Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 17 de maio de 2000 Páx. 7.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 28 de abril de 2000 pola que se declara de interese galego a Fundación Galenus Auriensis e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 7 de abril de 2000 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 29 de marzo de 2000, pola que se clasifica como benéfico-asistencial a Fundación Galenus Auriensis, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 8 dos seus estatutos, ten como obxecto:

a) Promover, fomentar e soste-la investigación da ciencia médica que se desenvolva en Galicia ou en interese da Comunidade Autónoma galega, ou que se leve a cabo por galegos.

b) Promover, fomentar e soster, total ou parcialmente, estudios superiores relacionados con aquelas ciencias médicas que conduzan á creación e mellora de elementos esenciais para a prosperidade da Comunidade Autónoma galega, así como os cursados en universidades civís, eclesiásticas ou seminarios da Comunidade galega.

c) A promoción, creación, sostemento e auxilio de obras asistenciais, sociais e docentes establecidas na Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Galenus Auriensis, ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Galenus Auriensis no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais