Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 26 de maio de 2000 Páx. 8.211

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 10 de maio de 2000 pola que se clasifica como de interese ambiental a Fundación Laboratorio de Anatomía Animal.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Laboratorio de Anatomía Animal, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. A fundación, en escrito do 5 de maio de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 11 de abril de 2000, ante o notario José María Rueda Pérez co número oitocentos vintecinco do seu protocolo, por Jorge Ribó Landín, Antonio Palanca Soler e Cristina Castán Lanaspa; intervén Jorge Ribó Landín en nome e representación do Club Alpino da Universidade de Vigo, e os restantes no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é promover, asesorar, xestionar e incentivar actividades que teñan como fin, tanto o coñecemento como a xestión integrada dos espacios naturais.

4. O padroado da fundación estará composto por Antonio Palanca Soler como presidente, Jorge Ribó Landín como vicepresidente, e Cristina Castán Lanaspa como secretaria.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese ambiental da Fundación Laboratorio de Anatomía Animal, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese ambiental e a súa adscrición á Consellería de Medio Ambiente.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de

autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades, tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 9 de maio de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese ambiental a Fundación Laboratorio de Anatomía Animal e adscribila á Consellería de Medio Ambiente que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública