Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 03 de maio de 2000 Páx. 7.048

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 19 de abril de 2000 pola que se convocan bolsas para a realización de prácticas en oficinas de información e promoción turística.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese que, por parte das administracións públicas se dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo está a adoptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de favorece-lo acceso a prácticas de información turística ós estudiantes e titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas, así como ós técnicos superiores en información e comercialización turísticas, para así procurar uns profesionais o máis preparados posible xa que unha das demandas actuais do sector é a de que cada día exista unha maior profesionalización.

Por todo isto, e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Gali

cia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse 21 bolsas para a realización durante o verán de prácticas de promoción e información turística, unha para a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (en adiante Turgalicia) e as demais distribuídas entre a oficina municipal de Ribadavia (1) e as oficinas que a Xunta de Galicia ten dedicadas a tal actividade nas localidades da Coruña (2), Santiago de Compostela (2), Lugo (2), Ourense (2), Pontevedra (2), Vigo (2), Ferrol (1), Ribeira (1), Ribadeo (1), O Carballiño (1), A Gudiña (1), Tui (1) e Vilagarcía de Arousa (1).

Artigo 2º.-Duración e dotación económica.

1. A duración das bolsas será de tres meses no caso da realización de prácticas en Turgalicia, concretamente os de xullo, agosto e setembro, e de dous meses e medio para as bolsas no resto das oficinas, desde o 1 de xullo ata o 15 de setembro, ambos incluídos.

2. A dotación económica da bolsa de estudio para prácticas en Turgalicia será de 400.000 (catrocentas mil) pesetas e das bolsas nas restantes oficinas de 300.000 ptas. para o total do período, fraccionándose o seu pagamento por mensualidades. Farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.751A.480.0 dos vixentes orzamentos, e comprenderá un seguro individual de accidentes.

Artigo 3º.-Requisitos dos bolseiros.

1. Poden optar ás bolsas de prácticas nas oficinas de información turística os técnicos superiores en información e comercialización turísticas, os estudiantes na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas e os titulados nela con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1997.

2. Á bolsa para a realización de prácticas relacionadas coa promoción turística en Turgalicia só poderán opta-los titulados como técnicos de empresas e actividades turísticas, con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1996.

Artigo 4º.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro/a en virtude da presente orde non xerará ningún tipo de relación de carácter laboral nin contractual e tampouco dara lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

Artigo 5º.-Condicións xerais das bolsas.

1. O contido das tarefas que realizarán os bolseiros consiste:

-No caso das bolsas de prácticas nas oficinas turísticas, en actividades relacionadas coa información a turistas e viaxeiros sobre aloxamento, transporte, espectáculos, gastronomía, bibliotecas, arquivos, museos, feiras, festas, romarías, exposicións e servicios en xeral, así como calquera outra manifestación que polas súas características ofreza atractivos turísticos.

-No caso de prácticas en Turgalicia, en actividades de apoio ás accións de promoción que se estean a realizar.

2. Os beneficiarios comprométense á realización das devanditas tarefas con plena dispoñibilidade, calquera día da semana laboral ou festivo, de acordo coas indicacións e horario que se lle sinale pola correspondente delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou pola dirección de Turgalicia, cun límite de 37 horas semanais.

3. Ós bolseiros que o soliciten, entregaráselles un certificado conforme realizaron as prácticas.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes serán remitidas á Dirección Xeral de Turismo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte (20) días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cubríndose do seguinte xeito:

a) Solicitude segundo o anexo I.

b) Fotocopia cotexada, por ámbalas caras, do DNI.

c) Os estudiantes, certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións do curso 1998-1999 ou xustificante da matrícula do exame da reválida correspondente ó dito curso

d) Os titulados, fotocopia do título ou do recibo do depósito do título compulsadas e certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

e) Certificacións ou fotocopias compulsadas das notas en idiomas obtidas no último ano cursado en cada idioma, en centros nacionais ou estranxeiros recoñecidos.

f) Certificacións ou fotocopias compulsadas, da realización de prácticas en axencias de viaxes, hoteis, cámpings, congresos, museos ou calquera outra actividade relacionada co turismo.

g) Certificacións ou fotocopias compulsadas da realización de prácticas de información turística.

h) Fotocopias compulsadas de diplomas acreditativos de asistencia a cursos especializados en idiomas.

i) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, para o mesmo período.

2. Os interesados só poderán presentar unha solicitude.

3. A solicitude da bolsa implica o coñecemento e aceptación dos termos contidos nesta orde de convocatoria.

Artigo 7º.-Criterios de selección.

1. Para a valoración das solicitudes de bolsas de estudios presentadas para prácticas nas oficinas de información turística e de Turgalicia, terase en conta o seguinte baremo:

-Nota media das cualificacións, engadíndolle 0,5 puntos por curso superado e 1 punto máis ós titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas.

-0,25 puntos por curso de idiomas superado e 0,10 puntos por asistencia a cursos especializados en idiomas.

-0,15 puntos por cada mes completo de prácticas desenvolvendo actividades relacionadas co turismo.

-0,35 puntos por cada mes completo de prácticas de información turística realizadas.

2. No caso de que dous ou máis aspirantes a bolsas de estudios acaden a mesma puntuación no concurso para unha mesma oficina de información turística ou para Turgalicia, a selección establecerase a prol do peticionario de máis idade.

3. No caso de que unha vez adxudicadas as bolsas de estudios xurdisen renuncias, adxudicaráselle automaticamente a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

4. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará resolución, que lles será debidamente notificada a tódolos solicitantes. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictou ou ser impugnada directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, de acordo co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Aceptación-renuncia das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación ou renuncia a elas. No caso de aceptación xuntarase coa mesma certificación bancaria da conta onde se aboará a bolsa de estudios. Se transcorridos os sinalados cinco días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención, declarándose concluso o procedemento.

Artigo 9º.-Aboamento das axudas.

As axudas aboaranse con periodicidade mensual e na contía correspondente, unha vez que desde Turgalicia, o concello de Ribadavia ou as delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo o caso, remitan informe á Dirección Xeral de Turismo sobre a asistencia regular ás prácticas e aproveitamento dos adxudicatarios.

Artigo 10º.-Incumprimento das obrigas.

O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, logo do trámite de audiencia ás partes, poderá anula-la axuda concedida, por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios das bolsas obxecto desta convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo