Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 31 de maio de 2000 Páx. 8.431

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de maio de 2000 pola que se convoca a realización de proxectos de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) no capítulo segundo, artigo 14.1º, establece a lingua estranxeira como área obrigatoria para a educación primaria.

No desenvolvemento deste artigo, o Real decreto 1006/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación primaria, no anexo II dispón, con carácter xeral, o inicio da aprendizaxe da lingua estranxeira no segundo ciclo desta etapa. Igualmente, o Decreto 245/1992, do 30 de xullo, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón, no seu artigo 8º, a lingua estranxeira como área do 2º ciclo, é dicir, ós 8 anos, outorgándolle tres horas semanais.

Na actualidade, e como consecuencia dos cambios que se producen na sociedade, estamos inmersos nun proceso de integración nun contexto europeo plurilingüe e multicultural, polo que cómpre que os nenos e nenas, xa desde as primeiras idades, vaian adquirindo unha progresiva sensibilización cara a outras linguas, distintas ás da súa comunidade, e cara a outras culturas, co fin de desenvolver actitudes de respecto e tolerancia.

O contacto con outras culturas a través da lingua favorece a comprensión doutras formas de pensar e actuar, e comporta unha visión máis ampla e rica da realidade. O grao de curiosidade que amosan os nenos e nenas destas idades facilitará o achegamento a outras linguas sempre que este se realice nun contexto pedagóxico adecuado no que se entre en contacto coa lingua estranxeira en situacións de comunicación lúdicas e próximas á súa realidade: saúdos, presentacións, instruccións sinxelas, xogos, cancións, etc.

No curso 1999-2000 comezouse o proceso de anticipación da primeira lingua estranxeira na nosa Comunidade Autónoma e procede, en consecuencia, impulsar e favorecer que outros centros inicien esta experiencia nas primeiras idades de escolarización e en contextos de aprendizaxe axeitados ó nivel de desenvolvemento dos nenos e nenas. Por isto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convoca-la realización, con carácter experimental, de proxectos de impartición da primeira lingua estranxeira no segundo e terceiro cursos do segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, co fin de inicia-los nenos e nenas da nosa Comunidade no contacto temperán con outras linguas da Unión Europea.

Artigo 2º.-Poderán participar nestes proxectos os centros dependentes da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria que impartan as etapas de educación infantil e/ou educación primaria.

Artigo 3º.-Os centros interesados en participar nesta experiencia deberán presenta-la súa solicitude de acordo co establecido no artigo 5º da presente orde. O inicio da experiencia deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Xuntarase á dita solicitude:

1. Breve descrición do proxecto que se pretende desenvolver, especificando os obxectivos, estratexias metodolóxicas e distribución espacio-temporal.

2. Número de alumnos e grupos que participarán na experiencia.

3. Certificación da aprobación do proxecto polo claustro e o consello escolar.

Artigo 4º.-Os proxectos que se presenten para a súa autorización deberán cumpri-los requisitos seguintes:

1. O proxecto deberá desenvolverse ó longo dos dous cursos do ciclo para o que se presente. Nos centros que imparten educación infantil e primaria, se o proxecto se iniciase no segundo curso do segundo ciclo da educación infantil, deberá desenvolverse ata o remate do primeiro ciclo de primaria de forma que non haxa interrupción no contacto coa lingua estranxeira.

2. O proxecto deberá ser aprobado polo claustro e mais polo consello escolar de cada centro.

3. A distribución temporal de acordo co que se establece de seguido:

3.1. A distribución temporal en cada un dos dous cursos do segundo ciclo da educación infantil será de corenta minutos semanais, distribuídos en dúas sesións de vinte minutos ou en catro sesións de dez minutos, concibidas estas como unha familiarización e sensibilización cara á lingua estranxeira ligada ó estímulo da curiosidade do neno ou nena. Neste ciclo unha das sesións deberá coincidir, de ser posible, coa hora de entrada ó colexio ou coa hora de saída, de xeito que se creen situacións reais de comunicación: benvidas, saúdos, instruccións sinxelas, etc.

3.2. A impartición da primeira lingua estranxeira no primeiro ciclo da educación primaria será dunha hora e media semanal, para a que o equipo de ciclo realizará unha proposta no proxecto en función da dispoñibilidade de profesorado, espacio e tempo. Poderanse organizar espacios curriculares propios para a lingua estranxeira, en dúas sesións semanais de corenta e cinco minutos como máximo cada unha, utilizando esta como un instrumento de comunicación en contextos ligados ós ámbitos de experiencia dos nenos e nenas e introducindo algunhas actividades de ensinanza-aprendizaxe propias doutras áreas: cantos, xogos, expresión rítmica, plástica, etc.

4. O profesorado que participe nesta experiencia deberá ser especialista no idioma estranxeiro ou estar habilitado para imparti-la devandita especialidade. Sen prexuízo de reunir estes requisitos, terá

preferencia o profesorado que, ademais, teña experiencia docente en educación infantil ou no primeiro ciclo de educación primaria.

5. Ós alumnos do primeiro ciclo de educación primaria que participen nesta experiencia faráselles constar esta circunstancia nas páxinas destinadas a observacións do seu libro de escolaridade e no seu expediente académico.

Artigo 5º

1. A solicitude de autorización deberá tramitarse a través da delegación provincial correspondente. O prazo para a súa presentación será de quince días hábiles contados dende o da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As delegacións provinciais remitiranlle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 20 de xuño, as solicitudes de autorización acompañadas do informe da inspección educativa, que deberá facer constar:

-Se o proxecto recolle tódolos requisitos que se establecen no artigo 4º da presente orde.

-Se as propostas pedagóxicas e organizativas son adecuadas para o nivel de desenvolvemento dos nenos e nenas.

-O número de grupos e de alumnos que van participar na experiencia.

-A relación de profesores especialistas en lingua estranxeira, con dispoñibilidade horaria, dos que dispón o centro e que se comprometen a participar no proxecto.

Artigo 6º.-Correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a selección e autorización dos proxectos, para o que se seguirán os seguintes criterios:

1. Adecuación do proxecto ós aspectos sinalados no artigo 4º da presente convocatoria.

2. Adecuación das propostas pedagóxicas e organizativas ó nivel de desenvolvemento madurativo dos nenos e nenas ós que se dirixen.

3. Dispoñibilidade de recursos.

Artigo 7º.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria prestará apoio ó profesorado que participe nos proxectos que resulten autorizados mediante as asesorías técnicas dos centros de formación e recursos e o desenvolvemento de cursos de formación específicos. Así mesmo, a estes profesores e profesoras acreditaráselle-la súa participación anual na experiencia e terán preferencia para participar nas actividades de formación no estranxeiro.

Artigo 8º.-Co fin de poder avalia-lo desenvolvemento desta experiencia de impartición temperá da primeira lingua estranxeira, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional solicitará dos centros ós que se lles autorizase o proxecto a información necesaria para tal fin.

Artigo 9º.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dicta-las instruccións precisas para a aplicación da presente orde.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria