Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 01 de xuño de 2000 Páx. 8.490

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de maio de 2000 pola que se regula a implantación do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 25 que o bacharelato lles proporcionará ós alumnos unha madureza intelectual e humana, así como os coñecementos e habilidades que lles permitan desempeña-las súas funcións sociais con responsabilidade e competencia, e que os capacitará para acceder á formación profesional de grao superior e ós estudios universitarios.

A citada lei, no artigo 3.1º, considera como educación secundaria a educación secundaria obrigatoria, a formación profesional de grao medio e o bacharelato. Esta é unha etapa educativa na que os estudios continúan a ser polivalentes e de carácter integral, na medida en que se dirixen á formación da persoa na súa globalidade para a adquisición da madureza persoal, educativa e vocacional. Por iso, esta etapa educativa deberalle proporcionar ó alumnado, ademais dunha sólida base cultural que facilite as necesarias adaptacións requiridas polos cambios tecnolóxicos e socioeconómicos da sociedade actual, unha orientación clara e una preparación adecuada para elixir e afronta-los estudios posteriores de carácter superior.

O Decreto 275/1994, do 29 de xullo, establece o currículo das materias comúns e propias de modalidade do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. A relación de materias optativas desta etapa, xunto co correspondente currículo, establécense na Orde do 2 de maio de 1996. A Orde do 1 de marzo de 1995, sobre a avaliación dos alumnos e alumnas que cursan o bacharelato, regula os procedementos para a avaliación, promoción e titulación dos alumnos desta etapa educativa.

A estructuración das materias do bacharelato en comúns, propias de modalidade e optativas intenta garantir unha preparación polivalente e integral para un mundo en continuo cambio. Neste sentido, as aprendizaxes que lles corresponden ás materias comúns facilitarán un coñecemento en maior profundidade do patrimonio cultural da nosa sociedade, as capacidades para intervir no contexto político, social e cultural, e para vivir harmonicamente nunha sociedade multicultural.

Pola súa parte, as aprendizaxes que se han lograr ó cursar unha modalidade específica, están máis ligadas a ámbitos de profesionalización científico-tecnolóxicos, da natureza e a saúde, das humanidades, das ciencias sociais ou das artes. Esta parte específica do bacharelato constitúe igualmente unha aproximación con maior profundidade a determinados ámbitos de coñecemento que orientarán o alumno sobre posibles camiños de realización persoal e profesional.

En canto á optatividade desta etapa educativa, o abano de posibilidades desprégase nunha pluralidade que lles permitirá ós centros educativos con

formaren itinerarios formativos que respondan á diversidade de necesidades, intereses e capacidades do seu alumnado.

A complexidade, amplitude e dispersión dos coñecementos que se están a dar na actualidade rompen coa idea da acumulación de coñecementos e obrigan o individuo a obter información de moi diversas e numerosas fontes. Por iso, resulta esencial nesta etapa educativa inicia-lo alumnado na metodoloxía e problemática das diferentes ciencias, para que consolide a capacidade de trata-las fontes de información, organiza-lo propio traballo, perseverar no esforzo e ser crítico cos resultados obtidos, o que lle é consubstancial á aptitude de indagación e investigación, sexa no ámbito das humanidades ou das ciencias experimentais ou da natureza.

A estructuración do bacharelato ten en conta o principio de transitabilidade, proporcionándolle ó alumnado a posibilidade de tránsito dunhas modalidades e opcións a outras. Por iso, garántese un primeiro curso que non peche ningunha opción posterior, posibilítase a reversibilidade das opcións tomadas e ofrécese un sistema de optatividade flexible.

A implantación xeneralizada desta etapa que se inicia no vindeiro curso académico 2000-2001 está regulamentada no Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, que modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo.

Tendo en conta o regulamentado nas disposicións precedentes, así como a experiencia acumulada durante o período de implantación anticipada do bacharelato, procede establecer pola presente orde medidas de ordenación académica que permitan o desenvolvemento adecuado do bacharelato, regula-las condicións de acceso a estas ensinanzas, a súa estructura, a asignación horaria de cada materia, as modificacións da regulación da oferta de materias optativas establecida pola Orde do 2 de maio de 1995, as condicións nas que se debe levar a cabo a reversibilidade das opcións tomadas polo alumnado, así como aqueloutros aspectos necesarios para que o alumnado transite adecuadamente por esta etapa educativa cara a estudios universitarios ou de formación profesional específica de grao superior.

En consecuencia co anteriormente exposto, e no uso das competencias outorgadas na disposición derradeira primeira do Decreto 275/1994, do 29 de xullo

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é regula-la implantación con carácter xeneralizado das ensinanzas do bacharelato regulamentadas no Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde será de aplicación en tódolos centros autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir calquera das

modalidades de bacharelato establecidas polo Decreto 275/1994, do 29 de xullo.

Artigo 3º.-Acceso do alumnado.

1. Poderá acceder ó primeiro curso das ensinanzas do bacharelato, en calquera das súas modalidades, o alumnado que reúna calquera dos requisitos que a continuación se sinalan:

a) Posuí-lo título de graduado en educación secundaria.

b) Ter superados os estudios do primeiro ciclo do programa experimental de reforma das ensinanzas medias.

c) Posuí-lo título de técnico auxiliar de formación profesional de primeiro grao.

d) Ter aprobado o segundo curso do bacharelato unificado e polivalente ou con dúas materias non superadas como máximo.

e) Ter superados os cursos comúns dos estudios de artes aplicadas e oficios artísticos dos diferentes plans de estudios.

2. Así mesmo, poderán acceder directamente a calquera das modalidades os alumnos que, despois de superar un ciclo formativo de grao medio, posúan o título de técnico correspondente.

3. O alumnado que acceda ó bacharelato desde os ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica ou de artes plásticas e deseño, poderá validar algunhas das materias de bacharelato conforme se regula nos reais decretos polos que se establecen os títulos correspondentes e as súas ensinanzas mínimas. As solicitudes serán resoltas pola dirección do centro educativo á vista da certificación académica oficial dos estudios realizados. No caso dos centros privados, a resolución das solicitudes de validación de materias correspóndelle ó director do centro público ó que o centro privado está adscrito.

Artigo 4º.-Admisión e matrícula do alumnado.

1. O proceso de admisión nos centros sostidos con fondos públicos axustarase ó disposto no Decreto 87/1995, do 10 de marzo (Diario Oficial de Galicia do 28), polo que se regula a admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, educación primaria e educación secundaria, e na normativa que o desenvolva.

2. A matrícula dos alumnos e alumnas admitidos formalizarase para unha das modalidades do bacharelato impartidas polo centro.

Artigo 5º.-Distribución das materias nas modalidades de bacharelato.

1. A distribución das materias das modalidades de bacharelato para os dous cursos da etapa, e o horario asignado a cada unha delas, establécense nos anexos I e II desta orde respectivamente.

2. Os centros ofertarán ó alumnado tódalas materias comúns, así como tódalas materias propias das modalidades que teñan autorizadas.

3. Os alumnos matriculados nas diferentes modalidades de bacharelato que se impartan no centro, con carácter xeral, agruparanse nas diferentes materias sempre que o número de alumnos non sexa superior a 35.

Artigo 6º.-Materias optativas: finalidade.

A oferta de materias optativas no bacharelato deberá servir para desenvolve-los obxectivos xerais da etapa, contribuír ó exercicio e á potenciación da capacidade de libre opción por parte dos alumnos e alumnas en relación coas súas capacidades e intereses formativos e vocacionais, amplia-las posibilidades de elección de estudios superiores e facilita-la orientación profesional do alumnado.

Artigo 7º.-Condicións da oferta de materias optativas.

1. Os alumnos cursarán unha materia optativa no primeiro curso do bacharelato e dúas no segundo, elixidas entre as que ofreza o centro segundo a distribución por cursos establecida no anexo I.

2. As ensinanzas de materias optativas que oferten os centros só poderán ser impartidas se existe un número mínimo de quince alumnos matriculados.

3. Excepcionalmente, cando as peculiaridades do centro o requiran ou circunstancias especiais así o aconsellen, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, logo de informe da delegación provincial, poderá autoriza-la impartición de materias optativas a un número menor de alumnos do establecido con carácter xeral, respectando, en todo caso, a distribución por cursos establecida no anexo I desta orde.

4. Os centros ofertarán as materias optativas en función das súas posibilidades de organización e dos seus recursos.

Artigo 8º.-Materias optativas que poderán ser ofertadas polos centros.

As materias optativas que poderán ser ofertadas polos centros serán as seguintes:

1. As materias optativas establecidas para a Comunidade Sutónoma de Galicia, coa distribución por cursos que figura no anexo I: ética e filosofía do dereito, filosofía da ciencia e da tecnoloxía, grego II, historia e xeografía de Galicia, introducción ás ciencias políticas e socioloxía, literatura galega do século XX, literatura universal contemporánea, literaturas hispánicas, métodos estatísticos e numéricos, música I e II, segunda lingua estranxeira I e II, taller artístico I e II, volume II, xeoloxía e xeometría da arte. O currículo destas materias establécese na Orde do 2 de maio de 1996 (DOG do 30 de maio).

2. As materias de xeometría da arte, volume II e taller artístico I e II unicamente poderán ser cursadas polo alumnado da modalidade de artes.

3. A segunda lingua estranxeira I e II que deberá ser de oferta obrigada en tódalas modalidades.

4. As materias propias da modalidade que se cursa non incluídas entre as que compoñen a opción elixida polos alumnos e as materias propias doutra modalidade, respectando a distribución por cursos que se establece no anexo I.

Non obstante, terase en conta que as materias tecnoloxía industrial I e II, electrotecnia, mecánica, volume, imaxe e técnicas de expresión gráfico-plástica só poderán ser ofertadas como optativas naqueles centros nos que existan as modalidades de tec

noloxía ou de artes, segundo corresponda, ou cando, existindo as instalacións específicas necesarias, o autorice a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

5. Na elección de materias optativas do segundo curso terase en conta o establecido no artigo 5 da Orde do 1 de marzo de 1995 (DOG do 9 de maio) en relación coas materias de idéntica denominación ou con contidos total ou parcialmente progresivos.

Artigo 9º.-Currículo das materias.

O currículo das materias propias de modalidade que se cursen como optativas é o establecido no Decreto 275/1994, do 29 de xullo, (DOG do 31 de agosto). O currículo das materias optativas que figuran no anexo I e relacionadas no artigo 8º.1 desta orde é o establecido no anexo da Orde do 2 de maio de 1996 (DOG do 30 de maio).

Artigo 10º.-Itinerarios formativos.

1. Os centros organizarán itinerarios formativos para os alumnos, tendo en conta as diferentes opcións de cada modalidade e as materias optativas que mellor contribúan a acada-los obxectivos da etapa e dean resposta ás preferencias dos alumnos en relación coas diferentes opcións de estudios universitarios e de ciclos formativos de grao superior.

2. Na confección dos itinerarios formativos os centros deberán respecta-las opcións establecidas no anexo I desta orde, tanto no primeiro curso da modalidade de humanidades e ciencias sociais como as indicadas no segundo curso para esa e outras modalidades.

3. Os itinerarios formativos elaborados polos centros deberán ser supervisados e aprobados pola inspección educativa antes de 15 de maio.

Artigo 11º.-Adscrición das materias ós departamentos didácticos.

1. A adscrición das materias comúns e de modalidade do bacharelato ás especialidades correspondentes do profesorado farase de acordo cos reais decretos 1701/1991, do 29 de novembro, 1635/1995, do 6 de outubro, e 777/1998, do 30 de abril.

2. A adscrición daquelas materias que se imparten nos centros e que non figuren nos reais decretos antes mencionados realizarase segundo o establecido no anexo III.

3. Sen prexuízo da prioridade do titular da praza das especialidades correspondentes, as materias poderán ser impartidas polos profesores que teñan atribuída competencia docente, todo isto sen menoscabo do establecido na Orde do 1 de setembro de 1987 pola que se adecua a xornada de traballo dos funcionarios docentes que imparten ensinanzas básicas, medias, artísticas e de idiomas.

Artigo 12º.-Avaliación e promoción de curso.

No referente á avaliación e promoción dos alumnos e alumnas, así como á avaliación do proceso de ensinanza e do proxecto curricular rexerá o disposto na Orde do 1 de marzo de 1995 (DOG do 9 de maio) sobre a avaliación e cualificación no bacharelato e no Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de

educación secundaria e as normas que o desenvolvan.

Artigo 13º.-Cambio de modalidade.

1. Durante o primeiro trimestre do primeiro curso, o director ou directora do centro poderá autoriza-los cambios de modalidade por razóns xustificadas, sempre que o número de prazas dos grupos autorizados así o permita.

2. Ó finaliza-lo curso académico, os alumnos do primeiro curso de bacharelato que estean en condicións de promocionar ó segundo poderán solicitar á dirección do centro o cambio de modalidade ou, no caso do bacharelato de humanidades e ciencias sociais, o cambio de opción.

Este cambio de modalidade ou opción efectuarase nas seguintes condicións:

a) Deberanse cursa-las materias comúns do segundo curso e, se é o caso, as de primeiro non superadas.

b) Deberanse cursar, igualmente, as seis materias propias da nova modalidade, tanto as de primeiro como as de segundo, exceptuando aquelas materias da modalidade aprobadas no primeiro curso.

3. Computaranse como materias optativas da nova modalidade, a optativa cursada e superada en primeiro, se é o caso, así como dúas das materias propias da modalidade que teña superadas no primeiro curso e non coincidentes coas materias propias da nova modalidade.

4. As materias de primeiro que se deban cursar por razón do cambio de modalidade non se computarán para ós efectos de promoción de curso.

5. A autorización de cambio de modalidade para os alumnos matriculados en centros privados será realizada pola dirección do centro público ó que están adscritos.

6. Os centros educativos, sempre que a súa organización e os recursos o posibiliten, poderán permitir ós alumnos que o soliciten, no segundo curso, matricularse e ser avaliados adicionalmente dunha materia das que se impartan no centro. A autorización do director realizarase cando cursar esta materia facilite o cambio de modalidade ou o acceso a algún dos ciclos formativos de grao superior ou se requira nalgunha das opcións das probas de acceso á universidade. Esta materia adicional formará parte do expediente para tódolos efectos e, polo tanto, terase en conta no cálculo da nota media.

Artigo 14º.-Permanencia.

O alumnado poderá permanecer escolarizado no bacharelato, en centros públicos ou privados, durante catro cursos académicos. Aqueles que esgoten este prazo poderán rematar estas ensinanzas por algúns dos procedementos previstos no artigo 53 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Artigo 15º.-Anulación da matrícula.

Coa finalidade de non esgota-los cursos académicos previstos no punto anterior, o alumnado poderá solicita-la anulación de matrícula á dirección do centro, antes de remata-lo mes de abril, cando concorran circunstancias de enfermidade prolongada de carác

ter físico ou psíquico, prestación de servicio militar ou servicio social substitutorio, incorporación a un posto de traballo ou obrigas de tipo familiar que impidan a normal dedicación ós estudios.

As solicitudes de anulación de matrícula, que deberán estar documentalmente xustificadas, no caso dos centros públicos, serán resoltas polo director no prazo máximo de 10 días. No caso dos centros privados, resolverá o director do centro público ó que estean adscritos no mesmo prazo, a partir da data de recepción da solicitude.

Artigo 16º.-Acción titorial.

Cada grupo de alumnos terá unha profesora ou profesor titor. A orientación educativa e profesional nesta etapa terá como obxectivo esencial apoia-lo alumnado no seu proceso educativo e facilitarlle a toma de decisión sobre as opcións académicas e profesionais máis acordes coas súas capacidades, intereses e necesidades formativas.

Artigo 17º.-Ensinanza relixiosa.

1. Segundo o establecido no Decreto 235/1995, do 20 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 10 de agosto), polo que se regula o ensino da relixión nas ensinanzas de réxime xeral na Comunidade Autónoma de Galicia, as ensinanzas de relixión serán de oferta obrigatoria para os centros e de carácter voluntario para o alumnado.

2. Ó formaliza-la matrícula, os pais, nais ou titores dos alumnos, ou estes mesmos se fosen maiores de idade, manifestarán, voluntariamente, á dirección do centro a súa opción, sen prexuízo de que esta se poida modificar ó comezo de cada curso escolar.

3. Para os alumnos e as alumnas que non opten por seguir ensinanzas de relixión os centros organizarán actividades de estudio alternativas, como ensinanzas complementarias, no mesmo horario que as ensinanzas de relixión. Estas actividades están establecidas polo Decreto 235/1995, do 20 de xullo (DOG do 10 de agosto), e reguladas na Orde do 4 de outubro de 1995 (DOG do 8 de novembro) e na Resolución do 25 de setembro de 1996 (DOG do 16 de outubro).

Disposicións adicionais

Primeira.

1. Os alumnos e as alumnas que superen as materias comúns do bacharelato cursadas en dous anos académicos, e o terceiro ciclo do grao medio das ensinanzas regradas de música terán dereito ó título de bacharelato. Este bacharelato terá a denominación específica de bacharelato en música.

2. De igual modo terán dereito a obte-lo título de bacharelato, mediante a superación das materias comúns de bacharelato cursadas en dous anos académicos, os alumnos e as alumnas que superaran o terceiro ciclo do grao medio das ensinanzas regradas de danza.

3. A proposta de expedición do título de bacharelato corresponderalle ó centro no que o alumno cursara e superara as materias comúns do bacharelato.

4. Os alumnos de música e danza que estean en posesión do título de bacharelato e desexen acceder a estudios universitarios deberán realizar completa a primeira parte da proba de acceso e o exame das materias vinculadas á vía ou vías elixidas.

5. Os alumnos de música e danza que desexen acceder ós estudios universitarios deberán cursa-las materias vinculadas á vía ou vías de acceso elixidas e aquelas do primeiro curso coa mesma denominación ou con contidos total ou parcialmente progresivos.

6. Para supera-las materias comúns e as vinculadas á vía ou vías de acceso elixidas, o alumnado poderá permanecer escolarizado no bacharelato durante catro cursos académicos de acordo co establecido no artigo 14º da presente orde.

Segunda.-A distribución das materias establecida no anexo II da Orde do 14 de abril de 1999, pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos na Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada pola establecida no anexo I da presente orde.

Disposición transitoria

Os alumnos e alumnas que durante o ano académico 1999/2000 non superen o terceiro curso do bacharelato unificado e polivalente, o primeiro curso de formación profesional de segundo grao no réxime de ensinanzas especializadas ou o curso de ensinanzas complementarias para o acceso do primeiro ó segundo grao de formación profesional e teñan que repetilo, poderán incorporarse, no curso 2000/2001, ó primeiro curso de bacharelato.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Quedan derrogados os artigos 3, 4, 5 e 7 da Orde do 2 de maio de 1996, pola que se publica a relación de materias optativas do bacharelato, se establece o currículo destas materias e se regula a súa oferta (DOG do 30 de maio).

Segunda.-Queda derrogada a Orde do 16 de febreiro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 27 de marzo), sobre a implantación anticipada do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e aquelas disposicións de igual ou inferior rango en todos aqueles aspectos que se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las disposicións que sexan precisas para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Director xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

ANEXO III

Materias de bacharelatoEspecialidades

Métodos Estatísticos e NuméricosMatemáticas

Filosofía da ciencia e da tecnoloxíaFilosofía

Introducción ás ciencias políticas e socioloxíaFilosofía

Ética e filosofía do dereitoFilosofía

Historia e xeografía de GaliciaXeografía e historia

Literatura galega do século XXLingua e literatura galega

Literatura universal contemporáneaLingua castelá e literatura

Literaturas hispánicasLingua castelá e literatura

EconomíaEconomía (1)

Economía e organización de empresasEconomía (1)

Tecnoloxía industrialTecnoloxía

ElectrotecniaTecnoloxía

Materias de bacharelatoEspecialidades

MecánicaTecnoloxía

VolumeDebuxo

Fundamento de deseñoDebuxo

ImaxeDebuxo

Taller artísticoDebuxo

Xeometría da arteDebuxo

(1) Cando non exista profesor da especialidade de economía, as materias de economía e economía e organización de empresas serán impartidas por profesores das especialidades de administración de empresas e organización e xestión comercial, así como por profesores da especialidade de formación e orientación laboral sempre que estean en posesión das titulacións de licenciado en administración e dirección de empresas, en ciencias empresariais, en ciencias actuariais e financeiras, en economía, en investigación e técnicas de mercado, de diplomado en ciencias empresariais e en xestión e administración pública. No seu defecto, aplicarase o establecido na Orde do 1 de setembro de 1987.