Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 05 de maio de 2000 Páx. 7.200

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2000, da Dirección Xeral de Urbanismo, sobre aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para a supresión do tapón existente na zona denominada Travesía Hogar Calvo Sotelo no concello da Coruña.

Antecedentes

O Concello da Coruña remitiulle á Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda na Coruña expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para a supresión do tapón existente na zona denominada Travesía Hogar Calvo Sotelo, de conformidade co artigo 145 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (LSG).

Fundamentos xurídicos

Primeiro.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta, de conformidade co disposto no artigo 145 da LSG.

Segundo.-O proxecto de expropiación forzosa acordouse iniciar por resolución da Alcaldía Presidencia do 3 de agosto de 1999 do Concello da Coruña e foi sometido a información pública polo prazo dun mes, anunciándose nos diarios La Voz de Galicia e El Ideal Gallego do 25 de agosto de 1999 e no BOP e DOG do 27 de agosto e do 9 de setembro de 1999, respectivamente.

Terceiro.-A taxación foille notificada ó Ministerio Fiscal por resultar descoñecido o domicilio da propietaria Rosa Bouzón Bouzón, dándolle traslado literal da correspondente folla de valoración e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formulase alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da LSG.

Cuarto.-A Comisión de Goberno do Concello da Coruña, en sesión do 12 de novembro de 1999 acordou, de conformidade co artigo 145.6º da LSG, remitirlle o proxecto de expropiación forzosa á Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda na Coruña por se-lo órgano competente para a súa aprobación definitiva (hoxe director xeral de Urbanismo da CPTOPV, en virtude da Orde do 30 de decembro de 1999 pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo).

Quinto.-No Concello da Coruña está vixente o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado o 19 de outubro de 1998.

Os terreos que se pretende expropiar están clasificados como solo urbano coa cualificación de sistema local. Rede viaria.

En consecuencia, de acordo co artigo 54 da LSG en relación co artigo 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións (LRSV) resulta acreditada a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados.

Sexto.-Os criterios de valoración incluídos no proxecto de expropiación, remitido ó órgano autonómico para a súa aprobación definitiva, non se axustaban á LRSV xa que se partía dun aproveitamento de 2,5 m/m, cando o aproveitamento que hai que ter en conta sería o resultado da media ponderada dos aproveitamentos referidos ó uso predominante, do polígono fiscal en que para efectos catastrais estea incluído este tal como se recolle no artigo 29 da LRSV, polo que se requiriu o concello para que procedese á modificación das valoracións, acordando na Comisión de Goberno do 18 de febreiro de 2000 aproba-la nova valoración da parcela incluída no expediente de expropiación para a supresión do tapón existente na Travesía de Calvo Sotelo, de acordo cos criterios do artigo 29 da LRSV, quedando esta incorporada ó texto do proxecto de expropiación aprobado inicialmente por Resolución do 3 de agosto de 1999 e substituíndo a valoración alí contida, procedendo a lle notificar ó Ministerio Fiscal a

nova valoración por resultar descoñecido o domicilio da titular catastral da parcela obxecto da expropiación, para que formulase alegacións en relación coa nova valoración.

Sétimo.-A Orde do 30 de decembro de 1999, do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (DOG do 10 de xaneiro de 2000), pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo, no seu artigo 1 delega no director xeral de Urbanismo a aprobación definitiva do expediente de expropia

ción forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, previsto polo artigo 145 da LSG.

Á vista de canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para a supresión do tapón existente na zona denominada Travesía Hogar Calvo Sotelo no Concello da Coruña, facendo constar que a aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 146 punto 1º da LSG.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos núms. 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación de prezo xusto (artigo 146 punto 2º da LSG).

Segundo.-Notificárlle-la resolución aprobatoria do expediente a tódolos interesados titulares dos bens e dereitos que figuran nel, conferíndolles un termo de vinte días durante o cal poderán manifestar por escrito ante esta delegación provincial a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 145 punto 7º da LSG, advertíndoos de que, transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, se entenderá aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 145 punto 8º da LSG).

Terceiro.-Publica-la presente resolución así como a relación dos seguintes bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do concello:

ParcelaPropietariosSuperficie mValoración ptas.

1Rosa Bouzón Bouzón451.802.955

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello serviralles de notificación ós propietarios descoñecidos, a aqueles de quen se ignore o lugar de notificación, ou ben, tramitada a notificación, non se puidese realizar. Todo isto de acordo co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Terri

torial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigos 116, 117 e 48 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación (artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa).

Para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta, non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo (artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2000.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo