medie entre a data de solicitude do pagamento da correspondente anualidade y a data límite que se estableza para a xustificación da última anualidade.

i) Calquera outro documento que se requiran na resolución particular de concesión da subvención.

Artigo 13º.-Modificación do proxecto subvencionado.

Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio antes do 15 de outubro, inclusive, do ano correspondente. A conformidade expresa da Consellería de Industria e Comercio ás ditas modificacións requirirá informe favorable dos servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

De acordo co establecido no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14º.-Pagamento da subvención.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e demais condicións impostas na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente.

Así mesmo, dentro do epígrafe de adquisición de equipamento, cando a entrega do equipamento no exercicio corrente esixa o pagamento de calquera tipo de anticipos no exercicio anterior, os ditos pagamentos consideraranse parte do investimento do presente exercicio.

Artigo 15º.-Concorrencia de axudas.

De acordo co establecido no Acordo da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 1999, no que se establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario, e se autoriza a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento, que se publicou mediante Resolución do 30 de novembro de 1999, cando o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario, procederá ó reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 16º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, de se-lo caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 17º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde, ou as que, se é o caso, se

inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, despois da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Os beneficiarios atópanse suxeitos ó réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 18º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme co establecido nos parágrafos primeiro e segundo do artigo anterior.

Artigo 19º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado na Lei 8/1999, do 30 de decembro, e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.

Disposición adicional

Poderanse acoller ás axudas que se regulan na presente orde os investimentos executados no exercicio 1999 para o que se presentou solicitude ó abeiro da orde de axudas desta consellería do 29 de marzo de 1999 e que non foron atendidas polas limitacións orzamentarias, sempre que o interesado así o solicite.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio