Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 05 de maio de 2000 Páx. 7.189

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Auto-Grúas Bertólez, S.L. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Auto-Grúas Bertólez, S.L. de Ourense (código convenio 3200892), con entrada nesta delegación provincial o día 22-3-2000, subscrito pola parte económica pola empresa e da parte social, polo delegado de persoal o día 15-3-2000, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 31 de marzo de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo da empresa Auto-Grúas

Bertólez, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Territorial: este convenio é de aplicación no centro de traballo de Auto-Grúas Bertólez, S.L. sito na estrada de Madrid, km 230,7, zona industrial Barreiros, termo municipal de San Cibrao das Viñas (Ourense).

Persoal: as disposicións deste convenio afectan na súa totalidade ó persoal da empresa Auto-Grúas Bertólez, S.L., sen máis excepcións que as sinaladas na lei.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e denuncia.

Este convenio colectivo entrará en vigor a partir do día 1 de xaneiro de 2000, independentemente da súa publicación no BOE. Será de aplicación ata que se asine outro que o substitúa.

Establécese unha duración de 2 anos, é dicir, ata o 31 de decembro de 2001, prorrogable tacitamente de ano en ano sempre que non sexa denunciado por ningunha das partes que o subscribe antes do remate da súa vixencia inicial ou de calquera das súas prórrogas. Os requisitos formais para efectos da denuncia quedan establecidos no artigo 89 do Estatuto dos traballadores.

Mentres non se renove o actual convenio, ó finaliza-lo seu prazo de vixencia inicial, ben sexa procedendo á súa denuncia e negociación posterior ou ben simplemente por non telo denunciado, estará vixente o actual na súa parte dispositiva, incrementándose anualmente a masa salarial na mesma cantidade do IPC do ano transcorrido.

Artigo 3º.-Garantías individuais.

Respectaranse a título individual as condicións de traballo superiores ás establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto e cómputo anual. Tal garantía será exclusivamente de carácter persoal, sen que poida entenderse vinculada a postos de traballo, categorías profesionais e outras circunstancias, polo que o persoal de novo ingreso non poderá alegar ó seu favor as condicións máis beneficiosas de que desfrutasen os traballadores que anteriormente ocupasen os postos de traballo a que sexa destinado ou promovido.

Artigo 4º.-Indivisibilidade do convenio.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas global e conxuntamente. No suposto de que a autoridade laboral no exercicio das súas facultades non homologase algunha das súas cláusulas, a comisión negociadora estará obrigada a tratar da súa modificación ou supresión no prazo máximo de tres días, contados a partir da comunicación da resolución administrativa.

Artigo 5º.-Forma do contrato.

A admisión de traballadores na empresa, a partir da entrada en vigor deste convenio, realizarase a través do contrato escrito, cando así o esixa a norma legal.

O contrato de traballo deberá formalizarse antes de comeza-la prestación de servicios. Farase constar no contrato de traballo que deba establecerse por escrito, as condicións que se pacten, o grupo profesional ou categoría en que queda encadrado o tra

ballador e o contido mínimo do contrato, así como os demais requisitos formalmente esixidos.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

A xornada de traballo será de 40 horas semanais de traballo efectivo de acordo coa vixente lei, que se desenvolverá en horario de traballo partido.

Artigo 7º.-Período de proba.

O período de proba será de 15 días para o persoal obreiro, de 1 mes para o persoal administrativo, e de 2 meses, para o persoal técnico titulado e non titulado.

Artigo 8º.-Postos de traballo e categorías profesionais.

Serán as que se determinan e clasifican no anexo I.

Artigo 9º.-Modalidades de contratación laboral.

As partes asinantes deste convenio comprométense a fomenta-la contratación indefinida, como norma xeral, con base nas modalidades de contratación en vigor.

Non obstante, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda que se traten da actividade normal da empresa, será de 13 meses e medio dentro dun período de 18 meses.

De formalizarse o contrato por tempo inferior ó citado de 13 meses e medio, poderán facerse prórrogas ata completa-la totalidade do tempo de trece meses e medio.

Artigo 10º.-Ascensos.

Os ascensos dentro do sistema de clasificación profesional produciranse cos criterios que se detallan a seguir:

A cobertura de vacantes e ascensos para desempeñar postos de traballo que impliquen mando ou confianza serán, en todo caso, de libre designación pola empresa.

Os ascensos para o resto de categorías produciranse tendo en conta a formación e titulación dos candidatos, coñecemento do posto de traballo, así como o historial profesional e méritos contraídos, a permanencia na categoría profesional e a antigüidade do traballador.

Artigo 11º.-Roupa de traballo.

Ó persoal afecto por este convenio seralle entregada unha peza de roupa de traballo, sendo obrigatorio o seu uso cando o traballo así o requira.

Esta roupa é propiedade en todo momento da empresa, e o traballador estará obrigado ó seu bo uso e conservación. A empresa poderá facer constar nesta o seu nome, anagrama e actividade.

Artigo 12º.-Permisos e licencias.

Concederánselle-las seguintes licencias retribuídas ós traballadores que o soliciten e xustifiquen nos seguintes casos:

-Por matrimonio do traballador: 15 días naturais.

-Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

-Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario ó que tivese dereito na empresa.

Un día por traslado do domicilio habitual.

Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legalmente.

Tres días naturais ó ano por asuntos propios.

Artigo 13º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio, sexa cal fose a súa modalidade de contratación laboral, terá dereito ó desfrute dun período de vacacións anuais retribuídas de trinta días naturais de duración.

As vacacións desfrutaranse por anos naturais. O primeiro ano de prestación de servicios na empresa só terá dereito ó desfrute da parte proporcional correspondente ó tempo realmente traballado durante o dito ano.

O dereito a vacacións non é susceptible de compensación económica. Non obstante, o persoal que cese durante o transcurso do ano terá dereito ó aboamento do salario correspondente á parte de vacacións devengadas e non desfrutadas, como concepto integrante da liquidación pola súa baixa na empresa.

Para efectos do devengo de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de incapacidade temporal, sexa cal fose a súa causa. Non obstante, dado que o dereito ó desfrute de vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase se no momento do seu vencemento o traballador continuase de baixa, aínda que manterá o dereito a percibi-la diferencia que puidese existir entre a retribución de vacacións e a prestación de incapacidade temporal.

Unha vez iniciado o desfrute do período regulamentario de vacacións, se sobrevén a situación de incapacidade temporal, a súa duración computarase como días de vacación, sen prexuízo do dereito do traballador a percibi-la diferencia que puidese existir entre a retribución correspondente a vacacións e a prestación de incapacidade temporal.

O desfrute das vacacións, como norma xeral e salvo pacto en contrario, terá lugar en dous períodos de 15 días cada un.

Artigo 14º.-Discreción profesional.

Como manifestación dos deberes xerais de colaboración e boa fe que rexen a prestación do traballo, o traballador está obrigado a mante-los segredos relativos á explotación e negocios da empresa.

Artigo 15º.-Deberes do empresario.

En relación coa prestación do traballo, o empresario está obrigado a lles facilitar ós traballadores cantos medios sexan necesarios para a adecuada realización do seu cometido, así como os medios de protección necesarios para efectos da súa seguridade e saúde no traballo e velar polo uso efectivo destes e, en xeral, a respecta-los dereitos laborais establecidos no artigo 4 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Salario base.

O salario base por categorías é o que se especifica no anexo I deste convenio.

Artigo 17º.-Complemento persoal de antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade fíxase en quinquenios do 6% sobre o salario base fixado segundo categorías.

Artigo 18º.-Gratificación de transporte.

Durante a vixencia deste convenio, a empresa aboaralle a cada traballador, en concepto de gratificación de transporte, a cantidade de 8.000 pesetas por cada mes de presencia efectiva no traballo, calquera que sexa a distancia que separa o centro de traballo do seu domicilio.

Para os efectos de percepción desta gratificación, considéranse como días de presencia efectiva no traballo as licencias retribuídas e os accidentes de traballo.

A empresa reserva para si o dereito a descontar desta cifra as faltas de asistencia que non sexan polos conceptos anteriormente citados.

Esta remuneración non cotizará á Seguridade Social.

Artigo 19º.-Gratificacións extraordinarias.

O traballador terá dereito a dúas gratificacións extraordinarias ó ano, que se aboarán nos meses de xuño e decembro .

Estas pagas extraordinarias non se devengarán mentres dure calquera das causas de suspensión de contrato previstas no artigo 45 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 20º.-Proporcionalidade de devengo das pagas extras.

O importe das pagas extraordinarias para o persoal que, en razón da súa permanencia, non teña dereito á totalidade da súa contía, será rateado conforme os seguintes criterios:

a) O persoal que ingrese ou cese no transcurso de cada semestre natural devengará a paga en proporción ó tempo de permanencia na empresa durante este.

b) Ó persoal que cese no semestre respectivo, faráselle efectiva a parte proporcional da gratificación

no momento de realiza-la liquidación dos seus haberes.

c) O persoal que preste os seus servicios en xornada reducida ou a tempo parcial, devengará as pagas extraordinarias en proporción ó tempo efectivamente traballado.

Artigo 21º.-Devengo das percepcións económicas.

1. O salario base devengarase tódolos días naturais polos importes que para cada categoría e nivel establece o convenio.

2. As pagas extraordinarias devengaranse por días naturais, na seguinte forma:

-Paga de xuño: do 1 de xaneiro ó 30 de xuño.

-Paga de Nadal: do 1 de xullo ó 31 de decembro.

3. A remuneración anual comprenderá as percepcións económicas pactadas en convenio, por nivel e categoría profesional.

Artigo 22º.-Pagamento das percepcións económicas.

1. Tódalas percepcións, agás as de vencemento superior ó mes, se aboarán mensualmente, por períodos vencidos e dentro dos sete primeiros días hábiles do mes seguinte ó do seu devengo, aínda que o traballador terá dereito a percibir quincenalmente anticipos de contía non será superior ó 50% das cantidades devengadas.

2. A empresa quedará facultada para paga-las retribucións e anticipos a conta destes, mediante cheque, transferencia ou outra modalidade de pagamento a través de entidade bancaria ou financeira.

3. O traballador deberalle facilitar á empresa, ó tempo do seu ingreso ou incorporación a ela, o seu número de identificación fiscal (NIF), de conformidade coa normativa aplicable ó respecto.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

Considéranse horas extraordinarias aquelas que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo.

Páctase expresamente que os traballadores incluídos no ámbito deste convenio deben realizar horas extraordinarias motivadas por forza maior, así como as estructurais, entendendo estas últimas como as necesarias en períodos punta de traballo, ou derivadas da natureza do traballo de que se trate.

Así, a título simplemente enunciativo e non exhaustivo, as horas extraordinarias estructurais deben ser realizadas:

-Con ocasión de accidentes en estrada, e rescates ou auxilios necesarios a terceiros.

-Por sucesos fortuítos ou de forza maior, tales como incendios, vendavais, auxilio laboral, etc..., en que sexan necesarios os nosos servicios ou maquinaria.

-Cando as forzas de protección civil ou similar demanden os nosos servicios.

Tales horas extraordinarias serán compensadas mediante descanso dentro dos catro meses seguintes

á súa realización, ou ben serán aboadas en contía equivalente ó dobre da hora ordinaria.

Artigo 24º.-Locomoción.

Serán por conta da empresa os gastos de locomoción que se orixinen como consecuencia da situación de desprazamento dos traballadores, que por orde da empresa, teñan que efectuar viaxes a zonas distintas a aquela na que radique o centro de traballo pondo medios propios á disposición do traballador.

Estes traballadores percibirán as seguintes cantidades:

-Axudas de custo. Almorzo: 300 ptas., xantar: 2.500 ptas., cea: 2.500 ptas.

-Pasa-la noite fóra da provincia: 1.300 ptas.

Artigo 25º.-Seguro de vida.

A empresa contratará cunha compañía de seguros unha póliza, que lles garantirá ós traballadores afectados ou ós seus herdeiros legais a percepción das cantidades que a continuación se indican polos riscos de accidente ou enfermidade, como consecuencia dos cales sobreveña invalidez permanente ou morte. Este compromiso queda supeditado ó contido das condicións xerais e particulares da póliza que se contrata, de forma que se nalgún suposto non procedesen as indemnizacións por non estar comprendido o risco nas citadas condicións, non se derivará diso responsabilidade subsidiaria para a empresa:

-En caso de morte dun traballador por causas naturais ou por accidente non laboral, os beneficiarios terán dereito a percibi-lo importe correspondente a unha mensualidade do salario bruto garantido do traballador asegurado.

-En caso de morte ou incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez, derivadas de accidente laboral e/ou enfermidade profesional: 5.000.000 de ptas.

Este beneficio é independente das prestacións que co mesmo motivo conceda a Seguridade Social.

Artigo 26º.-Incapacidade temporal.

Durante o período en que o traballador afectado por este convenio estea de baixa como consecuencia de accidente laboral ocorrido na empresa, durante as horas de traballo ou nos desprazamentos que se efectúen fóra do lugar habitual deste, por necesidades da empresa e polo tempo indispensable de ida e volta, incluíndo o accidente in itinere, considerando este o tempo necesario para que o traballador chegue ó seu posto de traballo ou ben ó seu domicilio habitual, que podemos fixar, independentemente de circunstancias excepcionais, nunha hora, antes e despois da entrada e saída do traballo, percibirá o 100% do seu salario, debendo aboar en consecuencia a empresa a diferencia, é dicir, o 25% restante.

Artigo 27º.-Cláusula final.

Para todo o non previsto neste convenio, haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores

e demais lexislación complementaria sobre esta materia.

Artigo 28º.-Comisión paritaria.

Para estes efectos, queda constituída a comisión paritaria, formada polo delegado de persoal, e igual numero de representación empresarial.

Artigo 29º.-Compensación e absorción.

As melloras deste convenio compensaranse e absorberanse con calquera outra mellora voluntaria ou por disposición legal, en cómputo anual.

Convense expresamente a non absorción da cantidade que viñesen percibindo os traballadores con anterioridade á entrada en vigor deste convenio en concepto de incentivo.

ANEXO I

Táboas salariais ano 2000

CategoríasSalario mensual

Titulado superior130.000
Titulado medio125.000
Xefe administrativo 1ª122.000
Xefe administrativo 2ª118.000
Xefe de sección115.000
Mestre taller112.000
Oficial administrativo 1ª110.000
Oficial administrativo 2ª105.000
Auxiliar administrativo94.000
Encargado96.000
Vixilante93.000
Oficial 2ª conductor guindastre101.000
Oficial 1ª taller110.000
Oficial 2ª taller94.000
Peón89.000

Este convenio asinárono a dirección da empresa e a representación dos traballadores en Ourense, 15 de marzo de 2000.

Rubricado