Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Xoves, 25 de maio de 2000 Páx. 8.148

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 22 de maio de 2000 pola que se regula a concesión de subvencións a asociacións e federacións sen fins de lucro para actividades de distribución, loxística e promoción comercial.

Entre os obxectivos que ten encomendados a Consellería de Industria e Comercio e que se concretan no Programa 753-A. Distribución, loxística e promoción comercial, encóntranse a promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio, así como o impulso do asociacionismo comercial que fai necesario que a Administración adopte as medidas e actuacións precisas encamiñadas a potenciar e estimula-lo seu desenvolvemento, consciente da importancia que o sector comercial ten no noso sistema económico e a súa versatilidade á hora de xerar e distribuír emprego.

As actividades subvencionables con cargo a esta orde teñen como beneficiarios a asociacións e federacións sen fins de lucro e van dirixidas ó investimento en actuacións de distribución, loxística e promoción comercial.

As subvencións que se establezan serán con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, que inclúe a oportuna consignación na aplicación 08.04.753-A.781.0. Transferencias de capital. Familias e institucións sen fins de lucro. Distribución, loxistica e promoción comercial.

En virtude do exposto e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. As actividades susceptibles de subvención ó abeiro desta orde son os investimentos dirixidos a distribución loxística e promoción do comercio e os productos galegos, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma coma no dos mercados nacionais e internacionais, e que se desenvolvan durante o ano 2000. Poderanse incluír aquelas actividades que, iniciadas no exercicio 1999, tiveran continuación ininterrompida ó iniciarse o ano 2000.

2. Poderán beneficiarse destas actividades obxecto de subvención sinaladas no parágrafo anterior as asociacións e as federacións xerais ou sectoriais sen fins de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia, que como mínimo teñan carácter provincial.

Excepcionalmente poderanse beneficiar aquelas asociacións, de carácter local ou comarcal que non teñan representatividade a nivel provincial ou autonómico.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. As subvencións que se establezan para os investimentos serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.04.753-A.781.0 e estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin, cun importe global de 500.000.000 de pesetas.

2. A contía da subvención que se outorgue non poderá supera-lo 70% do importe do investimento realizado, nin o 90%, no caso de que se acumulen outras subvencións para igual fin.

3. Poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual nos termos e límites do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, de 30 de decembro.

Neste caso as subvencións faranse efectivas con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os inves

timentos se realizaran con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Artigo 3º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral da consellería ou en calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñen subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo o modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse por triplicado á documentación que a seguir se relaciona, en orixinal ou copia compulsada:

a) Estatutos de constitución e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, así como código de identificación fiscal.

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

c) Memoria-programa, orzamento detallado e plan de financiamento do proxecto ou actuación que se vai desenvolver.

d) Relación nominal de empresas ou entidades que compoñen a asociación ou federación, facendo consta-la súa denominación, número de identificación fiscal, domicilio postal e telefónico e número de fax, concretando, se é o caso, as empresas ou entidades participantes no proxecto ou actuacións que se van desenvolver, achegando os datos de facturación e emprego.

e) Declaración de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Emenda de defectos da solicitude e/ou documentación.

1. Se a solicitude e/ou a documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 3º, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, contados a partir do seguinte da recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, considerarase desistido da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo

71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Criterios de adxudicación para a concesión.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables e para a adxudicación e contía das axudas terase en conta os seguintes criterios xerais:

Importancia estratéxica do sector económico ó que pertenza a federación ou asociación.

Os proxectos que respondan a un plan xeral de promoción do comercico retallista ou sectorial.

O alcance das actuacións, atendendo tanto á súa difusión como á representatividade da entidade e, cando corresponda, número de membros que as desenvolvan.

A promoción e difusión daqueles productos ou artigos respecto dos cales o ciclo completo de producción se desenvolva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A maior contribución financeira da entidade solicitante.

Artigo 6º.-Informes.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio estudiarán para o seu posterior informe a documentación achegada, valorando a memoria programa xustificativa do investimento e a importancia comercial das accións a desenvolverán, de acordo cos criterios de adxudicación previstos no artigo anterior.

Artigo 7º.-Resolución.

1. O conselleiro de Industria e Comercio, á vista dos informes de avaliación, dictará as resolucións que procedan.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a publicación da presente orde.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

A resolución dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotará a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra

ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fora o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o delegado provincial no prazo dun mes, se o acto fose expreso; se non o fora, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

2. Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que ó mesmo tempo se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Modificación do proxecto do investimento.

Con posterioridade á resolución de concesión, no caso de que sexa necesario introducir modificacións no proxecto de investimento obxecto de subvención que se recolle na memoria-programa, e sempre que non alteren significativamente o obxectivo inicial del, o beneficiario con anterioridade á súa materialización deberá comunica-los correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio, e para tal efecto facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para resolve-lo que proceda.

De conformidade co establecido no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez que se presenten por triplicado os documentos que a seguir se relacionan.

a) Os que acrediten a realización do investimento, acompañados dunha relación nominativa, agrupados por epígrafes, segundo corresponda, e facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto e importe en pesetas, especificando, se é o caso, o tipo de cambio aplicado.

b) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados e sociedades.

c) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ó día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa administración pública da Comunidade Autónoma, e sempre que a subvención concedida supere individualmente a cantidade de 250.000 pesetas.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto da subvención acollida á presente anualidade, deberá presentarse polo beneficiario con data límite o día 31 de outubro de 2000, no rexistro xeral da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas especificadas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para o caso de que as actuacións ou parte delas se desenvolvan a partir do 1 de outubro, e así conste na documentación presentada pola entidade solicitante, o prazo de xustificación dos investimentos finalizará o 15 de decembro de 2000.

Artigo 10º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención correspondente á presente anualidade farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá a documentación da xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código da conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido no artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzado que serviu de base para a resolución da súa concesión

e sempre que estea garantida a consecución do obxecto, ou de resulta-la concorrencia con outras subvencións ou axudas sempre que a contía total supere o 90% do investimento.

Artigo 11º.-Control dos investimentos.

1. En todo caso, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio, así como as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento dalgunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución de concesión ó beneficiario dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, despois da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e xuros correspondentes de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrera o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 a 23 do citado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 12º.-Réxime xurídico.

Para todo o non previsto na presente orde, aplicarase o disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio