Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 01 de xuño de 2000 Páx. 8.508

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 2 de maio de 2000 pola que se crean os polígonos de viveiros Cariño A e Ferrol D e se declaran como zona de interese especial de cultivos mariños.

Os cultivos mariños representan un sector estratéxico na Comunidade Autónoma de Galicia, con grandes perspectivas de desenvolvemento nos vindeiros anos.

A evolución da acuicultura, coa incorporación de novas especies, a aplicación de modernas tecnoloxías e basicamente a necesidade de incrementa-la producción en resposta a unha maior demanda do mercado, obriga a dispoñer de novas áreas de cultivo onde poder situa-los novos establecementos, sen satura-las zonas que actualmente se encontran en explotación.

A concorrencia doutros usos na zona marítima esixe a delimitación mediante polígonos das áreas destinadas á instalación dos viveiros (gaiolas, bateas e liñas de cultivo) onde se leve a cabo a actividade acuícola, sen interferir noutras tales como a navegación, a pesca ou a defensa nacional.

A declaración de zona de interese de cultivos mariños daqueles polígonos que polas súas peculiares características aconsellen protección, evita a concorrencia doutros usos incompatibles ou que puidesen interferir negativamente no correcto desenvolvemento da actividade acuícola.

Por todo isto, vistos os informes que constan no expediente, facendo uso das facultades que en materia de declaración de zonas de interese marisqueiro e de cultivos mariños concede á Comunidade Autónoma galega o Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado. En desenvolvemento da alínea d) do artigo 6, da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, así como do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Créanse, nos distritos que se indican, os polígonos de viveiros que se sinalan a continuación:

Distrito: Cariño.

Polígono: A.

Situación: enseada de Cariño (A Coruña).

Coordenadas: sinaladas no anexo I.

Superficie: 120.000 m.

Capacidade: 12 cuadrículas.

Destino previsto: cultivos mariños.

Distrito: Ferrol.

Polígono: D.

Situación: ría de Ares-Betanzos (A Coruña).

Coordenadas: sinaladas no anexo II.

Superficie: 210.000 m.

Capacidade: 21 cuadrículas.

Destino previsto: cultivos mariños.

A situación xeográfica dos polígonos será a indicada nos anexos desta orde.

Artigo 2º

Decláranse de interese especial de acuicultura os polígonos de viveiros creados no artigo 1º.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las resolucións que foran precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entra en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2000.

P.D. Orde 17-12-1997 (DOG nº246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura