Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 06 de xuño de 2000 Páx. 8.668

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 25 de maio de 2000 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para a habilitación e mellora de infraestructuras nos parques empresariais recintos de localización preferente de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os parques empresariais e as infraestructuras de solo empresarial creadas hai anos e cun alto nivel de ocupación de empresas van tendo, como consecuencia do tempo transcorrido, determinadas carencias infraestructurais e novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás esixencias de normativas actuais e de servicios comúns de carácter xeral que lles permita unha actualización permanente fronte ós seus competidores.

A necesidade de renovación destas infraestructuras, para evita-la súa obsolescencia, ou de habilitación doutras novas non previstas na súa orixe, e co obxecto de motiva-lo esforzo común de constante mellora competitiva de oferta de solo empresarial, como elemento dinamizador da economía e do emprego local, dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á Comunidade Autónoma, a Consellería de Industria e Comercio estima oportuno establecer medidas de apoio a actividade económica a través de proxectos investidores en materia de infraestructuras de instalacións e de servicios ás empresas.

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal: «En tanto non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica axustándose ás directrices, tanto horizontais como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, se é o caso, os límites de intensidade autorizados a Galicia no mapa Rexio

nal de Axudas de España para o período 2000-2006».

Na súa virtude, e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Habilitación de infraestructuras e servicios

Artigo 1º.-Obxecto da axuda.

O obxecto da axuda é a mellora dos servicios e o acondicionamento de infraestructuras existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais poidan dispoñer condicións máis competitivas para desenvolve-la súa actividade económica.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, de acordo co obxecto desta orde, nos parques empresariais radicados no seu termo municipal antes do 1 de xaneiro de 1995 e cun nivel de ocupación alomenos do 25% das parcelas dispoñibles.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Serán subvencionables:

A) A elaboración ou execución de estudios e proxectos de investimentos para a incorporación de novos servicios e a actualización e mellora das infraestructuras existentes en materia de comunicación, subministracións enerxéticas, iluminación, saneamento e reparación de vías.

B) A realización de instalacións centralizadas de producción de calor ou electricidade, sempre e cando se cumpran os requisitos establecidos no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

C) A dotación de infraestructuras de servicios avanzados que poidan ser prestados con carácter horizontal e que supoñan unha mellora en materia de xestión, seguridade, formación.

Artigo 4º.-Contía de axuda.

Estas axudas financiaranse con cargo á partida 08.02.661-C.760.0 «Actuacións en materia de infraestructuras en polígonos industriais» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2000, cun crédito de 229.420.180 ptas.

Con cargo á devandita aplicación a contía máxima da subvención neta equivalente poderá acadar:

Ata o 100% do custo de elaboración dos estudios ou proxectos técnicos.

Ata o 40% do investimento incentivable na execución, de proxectos de mellora ou acondicionamento de infraestructuras e servicios.

Artigo 5º.-Solicitudes de concesión de axudas.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura no anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, xunto cos seguintes documentos:

-Anexo I debidamente cuberto.

-Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver de conformidade coa presente orde e prazo de execución, que levará como anexo unha relación de empresas situadas no parque empresarial, co correspondente número do Rexistro de Establecementos Industriais.

-Orzamento detallado por capítulos e conceptos das actuacións.

-No caso de execución de obras, proxecto asinado por técnico facultado e visado polo colexio oficial correspondente.

-Informe urbanístico emitido polo concello no que se indique que a actuación para a que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no concello ou, se é o caso, que o investimento non precisa licencia municipal.

-Titularidade das infraestructuras do proxecto ou autorización expresa das actuacións no caso de que o solicitante non sexa o titular.

-Declaración doutras axudas solicitadas.

-No caso de instalacións centralizadas de producción de calor ou electricidade acompañará convenio específico do concello coas empresas implicadas na xeración de enerxía residuais.

Capítulo II

Abastecemento de gas natural

Artigo 6º.-Obxecto da axuda.

O obxecto da axuda é a incorporación ós parques empresariais da subministración de gas natural a fin de que as empresas radicadas neles poidan dispoñer da oferta desta nova forma enerxética para as súas actividades.

Artigo 7º.-Beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas serán as empresas subministradoras que asinen un convenio específico cos concellos afectados e que realicen investimentos de acordo co obxecto desta orde.

Segundo o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 18-2-1999, cando as consellerías, organismos autónomos, sociedades públicas e demais entidades dependentes da Comunidade Autónoma, destinadas a promove-lo investimento privado en activos fixos productivos, ademais dos requisitos que se esixen na convocatoria, só poderá adquirirse a condición de beneficiario:

a) Cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante da axuda teña contratos por tempo indefinido.

b) Cando as empresas teñan menos de 10 traballadores a porcentaxe de estabilidade mínima laboral esixida reducirase ó 33%.

c) Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto.

d) As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que subvencione.

O cumprimento dos requisitos sinalados anteriormente para ser beneficiario de axudas públicas non se esixirá nos seguintes casos:

1. En relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cando as subvencións sexan inferiores a 10 millóns por proxecto de investimento.

3. Nin outras formas de axudas públicas como garantías, participación en capital social, préstamos directos participativos ou outras formas asimiladas.

Artigo 8º.-Actuacións subvencionables.

Serán subvencionables:

Conexión de gas natural para abastecemento ós parques empresariais cun previsible baixo nivel de demanda e que supoñan un percorrido non superior a 5 km desde un ramal próximo de subministración a 16 bares de presión, que non requira o establecemento dunha estación reguladora.

Artigo 9º.-Contía de axuda.

Estas axudas financiaranse con cargo á partida 08.02.631-A.770.0 «Segunda fase de gasificación» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2000, cun crédito de 30.000.000 de ptas. destinado para esta orde.

Con cargo á devandita aplicación a contía máxima da subvención neta equivalente poderá acadar:

Ata o 30% das conexións de gas natural ós parques empresariais.

Artigo 10º.-Solicitudes de concesión de axudas.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura no anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, xunto cos seguintes documentos:

-Anexo II debidamente cuberto.

-Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver de conformidade coa presente orde e prazo de execución, que levará como anexo unha relación de empresas situadas no parque empresarial, co correspondente número do Rexistro de Establecementos Industriais.

-Orzamento detallado por capítulos e conceptos das actuacións.

-Proxecto asinado por técnico facultado e visado polo colexio oficial correspondente.

-Informe urbanístico emitido polo concello no que se indique que a actuación para a que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no concello ou, se é o caso, que o investimento non precisa licencia municipal.

-Titularidade das infraestructuras do proxecto ou autorización expresa das actuacións no caso de que o solicitante non sexa o titular.

-Declaración doutras axudas solicitadas.

-Convenio específico do concello coa empresa subministradora de gas para a execución do proxecto.

-Informe da Inspección Provincial de Traballo do cumprimento do artigo 7º ou, se é o caso, compromiso de cumprimento do artigo 7º alínea c).

-Copia cotexada do último recibo do pagamento do imposto de actividades económicas.

-Fotocopia cotexada do NIF/CIF.

Capítulo III

Tramitación de solicitudes

Artigo 11º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio presentaranse por triplicado no rexistro xeral dos servicios centrais, nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado do rexistro coa administración da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro dos 45 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Corrección de defectos.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto, o interesado será requirido para que nun prazo de 10 días a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa petición e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Comisión de valoración.

Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiránselle á comisión para propoñe-la aprobación ou denegación de axudas seguindo os criterios de valoración.

A comisión de valoración, que estará presidida polo subdirector xeral de Administración Industrial, o xefe de servicio de Seguridade Industrial, que actuará como secretario, os delegados provinciais da Consellería de Industria e, na súa ausencia, os xefes de servicio que designen.

Artigo 14º.-Criterios de valoración.

1. Adecuación das actuacións ó obxecto desta orde.

2. O ámbito territorial das actuacións.

3. Antigüidade das infraestructuras.

4. A non percepción doutras axudas.

Artigo 15º.-Resolución.

1. Unha vez emitido o informe-proposta pola comisión de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio ou, se é o caso, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda. No suposto B) das actuacións subvencionables sinaladas no artigo 3º e no suposto do artigo 8º, a devandita resolución emitirase despois informe do Instituto Enerxético de Galicia.

2. Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que ó tempo se inclúan na resolución. No caso contrario entenderase que o beneficiario renuncia á axuda e procederase conforme o disposto no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. As resolucións que se dicten ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do seguinte á súa notificación, segundo os artigos 116 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou ben recurso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade cos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, nun prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación, sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar calquera outro que estimen oportuno.

4. A resolución de concesión determinará, cando menos, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe da subvención que corresponda dentro dos límites establecidos nesta orde e co importe da subvención concedida. No caso de subvencións plurianuais, determinará tamén as cantidades concedidas con cargo ós orzamentos de exercicios posteriores.

Artigo 16º.-Prazo de resolución.

A non notificación da resolución expresa no prazo de cinco meses desde a publicación da presente orde, lexitima o interesado para entender desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 17º.-Xustificación do investimento e pagamento da axuda concedida.

Para percibiren a subvención, os beneficiarios deberán achega-la documentación acreditativa da realización das actuacións previstas, que motivaron

a concesión da axuda, nos servicios centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, acompañada da seguinte documentación:

-Solicitude de cobramento.

-Dous exemplares da memoria na que se detallen os investimentos e gastos realizados ou o estudio ou proxecto técnico elaborado, que deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión da subvención.

-Certificacións por conceptos e de fin de obra, visados polo correspondente colexio oficial e asinados polo técnico director, no caso de que o investimento subvencionable sexa a realización de obras ou de instalacións.

-Acreditar previamente ó cobramento que se encontra ó día das súas obrigas tributarias e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás o caso de que estean exceptuadas por disposición legal.

-Declaración complementaria das axudas solicitadas tanto concedidas ou pendentes de resolución para actividade realizada, calquera outra administración, ente público ou privado, nacional ou internacional ou calquera outra, indicando a súa contía.

-Informe da Inspección de Traballo do cumprimento do artigo 7º alíneas c) e d) da presente orde, segundo lle corresponda.

-Os beneficiarios presentarán a devandita documentación acreditativa dos investimentos e gastos realizados antes do 30 de novembro de 2000.

-A percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio informen a realización do investimento de acordo coas actuacións obxecto da resolución.

-Para o aboamento da subvención uniráselle á documentación xa sinalada unha certificación da conta bancaria, na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde se debe realiza -lo aboamento, expedida pola propia entidade bancaria.

-No caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual, de acordo co establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, deberá entregarse ademais, resgardo acreditativo da constitución por tempo indefinido do aval bancario ou da entidade aseguradora que garanta o importe da anualidade da cal o pagamento se esta a tramitar, así como os seus correspondentes intereses de mora, conforme o xuro legal do diñeiro fixado en cada momento polo prazo que medie entre a data de solicitude de pagamento da correspondente anualidade e a data límite que se estableza para a xustificación da última das anualidades.

Artigo 18º.-Anticipos.

Con carácter excepcional, e por resolución motivada do conselleiro de Industria e Comercio ou do delegado provincial, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50% da subvención concedida, naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos, de acordo coas condicións establecidas no artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000.

Artigo 19º.-Actuacións plurianuais.

Se fose o caso, poderanse conceder axudas de carácter plurianual, con cargo ás cantidades que proporcionalmente lle correspondan a cada un dos orzamentos respectivos, de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 20º.-Modificación do proxecto subvencionado.

De acordo co establecido no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, podería dar lugar a modificación da resolución de concesión.

Excepcionalmente, cando por circunstancias técnicas xustificadas se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios, solicitando a conformidade, se procede á Consellería de Industria e Comercio, antes do 1 de outubro do ano correspondente, que só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

Así mesmo, cando os prazos establecidos nas actuacións subvencionables sufriran algunha alteración derivada do propio desenvolvemento do investimento, notificarase á Consellería de Industria e Comercio para o reaxuste das anualidades comprometidas.

Para a conformidade expresa da Consellería de Industria e Comercio, as ditas modificacións requirirán informe favorable dos servicios técnicos provinciais da Consellería de Industria e Comercio.

Artigo 21º.-Reducción e concorrencia de axudas.

No caso de que o investimento ou actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto e sempre que esta minorización non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Cando, por concorrencia de subvencións ou axudas, o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida no artigo 4º desta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que se puidesen derivar.

Artigo 22º.-Revogación.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.9º da citada lei, despois de audiencia do interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e mailos xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do reiterado Decreto lexislativo 1/1999.

Artigo 23º.-Renuncia.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo anterior.

Artigo 24º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que a Consellería de Industria e Comercio que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas. No suposto de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 25º.-Réxime xurídico.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro; a Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000; e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio