Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 07 de xuño de 2000 Páx. 8.725

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 136/2000, do 19 de maio, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, á Comunidade Autónoma de Galicia dunha parcela segregada, situada no termo municipal da Cañiza (Pontevedra), para a localización do Centro de Exposición Permanente de recursos da comarca da Paradanta: Expoparadanta.

O Pleno da Corporación municipal do Concello da Cañiza, en sesión que tivo lugar o día 25 de febreiro de 2000, acordou ceder á Comunidade Autónoma de Galicia unha parcela segregada, situada no lugar do Vieiro, no termo municipal da Cañiza (Pontevedra), para a localización do Centro de Exposición Permanente de recursos da comarca da Paradanta: Expoparadanta.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; aínda que non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello da Cañiza acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dunha parcela, no termo municipal da Cañiza (Pontevedra), que a seguir se describe:

Parcela situada no lugar do Vieiro, cunha superficie de sete mil quince metros cadrados, 7.015 m e coa cualificación urbanística de rústica común.

Lindes: norte, Celia Quintáns Álvarez e Antonio Ferreiro; sur, Herminio Quintáns Álvarez (gasolineira); leste, resto do predio matriz; e oeste, Celia Quintáns Álvarez e estrada da Cañiza a Crecente.

A dita parcela foi segregada do predio matriz, inscrito no Rexistro da Propiedade de Ponteareas a favor do Concello da Cañiza, no folio 64, do libro 95 da Cañiza, tomo 1.032 do arquivo, predio nº 10.869, inscrición 1ª.

Artigo 2º

A parcela cedida destinarase á localizción do Centro de Exposición Permanente de recursos da comarca da Paradanta: Expoparadanta.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda