Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 08 de xuño de 2000 Páx. 8.801

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 30 de maio de 2000 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para o fomento da innovación empresarial e prestación de servicios no sector da minería na Comunidade Autónoma galega para o ano 2000.

As empresas asumirán continuamente novos retos derivados da evolución tecnolóxica. Para poder competir deben realizar cambios continuos nos procesos productivos, nos productos e na propia organización empresarial.

Todo iso esixe que se deban realizar permanentemente investimentos en actividades de I+D ou ben na adquisición de novos equipos tecnoloxicamente avanzados.

A competitividade das empresas é fundamental para a creación e mantemento do emprego. Nos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia, do 30 de xullo de 1999, xa se indicaba que o reforzo da base productiva da nosa economía, xunto co aproveitamento máis eficaz do seu potencial de desenvolvemento, é a única garantía dun crecemento sostido e dun emprego máis estable e de calidade.

Como resultado da análise das liñas estratéxicas de actuación sobre os sectores da nosa economía establecéronse catro complexos prioritarios, integrados por redes de actividades, entre os que figura o das actividades prioritarias do sector industrial nas que se inscriben as relacionadas cos minerais non metálicos.

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril do 2000, segundo o cal, «en tanto no recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómico axustándose ás directrices, tanto horizontais como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, de se-lo caso, ós límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas de España para o Período 2000-2006».

En consecuencia como un instrumento de execución do anexo III «medidas estratéxicas para os sectores productivos» dos mencionados acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia:

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas para o fomento da innovación, a calidade e a mellora da seguridade nas empresas así como a prestación de servicios por agrupacións de empresas ou asociacións no complexo de actividades industriais relacionadas coas industrias extractivas, os minerais non metálicos e a xeoloxía. Así mesmo, fanse públicas as bases polas que se rexerán en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión destas axudas a Dirección Xeral de Industria destinará un máximo de 980.000.000 de ptas. (novecentos oitenta millóns de pesetas) que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.02.743.A.770.0 «Empresas privadas; fomento de investigación de minerais non metálicos» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000. Poderanse establece-los correspondentes compromisos plurianuais dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente.

Artigo 3º.-Beneficiarios e ámbito de aplicación.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas privadas, asociacións ou agrupacións de empresas sen ánimo de lucro que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que pertenzan ó complexo de actividades industriais relacionadas coas industrias extractivas, os minerais non metálicos e a xeoloxía.

b) Que teñan o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia ou que realicen o proxecto obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

c) Que se encontre ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

d) Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.

e) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade para obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

f) Ademais, en virtude do acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaoito de febreiro de mil novecentos noventa e nove, para que unha empresa poida adquiri-la condición de beneficiaria de axudas, será necesario que o 35% do seu cadro de persoal teña contratos por tempo indefinido.

Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó final do prazo que se conceda para tal efecto.

As empresas xa esistentes deberán comprometerse, igualmente, a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de se-lo caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

O cumprimento dos requisitos anteriores non se esixirá en relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

O citado requisito tampouco se lles esixirá ás empresas con menos de 10 traballadores, neste caso a porcentaxe de estabilidade mínima laboral esixida reducirase ó 33%.

Tampouco será necesario cumpri-lo dito requisito nas subvencións inferiores a 10 millóns de pesetas (60.101,21 euros) por proxecto de investimento.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ás seguintes actuacións sempre que se inicien no ano 2000:

1. Actuacións en materia de innovación:

a) Estudios previos á innovación: a realización de diagnósticos tecnolóxicos, estudios de prospectiva e coñecemento do estado da arte tecnolóxica e a súas aplicacións no contorno empresarial co obxecto de defini-las tecnoloxías que debe incorporar para mellora-lo proceso de producción. Análise prospectiva de mercados estratéxicos, así como do contorno competitivo en xeral (Benchmarking).

b) Innovación no proceso productivo: estudios de viabilidade de novos procesos de producción ou a introducción de cambios nos existentes. Estudios para a implantación de técnicas de xestión empresarial encamiñadas á mellora da eficacia nos procesos xa implantados, dentro das distintas áreas funcionais da empresa. Adquisición de bens de equipo e novos sistemas de concepción tecnolóxica avanzada, que representen mellora na eficiencia productiva e/ou en parámetros de calidade. Adquisición de patentes de procesos, vinculados á finalidade da súa implantación na Comunidade Autónoma, que supoñan unha novidade dentro do tecido productivo de Galicia.

c) Innovación en producto: estudios de viabilidade que teñan como obxecto a análise de posta en marcha de estratexias de diversificación productiva. Incorporación de técnicas de deseño nas actividades empresariais.

2. Actuacións en materia de calidade:

a) Accións encamiñadas ó deseño, desenvolvemento e implantación de sistemas de xestión da calidade de acordo coas normas da serie ISO 9000. Neste punto considerarase investimento subvencionable os custos derivados da consultoría externa realizada por entidades de recoñecida experiencia.

b) Obtención da certificación correspondente á implantación de sistemas de xestión da calidade. Considerase como investimento subvencionable os custos debidos á entidade certificadora acreditada polo correspondente organismo, derivados das auditorías así como os da concesión, tramitación, rexistro ou emisión da certificación.

c) Accións encamiñadas ó desenvolvemento de plans de calibración de equipos de medida, co obxecto de aseguramento da trazabilidade e uniformidade dos resultados das medicións, incluíndo os instrumentos e patróns de medida, os materias de referencia e aparellos auxiliares necesarios para as medicións.

3. Actuacións para mellora-las condicións de seguridade e saúde das actividades mineiras que contribúan á prevención de accidentes de traballo e enfermidades profesionais. Serán incentivables actuacións que supoñan unha minoración dos índices de po e ruído nas explotaciones e naves de elaboración.

4. Custos orixinados polo desenvolvemento de proxectos realizados por asociacións e agrupacións empresariais do complexo industrial dos minerais non metálicos, para investimentos en infraestructuras, prestación de servicios e promoción das empresas e os seus productos.

En xeral tódolos estudios e proxectos de consultoría deberán ser realizados por empresas ou entidades externas con experiencia recoñecida na materia de que se trate.

Artigo 5º.-Criterios de adxudicación.

Para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas teranse en conta as actuacións prioritarias que se establecen no punto relativo ó sector dos minerais non metálicos dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia formalizado o 30 de xullo de 1990.

Así, serán prioritarias as actuacións que teñan por obxecto o desenvolvemento de políticas comerciais para incrementa-la presencia en mercados tradicionais e novos. Os proxectos que permitan a optimización das fases de fabricación, aproveitamento de residuos e mellora enerxética e ambiental dos procesos de fabricación. Serán tamén prioritarias as actuacións que melloren a calidade do producto e as condicións de seguridade e saúde das explotacións.

Terase en conta o efecto multiplicador que o proxecto poida ter sobre a riqueza, a súa contribución a incrementa-lo valor da materia prima, o peche de ciclos productivos a partir de productos autóctonos, e a súa relación coas actividades do conglomerado industrial dos minerais non metálicos.

Así mesmo, considerarase especialmente a contribución ó mantemento ou creación de emprego estable.

Artigo 6º.-Contía das subvencións.

As axudas non poderán superar, con carácter xeral e para calquera tipo de actuación, unha contía máxima do 40% do custo do investimento subvencionable. Para as actuacións de promoción das empresas e os seus productos recollidas no punto 4 do artigo 4º, a subvención poderá acadar un límite máximo do 70%.

Título II

Tramitación administrativa

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegaciones provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O modelo oficial de solicitude, do que a súa carauta externa se publica como anexo I da presente orde, está a disposición dos interesados, de forma íntegra nas dependencias da Dirección Xeral de Industria, nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, ou a través de Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/in.

O prazo para a súa presentación será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As ditas solicitudes presentaranse por triplicado segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, acompañadas da seguinte documentación:

1. Aquela que acredite a personalidade, natureza e réxime xurídico da entidade solicitante, tendo en conta que:

a) Se é unha fundación, asociación ou entidade sen ánimo de lucro deberá achegar copia cotexada da escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro correspondente, debendo quedar acreditado, se fora o caso, a súa condición de entidade sen ánimo de lucro.

b) Se é unha empresa, documentación acreditativa da súa constitución legal, inscrición no correspondente rexistro, domicilio social e do seu centro de traballo en Galicia se fora o caso.

2. Copias cotexadas do documento nacional de identidade e do documento público acreditativo do poder con que actúa quen representa a empresa ou a entidade solicitante.

3. Copias cotexadas da tarxeta de identificación fiscal NIF/CIF segundo proceda, e do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE).

4. Memoria explicativa do proxecto que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das súas actividades principais, descrición detallada dos investimentos do proxecto e efectos esperados, así como a súa relación co proceso productivo (anexo II). Para as accións de promoción das empresas e os seus productos ás que se refiere o punto 4 do artigo cuarto, deberase concreta-las empresas actuacións e orzamento detallado da participación de cada unha das empresas integrantes da acción.

5. Orzamento desagregado do investimento (anexo II).

6. Calendario de execución do investimento, con referencia a cada unha das actuacións que configuran o proxecto (mes de inicio/mes finalización) (anexo II).

7. Declaración expresa doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Declaración expresa de estar ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social e de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia (anexo II).

8. Para as empresas suxeitas ós requisitos establecidos na letra f) do artigo terceiro que se refiren

ás esixencias de contratación estable de traballadores, presentarase declaración relacionando os traballadores e o seu tipo de contrato (fixo ou temporal) de se-lo caso, os compromisos requiridos no dito artigo.

Artigo 8º.-Emenda de defectos.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, considerarase desistido da súa petición e procederase conforme o establecido no artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Valoración dos proxectos.

Os servicios de xestión das distintas unidades tramitadoras deberán emitir para cada solicitude de subvención, como paso previo para proceder á súa valoración, un informe relativo ó cumprimento dos requisitos que establece o artigo 7º para as solicitudes.

Os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio emitirán un informe no que se avalíe o grao de cumprimento dos criterios de adxudicación establecidos no artigo 5º desta orde.

Artigo 10º.-Resolución.

O conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictarán a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a publicación desta orde.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións, expresas ou presuntas, que se dicten ó amparo do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer, de se-lo caso, recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de industria e comercio, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a súa notificación, segundo os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, sen prexuízo de que

os interesados poidan exercer calquera outro que estimen oportuno.

A resolución de concesión determinará, cando menos, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda dentro dos límites establecidos por esta orde e o importe da subvención concedida. No caso de subvención plurianual, determinaranse tamén as cantidades concedidas con cargo ós orzamentos de exercicios posteriores.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte á súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Actuacións plurianuais.

No caso de actuacións plurianuais, que excedan do exercicio 2000, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, segundo o disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e función pública e actuación administrativa.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario. Se a materialización ou o pagamento do investimento se anticipase ó calendario establecido na resolución de concesión e non fora posible o reaxuste das anualidades de subvención, o investimento ou pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade da Consellería de Industria e Comercio a que se refire o artigo 13º da presente orde.

Nos proxectos plurianuais, entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata o final de ano, corresponden á anualidade seguinte, e polo tanto poderanse presentar como xustificantes para o cobramento desta anualidade.

Artigo 12º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento de cada anualidade da subvención, o beneficiario deberá ter realizado e xustificado antes do 15 de novembro do ano que corresponda, as actuacións que fosen obxecto de subvención, debendo presentar, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio a documentación acreditativa de ter realizado e pagado o investimento que estará

formada por tres exemplares dos seguintes documentos:

1. Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

2. Documentos acreditativos do investimento ou actuación consistentes nas facturas e documentos xustificativos do pagamento realizado.

3. Para todos aqueles investimentos intanxibles deberá presentarse así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, manuais, plans, etc. que se realizasen ou desenvolvesen, así como unha copia dos certificados que se obtivesen.

4. Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; indicando a súa contía.

5. Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se deba realiza-lo pagamento, na que conste: orixinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

6. Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

7. Documento acreditativo de que se acadan os niveis de estabilidade laboral a que se refire o artigo 3º.

8. O beneficiario de cualquera subvención plurianual, na que o seu importe total supere os 5.000.000 de pesetas, deberá achegar ademais, o xustificante acreditativo do depósito na Caixa Xeral de Depósitos, do aval bancario ou de entidade aseguradora, que garanta por tempo indefinido o importe da anualidade da que se estea tramitando o pagamento, así como os seus correspondentes xuros, xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que estea nese momento vixente, por un prazo que medie entre a data de solicitude do pagamento da correspondente anualidade e a data límite que se estableza para a xustificación da última das anualidades da subvención.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non foran remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale podería entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 13º.-Modificación do proxecto subvencionado.

Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico ou os prazos de execución dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento considerado subvencionable, o beneficiario deberá comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio antes

do 15 de outubro do ano correspondente. A conformidade expresa da Consellería de Industria e Comercio ás ditas modificacións requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Industria, e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

De acordo co establecido no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a actuación concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14º.-Pagamento da subvención.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio, trala inspección realizada de se-lo caso, certificasen que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e o recollido na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda reducirase proporcionalmente, sempre que a minoración de custo non supuxese unha realización deficiente do proxecto.

Artigo 15º.-Concorrencia de axudas.

De acordo co establecido no acordo da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 1999, no que se establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario, e autorízase a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento, que se publicou mediante Resolución do 30 de novembro de 1999, cando o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario, ou se é o caso, a porcentaxe máxima de subvención establecida para cada actividade nesta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autónoma, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen derivar.

Artigo 16º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas así como ás que poida efectuar, se fora o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento

con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 17º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas nesta orde, ou as que, se fora o caso, se incluíran na resolución, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, dará lugar, despois da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do citado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Os beneficiarios encóntranse suxeitos ó réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e función pública e actuación administrativa.

Artigo 18º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido nos dous primeiros parágrafos do anterior artigo.

Artigo 19º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto na orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e función pública e actuación administrativa, e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000 ou da anualidade que corresponda.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio