Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 03 de maio de 2000 Páx. 7.051

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector das industrias de bebidas refrescantes.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector das industrias de bebidas refrescantes, con número de código 3600165, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 22-3-2000, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Gaseosas e Bebidas Analcohólicas, e da parte social, pola central sindical CIG, en data 11-11-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores. Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 27 de marzo de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de bebidas refrescantes

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio será de aplicación para tódolos traballadores, empresas e sucursais que teñan centros de traballo na provincia de Pontevedra ou os que se establezan durante a vixencia del e estean rexidos pola Ordenanza laboral de industrias de bebidas refrescantes.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Afectaralle a todo o persoal de industrias de bebidas refrescantes.

Artigo 3º.-Duración.

A duración do presente convenio será dun ano e producirá os seus efectos económicos e sociais a partir do 1 de xullo de 1999, sexa cal sexa a súa data de homologación, e estará vixente ata o 30 de xuño de 2000, prorrogándose tacitamente de forma indefinida ata un novo acordo das partes.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras contidas no presente convenio establécense con carácter de mínimas. Os pactos ou situacións actualmente existentes en calquera empresa que impliquen condicións máis beneficiosas respecto das convidas, serán respectadas.

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo para tódolos traballadores do sector será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo e en cómputo anual. Esta xornada distribuirase de luns a venres traballando 7,45 horas diarias durante os meses do ano, excepto os de xuño, xullo e agosto, que se distribuirán de luns a sábado, e nos que a xornada semanal será de 43 horas, traballando oito horas diarias de luns a venres e tres horas os sábados pola mañá.

Establécese de forma excepcional para os días 24 e 31 de decembro, para todo o persoal afectado polo presente convenio, unha xornada de traballo habitual que será realizada de forma continuada, exceptuaranse os días coincidentes en luns, onde esta se entenderá habitual.

Artigo 6º.-Horas extras.

De conformidade co disposto, serán horas extraordinarias as que superen a xornada de traballo do artigo anterior. Estas serán as mínimas e imprescindibles para atende-las necesidades urxentes e inaprazables, necesitándose previamente a comunicación ó comité de empresa ou delegados de persoal.

Estas horas terán que ser negociadas pola empresa eo persoal ou, se é o caso, polo comité de empresa. Estas serán retribuídas co 100%, engadido ó valor da hora normal.

De común acordo entre empresa e traballador, este poderá optar polo desfrute das horas extraordinarias en e para tempo de descanso, considerándose como valor delas para efectos de cómputo o de dous por cada unha realizada.

O desfrute das horas extras efectuarase o mes seguinte ó da súa realización a excepción dos meses de xuño, xullo e agosto.

Artigo 7º.-Vacacións.

As vacacións anuais para o persoal comprendido dentro do réxime deste convenio serán de 30 días naturais. O importe das vacacións deberá ser pagado antes de comeza-lo seu desfrute e sobre o salario base máis antigüidade.

Desfrutaranse do 1 de setembro ó 30 de maio, podendo negociarse o seu desfrute cos representantes legais dos traballadores da empresa un período dun mes anterior ou posterior ás indicadas datas.

O persoal fixo percibirá unha gratificación especial equivalente a dez días do salario base do convenio e antigüidade, se é o caso, con independencia do salario vacacional, no cal virá reflectido o complemento de transporte correspondente, mencionado no artigo 18, e o complemento de convenio citado no artigo 19.

O calendario laboral e de vacacións do ano será negociado pola empresa co persoal, ou, se é o caso, co comité de empresa e será exposto no taboleiro de anuncios.

Artigo 8º.-Licencias e permisos.

O persoal da empresa terá dereito a permiso con soldo en calquera dos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador: 16 días.

b) Necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admiten demora. A súa duración será de 5 días, a xuízo do empresario e oídos os representantes legais do traballador, tendo en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran. Atendidas estas, os mesmos xefes que tivesen concedida a licencia poderán prorrogala sempre que se solicite debidamente.

c) Falecemento de pais, fillos ou esposa: 5 días.

d) Nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días.

e) Por traslado do domicilio habitual: 2 días.

f) Por parto de fillas ou fillas políticas: 1 día.

g) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que dispoña esta en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período de trece meses, a empresa poderá pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no epígrafe un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por incumprimento do deber ou desempeño do cargo percibe unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

h) Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a unha licencia retribuída dun día, sen que se necesite xustificación para o seu desfrute.

A dita licencia non poderá ser acumulada en vacacións, pontes ou calquera outra licencia. Tampouco poderá ser desfrutada durante os meses de xuño, xullo e agosto e a mesma deberá ser solicitada cunha antelación de cinco días. A súa concesión estará supeditada á orde de coincidencia de datas con calquera outra. Sen dereito a retribución por matrimonio de fillos, irmáns e irmás políticas: 1 día.

Artigo 9º.-Excedencias.

Nos casos para cargo político ou exercicio de actividades sindicais, as empresas deberán concede-lo paso á situación de excedencia ós seus traballadores, por petición destes; pola súa parte, as empresas, nos referidos casos, poden esixi-la excedencia forzosa do traballador cando os cargos lles impidan a dedicación

ó seu traballo habitual. Esta situación de excedencia rematará ó desaparece-las causas que a motivaron e o tempo que durase considerarase como de servicio activo para os efectos de antigüidade na empresa.

Igualmente concederáselle excedencia ó persoal que, como mínimo, posúa unha antigüidade dun ano na empresa, por unha situación non inferior a dous anos nin superior a cinco e sempre que os productores que xa se atopasen en tal situación non excedan do 5% do cadro de persoal total da empresa. Transcorrido o período de excedencia voluntaria sen solicita-lo reingreso, perderá o excedente tódolos dereitos, causando baixa definitiva no cadro de persoal. O tempo que o traballador permanecese na dita situación de excedencia non será computable nin para a antigüidade nin para ningún outro efecto.

Durante a situación de excedencia, non ten dereito o traballador afectado ó percibo do soldo, nin de retribución ningunha sen que poida utilizar esta situación de interrupción da relación laboral para prestar servicio noutra empresa do sector para os efectos de competencia, salvo permiso expreso da dirección da súa propia empresa.

Para acollerse a outra excedencia voluntaria, o traballador deberá cubrir un novo permiso de catro anos de servicios efectivos na empresa. Solicitado o reingreso, será destinado o excedente a ocupa-la primeira vacante que se produza de igual ou similar categoría, respectándose os límites legais establecidos.

Artigo 10º.-Condicións económicas.

Os salarios serán os establecidos na táboa salarial anexa do convenio. Establécese un aumento salarial do 2,3% en tódolos conceptos salariais.

Artigo 11º.-Pagas extraordinarias.

Establécense no presente convenio tres gratificacións extraordinarias, nos meses de xullo, decembro e marzo. As de xullo e decembro aboaranse na primeira quincena dos ditos meses. A de marzo aboarase durante o citado mes. A paga de marzo poderá ser fraccionada entre os prazos que a empresa e o traballador acorden.

Estas pagas serán aboadas sobre os conceptos que integran o salario do convenio máis a antigüidade.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Complemento de antigüidade: a contía do complemento de antigüidade será a que o 31 de decembro de 1995 figure en nómina como complemento de antigüidade, aboarase nas quince mensualidades.

Os traballadores que na data do 31 de decembro de 1995 cumpran algún bienio ou trienio, aboaráselle, cuantificándose a partir da dita data a antigüidade por cuadrienios, que empezarán a percibi-los traballadores que a partir da dita data empecen a xerar cuadrienios; o dito concepto, denominado complemento de antigüidade, introducirase en nómina, o cal será cotizable, e non será absorbible por ningún outro concepto salarial.

Antigüidade: en concepto de antigüidade, establécense cuadrienios na contía do 6% sobre o salario

do convenio vixente en cada empresa e por cada categoría.

Artigo 13º.-Axudas de custo.

Terán dereito a elas os traballadores que mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente, se vexan obrigados a realizaren asuntos ou traballos de carácter profesional por conta e baixo dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes ó centro de traballo que lles imposibiliten o seu regreso e sexa preciso efectuar comidas fóra do seu propio domicilio; e tamén no caso de que a misión encomendada lle esixa unha permanencia que o obrigue a tomar aloxamento.

As axudas de custo xustificaranse debidamente.

Estas serán as seguintes:

-Axuda de custo completa: 6.584 ptas.

-Xantar: 2.075 ptas.

-Cea: 2.075 ptas.

-Cama: 1.954 ptas.

-Almorzo: 488 ptas.

Establécese para o persoal de distribución que no transcurso da súa ruta habitual teña que efectua-lo seu xantar, unha axuda de 1.131 ptas. que será incompatible coas axudas de custo anteriores.

Artigo 14º.-Retirada do carné de conducir e multas.

No caso de retirada do carné de conducir, por causa imputable ó traballador durante a súa tarefa ó servicio da empresa, esta comprometerase a facilitarlle ó conductor un posto de traballo idóneo, de acordo coa súa categoría profesional, sen que con iso se vexa mermado o seu salario.

As multas nas cales a culpa sexa imputable ó traballador serán aboadas por este, o no caso contrario, pagaraas a empresa. Esta tamén se fará responsable das multas orixinadas por exceso de carga, mal aparcamento en caso de carga e descarga, sempre que se produza en núcleos urbanos, onde haxa saturación de tráfico e sexa culpa do traballador a infracción e número excesivo de viaxeiros que teñan a condición de ser persoal de servicio da empresa e o seu transporte fose ordenado por esta.

Artigo 15º.-Complementos asistenciais.

Agás o establecido ó respecto nas disposicións sobre Seguridade Social, as empresas aboaranlles ós traballadores fixos ó seu servicio en baixa de enfermidade non profesional unha indemnización complementaria ata acada-lo 100% do seu salario base de cualificación durante o prazo máximo de 18 meses e sempre que o proceso sexa de duración superior a 7 días, iso logo de confirmación do servicio médico ou facultativo designado por esta.

Artigo 16º.-Descanso por maternidade.

As traballadoras terán dereito, cando menos, a un período de descanso laboral de oito semanas antes e oito semanas despois do parto. O período postnatal será en todo caso obrigatorio, e a el poderá sumarse, por petición da interesada, o tempo non desfrutado antes do parto. Así mesmo, terá dereito a unha pausa

dunha hora no seu traballo que poderá dividir en dúas fraccións ou reduci-la xornada no mesmo tempo durante os nove meses de lactación.

Artigo 17º.-Revisións médicas.

As empresas estarán obrigadas a realizarlles unha revisión médica anual ós seus traballadores. A dita revisión médica farase usando os servicios que dispón o Ministerio de Traballo sempre que se poñan á disposición da empresa solicitante.

Artigo 18º.-Gastos de locomoción.

Tódolos traballadores percibirán en concepto de complemento de locomoción a cantidade de 5.802 ptas. mensuais. Á parte, cada traballador, segundo a súa categoría, percibirá o suplemento de gastos de locomoción que figura na táboa salarial anexa. Estas cantidades aboaranse nos doces meses do ano.

Artigo 19º.-Complemento de convenio.

Establécese un complemento de convenio de 11.727 ptas., mensuais para tódalas categorías. O dito complemento aboarase nos doce meses do ano, sen que repercuta nas pagas extras e antigüidade.

Este complemento terá carácter de salario para efectos de enfermidade.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

As empresas veranse obrigadas a facilitarlles ós seus traballadores un mínimo de dúas pezas de roupa por ano, así como luvas e calzado para aqueles traballos que así o requiran. Así mesmo cada dous anos facilitaráselle ó persoal de distribución, anualmente, unha chaqueta curta, dúas camisas, dous pantalóns e un anorak cada dous anos. Quedará a discrección dos encargados das seccións prover dalgunha peza de roupa suplementaria de traballo agás das xa sinaladas, segundo as circunstancias que puidesen presentarse e no caso de necesidade xustificada, logo de proposta ó empresario. O seu uso será obrigatorio. Así mesmo, o persoal terá a obriga de conservalas en bo estado; o traballador estará obrigado a compralas pola súa conta cando por abandono ou neglixencia a el imputable as estrague de forma clara.

Artigo 21º.-Seguridade no posto de traballo.

A empresa estará obrigada a outorgarlle, a todo traballador que por calquera causa xustificada non puidese seguir desempeñando o posto de traballo para o que foi contratado, un dereito preferente de ocupación das vacantes que existan, sempre e cando as características do posto de traballo habilitado sexan aptas ás condicións físicas e intelectuais do traballador.

Artigo 22º.-Distribución.

As empresas recomendaranlles ós seus clientes a necesidade de que os locais onde teña lugar a recepción de mercadorías solicitadas reúnan as debidas condicións, para tratar de evitar, no posible, tarefas que supoñan excesivo esforzo físico para os traballadores.

Artigo 23º.-Seguro de morte e invalidez.

Establécese un seguro de morte e invalidez, nos casos producidos con ocasión ou como consecuencia

de accidente laboral exclusivamente, por conta da empresa do sector que comprenda o ámbito deste convenio e para tódolos traballadores delas nas contías de 1.500.000 e 2.000.000 de ptas. respectivamente. Con obriga por parte da empresa de entregarlles ós representantes legais dos traballadores, se así lles é esixido, a copia da póliza en vigor.

Artigo 24º.-Asistencia a consultorio médico.

En casos de saída ó médico, a empresa aboará o tempo empregado, cando a visita coincida co horario de traballo. Para o seu aboamento será preceptivo que o volante estea asinado e datado polo médico.

Artigo 25º.-Servicio militar.

Os traballadores que voluntariamente ou forzosos se incorporen a cumpri-lo servicio militar terán dereito a un posto de traballo durante o período de duración do dito servicio e dous meses máis, salvo enfermidade.

Artigo 26º.-Cota sindical.

As empresas deducirán das súas nóminas as cotas correspondentes ós afiliados ás centrais sindicais. O traballador interesado na realización de tal operación remitiralle á empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato ó que pertence e a contía do cobramento.

Artigo 27º.-Local do comité de empresa.

A empresa facilitará local adecuado, sempre que dispoña del, para reunións e consultas do delegado ou comité de empresa cos traballadores, así como un taboleiro para poñer comunicados, avisos, carteis, etc.

Artigo 28º.-Garantías sindicais.

As empresas afectadas por este convenio, respectarán as seguintes garantías:

a) Disporán dun crédito de 25 horas mensuais retribuídas a cada un dos membros do comité de empresa ou delegado de persoal en cada centro de traballo, para o exercicio das súas funcións de representación.

b) As citadas horas poderán ser acumuladas polos representantes dos traballadores que estean presentes na negociación do convenio colectivo, ata un máximo de dous delegados por empresa.

Artigo 29º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado por ambas partes no presente convenio, créase a comisión paritaria, que estará composta da seguinte forma:

-Tres vocais que representan a parte social: serán elixidos para cada caso, entre os integrantes dos que formaron a comisión deliberadora do presente convenio e pertencentes ás centrais sindicais.

-Tres vocais que representan a parte económica: serán elixidos pola Asociación Provincial de Gasosas e Bebidas Analcohólicas, entre os compoñentes da comisión deliberadora.

Ámbalas dúas partes poderán acudir ás ditas reunións cos asesores que estimen oportunos.

Artigo 30º.-Pagamento de nóminas.

Tódolos traballadores que o soliciten poderán domicilia-lo cobramento da súa nómina ou haberes na entidade bancaria que elixan previamente ámbas duás partes.

Artigo 31º.-Partes que o concertan.

Este convenio foi negociado e asinado pola Asociación Provincial de Gasosas e Bebidas Analcohólicas da provincia de Pontevedra e a central sindical Confederación Intersindical Galega (CIG).

Artigo 32º.-Traballadores eventuais.

Todos aqueles traballadores eventuais que computen tres anos na mesma empresa pasarán á situación de fixos. Nos ditos tres anos, contaríanse como período de permanencia na empresa da que se trate as situacións seguintes:

Desemprego, calquera que sexa a súa modalidade. Incapacidade temporal nas súas distintas clases e duración dentro da vixencia do contrato e, en xeral, calquera circunstancia que leve consigo unha interrupción temporal. Para estes efectos, computarase como tempo traballado a permanencia en empresas filiais ou asociadas da principal. O presente artigo non será de aplicación a aqueles traballadores que cesen voluntariamente e retornen á empresa.

Artigo 33º.-Ferramentas de traballo.

As empresas veranse obrigadas a facilitarlle ó seu persoal de reparto un carro para o efecto para facilita-la súa tarefa. O seu uso será obrigatorio.

Así mesmo, o persoal terá a obriga de conservalo en bo estado, correndo pola súa conta a compra ou reparación, cando por neglixencia ou abandono a el imputable, o estrague de forma clara.

Artigo 34º.-Xubilación.

A idade de xubilación obrigatoria será ós 65 anos, sempre e cando se reúnan os requisitos legais para acceder á correspondente prestación. Poderase optar, non obstante por acceder a ela á idade de 64 anos, sempre e cando así o establezan de mutuo acordo, empresa e traballador segundo a normativa vixente en cada momento.

Artigo 35º.-Dereito de información en materia de contratación.

Recóllese no presente artigo a Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, sobre dereitos de información dos representantes dos traballadores en materia de contratación. Para a súa aplicación observaranse as seguintes condicións:

1. O presente texto manterá a súa vixencia no convenio ata o momento da derrogación da Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, na que quedará sen efecto.

2. O presente texto recollerá no seu contido calquera modificación que se produza no articulado da lei.

Texto da Lei 2/1991, do 7 de xaneiro.

Artigo 1º

1. O empresario entregaralle á presentación legal dos traballadores unha copia básica de tódolos con

tratos que deban celebrarse por escrito, a excepción dos contratos de relación laboral especial de alta dirección, sobre os que se establece o deber de notificación á representación legal dos traballadores.

Co fin de comproba-la adecuación do contido do contrato á legalidade vixente, esta copia básica conterá tódolos datos do contrato a excepción do número do documento nacional de identidade, o domicilio, o estado civil e calquera outro que, de acordo coa Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, puidese afecta-la intimidade persoal.

O empresario, nun prazo non superior a dez días desde a formalización do contrato, ós representantes legais dos traballadores, entregaraselles a copia básica os que a asinarán para efectos de acreditar que se produciu a entrega. Posteriormente, a dita copia básica enviarase á oficina de emprego.

Nos contratos suxeitos á obriga de rexisto no Inem, a copia básica remitirase, xunto co contrato, á oficina de emprego. Nos restantes supostos remitirase exclusivamente a copia básica.

2. O empresario notificaralles ós representantes legais dos traballadores as prórrogas dos contratos de traballo ós que se refire o nº 1, así como as denuncias correspondentes a estes no prazo dos dez días seguintes a que tivese lugar.

3. Os representantes legais dos traballadores deberán recibir, alomenos trimestralmente, información respecto das previsións do empresario sobre a formalización de novos contratos, con indicación do número destes e das modalidades e tipos de contratos que serán utilizados, así como os supostos de subcontratación.

Artigo 2º

Os representantes da Administración, así como os das organizacións sindicais e das asociacións empresariais que teñan acceso á copia básica dos contratos, en virtude da súa pertenza ós órganos de participación institucional que regulamentariamente teñan tales facultades, observarán sixilo profesional, e non pode utiliza-la dita documentación para fins distintos dos que motivaron o seu coñecemento.

Artigo 3º

1. O empresario con ocasión da extinción do contrato, ó comunicarlles ós traballadores a denuncia ou, se é o caso, o preaviso de extinción del, deberá acompañar unha proposta do documento de liquidación das cantidades adebedadas.

O traballador poderá solicita-la presencia dun representante legal dos traballadores no momento de proceder ó asinamento do recibo definitivo, facendo constar nel o feito do seu asinamento en presencia dun representante legal dos traballadores ou ben que o traballador non fixo uso desa posibilidade. Se o empresario impedise a presencia do representante no momento do asinamento, o traballador poderá facelo constar no propio recibo, para os efectos oportunos.

2. A liquidación dos salarios que lles corresponda ós traballadores fixos descontinuos, nos supostos de conclusión de cada período de actividade, levarase a cabo con suxeición ós trámites e garantías establecidos no número anterior.

Táboa de salarios que rexerán

desde o 1-7-1999 ó 30-6-2000

CategoríasSalario

día

Suplemento

Locom. mes

Total gastos

transporte mes

Peón2.6829726.774
Subalternos2.7779786.780
Axudante2.7779786.780
Aux. administrativos2.7779786.780
Oficiais de segunda3.0381.0626.864
Oficiais de primeira3.1761.1476.949
Encargado ou capataz3.3061.1596.961
Encargado de sección3.9821.4167.218
Encargado xeral4.6711.6807.482

Os asistentes asínano en proba de conformidade.

En Vigo, o cinco de novembro de mil novecentos noventa e nove.