Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 24 de maio de 2000 Páx. 8.082

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Maconsi, S.L. (servicio de cociña e alimentación do Hospital do Meixoeiro).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Maconsi, S.L. (servicio de cociña e alimentación do Hospital do Meixoeiro), con nº de código 3602552, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-4-2000, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 22-3-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 13 de abril de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Ámbito de aplicación e disposicións xerais

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as relacións de traballo entre a empresa Maconsi, S.L. e o persoal dependente dela, no servicio de cociña e alimentación do Hospital do Meixoeiro, Vigo.

Artigo 2º.-Carácter.

O convenio ten carácter de mínimo necesario e indivisible para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas nel constitúan un todo orgánico e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas global e conxuntamente vinculadas á totalidade.

Artigo 3º.-Aplicación preferente.

As disposicións que contén este convenio aplicaranse con preferencia a calquera outra.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

A vixencia deste convenio será de dous anos, do 1 de xaneiro de 2000 ó 31 de decembro de 2001, independentemente da súa publicación no BOP, e producirá efectos a patir do día 1 de xaneiro.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para examinar e resolver cantas cuestións se deriven da interpretación, vixencia e aplicación deste convenio, a súa mesa negociadora constitúe unha comisión paritaria integrada por tres representantes da dirección e tres representantes do comité de empresa.

A comisión paritaria terá as seguintes funcións:

-Resolución de cantos asuntos ou reclamacións se sometan á súa consideración, así como de calquera das condicións establecidas neste convenio.

-Vixilancia e cumprimento do convenio colectivo.

-Atención ás denuncias de incumprimento deste.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas na súa totalidade estrictamente ad personam aquelas condicións máis beneficiosas que teña o traballador/a concedidas pola empresa, por pacto ou por costume.

Artigo 7º.-Denuncia e prórroga.

O presente convenio entenderase prorrogado por un ano, se algunha das partes non o denuncia cunha antelación de dous meses ó seu vencemento.

Artigo 8º.-Equiparación.

Os traballadores/as afectados por este convenio quedan equiparados ó persoal subalterno do Sergas segundo categoría que se reflicte no artigo 1 do capítulo II. A partir desta equiparación toda modificación que repercuta no persoal subalterno do Hospital do Meixoeiro de Vigo aplicarase de igual forma ós traballadores/as afectados por este convenio.

Remuneracións salarios complementos

Capítulo II

Artigo 1º.-Remuneracións.

As remuneracións dos traballadores/as serán iguais e polos mesmos conceptos que as que perciba mensualmente o persoal subalterno do Sergas, segundo o grupo ó que se encontre equiparado e que é o seguinte:

Xestor/a: grupo B.

Encargado/a: grupo C.

Xefe/a de cociña: grupo C.

Cociñeiros/as: grupo C.

Camareiros/as: grupo D código 24.

Axudantes: grupo E.

O salario estará ó dispor do traballador o día 1 de cada mes.

Artigo 2º.-Antigüidade.

O concepto de antigüidade será retribuído cos mesmos criterios e contía que ten establecido o Sergas.

Artigo 3º.-Horas extraordinarias.

Realizaranse soamente as que se precisen por calquera urxencia xustificada e, en todo caso, con coñecemento dos representantes legais dos traballadores/as. En caso de realización serán compensadas con tempo de descanso.

Artigo 4º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense como gratificacións extraordinarias as de xullo e Nadal, que se aboarán os días 15 de cada un dos meses de xullo e de decembro.

Artigo 5º.-Complemento de nocturnidade.

As horas traballadas entre as 22 e as 7 horas terán a consideración de nocturnas e, consecuentemente retribuiranse cos mesmos criterios con que se lles apliquen ós traballadores/as do Sergas do correspondente nivel.

Artigo 6º.-Complemento de festividade.

Remunéraranse tódolos domingos e festivos igual ca ó persoal do Sergas, sendo recoñecidos tamén como festivos os seguintes: 24 de decembro, 31 de decembro e 5 de xaneiro.

Artigo 7º.-Complemento de ILT ou accidente.

A empresa estará obrigada a aboar ata o 100% do salario e tódolos complementos en caso de accidente ou baixa por enfermidade desde o primeiro día.

Dereitos sindicais de representación

Capítulo III

Artigo 1º.-Organización sindical dos traballadores/as na empresa.

A empresa considera os sindicatos debidamente implantados no seu seo como elementos básicos e esenciais para canaliza-las relacións entre traballador/a e empresario/a.

En consecuencia, a empresa Maconsi respectará o dereito dos traballadores/as que o desexen a sindicárense libremente e non poderá condiciona-lo ingreso de ningún traballador/a na empresa á súa afiliación sindical ou a que renunie a iso e non incorrerá en conducta que supoña discriminación por razón de afiliación a un sindicato. En concreto, non poderá despedir ou prexudicar un traballador pola súa afiliación ou actividade sindical.

A empresa recoñece o dereito dos traballadores/as afiliados a un sindicato a ter reunións, recadar cotas e distribuír información sindical fóra das horas de traballo sen prexudica-la norma ou a actividade da empresa.

Deberá existir un taboleiro de anuncios no que os sindicatos debidamente implantados nela lle poderán dar publicidade a informacións e comunicacións.

Artigo 2º.-Representantes dos traballadores/as.

O comité de empresa terá os dereitos e facultades que lle recoñece a lexislación.

Entre outras facultades deberán ser informados das propostas de modificación da organización do traballo, das propostas de sancións, variacións no cadro de persoal; e, en xeral, vixiarán o cumprimento das disposicións vixentes.

Artigo 3º.-Garantías dos representantes dos traballadores/as.

Os membros do comité de empresa non poderán ser despedidos ou sancionados durante o exercicio das súas funcións, nin no ano inmediato seguinte ó seu cesamento, agás que este se produza por revogación ou demisión, se a causa do despedimento ou sanción se basea no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou sanción por faltas moi graves ou graves obedecese a outras causas, deberá tramitarse expediente contradictorio no que serán oídos, ademais do interesado/a, o comité de empresa.

Os citados representantes dos traballadores non poderán ser discriminados nas súa promoción profesional ou económica por causa do desempeño da súa representación.

Artigo 4º.-Crédito horario.

Os membros do comité de empresa dispoñen dun crédito horario de 24 horas mensuais, retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación, que poderán ser acumuladas nun ou varios membros do comité durante cada un dos 12 meses do ano.

Artigo 5º.-Desconto en nómina da cota sindical.

A empresa descontarálle-la cota sindical ós traballadores/as afiliados ós sindicatos, logo da correspondente autorización deles e remitirállela ós sindicatos correspondentes.

Artigo 6º.-Asembleas.

Os traballadores/as terán dereito a dispoñer de dúas horas mensuais para se reuniren. Co ánimo de dificultar ó mínimo a organización do traballo, o tempo que se empregará en cada reunión non deberá supera-los 50 minutos e realizarase en horario acordado entre a dirección e o comité de empresa.

Artigo 7º.-Sección sindical.

Os sindicatos que acrediten teren máis do 50% da afiliación entre os traballadores/as do cadro de persoal terán dereito á creación da sección sindical, o delegado/a da cal terá recoñecido, entre outros, os mesmos dereitos que ten o comité de empresa.

Contratación e cadro de persoal

Capítulo IV

Artigo 1º.-Contratacións e altas na Seguridade Social.

Ó comezo da relación laboral, a empresa quedará obrigada a estender por escrito o contrato de traballo

que teña as especificacións recollidas pola normativa legal de aplicación, tanto sexa de carácter temporal como de duración indefinida, entregándolle copia deste contrato ó interesado/a.

A empresa estará obrigada a lles entregar ós traballadores/as fotocopia de alta deles na Seguridade Social, para o que disporá do prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo. Así mesmo, a empresa obrígase á colocación da fotocopia dos boletíns de cotización no taboleiro de anuncios das súas oficinas no Hospital do Meixoeiro.

Artigo 2º.-Substitucións.

Os contratos de traballo de carácter temporal para a substitución de baixas ou período de vacacións deberán realizarse polo tempo en que dure a ILT ou o período de vacacións. Os contratos deberanse realizar tendo en conta as categorías profesionais que figuran no artigo 1º do capítulo II, a súa retribución.

Para a súa contratación teranse en conta os/as que figuran na bolsa de traballo constituída para o efecto.

Artigo 3º.-Cadro de persoal fixo.

A partir do 1 de abril de 2000, o cadro de persoal do centro de traballo queda establecido da seguinte forma:

Xestor/a: 1.

Encargado/a: 1.

Xefe/a de cociña: 1.

Cociñeiros/as: 5.

Camareiros/as: 36.

Axudantes: 13.

No tocante a camareiros/as, dous deles/as son os/as que só prestan os seus servicios nas fins de semana.

Non obstante, a presencia física diaria establécese en:

Responsable: 1.

Cociñeiros/as: 4.

Camareiros/as: 26.

Axudantes de cociña: 10.

Artigo 4º.-Promoción interna.

En caso de vacantes nunha categoría superior, o acceso a estas levarase a cabo por orde de antigüidade, sempre que se reúnan os requisitos de cualificación profesional para o posto que se vai cubrir, exceptuando o persoal de mando ou confianza.

Xornada de traballo, vacacións, licencias,

permisos e excedencias

Capítulo V

Artigo 1º.-Xornada de traballo.

Durante a vixencia do convenio a xornada laboral será de 1.624 horas anuais, computando os trinta

minutos de descanso como tempo efectivo de traballo.

A súa aplicación acordarase entre o comité e os representantes da empresa.

Artigo 2º.-Festivos.

Os traballadores/as terán dereito a 14 días festivos, os cales se desfrutarán de acordo cos criterios establecidos ata o de agora.

Artigo 3º.-Vacacións.

A empresa, de acordo co comité, elaborará as quendas correspondentes ás vacacións seguindo cada ano unha quenda rotatoria de preferencia. As vacacións desfrutaranse entres os meses de xuño e setembro, ambos inclusive, e a súa duración será dun mes, ó que se lle poderán engadir días festivos.

Se ó inicio das vacacións un traballador/a estivese de baixa por accidente, enfermidade grave ou enfermidade con hospitalización, entendendo esta dentro do período de baixa, terá dereito ó desfrute delas ó mes seguinte da súa incorporación ó traballo.

Artigo 4º.-Licencias e permisos.

Logo de solicitude dos traballadores/as afectados considerarase licencia retribuída polo tempo e os casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador/a: 15 días naturais.

b) Matrimonio de pais, fillos ou irmáns: 1 día natural.

c) Parto de esposa: 5 días naturais.

d) Falecemento, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica de:

-Cónxuxe ou compañeiro/a: 5 días naturais.

-Parentes de primeiro grao (pais ou fillos, por consanguinidade, afinidade ou convivencia demostrable): 3 días naturais.

-Irmáns ou parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais.

Se entre o traballador/a e os parentes anteriormente detallados houbese convivencia, a licencia será de 5 días naturais. O mesmo ocorrerá se o suposto d) se producise fóra de praza.

e) Falecemento de tíos/as: 1 día natural.

-Convivencia: 2 días.

f) Traslado de domicilio: 2 días laborables.

g) Permiso por lactación: os/as traballadores/as, por lactación dun fillo/a menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. Os traballadores/as, pola súa propia vontade, poderá substituír este dereito pola reducción da xornada normal dunha hora coa mesma finalidade.

Da mesma forma este dereito será de aplicación ós casos de adopción.

h) Todo o anteriormente exposto seralles de aplicación ás parellas de feito, fidedignamente acreditadas e inscritas no rexistro público correspondente.

i) Os traballadores/as que cursen estudios para a obtención dun título oficial, académico ou profesioal, terán dereito a un permiso retribuído de ata 6 días ó ano para concorrer a exames logo de comunicación por parte dos traballadores á empresa e a súa posterior xustificación.

Igualmente, o traballador, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispor de 5 días de licencia ó ano non retribuído pola empresa.

Artigo 5º.-Solicitude e xustificación de permisos e licencias.

Os traballadores/as que necesiten un permiso ou licencia deberán comunicarllo á empresa con xustificante de recepción, sempre e cando a circunstancia sexa previsible, se non é así abondará con comunicación telefónica.

Xustificaranse tódolos permisos e licencias a posteriori cos documentos acreditativos correspondentes que se detallan a seguir:

a) e b) Por matrimonio: fotocopia do libro de familia.

c) Por natalidade: fotocopia de partida de nacemento.

d) Por falecemento: esquela ou documento acreditativo.

Por hospitalización ou intervención cirúrxica: documento de ingreso no hospital.

Por enfermidade grave de familiar: deberase presentar xustificante de facultativo xeral ou pediatra da Seguridade Social.

Por traslado de domicilio: fotocopia de calquera documento oficial no que conste o novo domicilio (cambio de domicilio na Seguridade Social, contrato de compañía da auga, gas, electricidade, certificado do Concello, etc.).

Outras ausencias ó posto de traballo.

Ausencias temporais inferiores a 1 día: a ausencia temporal do centro ou posto de traballo por tempo inferior a unha xornada laboral, indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal moi urxente (xulgados, notarios, médicos, etc.), será imprescindible acreditala debidamente e será polo tempo indispensable para cumpri-la obriga de que se trate. Estes permisos serán autorizados pola dirección ou persoas en quen delegue, dándolle ó interesado/a o oportuno vale de saídas e que informará mensualmente dos concedidos, permisos, causas e duración. Formato de solicitude (anexo 2).

Asistencia a consultorios médicos: tódolos traballadores/as terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan que asistir ó médico de cabeceira que lle correspondese ó traballador; se tivese o seu consultorio en localidade distinta daquela na que presta o seu servicio o traballador/a, este/a poderá dispor do tempo necesario.

O traballador que teña que acudir ó consultorio médico estará obrigado/a a avisar con anterioridade a empresa, debendo xustificar que foi atendido polo médico de cabeceira. Para a súa asistencia á consulta do especialista, os traballadores terán dereito a todo o tempo necesario, logo de presentación do volante médico de cabeceira.

Os traballadores/as terán dereito para poder asistir ó consultorio médico cos seus fillos menores de 4 anos ou minusválidos (calquera que sexa a súa idade), un máximo de tres veces ó mes.

Ausencias por enfermidade: as ausencias por enfermidade deberánselle comunicar telefonicamente ó encargado/a de quenda antes do comezo da quenda de que se trate.

Tódalas ausencias por enfermidade xustificaranse mediante información do médico de cabeceira e o parte de baixa por enfermidade, que se entregarán na dirección ou enviaranse por correo certificado en casos de enfermidades de duración superior a tres días, seguindo o mesmo trámite para os partes de confirmación.

A non presentación do informe ou parte de baixa considerarase como falta sen xustificar para os efectos disciplinarios que regulamentariamente correspondan.

Licencias non retribuídas: aplicarase o disposto na normativa vixente.

Artigo 6º.-Días de libre disposición.

Durante a vixencia deste convenio os traballadores/as terán os mesmos días retribuídos de libre disposición que teñan os do persoal do Sergas, o seu desfrute realizarase de acordo cos seguintes criterios: 4 días no período de xaneiro a xullo e 5 días de agosto a decembro. Cando un traballador/a desfrute de vacacións fóra dos meses establecidos, estes 9 días poderán xuntarse ás vacacións. Non obstante, por situacións excepcionais os traballadores/as poderán dispoñer dos 9 días de forma continuada logo de coñecemento do comité e acordo coa empresa.

Artigo 7º.-Excedencias.

A empresa está obrigada a lle conceder a todo o persoal que o solicite e leve nela o tempo mínimo de dous anos de servicio, a excedencia voluntaria, a cal terá unha duración mínima de seis meses e máxima de 3 anos, quedando a empresa obrigada a reincorporar automaticamente o traballador/a excedente que o solicite, cunha antelación dun mes, tempo de aviso previo, co obxecto de que a empresa poida adapta-lo dito persoal.

Artigo 8º.-Excedencia especial.

A nai traballadora terá dereito a solicitar unha excedencia especial, ata que o fillo cumpra os dous anos de idade, garantíndose a súa incorporación inmediata, con reserva do posto de traballo e sen que afecte o dereito da excedencia ordinaria do artigo anterior. Este dereito é optativo para o pai traballador; poderá exercelo só un membro da parella, no caso de ámbolos dous traballaren na mesma empresa.

Unicamente durante o primeiro ano se computará a antigüidade.

Prevención de riscos laborais

Capítulo VI

Artigo 1º.-Comité de seguridade e saúde.

Consonte a Lei de saúde laboral, constitúese un comité de seguridade e saúde. A súa composición será de 2 representantes dos traballadores/as e 2 da empresa. Con carácter anual este comité realizará un estudio de riscos e elaborará un plan para os eliminar. Os representantes dos traballadores/as disporán do mesmo crédito de horas retribuídas cós membros do comité de empresa, co obxecto de facilita-la súa formación e funcións.

Artigo 2º.-Control médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido neste convenio terá dereito e obriga de efectuar unha revisión médica por conta da empresa cada 6 meses.

O control médico obrigatorio consistirá en:

-Audiometría.

-Control da vista.

-Analítica de sangue.

-Analítica de urina.

-Expirometría.

-Exploración clínica.

-Vacinas do tétano, hepatite e gripe.

Todo traballador/a realizará a revisión en horas de traballo e na clínica da mutua aseguradora da empresa.

Artigo 3º.-Vestiarios.

A empresa facilitará vestiarios adecuados e duchas.

Artigo 4º.-Roupa de traballo.

Proverase a tódolos traballadores/as de dobre uniforme no mes de xaneiro (uniforme e zocos) das demais pezas como luvas, mandiletas, chaquetas, pezas de abrigo e protección, adecuadas e accesibles, sempre que sexa necesario.

Uniformes de premamá: proveranse en cada caso que sexa necesario.

Artigo 5º.-Póliza de seguro.

Sempre que sexan derivados de accidente ou enfermidade profesional, a empresa indemnizará os traballadores nos seguintes supostos e cantidades:

-En caso de morte ou invalidez total: 3.000.000 de ptas.

-En caso de invalidez absoluta: 4.000.000 de ptas.

Artigo 6º.-Cambios de posto de traballo por embarazo.

As traballadoras embarazadas terán dereito a que se lles cambie o posto de traballo a outro máis acorde coa súa situación.

Subrogación dos traballadores/as

Capítulo VII

Artigo 1º.-Adscrición do persoal.

Primeiro.-Ó termo da concesión da contrata dos traballadores/as da empresa contratista saínte, pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Traballadores/as en activo que presten os seus servicios no dito centro, sexa cal fose a modalidade do seu contrato de traballo.

b) Traballadores/as que con contrato de interinidade substitúan algún dos traballadores/as enunciados no apartado anterior.

c) Traballadores/as de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporasen ó centro como consecuencia dunha ampliación de contrata.

Segundo.-Tódolos supostos anteriormente considerados deberán ser acreditados de forma que faga fe e documentalmente pola empresa saínte á entrante, nun prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ó final deste artigo.

O indicado prazo contarase desde o primeiro momento en que a empresa entrante lle comunique de forma que faga fe á saínte e á Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra se-la nova adxudicataria do servicio. De non cumprir este requisito, a empresa entrante, automaticamente e sen máis formalidades, subrogarase en todo o persoal que presta os seus servicios no centro de traballo.

En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores/as só se extingue no momento en que se produza o dereito da subrogación del á nova adxudicataria. Enténdese que os traballadores/as non poderán ser trasladados do centro de traballo a non ser que sexa por mutuo acordo entre as partes.

Terceiro.-Documentos que lle deberá facilita-la empresa saínte á entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó día do pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores/as afectados.

-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Copia do documento debidamente dilixenciado por cada traballador/a afectado no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento da súa subrogación, non quedando pendente ningunha cantidade. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data do inicio do servicio como nova titular.

Cuarto.-O empresario/a saínte estará obrigado a lle liquidar ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores/as co obxecto de cobraren estes integramente as pagas correspondentes.

Artigo derradeiro.-Partes asinantes.

Pola empresa: Manuel Conde Silva e José Manuel Cotilla González.

Polo comité de empresa: Margarita Rodríguez Bastos, María José Valderrama Martínez, José María Sáez Ruíz e Mª Carmen Rodríguez Soto.

Pola sección sindical de CC.OO.: José Luís Tizón Guisande.

Por CC.OO.: Eduardo Fernández Pérez.

Vigo, 5 de abril de 2000.