Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 06 de xuño de 2000 Páx. 8.675

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 26 de maio de 2000 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para o desenvolvemento de aplicacións, realización de diagnósticos e implantación de ferramentas de transacción electrónica no ámbito de tecnoloxías da información e as comunicacións na Comunidade Autónoma de Galicia para o año 2000.

A paulatina caída das barreiras comerciais na maioría dos mercados mundiais proporciónalles ás empresas unha oportunidade de novos territorios e mercados nos que poidan desenvolve-las súas estratexias, pero tamén trae consigo un escenario de maior competencia ante o que as empresas deben estar preparadas.

Neste escenario de internacionalización da economía, non cabe dúbida de que a empresa que máis facilidade teña no acceso á información e que realice un tratamento e uso intelixente desta, vai obter una vantaxe competitiva fronte ó resto.

A recente liberalización das telecomunicacións en España esixe o desenvolvemento de aplicacións que proporcionen novos servicios ou funcionalidades ós servicios de telecomunicacións clásicos. Neste sentido, o desenvolvemento de aplicacións e servicios no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións ofrece un nicho de mercado especialmente atractivo para empresas pequenas pero altamente cualificadas, como as que viñeron xurdindo na Comunidade Autónoma galega nestes últimos anos.

Por outra parte, dos estudios encargados pola Consellería de Industria e Comercio acerca da implantación das tecnoloxías da información e as comunicacións nas empresas galegas obtense como resultado máis significativo o descoñecemento existente nas pequenas e medianas empresas sobre as novas tecnoloxías e redes que se lles ofrecen, en parte debido á rápida evolución das tecnoloxías da información e a comunicación que fai verdadeiramente difícil determina-las mellores solucións que se deben aplicar en cada caso. Ademais, as pequenas e medianas empresas carecen, polo xeral, dos elementos necesarios para a toma destas decisións. Por iso resulta necesario deseñar mecanismos que permitan afronta-la etapa inicial deste proceso, a avaliación das solucións dispoñibles e a súa mellor adaptación ós problemas empresariais concretos, co fin de contribuír a que as empresas galegas incorporen estas novas tecnoloxías.

Noutra orde de cousas, a realización de experiencias que permitan a progresiva incorporación de novas vías de comunicación entre empresas, que teñen confianza mutua, para substituír canles tradicionais por canles electrónicas, denominado internacionalmente «bussines to bussines (B2B)», require a implantación de ferramentas de transacción electrónica que solucionen os puntos críticos deste proceso e faciliten a apertura dos mercados.

Continuando a liña de actuación iniciada no ano 1999 pola Consellería de Industria e Comercio, esta orde de axudas cumpre cun triple obxectivo: en primeiro lugar, proporciona axudas económicas para o desenvolvemento de aplicacións e servicios das tecnoloxías da información e a comunicación (axudas que non recollen os conceptos referidos a investigación e desenvolvemento); en segundo lugar, como medida comprendida no Plan de Incorporación de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ás empresas, proporciona axudas económicas para a realización de diagnósticos ou auditorías sobre o estado actual dos sistemas de información, as necesidades e as alternativas tecnolóxicas que se van utilizar, así como na fase de implantación, se é o caso, entendendo esta análise como paso inicial e básico previo para a definición da incorporación de equipos e servicios de información e comunicación á empresa; e, en terceiro lugar, proporciona axudas económicas para a implantación de proxectos de

transacción electrónica entre empresas.

A Subdirección Xeral de Planificación e Fomento Tecnolóxico ten entre as súas funcións a elaboración e execución de programas destinados a fomenta-lo desenvolvemento e a innovación tecnolóxica, dentro dos cales ten cabida o plan mencionado.

Estas axudas financiaranse con Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia, Fondos de Compensación Interterritorial (FCI) e Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal, «En tanto non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica axustándose ás directrices, tanto horizontais, como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, de se-lo caso, os límites de intesidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas de España para o período 2000-2006».

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é desenvolve-lo marco que regule, para o exercicio 2000, a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de aplicacións e servicios relacionados coa integración das tecnoloxías da información e as comunicacións no mundo da empresa, para a incentivación da realización de diagnósticos e para a implantación de ferramentas de transacción electrónica no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, conducentes á mellora da competitividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

As axudas convocadas nesta orde realízanse con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000, correspondendo 100.000.000 de pesetas á partida orzamentaria «08.03.744-A.772.0» -«Empresas privadas; Desenvolvemento de novas aplicacións e servicios de TIC ás empresas»-, e 20.000.000 de pesetas á partida orzamentaria «08.03.754-A.771.0» -«Empresas privadas; Potenciación empresarial á sociedade da información»-, destinándose para o financiamento destas a cantidade global de 120.000.000 de pesetas. Esta cantidade poderá ser incrementada en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Artigo 3º.-Beneficiarios das axudas e ámbito de aplicación.

Poderán ser beneficiarios das axudas as empresas privadas, asociacións, agrupacións de empresas ou entidades sen ánimo de lucro establecidas en Galicia.

No caso de que se trate das actuacións referidas na letra a) do artigo 4º desta orde, as entidades beneficiarias deberán te-lo seu domicilio social radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e que a súa actividade comprenda o desenvolvemento de aplicacións no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións.

Se se trata de actuacións ás que se refire a letra c) do artigo 4º, as entidades beneficiarias non poderán ser empresas provedoras das solucións informáticas de transacción electrónica que se vaian implantar.

Quedan excluídas do obxecto desta orde as actividades referidas á investigación e desenvolvemento.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ó financiamento das seguintes actuacións:

a) Realización de proxectos que teñan por obxecto o desenvolvemento de servicios e/ou aplicacións de tecnoloxías da información e as comunicacións baseadas nas redes de telecomunicación existentes. Os servicios ou aplicacións desenvolvidos deberán ofrecer novas funcionalidades non existentes nas solucións de mercado actualmente dispoñibles.

Consideraranse investimentos subvencionables e, consecuentemente, susceptibles de axudas, os referentes a medios humanos, equipos e ferramentas materiais, formación específica e todos aqueles conceptos debidamente xustificables e imputables á actividade de desenvolvemento. Poderán ser consideradas tamén a realización de accións piloto e experiencias de carácter non comercial sobre as aplicacións desenvolvidas.

Baixo esta denominación terán cabida, a título de exemplo, aplicacións CTI (integración de ordenador e telefonía), aplicacións de teletarificación, novas aplicacións de servicios móbiles e todas aquelas que

acheguen solucións e servicios para novas facilidades de comunicación no mundo da empresa.

Terán cabida, tamén, aplicacións de software de carácter non comercial que propicien un progreso científico-tecnolóxico mediante novos sistemas e algoritmos e/ou linguaxes novas; non serán subvencionables aquelas aplicacións de software das tecnoloxías da información e as comunicacións de actividades habituais ou ordinarias.

Tamén se considerarán as actuacións de mellora de servicios xa existentes e dos que exista unha forte demanda.

b) Realización de diagnósticos dos sistemas de información e comunicación dos beneficiarios (diagnóstico), diagnósticos que terán que resultar na elaboración dun plan de actuación para eles.

Será, así mesmo, obxecto de financiamento a fase de implantación do plan de actuación proposto, en canto ó seguimento e asesoramento na implantación dos obxectivos contidos nel (implantación). A fase de implantación terá que resultar na instalación de solucións de tecnoloxías da información e as comunicacións na empresa, que quedará recollida nun documento de implementación do plan de actuación.

Ámbalas fases, se existisen, deberán incluírse nun só proxecto e deberán ser realizadas por unha única empresa ou entidade externa, con recoñecida experiencia, o que deberá acreditar conforme o explicado no artigo 6º.

As solucións tecnolóxicas que haxa que instalar na fase de implantación non serán obxecto das axudas desta orde, senón que poderán ter cabida noutros instrumentos comprendidos no Plan de Incorporación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación ás empresas.

c) Implantación de proxectos de transacción electrónica sobre canles soportadas en Internet, que permitan o intercambio de productos ou servicios entre polo menos dúas empresas.

Neste caso, consideraranse actuacións subvencionables e susceptibles de axuda as referentes á adquisición de ferramentas software, formación específica e aqueles conceptos imputables á instalación da aplicación. Non se considerarán incluídas ferramentas hardware, ou conceptos tales como cotas de conexión ou mantemento.

Os ditos proxectos deberán ser liderados por unha e só unha empresa e terán por obxecto a instalación de aplicacións entre empresas que veñen realizando transaccións convencionais e desexan automatizar estas transaccións a través de medios electrónicos, o que permitirá mellora-la súa productividade e poderá ser de aplicación a outras empresas do mesmo sector, provedores, distribuidores, servicios externos, etc.

Terán cabida proxectos de acceso a catálogos e tarifas personalizadas, xestión de existencias, xestión de pedimentos, prazos de entrega, históricos

por productos, etc. e non será imprescindible incluír ferramentas de pagamento.

Artigo 5º.-Contía das axudas.

A contía máxima das axudas reguladas nesta orde, para calquera das actuacións subvencionables referidas no artigo 4º, non poderán supera-lo 40% da contía subvencionable.

a) No caso de actuacións subvencionables referidas na letra b) do artigo 4º:

-A contía máxima das axudas para a fase de diagnóstico será de 300.000 pesetas por pequena ou mediana empresa que desexe acollerse e de 150.000 pesetas para as grandes empresas, segundo as definicións da Unión Europea en vigor.

-A contía máxima das axudas para a fase de implantación do plan de actuación proposto será de 300.000 pesetas por pequena ou mediana empresa que desexe acollerse e de 250.000 pesetas para as grandes empresas, segundo as definicións da Unión Europea en vigor.

-No caso de que o proxecto considere as fases de diagnóstico e implantación, a contía máxima conxunta por pequena ou mediana empresa que desexe acollerse elevarase ata 600.000 pesetas e para as grandes empresas ata 400.000 pesetas.

b) No caso das actuacións referidas na letra c) do artigo 4º, as axudas non poderán excede-la cantidade de 1.200.000 pesetas.

TÍTULO II

Tramitación administrativa

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As ditas solicitudes presentaranse por triplicado exemplar (orixinal ou copia cotexada e dúas copias) segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto. Desenvolvemento e obxectivos. No caso de actuacións subvencionables da letra a) do artigo 4º, a memoria deberá incluí-la fase prevista de explotación comercial dos resultados obtidos, así como os antecedentes da enti

dade solicitante e a descrición das súas actividades principais e dos seus proxectos realizados.

b) Orzamento desagregado do investimento e/ou actuación.

c) Calendario de execución do investimento e/ou actuación, con indicación expresa da temporalidade de cada unha das actuacións que configuran o proxecto (mes de inicio/mes de finalización).

d) Para as actuacións referidas na letra b) do artigo 4º, deberá incluírse a acreditación da empresa ou entidade externa que realizará os traballos: escritura de constitución e informe de obxecto social da empresa, persoal actual (xustificación mediante contrato ou documento certo) e traballos realizados nos dous últimos anos en relación as ditas actuacións.

e) No caso de actuacións referidas na letra c) do artigo 4º, deberase xunta-lo acordo ou compromiso escrito coa empresa ou empresas participantes no que recoñezan a súa implicación e o interese en colaborar coa empresa solicitante.

f) Copia cotexada do NIF/CIF e do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou da licencia fiscal.

g) Declaración, segundo anexo III, de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo proxecto en calquera outra administración, entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, indicando a súa contía; declaración expresa de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

h) Copia cotexada do documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante e do seu DNI.

Así mesmo, e co fin de leva-lo control estatístico dos proxectos presentados, deberá cubrirse debidamente o anexo II desta orde, xuntándose por triplicado exemplar á solicitude.

Artigo 7º.-Corrección de defectos.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte ó da recepción do dito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo da resolución de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Estudio e valoración dos proxectos.

Concluída a fase de corrección de defectos, os servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas emitirán informe de valoración do proxecto.

No caso das actuacións referidas na letra a) do artigo 4º, os proxectos valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

-A viabilidade técnica e económica do desenvolvemento proposto, segundo o contido na súa memoria e orzamento.

-A adaptación á resolución de problemas formulados no ámbito da empresa.

-O carácter innovador do desenvolvemento proposto.

-A creación de emprego vinculado ó proxecto.

-A existencia dun Plan de Explotación de Resultados e a estratexia de desenvolvemento.

-A experiencia da entidade ou entidades desenvolvedoras, incluíndo a cualificación dos medios humanos dedicados ó seu desenvolvemento.

-A utilización e o fomento das infraestructuras de telecomunicación dispoñibles na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os criterios que se terán en conta para valora-los proxectos relativos a actuacións da letra b) do artigo 4º son os seguintes:

-Estudios ou actuacións previas realizadas pola empresa en materia de TIC.

-Descrición dos obxectivos e fases de desenvolvemento segundo o recollido na memoria explicativa.

-Claridade e viabilidade dos obxectivos que se pretendan alcanzar.

-Proposta de realización conxunta das fases de diagnóstico e implantación.

-Experiencia e acreditación da entidade externa que realizará os traballos.

No caso das actuacións referidas na letra c) do artigo 4º, os proxectos valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

-A viabilidade técnica e económica do proxecto, segundo o contido na súa memoria e orzamento.

-A adaptación á resolución de problemas formulados no ámbito da empresa.

-O número de empresas vinculadas ó proxecto.

-A utilización e o fomento das infraestructuras de telecomunicación dispoñibles na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na fase de valoración poderá solicitarse o concurso de asesores externos, persoas físicas ou xurídicas, de recoñecida solvencia nas liñas de traballo presentadas nas solicitudes.

Artigo 9º.-Resolución e aceptación das axudas.

Á vista do informe de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio emitirá a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, no caso de que a resolución fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción, poderase interpoñer recurso de reposición ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, se o acto fose expreso; se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo iso sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

A resolución de concesión determinará, polo menos, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda dentro dos límites establecidos por esta orde e o importe da subvención concedida. No caso de subvención plurianual, determinaranse tamén as cantidades concedidas con cargo ós orzamentos de exercicios posteriores.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Ámbito temporal e actuacións plurianuais.

Esta orde aplicarase ás actuacións subvencionables establecidas no artigo 4º, sempre que se iniciasen ou realizasen durante o ano natural do ano 2000.

No caso de actuacións plurianuais, que excedan o exercicio 2000, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, debendo aterse ó disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

No caso de proxectos plurianuais, nos que a totalidade da subvención supere os cinco millóns de pesetas, poderanse efectuar pagamentos parciais, a conta da liquidación que se perciba, cumprindo os requisitos que para o efecto determina o artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o año 2000.

Cando estes prazos sufran calquera alteración derivada do propio desenvolvemento do investimento, notificaráselle á Consellería de Industria e Comercio para o correspondente reaxuste das anualidades comprometidas.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizasen con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Nos proxectos plurianuais entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da dita anualidade.

Artigo 11º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento de cada anualidade da subvención, o beneficiario deberá ter realizadas, antes do 31 de outubro do ano que corresponda, as actuacións que fosen obxecto de subvención, debendo presentar, na respectiva delegación provincial, nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación acreditativa da realización do investimento que estará formada por tres exemplares (orixinal ou copia cotexada e dúas copias) dos seguintes documentos:

a) Informe técnico do proxecto no que se describan as realizacións e actuacións efectuadas, datos e incidencias máis significativas habidas na súa execución e, de se-lo caso, aplicacións e desenvolvementos obtidos coa súa documentación.

b) No caso de actuacións referidas na letra b) do artigo 4º, plan de actuación resultante da fase de diagnóstico e documento de implementación do plan de actuación para a fase de implantación.

c) Documentos acreditativos do investimento e/ou actuación, que incluirán copia das facturas e os seus correspondentes xustificantes de pagamento. Será necesario presenta-las facturas orixinais para comproba-la veracidade das copias presentadas. No caso de custos de persoal, deberán achegarse copia das nóminas e os TC's do persoal dedicado ó proxecto. Se se trata de persoal contratado con destino específico ó proxecto, xuntarase, ademais, copia do dito contrato.

d) Copia de cada un dos estudios, diagnósticos, manuais, planos, etc., que se realizasen ou desenvolvesen.

e) Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra Administración, ente público ou privado, nacional ou internacional, indicando a súa contía.

f) Certificación da conta bancaria onde se debe realiza-lo pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, que deberá consigna-lo código bancario completo, isto é, ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e número de conta.

g) Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

h) No caso de tratarse dunha subvención plurianual, na que a totalidade do importe supere os cinco millóns de pesetas, xustificante acreditativo do depósito na Caixa Xeral de Depósitos, por tempo indefinido que garanta a anualidade da que se está tramitando o pagamento, e os seus correspondentes xuros de demora por un prazo que medie entre a data de solicitude de pagamento da correspondente anualidade e a data límite que se estableza para a xustificación da última anualidade.

i) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da subvención.

Considéranse subvencionables os investimentos realizados con posterioridade ó 1 de xaneiro do ano 2000 e antes da data límite da xustificación. As actuacións deberanse iniciar necesariamente no exercicio no que se solicita a axuda.

Artigo 12º.-Modificación do proxecto subvencionado.

No caso de que por circunstancias técnicas se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio antes do 15 de outubro do ano correspondente. A conformidade expresa da Consellería de Industria e Comercio ás ditas modificacións

requirirá informe favorable dos servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

De acordo co establecido no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certificasen, de se-lo caso, logo da inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto da subvención. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente.

Artigo 14º.-Concorrencia de axudas.

De acordo co establecido no acordo da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 1999, no que se establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario, e se autoriza á Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento, que se publicou mediante Resolución do 30 de novembro de 1999, cando o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario, procederá ó reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen derivarse.

Artigo 15º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios

teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 16º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas nesta orde, ou as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, logo da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Os beneficiarios atópanse suxeitos ó réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións que establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 17º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido nos parágrafos primeiro e segundo do artigo anterior.

Artigo 18º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio