Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 29 de maio de 2000 Páx. 8.330

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente IN407A 98/362-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, da utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se cita:

Solicitante: Unión Fenosa, S.A.

Domicilio social: Avda. García Barbón, 38, 36201 Vigo.

Denominación: L.M.T., C.T. e R.B.T. Pastoriza II-Carbia.

Situación: concello de Vila de Cruces.

Descricións técnicas: L.M.T., aérea, a 20 kV, de 492 m de lonxitude, con conductor tipo LA-56, sobre apoios metálicos e de formigón, desde a L.M.T. por 7.02, no apoio derivación ó C.T. existente de Pastoriza, rematando no C.T. que se proxecta en Pastoriza II-Carbia, concello de Vila de Cruces. C.T. de 50 kVA, relación de transformación 20 kV-380/220 V. R.B.T., aérea, de 200 m de lonxitude, con conductor tipo R.Z, sobre apoios de formigón.

Realizada a información pública e a notificación individual a cada un dos propietarios afectados, presentan alegacións os propietarios dos predios 1, 8 e 16. O propietario do predio nº 1 manifesta que polo seu predio xa pasa un tendido eléctrico, polo que se opón ó paso dun segundo tendido. A propietaria do 8 solicita que se lle envíe un plano da liña e se lle informe da necesidade da súa construcción. O propietario do 16, aínda que non se opón ó paso da liña, solicita que se varíe o trazado, facéndoa pasar polo lateral do seu predio.

Trasladadas as alegacións á empresa eléctrica, esta contesta a primeira dicindo que a liña pasa pola esquina sur do predio e que a servidume de paso de enerxía eléctrica non lle impide ó dono do terreo cercalo, plantar ou edificar nel deixando a salvo a dita servidume. Respecto á segunda alegación, di que lle enviou á propietaria a información solicitada. En relación coa terceira alegación, di que a modificación do trazado implicará afectar a novos propietarios, variando aínda as afeccións dos predios propostos neste expediente, e que o Regulamento de liñas eléctricas áereas de alta tensión prohibe situar apoios en zona de influencia de estradas a unha distancia do bordo de plataforma inferior a vez e media a altura do dito apoio.

Trasladados os escritos á empresa eléctrica ós afectados, estes non contestaron no prazo establecido para iso.

Considerando que no predio nº 1 a cuestión da servidume da liña xa existente non é obxecto deste proxecto e que a única obxección que se lle fai á nova liña é que deixaría inservible a parcela para futuras edificacións, o cal de acordo co trazado non está plenamente xustificado.

Considerando que no predio nº 8 as alegacións presentadas en canto á solicitude un plano e a necesidade da liña, foron comunicadas con datas do 27-4-1999 e non se fixeron novas alegacións.

Considerando que no predio nº 16 a alegación do propietario se basa na posible depreciación do predio e que se limita o seu aproveitamento futuro, cuestión que corresponde á valoración da indenmización independente deste trámite.

Vistos e cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, e nos capítulos III e IV dos decretos 2617 e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e expropiación forzosa das instalacións eléctricas, esta delegación provincial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como aproba-lo proxecto de execución das devanditas instalacións, das que as características se axustarán en tódalas súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización queda condicionada a que o poste nº 3, situado no mesmo sitio previsto, deberá ser de 15 m en vez de 13, con fin de permitir no futuro a construcción de naves de aproveitamento gandeiro.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación. Tamén se pode interpor calquera outro recurso que se considere pertinente ó seu dereito.

Pontevedra, 12 de abril de 2000.

Carmen Bianchi Valcarce

Delegada provincial de Pontevedra