Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 03 de maio de 2000 Páx. 7.055

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da acta da comisión paritaria do convenio colectivo do sector do comercio téxtil da provincia da Coruña para emendar un erro nas táboas salariais para o ano 2000.

Visto o texto da acta asinada o día 15 de marzo de 2000 pola comisión paritaria do convenio colectivo do sector do comercio téxtil da provincial da Coruña, integrada en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios del Comercio Textil de la Provincia de A Coruña, e da parte social pola CIG, CC.OO. e UGT, co obxecto de corrixi-lo erro advertido na confección das táboas salariais para o ano 2000 do convenio colectivo do sector do comercio téxtil da provincia da Coruña, publicado no DOG nº 48, do 9 de marzo de 2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta

delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 27 de marzo de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Acta da comisión paritaria do convenio colectivo de comercio téxtil da Coruña (15-3-2000)

Asistentes:

-Pola parte empresarial: Antonio Vila, Julio Diéguez, Belén Chaver (Asociación Provincial de Empresarios de Comercio Textil de A Coruña), Marina Graña (asesora laboral CEC).

-Pola parte social: Luis Soto (CIG), Elvira Martínez (CC.OO.), Nieves Montes (UGT).

Na Coruña, ás 9.30 horas do día 15 de marzo de 2000, nos locais da Confederación de Empresarios da Coruña, reúnense os integrantes da comisión paritaria do convenio colectivo de comercio téxtil da Coruña co obxecto de levar a cabo a corrección do erro advertido ó publica-las táboas salariais do ano 2000 deste convenio colectivo.

Ámbalas partes acordan que o complemento de transporte establecido no artigo 14 do convenio colectivo, que quedou sen fixar por omisión, queda fixado para o ano 2000 na cantidade de 9.287 pesetas mensuais, en 11 pagas.

Acórdase facultar a Marina Graña Bermúdez para que proceda a realiza-los trámites oportunos ante a delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para o rexistro e publicación desta acta.

E, non habendo máis asuntos que tratar, levántase a reunión ás 10 horas da data arriba indicada.