Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 06 de xuño de 2000 Páx. 8.667

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de maio de 2000 pola que se reabre o prazo de presentación de solicitudes e se modifica a contía e o período de realización de dúas bolsas para formación en temas de investigación mariña de técnicos especialistas en formación profesional de segundo grao e ciclos formativos de grao superior, convocadas no anexo V da Orde do 6 de marzo de 2000 (DOG do 13 de marzo).

A orde conxunta da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 6 de marzo de 2000, pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e de bolsas correspondentes ó Programa de Investigación Mariña do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, no seu anexo V convocaba bolsas para formación en temas de investigación mariña de técnicos especialistas en formación profesional de segundo grao e ciclos formativos de grao superior (DOG do 13 de marzo).

De conformidade co disposto na base 8 do anexo V, por resolución conxunta da Secretaría de Xeral de Investigación e Desenvolvemento e da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, do 9 de maio de 2000, adxudicáronse as devanditas bolsas, declarándose deserta a bolsa dirixida a técnicos superiores en administración de sistemas informáticos ou técnicos superiores en desenvolvemento de aplicacións informáticas ó non presentarse solicitudes á convocatoria e, así mesmo, producíndose outra vacante nas bolsas dirixidas a técnicos especialistas en análise e procesos básicos por renunciaren a ela tódolos candidatos seleccionados.

DISPONSE:

Artigo 1º

Reábrese o prazo de presentación de solicitudes de:

-1 bolsa para técnicos superiores en administración de sistemas informáticos ou técnicos superiores en desenvolvemento de aplicacións informáticas. Centro de realización: Centro de Investigacións Mariñas.

-1 bolsa para técnicos especialistas en análise e procesos básicos. Centro de realización: Centro de Investigacións Mariñas convocadas por orde conxunta da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 6 de marzo de 2000 (DOG nº 50, do 13 de marzo).

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Se a documentación achegada estivese incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días complete ou emende as deficiencias observadas, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 2º

A duración destas bolsas é de 10 meses comprendidos entre xullo de 2000 e abril de 2001, e poderá ser prorrogada por un novo período de 12 meses.

A prórroga farase na mesma forma e condicións que se establecen no anexo V da citada Orde do 6 de marzo.

Artigo 3º

Para estas bolsas destinarase ata un máximo de 1.791.000 ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.432.A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dos anos 2000 e 2001 (1.080.000 ptas. no ano 2000 e 711.000 ptas. no ano 2001).

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de oitenta mil pesetas nas que se aplicará a correspondente retención fiscal.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que a bolsa.

Disposición derradeira

A esta convocatoria seranlle de aplicación as restantes normas relacionadas no anexo V da Orde do 6 de marzo de 2000.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2000.

Jaime Pita VarelaAmancio Landín Jaráiz

Conselleiro da Presidencia Conselleiro de Pesca, Marisqueo

e Administración Pública e Acuicultura