Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 04 de maio de 2000 Páx. 7.150

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 25 de abril de 2000 pola que se acorda continua-la tramitación, con cargo ós orzamentos do ano 2000, das solicitudes acollidas á Orde do 1 de marzo de 1999, pola que se establecen axudas para a mellora e conservación dos bosques de frondosas.

Con data do 10 de marzo de 1999, a Consellería de Medio Ambiente publicou a Orde do 1 de marzo de 1999, pola que se establecen axudas para a mellora e conservación dos bosques de frondosas.

Con data do 18 de maio de 1999, a Consellería de Medio Ambiente publicou a Orde do 10 de maio de 1999, pola que se modifica a Orde do 1 de marzo de 1999, pola que se establecen axudas para a mellora e conservación dos bosques de frondosas.

Dado que as dispoñibilidades orzamentarias do ano 1999 non permitiron atende-la totalidade das solicitudes presentadas, é preciso continua-la súa tramitación con cargo ós orzamentos do ano 2000.

O regulamento (CE) nº 1257/1999, do consello do 17 de maio de 1999, sobre a axuda ó desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e de Garantía Agrícola (FEOGA) e polo que se modifican e derrogan determinados regulamentos, establece no seu artigo 30 que a axuda á silvicultura se destinará ós investimentos efectuados en bosques e que teñan por obxecto un aumento significativo do valor económico, ecolóxico ou social deles.

En consecuencia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, o Decreto 482/1997, do 30 de decembro, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As solicitudes acollidas á Orde de 1 de marzo de 1999, pola que se establecen axudas para a mellora e conservación dos bosques de frondosas, ás que non lles foi concedida a subvención solicitada por falta de crédito, poderán ser tidas en conta ó abeiro desta orde durante o exercicio de 2000, quedando supeditado o outorgamento das axudas ó cumprimento da normativa comunitaria europea aplicable. A tramitación dos expedientes efectuarase conforme os requisitos e criterios da Orde do 1 de marzo de 1999, pola que se establecen axudas para a mellora e conservación dos bosques de frondosas, sen prexuízo da aplicación da normativa en vigor reguladora do réxime e control da aplicación das subvencións públicas, e continuará a partir do trámite no que se atopen os expedientes no momento da publicación no DOG desta orde.

Artigo 2º.-Financiamento.

As accións previstas nesta orde financiaranse, no exercicio do ano 2000, con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes na aplicación 15.02.614 C.770.0 por un importe de 50 millóns de pesetas, que poderá ser incrementado con fondos comunitarios, do Estado, ou da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente