Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 03 de maio de 2000 Páx. 7.056

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A. (código 1500352), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 23-2-2000, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social, polo comité de empresa, o día 21-3-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24

de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 28 de marzo de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da Compañía de Tranvías

de La Coruña, S.A.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo rexe, regula e actualiza as relacións laborais entre a empresa Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A. e a totalidade do seu persoal en activo na data da sinatura do convenio.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor para tódolos efectos o 1 de xaneiro de 2000 e desde esta data producirá plenos efectos, e a súa duración será ata o 31 de decembro de 2002.

Artigo 3º.-Revisión, rescisión e prórroga.

O aviso previo de denuncia do convenio deberá facerse cunha antelación mínima dun mes, respecto da data do seu vencemento ou, se é o caso, de calquera das súas prórrogas. Unha vez producida a denuncia, manterá a súa vixencia ata novo acordo en contido normativo.

O convenio quedará prorrogado tacitamente por sucesivos períodos dunha anualidade, no caso de que ningunha das partes formulase denuncia para a súa revisión ou rescisión.

A porcentaxe de aumento salarial sobre táboas é do 3,25 %, consistente no IPC previsto máis 1,25 puntos para o ano 2000 e, para o caso de que o 31 de decembro sufrise variación respecto ó IPC real, procederase á regularización das diferencias orixinadas con efectos do 1 de xaneiro de 2000, servindo como base para os salarios de 2001.

Os incrementos económicos para o ano 2001 e 2002 serán:

Ano 2001: IPC real máis un punto; así, o incremento realizarase no mes de xaneiro tomando como base o IPC previsto para 2001 e, para o caso de que o

31 de decembro sufrise variación respecto ó IPC real, procederase á regularización das diferencias orixinadas con efectos do 1 de xaneiro de 2001, servindo como base para os salarios de 2002.

Ano 2002: IPC real máis un punto; así, o incremento realizarase no mes de xaneiro tomando como base o IPC previsto para 2002 e, para o caso de que o 31 de decembro sufrise variación respecto ó IPC real, procederase á regularización das diferencias orixinadas con efectos do 1 de xaneiro de 2002, servindo como base para os salarios de 2003.

Artigo 4º.-Compensación.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que anteriormente rexeran por pacto ou foran concedidas pola empresa, ou por imperativo legal regulamentario, xurisprudencia, contrato individual, usos e costumes locais ou por razón de calquera outra cousa.

Respectaranse as condicións persoais que con carácter global excedan do convenio, manténdose estrictamente ad personam.

Artigo 5º.-Unidade do convenio.

As estipulacións contidas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible, polo que, necesariamente para efectos de interpretación e aplicación práctica, deberán ser consideradas globalmente en tódalas súas cláusulas ou artigos debendo a empresa respectar, a tódolos traballadores, as condicións máis beneficiosas que, con anterioridade ó presente convenio, se establecesen ou viñesen desfrutando.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

A comisión será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do pactado no presente convenio. As súas funcións serán:

1. Interpretación auténtica do convenio.

2. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidas por ambas partes, de común acordo, en asuntos derivados deste convenio.

3. Concialiación facultativa nos problemas colectivos con independencia das atribucións que, por norma legal, lles poidan corresponder ós organismos competentes.

4. Vixilancia do pactado e o seu cumprimento.

As resolucións ou acordos adoptados por unanimidade pola comisión paritaria terán carácter vinculante.

En caso de dúbida ou discrepancia, a comisión elevaría consulta á autoridade laboral competente.

A comisión comporase dun presidente, que será o do convenio e actuará como mediador con voz, pero non con voto e de oito vocais, catro por cada parte, preferentemente de entre os que actuaron na deliberación do convenio. Ademais, o presidente levantará acta dos acordos e resolucións que se adopten na comisión, que deberán ser asinados por tódolos señores que interveñan.

Poderán ser nomeados asesores por cada representación, aínda que estes terán dereito a voz, pero non a voto.

A comisión, en primeira convocatoria, non poderá actuar sen a presencia de tódolos vocais, e en segunda, o seguinte día hábil, actuará cos que asistan, tendo voto unicamente en número paritario dos vocais presentes, sexan titulares ou suplentes.

A comisión paritaria reunirase por instancia de calquera das partes, póndose de acordo estas co presidente sobre o lugar, día e hora da reunión.

Ámbalas partes, conveñen en dar coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflictos puidesen producirse, como consecuencia da interpretación e aplicación do convenio.

Capítulo II

Retribucións económicas

Artigo 7º.-Retribucións.

O salario de todo traballador, de acordo coa lexislación vixente e en especial do Decreto de ordenación do salario, estará composto por:

a) Salario base.

b) Antigüidade.

c) Complemento de asistencia.

Artigo 8º.-Antigüidade.

Os traballadores que, conforme o disposto na normativa legal desfrutan do complemento de antigüidade seguirano percibindo segundo as porcentaxes actualmente en vigor. O importe da antigüidade calcularase sobre o salario base e manterase sen limitación ningunha ata a idade de 65 anos.

O persoal ingresado a partir do 1 de xaneiro de 1980 devengará a antigüidade conforme a seguinte táboa:

2 anos de antigüidade: 5%.

4 anos de antigüidade: 10%.

9 anos de antigüidade: 20%.

14 anos de antigüidade: 30%.

19 anos de antigüidade: 40%.

24 anos de antigüidade: 50%.

29 anos de antigüidade: 60%.

A data inicial do cómputo da antigüidade será a do ingreso do traballador na empresa e devengarase desde o día seguinte de ter cumpridos os anos.

Artigo 9º.-Pagas extraordinarias.

Tódolos traballadores da Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A. percibirán dúas pagas extraordinarias que se denominarán de verán e Nadal. As ditas gratificacións percibiranse os días 15 de xullo e 15 de decembro respectivamente ou o día inmediatamente anterior cando aqueles coincidan en domingo ou festivo. A posibilidade de que algún dos días bancarios coincidise en día inhábil substituirase polo día laborable inmediatamente anterior, levando o talón bancario esta data. O dito pagamento documentarase a través do modelo oficial de nómina exis

tente actualmente e a súa contía será de 30 días de salario base incrementándose co complemento de antigüidade.

Artigo 10º.-Paga de beneficios.

A participación en beneficios virá determinada polo montante do 10% dos salarios devengados durante o período que comprende o presente convenio, dos conceptos correspondentes a salario base e antigüidade correspondente a cada traballador. Aboarase antes do 16 de marzo.

Artigo 11º.-Quebranto de moeda.

A gratificación por quebranto de moeda queda establecida por este e futuros convenios no triple do prezo dun billete ordinario e revisarase mantendo o expresado criterio, sempre que se produza variación nas tarifas e coa mesma vixencia, percibíndose por día efectivo de traballo.

Artigo 12º.-Entrega de conta.

A gratificación por entrega de conta queda establecida en 511 pesetas diarias, percibíndose por día efectivo de traballo.

Artigo 13º.-Complemento conductor-perceptor.

O conductor-perceptor, cando desempeñe simultaneamente as funcións de conductor e cobrador, percibirá ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial por posto de traballo igual ó 20% do seu salario base por cada día en que realice ambas funcións. Igualmente percibirase nas vacacións anuais.

Artigo 14º.-Complemento de compensación.

Establécese un complemento para o persoal de administración, inspección e talleres cunha contía que queda establecida en corenta e cinco mil cincocentas catro pesetas anuais (45.504 ptas.), que se aboarán en doce pagas mensuais a razón de 3.792 ptas. cada unha.

Artigo 15º.-Traballos realizados en domingos e festivos.

Os domingos e festivos non recuperables traballados compensaranse coa concesión dun día laborable para o descanso semanal.

Artigo 16º.-Nocturnidade.

O complemento de nocturnidade comezará a devengarse a partir das 22 horas do día e consistirá nun 25% sobre o salario base ou un 20% sobre o salario base e a antigüidade, aplicándose en cada caso o resultado máis beneficioso para o traballador.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extraordinarias, axustándose estrictamente ós seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros casos extraordinarios e urxentes: realización.

c) Horas extraordinarias por contratos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural ou técnico da propia natureza da actividade: mantemento, sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas pola lei. A dirección da empresa informará periodicamente o comité de empresa sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas, e se é o caso, a distribución por seccións ou tallos e este levantará informe da situación á Delegación de Traballo. Se nunha sección determinada da empresa houbera necesidade de realizar horas extraordinarias nas condicións anteriormente descritas, a súa realización virá determinada por decisión maioritaria do conxunto dos traballadores que integran a dita sección e, en caso afirmativo, terán que realizalas estes.

En ningún caso, o incremento das horas extraordinarias sobre o valor das horas ordinarias do traballo será inferior ó 75%.

Artigo 18º.-Pagamento de salarios.

O pagamento de salarios efectuarase mediante cheque bancario ó portador dous días antes de finaliza-lo mes, consignándose no cheque a data correspondente ó primeiro deles. A posibilidade de que algún dos días bancarios coincidise en día inhábil substituirase polo día laborable inmediatamente anterior. O dito pagamento documentarase a través do modelo oficial de nómina existente actualmente.

No caso de que algún ou algúns traballadores ou persoal xubilado solicite efectua-la domiciliación bancaria da nómina, a empresa comprométese a entregar ou depositar en calquera das entidades bancarias nas que manteña aberta conta corrente, a correspondente relación nominal de traballadores interesados, no transcurso dos dous últimos días hábiles bancarios de cada mes. Os traballadores que pola súa vontade, estean acollidos a este último parágrafo, asumirán os atrasos que por tramitación bancaria puideran xurdir.

Capítulo III

Melloras sociais

Artigo 19º.-Complemento de indemnización.

Todo o persoal da empresa percibirá con cargo a ela, en caso de ILT (incapacidade laboral transitoria), a diferencia entre o que lle corresponde percibir polo réxime xeral da Seguridade Social e a retribución real correspondente ó salario base e antigüidade.

Ademais do especificado no parágrafo anterior, no caso de que un traballador permaneza de baixa por un período de tempo superior a 30 días, a partir do día 31 da baixa percibirá 500 pesetas por cada día en que permaneza nesa situación.

Os traballadores ingresados na empresa con posterioridade a 1947 terán os mesmos dereitos para efectos de ILT que aqueles ingresados con anterioridade á dita data que os teñen recoñecidos.

A empresa aboará igualmente a cantidade necesaria para completa-lo 100% do salario base e antigüidade dos traballadores da compañía, beneficiarios das prestacións por longa enfermidade ou invalidez pola mutualidade correspondente.

Artigo 20º.-Seguro de morte e invalidez.

Establecerase unha póliza de seguros por morte ou invalidez, para cada un dos traballadores da compañía de tranvías e durante a súa permanencia en activo nela, consistente nunha indemnización de 2.300.000 pesetas en caso de morte natural e morte ou invalidez por accidente. A póliza producirá efectos a partir da data na que se asine o presente convenio. As primas deste seguro serán por conta da empresa, a cal deberá dar copia da póliza ó comité de empresa.

Os beneficiarios serán os seguintes familiares deles:

1. Viúva.

2. Fillos.

3. Ascendentes.

4. Familiares ou persoas que con el convivan habitualmente.

En todo caso, o traballador poderá variar e designar en documento á parte os familiares ou persoas beneficiarias.

Artigo 21º.-Fondo de axuda asistencial.

Créase un fondo de axuda asistencial para sufragar gastos necesarios dos traballadores, destinado primordialmente a paliar:

1. Circunstancias sobrevidas de calquera índole, con excepción das derivadas de sancións impostas pola empresa, que supoñan para o traballador un quebranto económico importante.

2. Atencións de estudios para fillos segundo a orde de preferencia seguinte:

a) Os fillos orfos de traballadores.

b) Os pertencentes a familias numerosas.

c) Os que realicen estudios superiores carecendo de bolsa.

Este fondo será administrado polo comité de empresa o cal proverá as respectivas adxudicacións e detallaranse publicamente a través do taboleiro de anuncios para coñecemento de todo o persoal. A dotación será de 200.000 ptas. por ano de vixencia do convenio e por unha soa vez por conta da empresa, e non se poderá acumular máis de tres anos consecutivos.

Artigo 22º.-Pases de libre circulación.

As esposas ou esposos, se é o caso, fillos, viúvas, xubilados, pensionistas de longa enfermidade e invalidez e os fillos orfos de traballadores que o soliciten, terán dereito a un pase gratuíto para viaxar nos vehículos da empresa. No que respecta ós fillos e orfos gozarán de tal beneficio ata os 26 anos sempre e cando acreditasen a súa necesidade en función de estudios, que estivesen realizando. Se algún dos beneficiarios traballase perdería tal beneficio, agás se estivese realizando aprendizaxe, e neste caso respec

taráselle ata a idade que sinale a ordenanza laboral para as empresas de transportes por estrada, facendo extensivos estes beneficios para os fillos dos xubilados ou pensionistas de longa enfermidade e invalidez.

Artigo 23º.-Libre acceso ós vehículos.

Tódolos traballadores da Compañía de Tranvías de La Coruña, S.A., con presentación da tarxeta de identidade da empresa, terán libre acceso ós vehículos dela.

Artigo 24º.-Uniformes.

A empresa dotará a todo o persoal de uniformes conforme se especifica a continuación, debendo vestir con limpeza e propiedade.

Cada dous anos entregaráselle ó persoal de movemento un uniforme completo composto dunha cazadora, dous pantalóns, un xersei e catro camisas.

A todo o persoal de movemento de novo ingreso e por unha soa vez seranlle entregados dous uniformes completos en vez dun.

Dotarase de botas e tres fundas a todo o persoal de talleres. Manteranse nas actuais condicións a entrega de zamarras e gardapós.

Artigo 25º.-Garantías no posto de traballo.

Todo conductor ou conductor-perceptor, se é o caso, que conducindo un vehículo da empresa cometese unha infracción que implicase a retirada do carné de conducir, terá dereito a desempeñar, sen perda de categoría laboral, o posto que eventualmente, puidese asignarlle a empresa. No caso de que, co seu vehículo propio, cometese unha infracción que implicase a retirada do carné de conducir, por un tempo máximo de dous anos, poderá desempeñar, sen perda de categoría laboral o posto que, eventualmente, puidese asignarlle a empresa.

No suposto de que a retirada do carné fose por tempo superior, a empresa unicamente se compromete, por tempo indefinido, a reservarlle o posto de traballo.

Para iso, será necesario o informe previo do comité de empresa, que deberá pronunciarse sobre as circunstancias que en cada caso concorran.

Artigo 26º.-Capacidade diminuída.

Os traballadores da empresa que, despois dun recoñecemento médico realizado polo servicio médico de empresas, ou por un centro médico psicotécnico autorizado, non foran considerados aptos para o seu posto de traballo habitual e ademais non exista vacante noutro posto de traballo apto para as súas novas condicións, sempre que permanezan de baixa, percibirán unha cantidade que, sumada á que reciban doutros conductos oficiais, acade o 100% do salario base e antigüidade correspondente ó posto que ocupaban, ata a data mínima de xubilación legal, sendo necesaria a conformidade do traballador.

Artigo 27º.-Festas de Nadal.

A representación empresarial e o comité de empresa conxuntamente comprométense a solicitar do concello

a autorización pertinente para adianta-lo día 24 de decembro a retirada do servicio ás 21 horas e o día 31 de decembro ás 21.30 horas e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro atrasa-la saída ás 10 horas. Para o persoal de talleres e administración os días 24 de 31 de decembro, a xornada laboral finalizará ás 13 horas.

Artigo 28º.-Indemnizacións por falecemento.

A empresa aboará dúas mensualidades compostas por salario base, antigüidade e complemento de asistencia, en caso de falecemento de calquera traballador en activo, os cales se lles entregarán ós seguintes familiares deste:

1. Viúva.

2. Fillos.

3. Ascendentes.

4. Familiares ou persoas que con el convivan habitualmente.

Á parte destas dúas mensualidades, a empresa aboaralles ós ditos familiares o salario, antigüidade e complemento do mes completo en que falecese, sen ter en conta o día en que tal feito aconteza. A cantidade que se aboará por loito será de 67.500 pesetas.

Capítulo IV

Xornada laboral

Artigo 29º.-Xornada laboral.

A xornada terá unha duración máxima ordinaria de traballo de 40 horas semanais, equivalentes a 1.826 horas efectivas anuais, e será continuada, excepto en circunstancias especiais en que o servicio o requira. Ambas partes acordan en relación cos conductores-perceptores mante-lo mesmo sistema de traballo e descanso vixente, polo que cada semana se darán dous días de descanso.

A xornada laboral do persoal de administración e talleres finalizará para tódolos efectos ás catorce horas do sábado, exceptuando os sábados comprendidos entre os meses de maio e outubro, ambos inclusive, nos que non se traballará.

Capítulo V

Licencias e vacacións

Artigo 30º.-Licencias, vacacións e permisos non retribuídos.

O traballador, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Dezaseis días naturais en caso de matrimonio do traballador.

b) Tres días en caso de nacemento de fillos, falecemento ou enfermidade grave da esposa e de fillos, fillos políticos, pais, irmáns, avós, netos, padrastos e cuñados de ámbolos dous cónxuxes.

Cando por tal motivo o traballador teña que realizar un desprazamento fóra da provincia, o prazo será de cinco días.

c) Dous días por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

e) Dous días de permiso retribuídos, que poderán ampliarse a un máis sen retribución, en caso de falecemento de tíos de ámbolos cónxuxes.

f) En caso de falecemento de familiares non mencionados nas letras b) e e) ou no suposto de casamento de fillos, ou bautizos e primeiras comuñóns, a empresa facilitaralle ó traballador o tempo necesario para tal fin sen que este tempo sexa retribuído.

Independentemente do anterior, recoñéceselle a todo o persoal ó servicio da empresa o dereito a gozar dun permiso anual sen retribución, de duración non superior a sete días para asuntos propios. A utilizacion deste permiso precisará a xustificación previa da causa que o motiva e a súa concesión, que será automática, só se condiciona a que este se solicite cunha semana de antelación. Só poderá utilizarse unha vez ó ano e o seu caso non será acumulable ó ano seguinte. O traballador, durante eses días, estará en situación de alta na Seguridade Social. Terase en conta o parecer do comité de empresa.

Artigo 31º.-Vacacións.

As vacacións serán de trinta días naturais retribuídos a razón de salario base, antigüidade, complemento de asistencia, complemento de conductor-perceptor e complemento de compensación, se é o caso.

Artigo 32º.-Excedencias.

Os traballadores cunha antigüidade na empresa dun ano, como mínimo, teñen dereito a que se lles recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria, por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco.

O reingreso deberá ser solicitado cun mes de antelación ó remate da excedencia e producirase de forma automática, sempre e cando a lexislación vixente en cada momento permita a contratación temporal por períodos equivalentes ó da excedencia.

En caso contrario, observarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Capítulo VI

Seguridade e hixiene

Artigo 33º.-Comité de seguridade e saúde.

Convense a creación inmediata dun comité de seguridade e saúde no traballo, coas seguintes atribucións e funcións:

a) Promover na empresa a observancia das disposicións vixentes en materia de seguridade e saúde.

b) Estudiar e propo-las medidas oportunas para a prevención de riscos profesionais, protección da vida, integridade física, saúde e benestar dos traballadores.

c) Seren informados pola dirección da empresa das medidas concretas que se previsen en materia de seguridade e saúde, tendo facultade de propor adecuacións, modificacións ou adicións pertinentes ó plan de seguridade por iniciativa do comité.

d) O comité de seguridade e saúde poderá insta-la paralización das actividades perante o inminente risco de accidente.

e) O comité de seguridade e saúde estará composto polo empresario ou quen o represente, un técnico cualificado nestas materias (designado pola empresa e o comité de empresa, conxuntamente) e tres representantes das categorías profesionais máis representativas.

O comité de seguridade reunirase unha vez ó mes, en horas de traballo. As reunións extraordinarias faranse por razóns de urxencia.

Este comité de seguridade e saúde dará conta das súas funcións, polo menos unha vez ó mes, ó comité de empresa.

O comité de seguridade e saúde terá dereito a solicitar do empresario as estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e as súas causas, enfermidades profesionais e as súas consecuencias e os índices de sinistralidade.

Capítulo VII

Dos sindicatos e do comité de empresa

Artigo 34º.-Do comité de empresa.

a) Dereito á negociación colectiva.

b) Dereito á información trimestral, polo menos sobre a evolución contable da sociedade.

c) Dereito a coñecer con antelación suficiente os plans de formación profesional da empresa, procesos de absorción e fusión ou modificación do estatus xurídico da empresa e das modificacións da actividade da empresa.

d) Seren informados previamente á presentación na Delegación de Traballo e organismos competentes sobre a reestructuración de cadros de persoal, peche de empresa ou suspensións temporais de contrato, reducción de xornada, traslado das instalacións da empresa e, en xeral, sobre todo proxecto ou acción empresarial que poida afectar substancialmente os intereses dos traballadores.

Igualmente, deberán ser informados previamente sobre a implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo e calquera das súas posibles consecuencias.

e) Coñece-los modelos de contrato de traballo escrito que se utilizan na empresa, así como os documentos relativos ó remate da relación laboral.

f) Dereito a exercer unha función de vixilancia sobre:

-O cumprimento das normas vixentes en materia laboral e Seguridade Social.

-As condicións de seguridade e hixiene nas que se desenvolve o traballo na empresa.

g) Dereito a participar na xestión das obras sociais da empresa a beneficio dos traballadores ou dos seus familiares.

h) Dereito a que se lles comunique con carácter previo toda decisión en supostos de sancións graves ou despedimentos.

i) Dereito a convocar asembleas de tódolos traballadores sen máis trámite que a previa notificación ó empresario.

j) O comité terá dereito a doce horas anuais retribuídas dentro da xornada laboral, durante o tempo que se considere necesario se é fóra da xornada.

Estas asembleas convocaranse no local da empresa.

Por realizarse o traballo por quendas e non poder efectuarse unha única asemblea, as diversas reunións parciais que teñan que realizarse consideraranse como unha soa.

k) As horas serán acumulables entre os diferentes membros do comité de empresa.

O comité gozará dunha reserva de trinta e dúas horas mensuais retribuídas con tódolos seus emolumentos, igual que calquera outro día efectivo de traballo, para o exercicio das funcións sindicais que lles correspondan.

Artigo 35º.-Atribucións das seccións sindicais.

a) Difundir publicacións e avisos de carácter sindical ou laboral nos locais da empresa, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo.

b) Fixar todo tipo de comunicacións e anuncios de carácter sindical ou laboral nos taboleiros que para tal efecto deberá establece-la empresa dentro dela e en lugares que garantan un adecuado acceso a eles por tódolos traballadores.

c) En materia de reunións, axustarán a súa conducta á normativa legal vixente.

d) Poderán dispor do local destinado ó comité de empresa sempre e cando sexan autorizados para o efecto por este último.

e) Propor candidatos ás eleccións para cubri-los postos do comité de empresa.

f) Elixir un responsable sindical que os represente perante a empresa e que sexa o voceiro da sección sindical ante ela.

g) Utilizar asesores, sindicais, economistas, avogados, etc., nos temas colectivos.

h) Obriga por parte da empresa de desconta-la cota sindical da nómina dos traballadores que a través da sección sindical o soliciten.

i) Terán dereito a un número de oito días de permiso sen retribución ó ano para o exercicio das súas actividades sindicais, por parte dos seus membros, coa notificación previa á empresa, e a dez horas de traballo ó mes retribuídas para o exercicio do labor sindical, dentro ou fóra da empresa.

Cláusula adicional.-Con respecto ós novos ingresos de traballadores, en igualdade de condicións, daráselles preferencia ós fillos de empregados ou pensionistas da empresa.

Táboas salariais

CategoríasSalario

Xefe de servicio 155.630
Xefe de sección 124.195
Xefe de negociado 118.993
Oficial de 1ª administrativo 112.922
Oficial de 2ª administrativo 110.473
Auxiliar administrativo 108.722
Xefe de taller 130.903
Contramestre 115.037
Encargado de almacén 115.117
Inspector 3.727
Conductor-perceptor 3.697
Conductor 3.676
Cobrador 3.591
Xefe de equipo 3.744
Oficial de 1ª taller 3.697
Oficial de 2ª taller 3.665
Oficial de 3ª taller 3.615
Mozo de taller 3.573
Complemento de compensación 3.792
Complemento de asistencia 237
Quebranto de moeda 345
Entrega de conta 511
Complemento de cobro 739

Táboa de remuneración anual en función das horas

anuais de traballo

CategoríasRemuneraciónHoras

Xefe de servicio 2.508.8031.826
Xefe de sección 2.024.7041.826
Xefe de negociado 1.944.5931.826
Oficial de 1ª administrativo 1.851.1001.826
Oficial de 2ª administrativo 1.813.3851.826
Auxiliar administrativo 1.786.4201.826
Xefe de taller 2.128.0071.826
Contramestre 1.883.6711.826
Encargado de almacén 1.884.9031.826
Inspector 1.854.4741.826
Conductor-perceptor 2.169.8281.826
Conductor 1.830.6311.826
Cobrador 1.790.8941.826
Xefe de equipo 1.862.4211.826
Oficial de 1ª taller 1.840.4491.826
Oficial de 2ª taller 1.825.4891.826
Oficial de 3ª taller 1.802.1141.826
Mozo de taller 1.782.4791.826