Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 05 de maio de 2000 Páx. 7.187

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 25 de abril de 2000 pola que se acorda a cesión de uso de bens mobles adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a favor da Fundación Rof Codina de Lugo.

A Fundación Rof Codina está interesada en que se lle ceda o uso de diversos aparellos que se atopan no Laboratorio de Saúde Pública sito no Centro de Saúde de Vilagarcía de Arousa e que non se están utilizando, para destinalos ós servicios asistenciais e docentes do Hospital Clínico Veterinario da citada fundación.

Para tal fin, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais tramitou o expediente de cesión de uso de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo (DOG nº 156, do 13 de agosto).

Por todo o exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión de uso a favor da Fundación Rof Codina de Lugo dun analizador de hematoloxía modelo Coulter 540 e dun espectrofotómetro Beckman modelo 700 Analycer sitos no Laboratorio de Saúde Pública situado no Centro de Saúde de Vilagarcía de Arousa.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) Os bens cedidos destinaranse ós servicios asistenciais e docentes do Hospital Clínico Veterinario da Fundación Rof Codina.

b) A cesión outórgase por un período máximo de cinco anos prorrogable por períodos sucesivos de igual duración se así o acordase a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, logo de petición da fundación.

c) Se os bens cedidos non se aplicasen para o fin sinalado dentro do prazo inicialmente fixado no acordo ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens devolveranse á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentasen.

d) A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá comproba-lo cumprimento das obrigas que leva implícitas a cesión.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o director da fundación, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través da Secretaría Xeral, no marco das súas respectivas competencias, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais