Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 26 de maio de 2000 Páx. 8.221

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 120/2000, do 19 de maio, polo que se constitúe o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

De acordo co artigo 4.2º da vixente Lei de colexios profesionais, do 13 de febreiro de 1974, a fusión, absorción, segregación, cambio de denominación e disolución dos colexios profesionais da mesma profesión será promovida polos colexios, de acordo co disposto nos seus respectivos estatutos, e requirirá a aprobación por decreto, unha vez oídos os demais colexios afectados.

A Delegación de Galicia do Colexio Oficial de Psicólogos solicitou a creación do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, por segregación do Colexio

Oficial de Psicólogos, de conformidade co previsto no artigo 23 dos estatutos xerais do Colexio Oficial de Psicólogos, aprobados polo Real decreto 481/1999, do 18 de marzo.

No expediente consta acta da xunta xeral da delegación, realizada o 6 de marzo de 1999, na que se aprobou constituí-lo Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, e a comunicación ó decano do Colexio Oficial de Psicólogos da instrucción do expediente de constitución do devandito colexio.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, ó abeiro do establecido no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o rexistro de colexios profesionais e os seus consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezanove de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Constitúese o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, por segregación do Colexio Oficial de Psicólogos.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. A Xunta Rectora da Delegación de Galicia do colexio oficial de Psicólogos quedará constituída en Comisión Xestora do novo colexio, debendo aprobar no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto uns estatutos provisionais do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, nos que se regulará a asemblea colexial constituínte, coa previsión da forma da convocatoria, que deberá ser anunciada, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior difusión de Galicia, e do procedemento do desenvolvemento dela.

2. A asemblea colexial constituínte deberá:

a) Elaborar e aproba-los estatutos definitivos do colexio.

b) Elixi-los membros dos seus órganos colexiais de goberno.

Segunda.-Os estatutos definitivos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellería competente en materia de colexios profesionais para a cualificación da súa legalidade e, se é o caso, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais