Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 01 de xuño de 2000 Páx. 8.495

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 24 de maio de 2000 pola que se regula o procedemento para a concesión de restitucións á producción no sector dos cereais.

O Regulamento (CEE) 1766/1992, do Consello, do 30 de xullo, modificado, por última vez, polo Regulamento (CE) 1253/1999, do Consello, do 17 de maio, que establece a organización común de mercado (OCM) no sector dos cereais, prevé a concesión de restitucións á producción para o amidón obtido a partir de millo e trigo, ou para fécula de pataca, así como para certos productos derivados, utilizados na fabricación de determinadas mercadorías.

As disposicións de aplicación dos ditos regulamentos veñen establecidas no Regulamento (CEE) 1722/1993, da Comisión, do 30 de xuño, modificado, por última vez, polo Regulamento (CE) 1011/1998, do 14 de maio.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, modificado posteriormente polo Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, correspóndelle ó dito instituto, entre outras funcións, a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en relación coas accións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados, na Comunidade Autónoma de Galicia, como, neste caso, a concesión das restitucións á producción no sector dos cereais.

Con base no anterior, a presente orde establece o procedemento para a tramitación e concesión das ditas restitucións á producción nesta Comunidade Autónoma.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-lo procedemento para a concesión de restitucións á producción, pola utilización de amidón, obtido a partir de trigo, millo, arroz ou partidos de arroz, así como fécula de pataca, ou determinados productos derivados, na fabricación das mercadorías relacionadas no anexo I do Regulamento (CEE) 1722/1993.

Artigo 2º.-Requisitos dos beneficiarios.

1. Para poder acceder ás restitucións reguladas nesta orde, deberanse cumpri-los seguintes requisitos:

a) Ter na Comunidade Autónoma de Galicia un centro de producción para os productos a que se refire o artigo anterior.

b) Dispor da cualificación de fabricante autorizado, inscrita no rexistro de empresas autorizadas, de acordo co previsto no artigo seguinte.

c) Levar unha contabilidade material específica, detallando en especial, para cada producto final obtido, as materias primas que tivesen entrada na industria así como o seu proceso de transformación.

Non obstante, quedarán exentos da obriga de leva-la antedita contabilidade material os compradores que utilicen, por trimestre natural, menos de 1.000 kg dos productos co código NC 3505.10.50.

d) Presenta-la solicitude de certificado de restitución, conforme ó previsto no artigo 4º desta orde.

2. Ademais, os fabricantes autorizados que elaboren productos do epígrafe NC 3505.10.50, deberán presentar, na forma prevista no artigo 5º.2 da presente orde, e no prazo dos vinte días hábiles seguintes á finalización de cada trimestre natural, copia das declaracións presentadas correspondentes ó dito trimestre, segundo o modelo do anexo III, así como unha declaración resumo axustada ó modelo do anexo IV desta orde.

3. En todo caso, os solicitantes deberán acredita-lo cumprimento das obrigas impostas ós beneficiarios das subvencións e axudas públicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 3º.-Cualificación e rexistro de fabricante autorizado.

1. Para poder percibi-las axudas previstas na presente orde, as empresas terán que estar previamente cualificadas e inscritas no rexistro de fabricantes autorizados do Ilgga. Para estes efectos, os novos fabricantes presentarán, na mesma forma prevista no artigo 5º.2 desta orde, unha solicitude de cualificación, conforme o modelo do anexo I (A e B), xuntándolle a esta copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal ou, no seu defecto, último recibo do imposto de actividades económicas (IAE).

2. Efectuada a comprobación de que os solicitantes cumpren os requisitos establecidos no artigo 4º do Regulamento (CEE) 1722/1993, o respectivo servicio provincial do Ilgga elevará, a través do delegado provincial do instituto, proposta de inscrición rexistral ó director do Ilgga, para que dicte a correspondente resolución.

3. Para os efectos de manter actualizado o dito rexistro, os fabricantes inscritos de acordo co previsto nos dous puntos anteriores, así como os xa inscritos con anterioridade polo Ilgga ou polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) presentarán, no mes de decembro de cada ano e na forma prevista no artigo 5º.2 desta orde, unha declaración actualizada segundo o modelo que se xunta como anexo II.

4. Perderán a dita cualificación e serán dados de baixa no rexistro as empresas inscritas que cesen na actividade de fabricación ou que non presenten a declaración anual de actualización, conforme o disposto no punto anterior.

Artigo 4º.-Certificado de restitución.

1. Para poder beneficiarse da restitución, as empresas inscritas no rexistro de fabricantes autorizados deberán presentar, calquera día laborable, antes das 17 horas, e na forma prevista no artigo 5º.2 desta orde, unha solicitude de certificado, segundo o modelo do anexo V, xuntándolle a ela a seguinte documentación:

a) Garantía de 15 euros/Tm de amidón ou fécula base utilizados, multiplicada, se é o caso, polo coe

ficiente correspondente ó tipo que se utilice, de acordo co disposto no anexo II do Regulamento (CEE) 1722/1993, que se constituirá na forma prevista no artigo 8º.2 desta orde.

b) Declaración do provedor de amidón ou fécula na que se indique que o producto que se vai utilizar se obtivo directamente a partir de millo, trigo ou patacas, excluíndo calquera outra utilización de subproductos obtidos na fabricación doutros productos agrarios ou mercadorías.

Non obstante, os provedores de amidón ou féculas que consten nas relacións do FEGA relativas á proba documental da procedencia do amidón, non terán que presenta-la dita declaración.

2. O respectivo servicio provincial do Ilgga comprobará a veracidade da declaración presentada e, de se-lo caso, expedirá, co visto e prace do seu delegado provincial, o correspondente certificado.

3. Este certificado terá validez desde a data de presentación da solicitude ata o derradeiro día do quinto mes seguinte ó da súa expedición.

Malia o anterior, durante os meses de xullo e agosto, e ata o vintecatro de setembro, incluído, o período de validez dos certificados solicitados neses períodos estará limitado a trinta días, contados desde o da súa expedición, sen que, en ningún caso, poida excede-la data do trinta de setembro.

4 Durante o prazo de validez, o tipo de restitución será o vixente no día de presentación da solicitude.

Non obstante, se algunha das cantidades de amidón ou fécula que constan no certificado se transformase durante a campaña de comercialización seguinte a aquela na que se presentara a solicitude, a restitución aplicable ós productos transformados na seguinte campaña axustarase en función da diferencia entre o prezo de intervención utilizado para o cálculo da restitución e o aplicable durante o mes de transformación, multiplicado polo coeficiente 1,60. Neste caso, o tipo de conversión será o vixente o día da transformación do amidón ou fécula.

5. Os dereitos que se xeren a consecuencia do certificado de restitución serán intransferibles.

Artigo 5º.-Solicitudes de restitución.

1. Obtido o certificado de restitución, os fabricantes autorizados poderán solicita-lo pagamento da restitución, logo de que o amidón ou fécula foran utilizados na fabricación dos correspondentes productos autorizados. As solicitudes, debidamente asinadas, formalizaranse de acordo co modelo que se xunta como anexo VIII, e poderán referirse a toda ou soamente a unha parte da cantidade que conste no certificado.

Se o producto autorizado no certificado está incluído no código NC 3505.10.50, xunto coa dita solicitude de pagamento presentarase garantía, por importe igual á cantidade solicitada, que se constituirá da mesma forma prevista no artigo 8.2º.

2. As solicitudes presentaranse nos servicios provinciais do Ilgga ou por calquera das canles previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. O prazo de presentación será de doce meses, contados a partir do derradeiro día de validez do certificado

de restitución. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas nos 18 meses seguintes ó remate do prazo anterior, minorándose o importe da restitución nun quince por cento.

Artigo 6º.-Tramitación e resolución das solicitudes de pagamento.

1. Os servicios provinciais do Ilgga, logo de efectua-los controis pertinentes e, en todo caso, logo da comprobación da utilización do amidón ou fécula para a fabricación de productos autorizados, conforme os datos que constan no certificado, elevarán a oportuna proposta, a través da delegación provincial do Ilgga, ó director do Instituto sobre as solicitudes presentadas, para que este dicte a correspondente resolución.

2. O prazo máximo de resolución e pagamento das restitucións será de cento cincuenta días desde a finalización dos controis polo servicio provincial do Ilgga.

3. Na falta de resolución expresa no prazo anterior, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Importe da restitución.

1. A restitución soamente se aboará pola cantidade de amidón ou fécula realmente utilizado no proceso e, en ningún caso, a cantidade superará o cento cinco por cento da que conste no certificado.

2. O importe da restitución calcularase de acordo co previsto no artigo 3 do Regulamento (CEE) 1722/1999, e cando se utilicen os productos contemplados na alínea B do anexo II do dito regulamento, terá o coeficiente multiplicador que se especifica na mesma alínea. En calquera caso, tanto se é amidón ou fécula base como cando se trate dos seus productos derivados, terase en conta o seu contido en materia seca, efectuándose o axuste correspondente.

Artigo 8º.-Anticipos e garantías.

1. Non obstante o disposto no artigo 6º, números 1 e 2, desta orde, utilizado o amidón e presentada a solicitude de pagamento da restitución, o fabricante poderá solicita-lo anticipo do seu importe, presentando, na mesma forma prevista no artigo 5º.2, unha solicitude, de acordo co modelo que se xunta como anexo IX desta orde, xuntando a esta, agás o suposto previsto no artigo 5º.1, parágrafo segundo, unha garantía por importe igual á cantidade solicitada máis un quince por cento adicional.

2. Esta garantía constituirase ante a delegación provincial do Ilgga en metálico, títulos de débeda pública, aval ou póliza de seguro de caución, conforme os modelos que se xuntan como anexos VI e VII desta orde.

3. Logo das comprobacións oportunas, o servicio provincial do Ilgga elevará a oportuna proposta, a través da súa delegación provincial, ó director do instituto, sobre os anticipos solicitados, para que este dicte a correspondente resolución, no prazo de trinta días hábiles contados a partir de presentación da solicitude, cos efectos previstos no artigo 6.3º da presente orde.

Artigo 9º.-Liberación de garantías.

Por instancia do interesado, o delegado provincial do Ilgga procederá á devolución das garantías presentadas, de acordo co seguinte:

a) As presentadas coa solicitude de anticipo (artigo 8º.1), cando se recoñeza o dereito á percepción da restitución pola cantidade anticipada, de acordo co artigo 6º.1 e 2 desta orde, agás no suposto en que a restitución

se conceda por cantidade inferior á anticipada, no que poderá executarse a garantía pola diferencia entre ámbalas dúas cantidades, de non ingresa-lo interesado a dita cantidade.

b) As presentadas coa solicitude do certificado de restitución (artigo 4º.1.a), cando se recoñeza o dereito á restitución derivada do dito certificado, logo de que o fabricante utilizara, alomenos, o 90 por cento da cantidade de amidón ou fécula que consta no certificado.

c) As presentadas coa solicitude de pagamento (artigo 5º.1, parágrafo segundo), cando se acredite que o producto se utilizou para fabricar outros distintos ós sinalados no anexo II do Regulamento (CEE) 1722/1993. Esta acreditación consistirá, dentro do territorio aduaneiro da comunidade, na presentación dunha declaración, axustada ó modelo do anexo III desta orde; e no caso de exportación a terceiros países, na presentación duna fotocopia do exemplar para aduana (exemplar 1) da declaración de exportación (DUA), dilixenciada ó dorso pola correspondente aduana, coa indicación da data de saída do territorio aduaneiro da comunidade.

Artigo 10º.-Controis administrativos.

Tódolos controis administrativos e, se é o caso, materiais, serán efectuados polos servicios provinciais do Ilgga nun prazo máximo de cento cincuenta días desde a presentación da solicitude de pagamento da restitución.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das restitucións previstas na presente orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Reintegro da restitución.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da restitución mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Sancións.

Sen prexuízo do previsto no artigo anterior, e de conformidade co disposto no punto 7 do artigo 10 do Regulamento (CEE) 1722/1993, no suposto de constatarse que non se cumpren as condicións establecidas no dito artigo, esixirase o pagamento do importe equivalente ó cento cincuenta por cento da restitución máis elevada, aplicable ó producto de que se trate, durante os doce meses anteriores á dita constatación.

Artigo 14º.-Recursos administrativos.

Contra as resolucións que, en aplicación da presente orde, dicte o director do Ilgga, poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co disposto nos artígos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificados pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 15º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lle poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, o beneficiario da restitución ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. Para a concesión das restitucións previstas na presente orde existe crédito axeitado e suficiente con cargo ós orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para o ano 2000, na aplicación orzamentaria 0950614A779, do orzamento de gastos do Ilgga, por importe de 13 millóns de pesetas.

2. As solicitudes presentadas ó abeiro da orde da anterior Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 4 de marzo de 1997, e non resoltas expresamente, aboaranse, de se-lo caso, con cargo ó presente exercicio orzamentario.

3. A aplicación financeira e contía das restitucións para os anos seguintes determinarase de acordo coa lei orzamentaria da cada exercicio.

Segunda.-Sen prexuízo do disposto nos artigos 11º e 12º, seralle de aplicación ós beneficiarios das restitucións reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 4 de marzo de 1997, pola que se establece o procedemento para a concesión de restitucións á producción no sector dos cereais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde, así como para modificar, por medio de resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación das solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde, cando teñan a súa orixe nas modificacións producidas na normativa comunitaria reguladora destas restitucións así como na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para cada ano.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria