Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 24 de maio de 2000 Páx. 8.087

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de maio de 2000 pola que se convocan prazas para residencia de educadores en centros de atención a menores, dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, que establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no seu artigo 11º asígnalle as competencias sobre protección de menores á citada consellería.

Coa realización desta convocatoria preténdese favorece-los estudiantes con escasos recursos económicos para o seu acceso ó ensino universitario e os licenciados universitarios que estean realizando estudios de doutoramento, ó mesmo tempo que se dota de apoio no eido educativo e asistencial ós centros de atención de menores que se relacionan no anexo II desta orde.

Para este fin, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, na apli

cación económica 14.02.212B.228 existe un crédito de 4.930.000 ptas. para sufraga-lo gasto ocasionado.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-la cobertura de 34 prazas para residencia de educadores en prácticas para o curso escolar 2000-2001 nos centros de internado de menores, dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, segundo o número e distribución que figura no anexo II desta orde.

Artigo 2º

Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:

a) Ser español/a e residente en Galicia.

b) Ter unha idade comprendida entre os dezaoito e os vintecinco anos, ámbolos dous incluídos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar cursando estudios superiores nunha facultade ou escola universitaria de Formación de Profesorado de EXB, Educación Social, Psicoloxía, Ciencias da Educación ou Psicopedagoxía, e ter aprobados integramente dous cursos dos devanditos estudios, ou ter finalizada unha licenciatura ou diplomatura.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de educador en prácticas por causa imputable ó solicitante.

e) Non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do centro.

Artigo 3º

Os interesados deberán cubri-la solicitude que figura no anexo I, podendo optar soamente por centro/s dunha mesma provincia, remitila e presentala na delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que corresponda, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude presentarán, así mesmo, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada da declaración da renda familiar dos membros con obriga de facela presentada no ano 1999, certificación de haberes ou declaración xurada de ingresos dos maiores de idade da unidade familiar.

b) Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico, e un pequeno proxecto sobre un taller para realizar cos menores dos centros que o soliciten, que unha vez lle sexa asignada praza de educador en prácticas nun centro determinado deberá adopta-lo dito proxecto presentado a ese centro.

c) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante.

d) Certificado médico que acredite non padecer defecto físico que impida o desenvolvemento normal da actividade do centro.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Artigo 4º

A concesión da praza comporta:

a) Aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o 1 de setembro de 2000 ata o 30 de xuño do 2001. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ó educador a normal realización dos seus estudios.

b) A asunción pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dos gastos de matrícula de estudios superiores nunha facultade ou nun colexio universitario ata un importe de 30.000 ptas., logo da súa xustificación.

c) A asunción pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de ata 15.000 ptas. en concepto de gastos de adquisición de libros relacionados cos estudios cursados polos educadores, logo da súa xustificación.

Se os educadores están a realiza-lo curso do doutoramento ou outro curso para completa-la súa formación, a consellería asumirá ata 45.000 ptas. en concepto de gastos de libros relacionados cos ditos cursos, igualmente logo da súa xustificación.

d) A asunción pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de ata 10.000 ptas./mes durante dez meses, logo da xustificación polo director do centro da prestación de servicios como educador nos meses correspondentes.

e) Ó remata-la práctica, o educador presentará unha memoria da actividade realizada no centro, que será remitida á Dirección Xeral de Familia.

Artigo 5º

A condición de educador en prácticas obriga a este a realiza-las tarefas que a dirección do centro lle encomende en relación coa atención ós acollidos nel, en horario de actividade extraescolar. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio educador en prácticas.

Artigo 6º

Ó remata-la estadía no centro, seralles entregado pola delegación provincial da consellería e logo do informe favorable do director do centro, un diploma acreditativo das prácticas realizadas.

Artigo 7º

Para a adxudicación das prazas procederase da seguinte maneira:

1. Constituirase unha comisión por cada provincia onde se sitúen os centros, presidida polo respectivo xefe de Servicio de Familia, Infancia e Menores e actuando como vocais un funcionario designado polo

delegado e os directores dos centros que deban recibi-los educadores. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes datos:

-Expediente académico universitario (de 0 a 5 puntos).

-Experiencia en animación sociocultural e coñecementos específicos en actividades deportivas (de 0 a 5 puntos).

-Situación económica da unidade familiar (de 0 a 5 puntos).

-Ter sido educador en prácticas dalgún centro de atención a menores dependente na actualidade desta consellería (de 0 a 5 puntos).

-Entrevista persoal na que se terán en conta as aptitudes e actitudes persoais para a función que se vai desempeñar (de 0 a 10 puntos).

A puntuación máxima será de 30 puntos.

2. Titulacións: terán prioridade os solicitantes con estudios en facultades de Psicoloxía, Ciencias da Educación, Psicopedagoxía, Escolas Universitarias de Formación do Profesorado de EXB e Educación Social.

3. A comisión competente confeccionará unha lista, por orde de preferencia, das solicitudes recibidas para cada centro, elevando a correspondente proposta de resolución ó delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo máximo de quince días, contados a partir do remate do prazo de presentación das instancias.

4. A resolución correspóndelle ó delegado provincial desta consellería, logo da fiscalización da intervención, e comunicáraselles tanto ós centros como a tódolos solicitantes. O prazo máximo para resolver será de 2 meses, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. No caso de non existir resolución expresa transcorrido o prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, de acordo co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º

Os seleccionados terán un prazo de 10 días desde a notificación da concesión da praza para presenta-la seguinte documentación:

-Acreditación da experiencia na área de animación sociocultural ou dos coñecementos específicos en materia fisicodeportiva.

-Acreditación, se é o seu caso, da condición de educador en prácticas en anos anteriores dalgún centro de menores dependente na actualidade desta consellería.

-Acreditación da domiciliación bancaria, a efectos de pagamento.

A non-presentación en prazo da documentación referida ou a insuficiente acreditación dos méritos alegados na solicitude suporá a perda do dereito á praza, procedéndose a adxudicarlle esta ó seguinte solicitante que figura por orde de puntuación na lista confeccionada inicialmente.

Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

No caso de non haber solicitudes para determinado centro ou as que houbera fosen valoradas negativamente, a praza de educador será considerada deserta.

Artigo 9º

A concesión da praza non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Administración e o beneficiario.

Artigo 10º

A condición de educador en prácticas extínguese ó remata-lo curso académico na data fixada no artigo 4 a) desta convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.

O incumprimento por parte do educador das súas obrigas, a ausencia inxustificada ou o incumprimento da disciplina do centro serán causas da perda da condición de educador en prácticas para tódolos efectos. A resolución pola que se acorde esta circunstancia correspóndelles ós delegados provinciais desta consellería.

Artigo 11º

Procederase á revogación da condición de educador en prácticas e á conseguinte perda da praza no caso de incumprimento das obrigas a que se refire esta orde, a non-utilización coa finalidade para a que foi concedida, a obtención da praza sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión, así como o incumprimento por parte dos educadores en prácticas de calquera dos requisitos esixidos no articulado desta orde e demais disposicións aplicables.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO II

Relación de centros e prazas de

educadores en prácticas

ProvinciaCentroLocalidadeNº prazas

A CoruñaCasa Tutelar Jesús de NazarethA Coruña3
A CoruñaCentro Virxe do CarmeFerrol3
A CoruñaColegio San José de CalasanzCoruña1
A CoruñaResidencia de Estudio SoutomaiorFerrol4
LugoCentro Educativo Santo Anxo da GardaRábade2
LugoCentro Educativo Virxe dos Ollos GrandesLugo2
OurenseCentro Educativo MontealegreOurense3
OurenseResidencia de estudios A CarballeiraOurense8
PontevedraCentro Especial Avelino MonteroPontevedra4
PontevedraCentro de Menores de MarínMarín1
PontevedraCentro Fogar San PaioVigo3