Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 25 de maio de 2000 Páx. 8.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDEN do 22 de maio de 2000 pola que se regula a concesión de subvencións a corporacións locais para actividades de fomento ó investimento en mercados retallistas, en rúas e zonas peonís-comerciais, e noutros equipamentos comerciais de carácter social.

Unha das competencias que ten atribuída a Consellería de Industria e Comercio, concrétase no fomento de actividades de utilidade pública ou interese social, dirixidas á promoción, adecuación e mellora dos equipamentos comerciais de uso colectivo e de carácter social.

Estas actividades subvencionables teñen como beneficiarios os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e van dirixidas ó investimento en mercados retallistas, rúas e zonas peonís-comerciais e outros equipamentos comerciais de carácter social.

As subvencións que se establezan serán con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, que inclúe a oportuna consignación na aplicación 08.04.521-A.761.1. Transferencias de capital. Corporacións Locais. Equipamentos comerciais de carácter social.

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Son actividades de fomento susceptibles de subvención:

a) O investimento en mercados retallistas. En concreto, a construcción, reparación, modernización e remodelación da estructura física e das instalacións de uso comunitario de mercados retallistas de titularidade municipal.

b) O investimento en rúas ou zonas peonís-comerciais. En concreto, os proxectos de creación, modificación e mellora de rúas e zonas peonís-comerciais.

c) O investimento noutros equipamentos comerciais de carácter social. En concreto, as dotacións de equipo e instalacións xerais ou complementarias que se integren en unidades comerciais afíns.

2. Poderán beneficiarse destas actividades de fomento obxecto de subvención sinaladas no parágrafo anterior os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e para os investimentos que se executen no ano 2000.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para os investimentos, serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.521-A.761.1, e estarán limitadas polos cré

ditos dispoñibles para este fin cun importe global de 260.409.389 pesetas.

2. A contía da subvención que se outorgue non poderá superar en ningún caso o 70% do importe do investimento, sen que supere o 90% do devandito investimento, no caso de acumularen outras subvencións para igual fin.

3. Poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual nos termos e límites do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, de 30 de decembro.

Neste caso as subvencións faranse efectivas con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizaran con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ós delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das respectivas delegacións provinciais ou en calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñen subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse por triplicado a documentación que a seguir se relaciona, en orixinal ou copia compulsada:

a) Certificación do acordo de aprobación, polo correspondente órgano municipal do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.

b) Certificación acreditativa da titularidade municipal dos inmobles onde estea o mercado retallista ou das vías nas que estea previsto realiza-lo investimento, segundo os casos.

c) Memoria xustificativa de:

-O interese, oportunidade e necesidade do investimento.

-O programa de execución do investimento, con especificación das datas de inicio e terminación previstas.

-O estado actual do equipamento de que se trate, e, se é o caso, detalle das súas instalacións, antigüidade, capacidade comercial e adecuación entre necesidades e funcións que cumpren.

d) Declaración de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

3. Así mesmo, deberá presentarse a seguinte documentación específica segundo as actividades que se relacionan:

a) Actividades de fomento en mercados retallistas: memoria técnica, anteproxecto ou proxecto de obra realizado por técnico facultativo, visado polo colexio profesional correspondente, cando proceda.

b) Actividades de fomento en rúas e zonas peonís-comerciais: estudio técnico de viabilidade do proxecto.

c) Actividades de fomento noutros equipamentos comerciais de carácter social: factura pro forma con expresión das características e orzamento do investimento que se vai realizar.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Emenda de defectos da solicitude ou documentación.

1. Se a solicitude ou documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 3º, requirirase ó concello solicitante para que, nun prazo de dez días, contados a partir do seguinte da recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, considerarase desistido da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei de rexíme xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar dos concellos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Criterios de adxudicación para a concesión.

Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables e para a adxudicación e contía das axudas teranse en conta os seguintes criterios:

1) Os proxectos destinados á adecuación de edificios, instalacións e equipos no caso de mercados municipais retallistas e de abastos para municipios con poboación de dereito superior a 5.000 habitantes.

2) Os proxectos de obras en instalacións de rúas e zonas de uso peonil-comercial, cando se sitúen en núcleos con gran presencia comercial.

3) Os proxectos nos que concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) En relación coas actividades de fomento en mercados retallistas:

-Que se producira unha deteriorización grave nas instalacións, nos accesos e demais particularidades do mercado.

-Que o mercado se deba adaptar ás esixencias das normativas técnico-sanitarias e das normas básicas de seguridade en edificacións.

-Que a natureza das obras proxectadas responda a unha reparación xeral, e non a actuacións de mantemento.

b) En relación coas actividades de fomento en rúas e zonas peonís-comerciais:

-Que as características físicas e comerciais da zona aconsellen a súa creación ou modificación e estas sexan factibles no seu marco urbanístico.

-Que o proxecto responda a un plan integral que resolva os aspectos estructurais e funcionais da zona, de acordo con criterios de orde xeral en materia de urbanismo comercial.

-Que se conte cun plan de rehabilitación de vivendas e edificios da zona, que se adecúe a criterios específicos de ordenación dos usos e formas comerciais.

c) En relación coas actividades de fomento noutros equipamentos comerciais de carácter social:

-Que se remodelen as superficies comerciais para procurar unha dimensión máis racional dos puntos de venda e doutros elementos comúns dos mercados retallistas ou de unidades comerciais afíns.

-Que se faga unha ordenación axeitada do conxunto, segundo criterios de accesibilidade, comodidade e información dos consumidores e usuarios.

Artigo 6º.-Informes.

Os órganos competentes das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio estudiarán para o seu posterior informe a documentación achegada, valorando a memoria global xustificativa do investimento e a importancia social e comercial das actividades de fomento previstas, de acordo cos criterios de adxudicación previstos no artigo anterior.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Os delegados provinciais, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais

ou territoriais da Xunta de Galicia, á vista dos informes de avaliación, dictarán as resolucións que procedan.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses a contar desde a publicación da presente orde.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

A resolución dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotará a vía administrativa, polo que de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra ela podera interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fora, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o delegado provincial no prazo dun mes se o acto fose expreso; se non o fora, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

2. Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que ó mesmo tempo se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e se procederá conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A efectividade da resolución de concesión quedará condicionada a que o interventor municipal certifique, no prazo máximo dun mes desde a notificación da resolución, a existencia de consignación orzamentaria para a realización do proxecto concreto obxecto da subvención, concretando a aplicación e dotación orzamentaria destinada para tal fin.

Artigo 8º.-Modificación do proxecto de investimento.

No caso de que sexa necesario introducir modificacións no proxecto de investimento, obxecto de subvención, con posterioridade á resolución de concesión, deberá obte-la conformidade expresa do delegado provincial, debendo presentarse para tal efecto polo beneficiario o proxecto reformado aprobado polo órgano competente do concello.

De conformidade co establecido no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Publicidade en obras.

O concello adoptará as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade no lugar das obras durante o prazo de execución destas, debendo constar que están subvencionadas pola Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez se presenten por triplicado os documentos que a seguir se relacionan:

a) En caso de obras:

-Proxecto de ejecución de obras que serviu de base para a adxudicación.

-Certificación acreditativa da adxudicación que indique o nome do contratista, o importe líquido da adxudicación, e, se é o caso, a baixa na licitación.

-Certificación da obra realizada, expedida polo técnico facultativo e aprobada polo órgano competente do concello beneficiario.

b) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.

c) En tódolos casos declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto de subvención acollida á presente anualidade, deberá presentarse polo beneficiario con data

límite o día 30 de novembro de 2000, na respectiva delegación provincial ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención correspondente á presente anualidade farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá a documentación da xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código da conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido no artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzado que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto, ou de resultar a concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o 90% do investimento.

Artigo 12º.-Comprobación e control dos investimentos.

1. As delegacións provinciais en calquera momento poderán inspecciona-los investimentos realizados e, se é o caso, as obras en curso.

2. En todo caso, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. O incumprimento dalgunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución de concesión ó concello beneficiario dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido

da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, despois da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e xuros correspondentes de demora, sen prexuízo se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 a 23 do citado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 13º.-Réximen xurídico.

Para todo o non previsto na presente orde, aplicarase o disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición adicional

Poderán acollerse ás axudas que se regulan na presente orde as solicitudes presentadas ó abeiro da orde de convocatoria do ano de 1999, que non foron atendidas por limitacións orzamentarias, sempre que o concello interesado así o solicite.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio