Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 26 de maio de 2000 Páx. 8.222

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio de mobles da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector do comercio de mobles da provincia da Coruña (código 1500335) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 7-4-2000, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresas de Comercio de Muebles de A Coruña, e da parte social por CC.OO., UGT e CIG o día 10-3-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 13 de abril de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo provincial para as empresas de comercio de mobles da Coruña (2000-2002)

Artigo 1º

Este convenio é de obrigada aplicación para tódalas empresas e traballadores da provincia da Coruña, dedicadas ó comercio de mobles. Exceptúanse aque

las empresas que teñan convenio propio, sempre que as súas condicións, no seu conxunto, sexan superiores ás aquí pactadas.

Artigo 2º.-Vixencia.

O convenio páctase por dous anos, desde o 1 de febreiro de 2000 ata o 31 de xaneiro de 2002.

Artigo 3º.-Cláusula de garantía.

O incremento salarial do primeiro ano de vixencia deste convenio será do 2,9 por cento e a do segundo ano, do IPC real máis medio punto.

Artigo 4º.-Denuncia.

O convenio prorrogarase por períodos anuais, cunha suba salarial automática do IPC real do ano anterior, se ningunha das partes o denuncia con tres meses de antelación á data de expiración do seu período de vixencia.

A denuncia terá que se lle comunicar á outra parte por escrito e, se é o caso, ó organismo competente da Administración.

Artigo 5º.-Respecto de dereitos, compensación e absorción.

Respectaránselles a tódolos traballadores as situacións persoais actualmente consolidadas en canto determinen maiores dereitos dos concedidos por este convenio respecto ás materias obxecto da súa regulación.

Tódalas melloras contidas neste convenio estimadas no seu conxunto establécense co carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións actualmente implantadas nas distintas empresas, que impliquen situacións máis beneficiosas cás convidas, serán respectadas e non suprimidas.

Artigo 6º.-Condicións económicas.

As condicións retributivas do persoal afectado por este convenio serán, durante o primeiro ano de vixencia, as que se conteñen nas táboas salariais que se unen como anexo, que son o resultado dun incremento do 2,9 por cento sobre os salarios revisados de 1999.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Os cuadrienios previstos no artigo 38 da ordenanza laboral do comercio consistirán na percepción do 5 por cento do salario base por cada cuadrienio, con respecto a cada categoría.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense tres pagas extraordinarias, que se farán efectivas nos días laborables inmediatamente anteriores ó 15 de xullo e ó 22 de decembro, e dentro do primeiro trimestre do ano, a correspodente ó mes de marzo.

As tres pagas aboaranse cunha mensualidade do salario base e antigüidade que figuran na táboa anexo deste convenio.

Artigo 9º.-Incapacidade laboral transitoria.

O persoal comprendido no réxime de asistencia á Seguridade Social, ademais dos beneficios outorgados por ela, terá dereito, en caso de enfermidade ou accidente debidamente acreditado, a que a empresa lle complete as prestacións obrigatorias, desde o primeiro día da súa percepción, ata o importe íntegro das súas retribucións, cun tempo máximo de 12 meses.

Artigo 10º.-Premio de xubilación.

O premio establecido por xubilación para aqueles traballadores con máis de vinte anos de permanencia na empresa quedará fixado en dúas mensualidades de salario base e antigüidade para os afectados por este convenio.

Artigo 11º.-Incentivo á xubilación anticipada.

O traballador que, por proposta da empresa e de acordo entrámbalas partes, se xubile voluntariamente con anterioridade a cumpri-los 65 anos, terá dereito a percibir por parte da empresa unha cantidade periódica que, sumada á prestación por xubilación, sexa igual ó 100 por cento da base reguladora establecida polo INSS para o cálculo da pensión ata cumprir 65 anos.

Percibirá ademais, no momento de se xubilar, un premio equivalente á doceava parte do salario anual.

A xubilación será obrigatoria ós 65 anos para tódolos traballadores ós que a cotización lles permita xubilarse co 100 por cen da base reguladora.

Artigo 12º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais, que supón un cómputo anual de 1.818 horas, agás que por norma de rango superior se cambiase a dita xornada ou cómputo anual.

Artigo 13º

Ademais dos días sinalados no artigo 37 do Estatuto dos traballadores, os traballadores afectados por este convenio terán dereito a dous días por asuntos propios que poderán ser acumulados ás vacacións, logo de acordo coa empresa.

Artigo 14º.-Vacacións.

Os traballadores terán un período de trinta días naturais de vacacións preferentemente en verán. Poderanse establecer quendas rotatorias para a elección do período de vacacións, comezando polo traballador de máis antigüidade.

Artigo 15º.-Desprazamentos.

Os traballadores que por necesidade da súa función teñan que desprazarse e efectuar fóra do seu domicilio algunha comida, ou ben pernoitar, terán dereito a que a empresa lles aboe os gastos correspondentes, logo de presentación do xustificante deles.

Artigo 16º.-Quebranto de moeda.

Os cobradores percibirán por este concepto a cantidade de 4.704 pesetas mensuais.

Artigo 17º.-Garantías sindicais.

As empresas respectarán o dereito dos traballadores a se sindicaren libremente.

Os traballadores afiliados a un sindicato ou asociación legalmente constituídos poderán distribuír información e recadar cotas fóra das horas de traballo, sen perturba-la actividade normal da empresa.

Por requirimento dos traballadores afiliados a un sindicato con incidencia superior ó 15 por cento do cadro de persoal do centro de traballo, as empresas descontarán da nómina do persoal o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado remitiralle un escrito á empresa no que expresará a orde de desconto, a central á que pertence, a contía da cota, así como o número de conta corrente á que debe ser transferida a cantidade. Iso na empresa que conte con máis de trinta traballadores.

As empresas efectuarán as ditas detraccións, agás indicación en contra, durante períodos dun ano.

Os representantes dos traballadores, elixidos conforme a normativa vixente, disporán dun crédito de horas para o desenvolvemento da súa actividade sindical.

As horas retribuídas dos membros do comité de empresa de empresas de máis de trinta traballadores poderán acumularse para seren desfrutadas por un ou varios de entre eles, sen exceder do número total de horas e logo de acordo entre os interesados, notificándollo á dirección da empresa, con oito días de antelación ó comezo do mes de que se trate, e non supoña alteración grave do réxime laboral dela.

Artigo 18º.-Comisión paritaria.

Constituirase unha comisión integrada por dous representantes dos empresarios e dous dos traballadores, para a interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio entre as centrais UGT e CC.OO. e a Asociación de Empresas del Comercio del Mueble.

Parte empresarial: Miguel Agromayor Vázquez, Fernando Fernández Fernández, José Fernández Bonome.

Parte social: José Ramón Grela Castro (CC.OO.), Nieves Montes Patiño (UGT), Lois Soto Sabio (CIG).

Artigo 19º.-Seguro de accidente.

As empresas subscribirán un seguro de accidente que cubra os seguintes riscos durante as 24 horas do día:

a) Morte por accidente.

b) Invalidez abosoluta e total por accidente.

O capital asegurado será de 1.000.000 de pesetas en ámbolos casos.

As empresas que contratasen o seguro correspondente cunha compañía aseguradora non responderán subsidiariamente, en ningún caso, do pagamento da indemnización correspondente ós accidentes aquí recollidos.

Artigo 20º.-Cláusula de desvinculación.

As empresas que tivesen perdas durante os exercicios 1998 e 1999 e as previsións para 2000 e 2001 fosen similares, poderán prescindir da aplicación dos salarios pactados neste convenio.

No prazo de dous meses desde a publicación deste convenio, as empresas que se pretendan acoller a esta cláusula deberanlle presenta-la solicitude á comisión mixta do convenio, ante a que deberán acreditar, no caso de sociedades e empresas obrigadas pola normativa fiscal, que levan a contabilidade, as contas anuais presentadas no Rexistro Mercantil e as declaracións correspondentes presentadas ante a axencia tributaria. As demais empresas deberano acreditar mediante a documentación que acredite suficientemente a súa situación a xuízo da comisión.

Poderase requiri-la presencia dos representantes dos traballadores, así como a documentación aclaratoria que se coide necesaria.

De non existir acordo no seo da comisión mixta, as partes acordan o sometemento á arbitraxe do AGA.

As empresas acollidas a esta cláusula, de acordo cos traballadores, poderán aplicar incrementos salariais menores ós aquí pactados ou, mesmo, non incrementa-los salarios durante a vixencia do convenio.

Tódolos membros da comisión, así como os seus asesores, obríganse a manter na maior reserva a información recibida, observando o maior sixilo profesional.

Artigo 21º.-Contratación temporal.

Son traballadores eventuais aqueles admitidos para atende-las esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou pedidos, mesmo tratándose da actividade normal da empresa, sempre que así conste por escrito.

Os traballadores así contratados terán os mesmos dereitos e igualdade de trato cos demais traballadores do cadro de persoal, agás as limitacións que se deriven da natureza e duración do seu contrato.

O contrato previsto no artigo 15.1º b) do ET poderá ter unha duración máxima de trece meses dentro dun período de dezaoito meses.

Artigo 22º.-Contratación indefinida.

As empresas obríganse a ter unha porcentaxe de emprego fixo, respecto ó cadro de persoal total, de polo menos un 50 por cento.

Por petición da representación legal dos traballadores, as empresas entregaranlle por escrito á dita representación, semestralmente, a relación de traballadores coa modalidade de contrato que ten cada un deles. A comisión paritaria poderá requirir das empresas a mesma información.

Así mesmo, de acordo co establecido na letra b) do punto 2 da disposición adicional primeria da Lei 63/1997, ámbalas partes coinciden en que, durante

toda a vixencia deste convenio, será posible a conversión de tódolos contratos temporais subscritos durante a vixencia deste convenio, no contrato para o fomento da contratación indefinida, regulado pola dita disposición.

Artigo 23º

En caso de que non se cumpra o establecido no artigo 22, as empresas ateranse ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Táboas salariais 2000

CategoríaSalarios

(ptas.)

Cómputo anual

(ptas.)

* Grupo I-Persoal técnico titulado
Titulado grao superior130.5431.958.145
Titulado grao medio121.8591.827.885

* Grupo II-Persoal mercantil non titulado
Director158.1402.372.100
Xefe de persoal130.5431.958.145
Xefe de compras130.5431.958.145
Xefe de vendas130.5431.958.145
Encargado xeral130.5431.958.145
Encargado de establecemento121.8591.827.885
-Persoal mercantil propiamente dito
Dependente100.5421.508.130
Corredor de praza101.4751.522.125
Aprendiz de 1º ano68.0881.021.320
Aprendiz de 2º ano70.9451.064.175
Aprendiz de 3º ano76.2111.143.165
Traballador menor de 18 anos (1º ano)70.9441.064.160
Traballador menor de 18 anos (2º ano)76.2111.143.165

* Grupo III-Persoal administrativo
Contable121.8591.827.885
Oficial administrativo103.4121.551.180
Auxiliar administrativo93.547.1.403.205

* Grupo IV-Persoal de servicios e actividades

auxiliares

Escaparatista104.0451.560.675
Delineante99.1101.486.650
Oficial de 1ª e chofer (con permiso

de conducción de 1ª)

98.9551.484.325
Oficial de 2ª y chofer (con permiso

de conducción de 2ª)

95.7721.436.580
Axudante93.5451.403.175
Mozo especializado93.5451.403.175
Mozo93.1441.397.160

* Grupo V-Persoal subalterno
Cobrador100.5421.508.130
Vixilante, sereno, ordenanza, porteiro

e persoal de limpeza

86.1431.292.145