Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 07 de xuño de 2000 Páx. 8.724

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 135/2000, do 19 de maio, polo que se cede, a título gratuíto, a parcela que integra o inmoble onde se sitúa o Instituto de Ensino Secundario Sofía Casanova, situado na rúa Ramón y Cajal, s/n, no polígono de Esteiro, no termo municipal de Ferrol (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación (BOE nº 182, do 31 de xullo), ten a titularidade do inmoble denominado Instituto de Bacharelato Camilo Alonso, na actualidade coñecido como Instituto de Ensino Secundario Sofía Casanova, situado na rúa Ramón y Cajal, s/n, no polígono de Esteiro, termo municipal de Ferrol (A Coruña).

Con data do 29 de xaneiro de 1998, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) solicitou da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a cesión dunha parcela de terreo que forma parte do dito inmoble e estrema coa parcela 28A do polígono de Esteiro, e que resulta necesaria para a urbanización da dita parcela 28A.

Mediante Decreto 64/1999, do 11 de marzo (DOG nº 57, do 24), desafectouse do dominio público a antedita parcela que forma parte do dito inmoble, logo do informe favorable da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Con data do 6 de maio de 1999 asinouse a acta de entrega do dito inmoble ó patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante orde da Consellería de Economía e Facenda, do 15 de marzo de 2000, declarouse a alienabilidade do antedito ben inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, logo do informe favorable da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tramitou o expediente de cesión da titularidade da devandita parcela de acordo co previsto nos artigos 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 83 e seguintes do seu regulamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Instituto Galego da Vivenda e Solo dunha parcela de 171,42 m, que integra o inmoble onde se sitúa o Instituto de Ensino Secundario Sofía Casanova,

situado na rúa Ramón y Cajal, s/n, no polígono de Esteiro, termo municipal de Ferrol (A Coruña), que se describe como segue:

«Parcela de forma triangular, na parte posterior da franxa de edificación futura na Avda. de Esteiro, que estrema ó norte, en liña recta de 47 metros aproximadamente, co resto do terreo ocupado polo Instituto de Ensino Secundario Sofía Casanova; ó sur, en liña recta de 46 metros aproximadamente, coa parcela 28A do polígono de Esteiro (Ferrol); ó leste, en liña recta de 8 metros aproximadamente, coa dita parcela 28A».

A dita parcela segregarase do predio matriz inscrito no Rexistro da Propiedade de Ferrol, no tomo 788, libro 165, folio 56, predio número 16.832, inscrición 2ª.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión da parcela descrita será a edificación proxectada na III fase e última da urbanización do polígono de Esteiro en Ferrol (A Coruña).

b) O Instituto Galego da Vivenda e Solo garante a reposición integral do muro que separa o Instituto de Ensino Secundario Sofía Casanova da parcela 28A, así como a apertura dunha porta de acceso directo do instituto ós xardíns do Pilar para que sirva de entrada de vehículos de todo tipo e de esparexemento para tódolos alumnos.

c) Se o ben cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de 2 anos, contados desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

d) Tódolos gastos e impostos derivados da trasmisión, incluído o imposto do incremento de valor dos terreos de natureza urbana, así como os da segregación, serán por conta do cesionario.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda