Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 01 de xuño de 2000 Páx. 8.513

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 129/2000, do 19 de maio, polo que se establecen as tarifas dos centros de menores de titularidade propia para os internamentos producidos por solicitude doutras comunidades autónomas ou no caso de garda de menores con especiais dificultades de conducta.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 44.4º, establece que a facenda da Comunidade Autónoma está constituída, entre outros rendementos, polos procedentes de prestación de servicios directos pola Comunidade Autónoma, sexan de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servicios estatais. Pola súa vez, a Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, pronúnciase, no seu artigo 4 no mesmo sentido.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude atribúe á Dirección Xeral de Familia, no seu artigo 5.1º, competencias sobre «A xestión da política autonómica en materia de acción social nos sectores de familia, infancia e menores, así como a protección e tutela dos menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas dictadas polos xulgados de menores nos termos establecidos na lexislación específica». Para a execución destas competencias esta consellería dispón dunha rede de centros residenciais de titularidade propia distribuídos nas catro provincias; cinco destes centros son cualificados como centros de reeducación con distintos réximes de internamento (aberto, semiaberto ou pechado).

Con certa frecuencia recíbense solicitudes procedentes doutras comunidades autónomas para o ingreso dalgún neno/a nun dos centros de menores do noso territorio, tanto nun centro de reeducación como nalgún dos outros centros residenciais. Ata agora estes internamentos realizábanse sen contra

prestación económica ningunha por parte da Comunidade Autónoma solicitante, pero xa que o servicio prestado supón unha carga económica para quen o presta, parece aconsellable regular esta materia e establece-las tarifas correspondentes.

Por outra banda, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, regula no seu artigo 23.1º a figura da garda e establece que «Cando os pais ou titores, por circunstancias graves, non poidan coida-lo menor, poderán solicitar da Xunta de Galicia que esta asuma a súa garda durante o tempo necesario, a cal valorará a conveniencia ou non da medida e o modo no que esta se deberá executar». En aplicación deste precepto non é infrecuente que a Administración deba asumi-la garda de menores, na súa maior parte adolescentes, con especiais dificultades de conducta ante a imposibilidade dos pais para contaren e educaren convenientemente o neno/a. Sen embargo, sempre que os pais dispoñan de suficientes recursos económicos, parece axeitado que, alomenos en parte, se fagan cargo do custo económico do mantemento do seu fillo nun centro. Por este motivo, cómpre regular tamén esta cuestión e fixa-las contías aplicables ós particulares nos casos anteriormente descritos.

A Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, regula tanto o concepto como a forma de fixación dos prezos e establece no seu artigo 9.3º que «En calquera caso, e baseándose na súa consideración de servicios públicos fundamentais, as contraprestacións en concepto de prezos percibidas por sanidade, educación e servicios sociais terán o carácter de públicas para os efectos desta lei». Neste sentido, o artigo 5.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais establece como unha das áreas de actuación do sistema de servicios sociais a de familia, infancia e mocidade; ademais, no artigo 12 desta mesma lei considéranse servicios sociais de atención especializada na área de familia, infancia e mocidade, entre outros, a atención dos menores en situación de desvantaxe ou inadaptación social e considéranse equipamentos propios destes servicios as residencias de menores.

Por outra banda, o artigo 12 da Lei 13/1991 dispón que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería da que dependa o órgano ou entidade oferente; a dita proposta incluirá necesariamente unha memoria económica e sobre ela deberá emitir informe favorable a Consellería de Economía e Facenda.

Sendo necesario, polo tanto, regula-la percepción dos prezos públicos por atención de nenos/as nos centros de menores de titularidade propia desta Administración, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e logo do informe

da Consellería de Economía e Facenda, na súa reunión do día dezanove de maio do dous mil,

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Apróbanse as tarifas dos centros de menores de titularidade propia que figuran nos anexos I e II de presente decreto.

2. As tarifas contidas no anexo I serán aplicables á atención de menores ingresados nestes centros por solicitude doutras comunidades autónomas.

Artigo 2º

1. Cando a Administración estime a solicitude dos pais ou titores de asumi-la garda acordando o internamento dun menor con especiais dificultades de conducta, aplicará ós solicitantes a tarifa correspondente a outros centros residenciais, logo do estudio das circunstancias especiais do caso e da situación socioeconómica dos pais ou titores.

2. Nestes casos, aplicaranse as contías establecidas no anexo II.

Artigo 3º

1. As comunidades autónomas que soliciten o ingreso dun menor nalgún dos centros propios da Comunidade Autónoma de Galicia estarán obrigadas a aboa-las cantidades reflectidas no anexo I.

2. Os pais ou titores que soliciten a garda dun menor con especiais dificultades de conducta virán obrigados a aboa-las contías reflectidas no anexo II cando a Administración acorde o internamento do neno.

3. O pagamento realizarase mensualmente nos 10 primeiros días do mes seguinte ó que corresponda.

4. En caso de incumprimento da obriga de pagamento no prazo ó que se refire o número anterior, aplicarase o previsto no respectivo réxime económico matrimonial e, no seu defecto, a obriga esixirase a cada un dos pais proporcionalmente ós seus medios e ingresos.

Disposición transitoria

Primeira.-O presente decreto aplicarase exclusivamente ás solicitudes recibidas con posterioridade á súa entrada en vigor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido no presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

Prezos das estadías de nenos/as nos centros de menores de titularidade propia ingresados a solicitude doutras comunidades autónomas:

A) Centros residenciais: centros de reeducación.

A.1.) Réxime pechado: 36.784 ptas./menor/día.

A.2.) Réxime aberto/semiaberto: 23.563 ptas./menor/día.

B) Outros centros residenciais: 6.717 ptas./menor/día.

ANEXO II

1. Aplicaranse as seguintes contías cando se trate da garda dun menor con especiais dificultades de conducta solicitada polos seus pais ou titores.

Estas contías aplicaranse en función da renda per cápita anual do núcleo familiar:

1. Menos de 360.000 ptas. A pagar: 0 ptas.

2. De 360.001 a 540.000. A pagar: 672 ptas./menor/día.

3. De 540.001 a 720.000. A pagar: 1.343 ptas./menor/día.

4. Máis de 720.001 ptas. A pagar: 2.015 ptas./menor/día.

2. Para efectos de determina-la renda per cápita anual do núcleo familiar teranse en conta exclusivamente os ingresos percibidos polos pais ou titores do menor. Entenderase por ingresos anuais os que figuren, imputables a eles, como base liquidable na declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas do ano anterior.