Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 26 de maio de 2000 Páx. 8.210

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de maio de 2000 pola que se clasifica como interese industrial a Fundación Centro Gallego del Vidrio.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Centro Gallego del Vidrio, con domicilio na Unidade de Soplado de Vidro da Universidade de Santiago de Compostela, Campus Sur, estrada de San Lourenzo-Vidán 15706, de Santiago de Compostela, A Coruña.

Supostos de feito.

1. Eliseo de Pablos Viejo, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 4 de xaneiro de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 14 de decembro de mil novecentos noventa e nove, ante o notario Enrique Roger Amat, co número 3.777 do seu protocolo, outorgada polo rector da Universidade de Santiago de Compostela Francisco-Darío Villanueva Prieto, María Dolores Varela Suárez, Eliseo de Pablos Viejo; intervindo Villanueva Prieto no exercicio do seu cargo, en nome e representación da Universidade de Santiago de Compostela, María Dolores Varela Suárez en representación da sociedade Arenas Santa Comba e Eliseo de Pablos Viejo en representación da Sociedade Ilión Grupo Creativo, S.L., sendo modificada por outra do 7 de marzo de 2000 perante o mesmo notario.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto ou fin xenérico da fundación é a promoción, desenvolvemento, ensino, investigación e difusión da artesanía e historia do vidro, a súa fabricación artística e demais actividades culturais e científicas relacionadas coa técnica do vidro e, en particular as seguintes:

Formación e ensino en tódolos niveis.

Axuda na constituc de talleres e empresas vidreiras.

Asesoramento a todo tipo de empresas, artísticas e obradoiros artesanais do vidro.

A difusión dos productos vidreiros das empresas vidreiras de Galicia.

Elaboración de pezas de vidro ó través da recuperación de antigas técnicas ou a implantación de novas.

Realización de calquera actividade cultural, científicas, ou doutra orde relacionada directamente ou indirectamente co vidro.

Investigación e desenvolvemento de novas técnicas, e o estudio e recuperación das antigas.

Desenvolvemento de centros programas se consideren convenientes para o mellor funcionamento dos fins fundacionais.

4. O padroado da fundación estará constituído polo rector da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco-Darío Villanueva Prieto como presidente, Francisco Candela Castrillo como vicepresidente, Carlos Argibay Maneiro como secretario e José Ramón Leis Fidalgo, José Manuel Navaza Dafonte, José Manuel García Iglesias, Manuel Bao Iglesias, María Dolores Varela Suárez e Joaquín Fernández Leiceaga como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese industrial da Fundación Centro Gallego del Vidrio, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese industrial e a súa adscrición á Consellería de Industria e Comercio.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de intrese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente que exercerá o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 2 de maio de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundación de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese industrial a Fundación Centro Gallego del Vidrio e adscribila á Consellería

de Industria e Comercio, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública