Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 05 de maio de 2000 Páx. 7.187

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 29 de marzo de 2000 pola que se establece unha convocatoria única para a validación de certificados non referendados de cursos realizados en escolas de mergullo profesional recoñecidas pola Administración.

A Orde do 23 de abril de 1999, pola que se regula o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece as condicións e os requisitos para a obtención das diferentes titulacións de mergullo profesional.

No seu artigo 16.6º a citada orde establece como requisito para a obtención das tarxetas a presentación do certificado de ter superado o exame correspondente á dita titulación, validado pola Administración competente en materia de formación de mergullo.

A normativa vixente anterior que derrogou a Orde do 22 de decembro de 1995, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, recoñecía centros de formación para imparti-las ensinanzas de mergullo profesional, publicándose a dita homologación no Boletín Oficial del Estado e correspondendo á Administración a inspección e supervisión dos cursos.

A orde derrogatoria citada provocou que os certificados de realización de cursos e exames emitidos polas escolas recoñecidas quedasen sen a validación oficial da Administración, ben porque esta se declarou non competente nesta materia, ben por non existir normativa reguladora que aplicar, provocando para as persoas que realizaron un destes cursos unha situación que lles impide a obtención dos títulos profesionais de mergullo para os que realizaron o proceso formativo.

Dado que a situación exposta afecta a un grupo de galegos que por non existir en Galicia ata decembro pasado centro públicos ou escolas recoñecidas que impartisen estas ensinanzas, tiveron que realizar esta formación en centros doutras comunidades autó

nomas, parece conveniente establecer un mecanismo que salvagardando os criterios de esixencia establecidos na normativa galega, lles permita obte-lo seu titulo de mergullo profesional.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Realizar con carácter excepcional e en convocatoria única unha proba de validación dos certificados de cursos de mergullo profesional, emitidos por centros recoñecidos ó abeiro da Orde do 22 de decembro de 1992, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, con anterioridade á publicación da Orde do 23 de abril de 1999 da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 2º

A dita proba consistirá nun exame teórico e práctico realizado por un tribunal da Escola Galega de Mergullo, consonte o establecido no artigo 36 e no anexo VI da orde do 23 de abril de 1999.

Artigo 3º

Os interesados en participar na dita convocatoria inscribiranse nela no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde, mediante escrito dirixido ó director do Instituto Galego de Formación en Acuicultura, xunto coa seguinte documentación:

1. Unha fotografía tamaño carné recente.

2. Orixinal ou copia compulsada do certificado expedido pola escola recoñecida correspondente á titulación que se quere validar.

3. Certificado médico realizado de acordo coa Orde do 23 de abril de 1999, ou recoñecemento médico en vigor anotado no libro diario de mergullo ou caderno de actividades subacuáticas.

4. Certificado de avaliación psicolóxica realizado de acordo coa Orde do 23 de abril de 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para a publicación daquelas disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2000.

Amancio Landín Jaraiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura