Autorizado por acordo desta dirección xeral, do 23 de marzo de 1999, o alleamento en poxa pública dos bens inmobles embargados no procedemento de constrinximento pola zona de recadación da Coruña como da propiedade do debedor Esteban Vázquez Carro, NIF 76276567-B, que a continuación se describen:
Lote 1: predio rústico sito no concello de Paderne, parroquia de Obre. Superficie 1.308 m.
Tipo: 450.000 ptas.
E, de conformidade coa competencia atribuída polo artigo 7.1º f) do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona,
DISPOÑO:
Que o día 15 de xuño de 2000 ás 10 horas, no salón de actos da Delegación Territorial da Consellería de Economía e Facenda da Coruña, praza de Pontevedra nº 22, baixo a presidencia do delegado territorial da Consellería de Economía e Facenda da Coruña, se celebre a dita poxa.
Así mesmo, e en cumprimento do disposto no artigo 146 do Regulamento xeral de recadación, faise consta-lo seguinte:
1. Que está en poder da zona de recadación da Coruña o expediente de constrinximento no que consta a titularidade dos bens poxados e o estado das súas cargas e gravames, onde poden ser examinados, debendo conformarse con eles, sen ter dereito a esixir outros, e que as cargas e gravames preferentes, se os houbese, ó crédito dos executantes, continuarán subsistentes, entendéndose que o rematante os acepta e queda subrogado nas responsabilidades deles, sen destinarse á súa extinción o prezo do remate.
2. Que todo licitador deberá constituír ante a mesa de poxa o preceptivo depósito de garantía, que será polo menos do 20 por 100 do tipo daquela, coa advertencia de que o dito depósito se ingresará en firme no Tesouro se os adxudicatarios non satisfán o prezo do remate, sen prexuízo das responsabilidades en
que incorrerán polos maiores prexuízos que sobre o importe orixine a inefectividade da adxudicación.
3. Que a poxa se suspenderá en calquera momento anterior á adxudicación de bens, se se fai o pagamento da débeda, xuros e custas do procedemento.
4. Que o rematante ten a obriga de entregar no acto da adxudicación, ou dentro dos cinco días seguintes, a diferencia entre o depósito constituído e o prezo de adxudicación.
5. Que se admitirán ofertas en sobre pechado, debendo axustarse ó disposto no número 3 do artigo 147 do Regulamento xeral de recadación.
6. Que se realizará unha segunda licitación cando a mesa, ó remata-la primeira, o xulgue pertinente, así como que se poderá realiza-la súa adxudicación directa cando os bens non fosen adxudicados na poxa.
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2000.
María Casais Mira
Directora xeral de Tributos