Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 25 de maio de 2000 Páx. 8.158

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 16 de maio de 2000 pola que se establecen axudas para fomenta-lo asociacionismo agrario e a integración cooperativa en Galicia.

O fomento do asociacionismo agrario constitúe un dos obxectivos fundamentais na busca do cambio e na mellora das estructuras productivas do campo galego, xa que a producción, normalización, transformación e comercialización das produccións agrarias mediante fórmulas asociativas permite acadar unha maior viabilidade e unha mellor posición nos mercados actuais, que moitas veces son proporcionais á dimensión da propia entidade.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria está disposta a establecer unha serie de liñas de axuda encamiñadas a apoia-lo redimensionamento e a integración das entidades asociativas de carácter agropecuario para lograr fortalece-las súas estructuras productivas e comerciais, e que así sexan máis competitivas e teñan máis capacidade para satisface-las necesidades dos seus socios.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30. I. 1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

I. Axudas para a incorporación de novos socios ás cooperativas e sociedades agrarias de transformación

Artigo 1º.-Obxecto.

Fomentar e promove-lo asociacionismo agrario na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a integración de novos socios, logrando así unha maior dimensión das entidades asociativas que conforman o sector agropecuario galego.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse as cooperativas de carácter agropecuario, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as sociedades agrarias de transformación (en adiante SAT), xa constituídas, que teñan o seu domicilio social en Galicia e que incorporen novos socios, cumprindo as condicións que se detallan a continuación.

Artigo 3º.-Condicionantes.

1. Poderanse subvenciona-las solicitudes de axuda para a incorporación de novos socios, que se producisen despois do 1 de outubro de 1999, sempre que cumpran as condicións esixidas nesta orde.

2. Os novos socios deben ser maiores de idade e non ter máis de 55 anos na data efectiva de ingreso na entidade.

3. Deberanse integrar formalmente antes do 30 de setembro do ano en que estamos.

4. Deben estar relacionados co sector agropecuario e ter suficiente capacitación profesional ou estar dispostos a adquirila.

5. Permanecerán na cooperativa ou SAT alomenos durante cinco anos e cumprirán as obrigas que como socio lle correspondan, fundamentalmente a participación nas actividades cooperativizadas.

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Serán subvencionables as achegas económicas que os agricultores e gandeiros beneficiarios estean obrigados a satisfacer para adquiri-la condición de socios, sempre que sexan reintegrables só no caso de disolución da entidade ou da perda da condición de socio por causa obrigatoria e xustificada allea a el.

2. Contía da subvención e limitacións:

a) No caso dos agricultores e gandeiros que se integren con menos de 40 anos de idade, a contía da subvención poderá acadar ata o 50% das achegas económicas ás que se refire o punto 1 deste artigo, co límite máximo de 300.000 ptas. por cada novo socio.

b) No caso dos agricultores e gandeiros que se integren tendo entre 40 e 55 anos inclusive, a contía da subvención non superará o 40% das achegas económicas realizadas, co límite máximo de 250.000 ptas.

c) A subvención total por entidade beneficiaria non poderá supera-lo importe de 15.000.000 de ptas.

3. As achegas económicas ás que se refire este artigo poderán efectuarse baixo calquera das modalidades seguintes:

a) Entregas en efectivo.

b) Entregas en capital mobiliario, valoradas por técnico competente, de acordo cos prezos de referencia na comarca.

Artigo 5º.-Documentación específica.

A solicitude de subvención debe presentala a entidade asociativa, xunto coa documentación de carácter xeral que se cita no artigo 24º desta orde, e coa documentación específica que se detalla a continuación:

a) Certificación do secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente, na que consten as achegas económicas que é necesario realizar para adquiri-la condición de socio e o carácter con que as devanditas achegas quedarán incorporadas á entidade.

b) Copia das solicitudes de admisión como socios.

c) Copia compulsada do seu DNI, coa data de nacemento perfectamente lexible.

d) Documentación que acredite a relación co sector agropecuario dos interesados en integrarse, así como a súa capacitación profesional suficiente ou compromiso de adquirila no prazo de dous anos, contados desde o seu ingreso.

e) Compromiso de permanencia na cooperativa ou SAT durante alomenos cinco anos, asinado por cada interesado. Se nese período causase baixa, voluntariamente ou por circunstancias imputables ó socio, a entidade debe comunicalo á antedita dirección xeral no prazo máximo de tres meses, así como reintegra-la subvención percibida.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

Para a concesión desta axuda valoraranse preferentemente as solicitudes presentadas polas cooperativas.

Tamén se poderá ter en conta con carácter preferencial que os interesados en integrarse teñan menos de 40 anos de idade, así como a maior dimensión social e económica da entidade onde se integran.

Artigo 7º.-Xustificación da axuda.

1. Unha vez aprobado o ingreso dos novos socios, a entidade debe xustificar que efectuaron as achegas económicas establecidas para adquirir tal condición, mediante certificacións individuais ó respecto, expedidas polo secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente.

Na devandita certificación figurará a data de integración, o importe total que se debe satisfacer para ser socio, o importe efectivamente desembolsado unha vez restada a subvención concedida, a data na que se realizou e o seu destino.

2. Copia compulsada das follas do libro de rexistro de socios onde consten tódalas altas e baixas que se produciron no último ano.

3. Escrito asinado polos novos socios no que se dan por informados da subvención concedida e aceptan que o pagamento dela se faga á entidade asociativa na que se incorporaron.

II. Axudas para o fomento da fusión, absorción e integración das entidades asociativas agrarias

Artigo 8º.-Obxecto.

Fomentar e favorece-los procesos de fusión, absorción e integración cooperativa, encamiñados a lograr un redimensionamento sectorial e un fortalecemento das estructuras productivas e comerciais das entidades asociativas agropecuarias, que redunden nun incremento e mellora dos servicios prestados ós seus socios e nunha maior viabilidade e estabilidade económica que as faga máis competitivas.

Artigo 9º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse as cooperativas de carácter agropecuario, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT, con domicilio social en Galicia, que:

a) Estean inmersas ou dispostas a iniciar un proceso de fusión ou de absorción.

b) Estean dispostas a integrarse nunha sociedade cooperativa de segundo ou ulterior grao, ou nunha agrupación de SAT.

Se o proceso está rematado, o beneficiario pode se-la entidade resultante, absorbente ou integradora, segundo cada caso.

Artigo 10º.-Condicionantes.

1. Deberase xustificar convenientemente o interese e a necesidade de levar a cabo o proceso de fusión, absorción ou integración cooperativa previsto, mediante a presentación da correspondente memoria técnica, estudio socioeconómico, auditoría, balance de fusión ou calquera outro informe necesario ó respecto.

2. Compromiso de mante-la integración durante un período mínimo de cinco anos.

3. Compromiso de que tódolos socios teñen que participar, de forma total e obrigatoria, alomenos na actividade económica principal realizada pola entidade resultante.

4. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, mediante a resolución de concesión desta axuda, establecerá para cada caso unha facturación mínima, que a entidade resultante quedará obrigada a acadar no prazo de dous anos, contados dende a finalización do proceso de integración, fusión ou absorción.

5. A entidade asociativa resultante, absorbente ou integradora, segundo cada caso, deberá presentar balance, conta de resultados e memoria técnica explicativa ante esta consellería, durante os cinco exercicios seguintes á concesión desta axuda.

6. O incumprimento dalgunha das condicións anteriores levará consigo a devolución da subvención recibida máis os xuros legais que correspondan, nos seis meses seguintes ó seu requirimento por parte da Administración.

7. O prazo para remata-los procesos citados termina o 30 de novembro do presente ano.

Cando en función da súa complexidade non sexa posible finalizar durante este prazo, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá conceder unha única prórroga por un período máximo dun ano (ata o 30 de novembro de 2001), logo de solicitude ó respecto das entidades interesadas.

Artigo 11º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Estudios de viabilidade sobre proxectos de intercooperación. Deberanse realizar a nivel sectorial ou comarcal, como antecedente de posibles procesos de fusión, absorción ou integración cooperativa, ou para valorar se é posible e de interese a colaboración entre as entidades asociativas existentes.

Poderanse subvencionar ata o 80% do seu custo, cun máximo de 2.500.000 ptas. por estudio.

2. Memorias técnicas, análises socioeconómicas, auditorías, balances de fusión e demais informes que sexa necesario realizar e que, á vez, avalen os procesos que se pretenden levar a cabo.

A subvención non poderá supera-lo 80% do seu custo, coas seguintes limitacións máximas:

-600.000 ptas. por cada entidade participante.

-2.500.000 ptas. por cada proceso.

3. Gastos orixinados pola fusión, absorción ou integración, fundamentalmente gastos de asesoramento, elaboración da documentación e tramitación, legalización, gastos notariais e rexistrais e demais gastos derivados.

Poderanse subvencionar na súa totalidade, ata un máximo de 600.000 ptas. por cada proceso.

4. Nos casos de integración en cooperativas de segundo grao, subvencionaranse as achegas ó capital social e as cotas de ingreso que deben satisfacer á entidade integradora cada unha das cooperativas e SAT que participan no proceso, para adquiri-la condición de socias.

A subvención poderá alcanzar ata o 50% das citadas achegas económicas, coas seguintes limitacións máximas:

-10.000.000 de ptas. por cada cooperativa que se integre.

-2.000.000 de ptas. por cada SAT que se integre.

-40.000.000 de ptas. para o conxunto de cada integración.

5. Nos casos de fusión ou absorción, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá conceder unha axuda incorporable e sumable ó capital social da entidade resultante ou absorbente, co obxecto de potencia-la súa viabilidade e de fomentar este tipo de procesos.

O importe da axuda non superará a cantidade achegada polos socios da entidade, sendo en calquera caso proporcional ó esforzo económico suplementario que eles fagan. Os límites máximos son:

-15.000.000 de ptas. por cada cooperativa participante.

-3.000.000 de ptas. por cada SAT.

-60.000.000 de ptas. por cada proceso.

Artigo 12º.-Documentación específica.

Ás solicitudes de axuda xuntaráselle-la documentación de carácter xeral que corresponda segundo o artigo 24º desta orde, e a documentación específica seguinte:

1. No caso de estudios de viabilidade sobre proxectos de intercooperación, presentarase:

a) Breve memoria xustificativa do estudio que se vai realizar.

b) Identificación e cualificación do equipo técnico realizador, que será formalmente independente das entidades participantes.

c) Relación de entidades asociativas participantes.

d) Acordo de solicitude da axuda asinado por tódalas entidades, en favor da entidade que vai actuar como peticionaria.

e) Orzamento ou facturas pro-forma.

2. No caso de procesos de integración cooperativa en entidades de segundo ou ulterior grao, é necesario presentar:

a) Copia da memoria técnica e da análise socioeconómica que avalen a conveniencia da integración que se pretende levar a cabo, así como doutros informes complementarios de interese.

b) Identificación e cualificación dos equipos técnicos realizadores, que serán formalmente independentes das entidades participantes.

c) Relación das entidades asociativas participantes, composición e membros dos respectivos consellos rectores e data da súa elección.

d) Relación nominal dos socios de cada unha das entidades participantes, cos seus efectivos productivos e achegas económicas desembolsadas para adquirir tal condición.

e) Copia da escritura de constitución, estatutos e CIF de tódalas entidades asociativas participantes, así como certificación da súa inscrición rexistral.

f) Relación das actividades e estimación do orzamento necesario, clasificado por capítulos de gasto.

g) Copia compulsada ou certificación da acta da asemblea xeral de cada unha das cooperativas e SAT participantes, onde conste o acordo de integración.

Ademais, na devandita asemblea xeral débense adoptar unha serie de compromisos ou faculta-lo consello rector para adoptalos no seu nome. Estes compromisos son:

-Obriga de asumi-las achegas económicas ó capital social e cotas de ingreso que lle correspondan, especificando o seu importe.

-Permanecer integrada como mínimo durante cinco anos.

-Que tódolos seus socios participen, de forma total e obrigatoria, alomenos na actividade económica principal realizada pola entidade integradora.

h) No caso de integración de entidades asociativas en cooperativas de segundo grao xa existentes, deberase presentar certificación dela na que consten o carácter e o importe das achegas económicas que é necesario realizar para adquiri-la condición de socia.

3. Se o proceso a desenvolver é unha absorción ou fusión de cooperativas, a documentación que hai que presentar coincide en xeral coa citada no punto anterior, excepto as alíneas a) e g), que quedan da seguinte forma:

a) Copia da memoria técnica e da análise socioeconómica que avalen a conveniencia da fusión ou

absorción que se pretende levar a cabo, así como dos balances de fusión e informes de auditoría ou alomenos certificación comprometéndose á súa realización.

g) Copia compulsada ou certificación do acordo de fusión adoptado polo consello rector de cada unha das entidades participantes no proceso, no que se especifiquen os seguintes datos:

-Importe desagregado das achegas económicas que deban face-los socios da cooperativa para adquiri-la condición como tales, anteriormente á formalización do proceso de fusión ou absorción previstos.

-Previsión do número de socios interesados.

En calquera caso, o acordo de fusión adoptado polo consello rector de cada entidade queda condicionado á súa posterior ratificación en asemblea xeral.

Artigo 13º.-Criterios de valoración.

Para a concesión das subvencións solicitadas teranse en conta a memoria técnica e o estudio socioeconómico presentados, o número e dimensión das entidades participantes, a relación de actividades e gastos previstos, as achegas ó capital social e cotas de ingreso que se establezan e o esforzo suplementario que signifiquen.

Artigo 14º.-Xustificación da axuda.

1. Para proceder ó pagamento das axudas concedidas para a elaboración de estudios de viabilidade sobre proxectos de intercooperación é necesario presentar:

-Copia do estudio de viabilidade, así como das conclusións resultantes.

-Copia compulsada ou certificación da acta da sesión plenaria, na cal se lles explicase ós socios o estudio realizado.

-Factura orixinal ou a súa copia compulsada e acreditación de que xa está paga.

2. Para efectua-lo pagamento das axudas recollidas nos puntos 2 e 3 do artigo 11º desta orde, será necesario que os gastos se xustifiquen mediante facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas.

Tamén se achegará copia compulsada da transferencia bancaria, certificación expedida polo equipo técnico realizador ou calquera outro documento similar que acredite que xa se pagaron.

3. No caso de integración cooperativa (punto 4 do artigo 11º), para efectua-lo pagamento da axuda concedida deberanse presenta-las certificacións individuais expedidas polo secretario da entidade integradora, co visto e prace do seu presidente, en conforme as cooperativas e SAT que se integraron efectuaron as achegas económicas establecidas, de acordo cos estatutos e coa normativa legal vixente.

Na devandita certificación figurará a data de integración, o importe total que lle corresponde satisfacer para integrarse, o importe efectivamente desembolsado unha vez restada a subvención concedida, a data na que se efectuou e o seu destino.

4. Nos procesos de fusión ou absorción (punto 5 do artigo 11º), para paga-la axuda concedida é necesario que a entidade resultante ou absorbente presente certificación do seu secretario, co visto bo do seu presidente, na que se especifique o importe global das achegas económicas ó capital social e cotas de ingreso efectuadas polo conxunto dos seus socios, unha vez rematado o proceso.

Coa anterior certificación xuntaranse:

-Copia do proxecto de fusión definitivo.

-Copia compulsada ou certificación da acta da asemblea xeral de cada unha das cooperativas participantes, onde conste a ratificación do acordo de fusión.

5. Con carácter xeral, cando os procesos de fusión, absorción ou integración cooperativa leven consigo modificacións estatutarias significativas ou a constitución dunha nova entidade, deberase presentar copia compulsada da escritura pública, dos estatutos sociais, da inscrición rexistral e do seu CIF.

6. En calquera caso, para o pagamento das axudas concedidas de acordo co artigo 11º desta orde, será necesario que previamente a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación emita informe favorable sobre os estudios de viabilidade e sobre o interese e conveniencia da fusión, absorción ou integración que se realizou.

7. A documentación e xustificación dos gastos, segundo se require para esta liña de axudas, débese presentar durante os 15 días naturais seguintes ó da data de culminación dos devanditos procesos.

8. O pagamento da axuda poderase realizar á entidade que a solicitou ou tamén á entidade resultante cando por imperativos formais así fose necesario, logo de solicitude e autorización ó respecto.

9. Os procesos de fusión, absorción ou integración de cooperativas e SAT, debido á súa complexidade e duración, poden culminar máis alá do propio exercicio orzamentario, polo cal o gasto correspondente poderá ter carácter plurianual.

De todas formas, en calquera momento se poderá solicitar que se achegue a documentación que probe que o proceso está formalmente en tramitación ante a Administración competente.

III. Axudas para gastos de constitución e establecemento de novas cooperativas en sectores ou comarcas con escaso desenvolvemento do cooperativismo agrario

Artigo 15º.-Obxecto.

Fomentar e promove-lo asociacionismo agrario na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a constitución de novas cooperativas.

Artigo 16º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta liña de axudas as cooperativas de carácter agropecuario, as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT recentemente constituídas, que cumpran as condicións que se detallan no seguinte artigo.

Artigo 17º.-Condicionantes.

1. Só se subvencionarán as cooperativas que se constitúan en sectores e/ou bisbarras onde o cooperativismo sexa inexistente ou estea escasamente desenvolvido, non existindo a posibilidade de que os agricultores se asocien a outra xa establecida na mesma zona ou limítrofes.

2. O interese e a necesidade da súa constitución debe estar avalado polo correspondente estudio de viabilidade, realizado por técnico competente.

3. Deberán estar formalmente constituídas antes do 31 de outubro deste ano.

4. O número mínimo de socios será de 25 para as cooperativas agrarias e de 5 para as de explotación comunitaria da terra. Excepcionalmente, poderase admitir un número inferior se existe unha causa xustificada que así o motive.

Artigo 18º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderanse subvencionar:

a) A realización de estudios de viabilidade previos que avalen a creación de novas cooperativas.

b) Os gastos de constitución e primeiro establecemento, fundamentalmente gastos de asesoramento, elaboración da documentación e tramitación, legalización, gastos notariais e rexistrais e demais gastos derivados.

2. Contía da subvención e limitacións:

a) No caso dos estudios de viabilidade a subvención non superará o 80% do seu custo, ata un máximo de 400.000 ptas. por estudio.

b) Os gastos de constitución poderanse subvencionar na súa totalidade, ata un máximo de 400.000 ptas. por cooperativa subvencionable.

Artigo 19º.-Documentación específica.

Ademais da documentación xeral que se detalla no artigo 24º desta orde, tamén se presentará:

a) Memoria xustificativa sobre o interese e necesidade da súa constitución.

b) Copia do estudio de viabilidade.

c) Identificación e cualificación do equipo técnico realizador.

d) Copia compulsada da escritura de constitución, dos estatutos, da inscrición rexistral e do CIF.

e) Relación nominal de socios, cos seus efectivos productivos e capital social.

f) Relación das actividades e gastos realizados.

Artigo 20º.-Criterios de valoración.

A concesión das subvencións solicitadas farase con base no estudio de viabilidade presentado, tendo en conta tamén o número de socios que a conforman, o sector de actividade e a comarca de implantación.

Artigo 21º.-Xustificación da axuda.

1. Para proceder ó pagamento da axuda concedida, a nova entidade debe xustifica-los gastos efectuados mediante facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas.

2. En calquera caso, será condición necesaria que previamente informe con carácter favorable o Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación sobre o interese e a necesidade da constitución da nova cooperativa.

IV. Disposicións xerais

Artigo 22º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación que se xunta.

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade.

Xuntaráselle-la documentación que se detalla nesta orde, tanto de carácter xeral como específica, para cada liña de axudas. A documentación que sexa coincidente para varias liñas de axuda só se presentará unha vez.

3. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servicios centrais, ou do xeito previsto no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 23º.-Prazo de presentación.

1. As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. No caso da liña de axudas para o fomento da fusión, absorción e integración, o prazo para solicitar remata o 15 de setembro.

2. En xeral, pódense solicita-las subvencións que se establecen nesta orde para as accións realizadas desde o 1 de xaneiro do ano 2000, coa excepción prevista no artigo 3.1º, previamente á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sempre que se cumpran as condicións que nela se esixen.

Artigo 24º.-Documentación xeral.

As solicitudes deben presentarse xunto coa documentación específica que se detalla nesta orde para cada liña de axudas, e coa documentación de carácter xeral que a continuación se cita:

a) Copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello rector, segundo o modelo anexo IV, na que se:

-Aproba realiza-las accións para as que se vai pedir subvención.

-Acorda solicita-la subvención.

-Autoriza a persoa encargada dos trámites.

b) Informe xeral sobre a entidade solicitante, segundo o modelo do anexo V, debidamente cuberto.

c) Copia compulsada do CIF.

d) Copia completa da declaración do imposto de sociedades correspondente ó último exercicio económico. No caso das cooperativas de nova constitución, presentarán copia do impreso de alta no imposto de actividades económicas.

e) Certificacións, segundo o modelo do anexo VI, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requirir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

-Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita axuda ó abeiro desta orde.

f) Certificación bancaria do número de conta.

Artigo 25º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, para que o servicio competente comprobe se a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos esixidos nesta orde.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se terá por desistido da súa petición e arquivarase a solicitude, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento

administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 26º.-Resolución.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e considerados os criterios de preferencia establecidos para cada liña de axudas, elaborarase a proposta de resolución, que o director xeral de Industrias e Alimentación remitirá para a súa fiscalización á Intervención Delegada desta consellería.

Unha vez fiscalizada, elevarase a proposta de resolución ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, como órgano competente para resolver.

2. Seguidamente notificaráselles ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, e en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

3. O prazo para resolver será de seis meses, contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas unha vez transcorrido o devandito prazo sen recaer resolución expresa.

Artigo 27º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas pola presente orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para os mesmos obxectivos.

A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 28º.-Financiamento.

A concesión das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.04.612-A.770.0 «Promoción cooperativa agraria, constitución e primeiro establecemento», 09.04.714-A.770.1 «Apoio a entidades asociativas», e 09.04.615-A.770.0 «Ordenación de produccións e mercados agrarios», dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, dotadas respectivamente cuns importes de vinteseis millóns oitocentas once mil oitenta e sete pesetas (26.811.087 ptas.), cincuenta millóns de pesetas (50.000.000 de ptas.) e cinco millóns de pesetas (5.000.000 de ptas.), así como con outros remanentes que puidesen existir nas mesmas aplicacións.

Artigo 29º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente ás accións subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde deberase realizar dentro do prazo que se estableza para o efecto na resolución de concesión da subvención.

Como norma xeral, este prazo será de 15 días naturais, contados a partir da data de finalización das accións e actividades subvencionadas.

O incumprimento deste prazo poderá implica-la perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás entidades asociativas beneficiarias.

Con carácter excepcional, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá conceder prórrogas cando así o soliciten as entidades interesadas e sempre que o motiven debidamente.

2. A xustificación do gasto efectuarase directamente ante o Servicio de Fomento Asociativo (Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela).

3. As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor das cooperativas e SAT beneficiarias, unha vez que acrediten debidamente as actividades e gastos realizados, de acordo co que se especifica para cada liña de axudas no texto desta orde e na correspondente resolución de concesión.

En todo caso, as facturas que se presenten para xustifica-los gastos realizados deberán trae-lo IVE desagregado correctamente e virán acompañadas da transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite que xa están pagas.

4. Para proceder ó pagamento da subvención concedida é imprescindible que previamente a entidade beneficiaria presente a seguinte documentación de carácter xeral:

a) Certificación da entidade, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

b) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta Comunidade Autónoma.

c) Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais.

d) Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

e) Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins recollidos nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo presidente da cooperativa ou SAT.

5. Coa resolución de concesión das subvencións reguladas nesta orde poderase solicitar documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación, seguimento e control destas axudas.

6. O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes e documentación que se presente ó respecto, unha vez descontado o IVE.

Se os gastos totais xustificados son inferiores ós orzados, practicarase a reducción proporcional

correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

Artigo 30º.-Seguimento e control.

1. Ante a complexidade e diversidade desta orde de axudas, será obrigatorio que as entidades beneficiarias comuniquen á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente ó destino ou correcta aplicación da subvención concedida.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. No caso de que as cooperativas e SAT beneficiarias destas axudas non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, aplicaráselle-lo establecido no artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

A Xunta de Galicia poderá interpoñe-las accións legais correspondentes para esixi-las responsabilidades a que houbese lugar en dereito.

Artigo 31º.-Réxime de recursos.

A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria