Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 06 de xuño de 2000 Páx. 8.667

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de maio de 2000 pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación Ingeniero Gerardo García Campos.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Ingeniero Gerardo García Campos, con domicilio en Fontenlo, parroquia de Santa María, Teo, C.P. 15886 (A Coruña).

Supostos de feito:

1. Marina Alvela Edreira, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 15 de marzo de 2000 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 30 de decembro de 1999, ante o notario Enrique Roger Amat, co número 4084 do seu protocolo, outorgada por Marina Alvela Edreira, Gerardo-José e Aida-María García Alvela, emendada por outra do 19 de abril de 2000 perante o mesmo notario e co número de protocolo 1905.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto ou fin xenérico da fundación é a promoción, o desenvolvemento, ensino, a investigación e difusión da innovación tecnolóxica e a iniciativa empresarial.

4. O padroado da fundación estará constituído por Marina Alvela Edreira como presidenta, Gerardo-José García Alvela como secretario e Aida-María García Alvela como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese industrial da Fundación Ingeniero Gerardo García Campos, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese industrial e a súa adscrición á Consellería de Industria e Comercio.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 9 de maio de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese industrial a Fundación Ingeniero Gerardo García Campos e adscribila á Consellería de Industria e Comercio, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública