Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 2000 Páx. 6.797

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2000 pola que se dá publicidade ó acordo do consello de Dirección do Igape, que aproba as bases para a xestión económico-financeira deste instituto.

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, na súa reunión celebrada o día 27 de xaneiro de 2000, acordou a reorganización da estructura directiva do instituto, feito público mediante Resolución do 28 de xaneiro de 2000 (DOG nº 31, do 15 de febreiro).

En consonancia coa reordenación da organización aprobada, e con obxecto de adecua-los principios de economía, eficacia, eficiencia, coordinación e colaboración que deben inspira-la actuación do Igape, o consello de dirección do instituto adoptou, na súa reunión, celebrada o día 30 de marzo de 2000, aproba-las bases para a xestión económico-financeira do Igape, as cales regulan a totalidade das actividades que, con contido económico-financeiro, desenvolven tódolos órganos de xestión do Instituto.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Unico.-Publica-las bases para a Xestión Económico-Financeira do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, que figuran como anexo I á presente resolución.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2000.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Igape

ANEXO I

Bases para a xestión económico-financeira do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Sumario:

1ª. Obxecto e ámbito de aplicación.

2ª. Marco normativo no que se desenvolven as presentes bases.

3ª. Principios xerais.

4ª Procedementos de xestión.

I. Elaboración anual do plan de actuacións do Igape.

II. Variacións das programacións anuais.

III. Xestión económica da actividade do Igape.

IV.Xestión financeira do Igape.

V. Tesourería.

VI. Operacións de peche contable do exercicio, liquidación e formulación do balance e das contas anuais.

5ª. Control da actividade económico-financeira do Igape.

6ª. Desenvolvemento e interpretación destas bases.

1ª. Obxecto e ámbito de aplicación.

As presentes bases regulan o proceso de xestión económico-financeira do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e, polo tanto, o conxunto de actividades que desenvolvan tódolos órganos de xestión do instituto e que teñan repercusión económica someteranse a elas.

2ª. Marco normativo no que se desenvolven as presentes bases.

Toda a actividade económico-financeira do Igape, entendida no sentido antes sinalado, axustarase ás seguintes bases, que estarán supeditadas á normativa que, para as sociedades e entidades de dereito público, lle resulten aplicables.

3ª. Principios xerais.

1. O Igape someterá o proceso de elaboración, xestión e liquidación orzamentaria á regulación contida no capítulo V (normas de especial aplicación ás sociedades públicas) do título III do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (LRF).

2. Principio de equilibrio económico-financeiro. A actividade económica do Igape, enmarcada nun plan plurianual, axustarase ós recursos que efectivamente se obteñan, co obxecto de garanti-lo equilibrio económico-financeiro anual entre gastos e ingresos.

3. Supostos de variación dos orzamentos: modificacións da programación anual. As programacións anuais de gastos poderán ser alteradas por:

-Incrementos.

-Minoracións.

-Reaxustes internos.

En todo caso, as modificacións sinaladas deberán asegurar ou mante-lo equilibrio ó que se fai referencia no número 2) anterior.

4. Programación de actividades ou actuacións do Igape. O Igape desenvolverá a súa actividade, enmarcado nun plan plurianual, conforme as programacións que anualmente se establezan de acordo co citado texto refundido da Lei de réxime financeiro.

Este plan plurianual de actividades será aprobado polo Consello de Dirección do Igape, logo de aprobación da Consellería de Economía e Facenda respecto dos compromisos plurianuais que conteña, sen prexuízo da previa autorización do Consello da Xunta de Galicia.

5. Gastos plurianuais. O Igape poderá contraer compromisos con cargo a exercicios futuros dentro

dos límites preestablecidos pola Consellería de Economía e Facenda e de acordo co previsto no número 4 anterior.

6. Procedementos de actuación. O Igape desenvolverá a súa actividade, ben:

-Mediante a concesión de subvencións a institucións, entidades ou persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, sometido ás bases que, dentro da normativa da Comunidade Autónoma que lle resulte aplicable, sexan aprobadas polo seu consello de dirección e demais normas e acordos que no seu desenvolvemento se establezan.

-As demais actuacións, tanto as referentes á súa xestión como os servicios e outras prestacións que realice, levaranse a cabo de acordo cos procedementos que se aproben polo seu consello de dirección e demais normas que no seu desenvolvemento se establezan, con sometemento á Lei de contratos das administracións públicas, á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, á lexislación patrimonial aplicable, á lexislación laboral, á normativa de taxas e prezos públicos e, se é o caso, á lexislación civil ou mercantil.

7. Órganos competentes. De conformidade co establecido pola Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape, desenvolvida polo Decreto 317/1992, do 12 de novembro, os órganos competentes en materia de xestión económico-financeira do instituto son:

-O consello de dirección, ó que, entre outras funcións, lle corresponde aproba-las bases e normas dos procedementos de actuación do ente, aproba-lo anteproxecto de orzamento, acorda-la celebración de contratos e convenios que concerte o instituto e aproba-la memoria anual, o balance e maila conta de perdas e ganancias (artigo 9 Lei 5/1992).

-O presidente (artigo 11 Lei 5/1992), ó que lle compete, ademais doutras facultades, velar polo cumprimento das directrices de actuacións marcadas pola Xunta de Galicia, así como propoñe-la adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e funcionamento do Igape.

-O director, ó que lle corresponde, entre outras competencias, propoñe-las liñas estratéxicas de actuación do instituto, o programa anual de actividades e o anteproxecto de orzamentos, darlle cumprimento ós acordos do consello de dirección, xestiona-lo Igape, render contas da xestión perante o consello de dirección e elabora-la memoria anual, o balance e maila conta de perdas e ganancias (artigo 12 Lei 5/1992).

Os órganos citados poderán delegar calquera das súas funcións específicas cos pormenores establecidos nas disposicións vixentes neste eido. Estas delegacións recóllense na base 4ª.III.b).

8. Auditoría. Sen prexuízo dos controis que legalmente corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ó Consello de Contas de Galicia, o Igape someterá as súas contas anuais a informe de auditoría externa independente.

4ª Procedementos de xestión.

I. Elaboración anual do plan de actuacións do Igape.

De conformidade co determinado polo artigo 83 do texto refundido da LRF, o Igape elaborará anualmente un programa de actuación, investimentos e financiamento, coa finalidade de mostra-la planificación xeral da súa actividade, cun nivel de agregación axeitado, que permita aprecia-los obxectivos que vai consegui-lo instituto a medio prazo e no ano económico correspondente ó exercicio orzado.

A estructura do programa de actuación, investimentos e financiamento determinaraa a Consellería de Economía e Facenda e terá, polo menos, o seguinte contido:

a) Un estado no que se recollan os investimentos reais e financeiros que se prevexan dentro dun marco plurianual.

b) Un estado no que, para o mesmo período, se conteñan as súas fontes de financiamento, con especificación das achegas de calquera clase que se prevexan recibir da comunidade e/ou dos seus organismos autónomos.

c) Unha exposición dos obxectivos que se deban acadar no dito período plurianual e das características básicas da súa actividade económica.

d) Unha memoria da avaliación económica dos investimentos programados durante o período.

O programa de actuación, investimentos e financiamento será elaborado antes do día 15 de maio de cada ano e irá acompañado dunha memoria explicativa do contido do programa e das modificacións contidas na programación plurianual respecto dos que se atopen en vigor.

O Igape elaborará ademais, anualmente, un orzamento de explotación que detallará o contido da súa conta de explotación e un orzamento de capital, no que se especificarán as orixes e a aplicación dos seus fondos.

O orzamento de capital recollerá cun maior detalle as cifras contidas na primeira anualidade do programa de actuación, investimentos e financiamento, adaptándoas ás posibilidades reais de financiamento que resulten do proceso de elaboración orzamentaria.

Os orzamentos de explotación e de capital serán remitidos polo Igape á Consellería de Economía e Facenda, dentro do prazo previsto no ártigo 51 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para os efectos da súa inte

gración no anteproxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e irán acompañados:

a) Dunha memoria xustificativa do seu contido con indicación de obxectivos.

b) Da liquidación dos do exercicio anterior e un avance de liquidación do corrente.

c) Do balance pechado do exercicio anterior, o avance do exercicio corrente e o provisional do exercicio ó que os ditos orzamentos correspondan.

A Secretaría Xeral do Igape pedirá os datos necesarios e dictará as instruccións precisas para a elaboración dos documentos constitutivos do Plan plurianual de actuacións do instituto e do seu anteproxecto orzamentario, en execución da normativa dictada ó respecto pola Consellería de Economía e Facenda, e, despois da súa agregación, elevaraos ó director do Igape para a súa formulación e sometemento ó acordo do consello de dirección e posterior remisión á Consellería de Economía e Facenda.

II. Variacións das programacións anuais.

O Igape desenvolverá a súa actividade no marco das programacións orzamentarias vixentes en cada exercicio e con sometemento, en todo caso, ó principio de equilibrio económico-financeiro.

De conformidade co establecido polo artigo 83.5º do texto refundido da LRF, as variacións nos orzamentos de explotación e de capital que non afecten a subvencións dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e que supoñan incremento ou diminución nos gastos de persoal, investimentos reais ou financeiros e endebedamento neto sobre as inicialmente previstas serán autorizadas polo conselleiro de Economía e Facenda, cando o seu importe non exceda do 10% de cada unha das clases de gastos antes indicados que se propoñan modificar, e polo Consello da Xunta de Galicia nos demais casos.

Consonte o sinalado na base 3ª.3), e sen prexuízo do preceptuado no parágrafo anterior, as programacións anuais de gastos poderán ser alteradas por:

-Incrementos.

-Minoracións.

-Reaxustes internos.

Os incrementos ou minoracións, distintos dos regulados polo artigo 83.5º do texto refundido da LRF, serán propostos polo secretario xeral ó director do Igape, por propia iniciativa ou por instancia das áreas afectadas. A súa aprobación corresponderá sempre ó presidente, debendo ser informado o Consello de Dirección.

Con carácter xeral, cando non afecten á distribución funcional das programacións, o director xeral do Igape poderá acordar reaxustes internos, por proposta da Secretaría Xeral, a iniciativa propia ou do correspondente responsable de área, coa finalidade

de adecua-las previsións ás necesidades reais, en cada momento. No suposto de que afecten á clasificación funcional, a aprobación de reaxustes internos corresponderá o presidente do instituto, por proposta do director xeral, debendo ser informado en todo caso destes reaxustes o consello de dirección.

As variacións que afecten a fondos alleos deberán contar coa conformidade da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda, da consellería sectorial correspondente ou dos outros entes financiadores.

As propostas de variacións das programacións anuais que se regulan neste punto serán remitidas polo órgano competente á Secretaría Xeral acompañadas do correspondente documento contable de retención de crédito (RC) e unha memoria xustificativa.

O director do Igape velará para que calquera alteración das previsións non vulnere o equilibrio entre ingresos e gastos. Así mesmo, informará o consello de dirección, con periodicidade trimestral, da situación e das variacións das programacións producidas no dito periodo.

III. Xestión económica da actividade do Igape.

Os gastos en que incorra o instituto no desenvolvemento da súa actividade axustaranse ás programacións que, na súa triple vertente funcional, orgánica e económica, establecese de acordo co previsto no puntos anteriores.

a) Fases da xestión económica.

1. Retención de créditos. As programacións dispoñibles vixentes poderán minorarse mediante retención, ben de non dispoñibilidade, para posteriores reasignacións ou como inicio dun expediente.

A Secretaría Xeral, como medida cautelar ou para asegura-lo equilibrio orzamentario, poderá propor ó director do Igape a autorización de retencións de non dispoñibilidade.

Corresponderá ó director de Área, por proposta do subdirector correspondente, a formulación de retencións de crédito para posterior reasignación ou como inicio dun expediente.

2. A execución das programacións dispoñibles será proposta polo órgano xestor correspondente e será autorizada polo director de Área, mediante as fases A, D, O, K, que se detallan a seguir.

2.1. Autorización do gasto (A). Mediante estes actos a autoridade competente, logo da correspondente proposta, acorda a realización dun gasto, calculado en forma certa ou aproximada, reservando a totalidade ou unha parte dos importes programados para tal finalidade co obxecto de garanti-lo cumprimento das obrigas que poidan ser consecuencia daquel, tida en conta a súa natureza económica.

2.2. Disposición ou compromiso de gasto (D). Na súa virtude determínase a contía concreta que debe acada-lo compromiso económico cun terceiro para a realización de todo tipo de prestacións.

2.3. Recoñecemento da obriga (O). Consiste na operación de contraer en contas as débedas esixibles ó Igape que correspondan coa contraprestación ou cumprimento das condicións que se derivan dos acordos, dos concertos ou das resolucións que determinan a disposición dun crédito, unha vez realizada e xustificada axeitadamente a súa prestación ou cumprimento de obrigas e unha vez efectuada a pertinente liquidación.

2.4. Proposta de pagamento (K). Todo recoñecemento de obriga levará implícita no seu momento unha proposta de pagamento (K), que será realizada por quen recoñeceu a existencia da obriga ó ordenador de pagamentos, a favor do respectivo acredor e nos termos resultantes daquela.

A partir da proposta anterior, o secretario xeral proporá ó director xeral a orde de pagamento.

2.5. Ordenamento do pagamento (P). Operación mediante a que o ordenador competente expide a orde de pagamento contra a tesourería do Igape a favor do respectivo acredor.

2.6. Cargo en conta (S). Fase interna de control, en virtude da que reflicte o traspaso efectivo de fondos desde a caixa ou contas operativas do Igape ás dos correspondentes acredores, e que se determina en función da correspondente conciliación bancaria.

2.7. Será aplicable con carácter xeral ás fases anteriores o seguinte:

a) En razón á natureza do gasto poderán acumularse nun só acto as operacións de autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento (ADOK) ou agruparse outras fases intermedias.

b) A anulación das fases contables anteriores realizarase mediante as correspondentes operacións de signo contrario (negativas).

c) As mencións ós directores de área entenderanse referidas ós directores dos centros de Promoción de Negocios no Exterior, polo que atinxe ás súas consignacións.

b) Órganos competentes.

1. O Consello de Dirección do Igape, sen prexuízo das facultades establecidas no artigo 9 da Lei 5/1992, do 10 de xuño, resérvase a competencia para resolve-los procedementos de concesión e incumprimento das subvencións e axudas seguintes:

-Subvencións a fondo perdido cun volume de investimento subvencionable superior a 500 millóns de pesetas.

-Subvencións ó tipo de xuro cun volume máximo de préstamo subsidiable superior a 500 millóns de pesetas.

2. Acórdanse delegacións específicas de competencias, respecto dos órganos e materias que se detallan:

2.1. No presidente do Igape:

-Acorda-la contratación de persoal de alta dirección.

-Resolve-los procedementos de concesión de subvencións e axudas, excepto aquelas especificamente delegadas no director xeral, e cos seguintes límites cuantitativos:

-Subvencións a fondo perdido: ata un volume máximo de investimento subvencionable de 500 millóns de pesetas.

-Subvencións ó tipo de xuro: ata un volume máximo de préstamo subsidiable de 500 millóns de pesetas.

-Resolve-los procedementos de incumprimento incoados con respecto a subvencións e axudas das que as facultades de concesión estean atribuídas ó presidente do Igape.

Acordar e formalizar convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos obxectivos do Igape, sen prexuízo de que o consello de dirección poida autorizar especificamente ó director xeral para a subscrición de convenios concretos.

Acorda-la contratación de obras que impliquen a construcción de bens inmobles ou a realización de traballos que modifiquen a forma ou substancia do terreo ou subsolo, así como a celebración de todo tipo de negocios xurídicos de disposición sobre bens inmobles.

2.2. No director xeral:

-Acorda-la contratación de persoal, agás contratos de alta dirección.

-Acorda-la celebración de contratos sobre bens mobles ou servicios que o instituto precise para o desempeño das súas funcións.

-Acorda-la celebración de cantos contratos de arrendamento de bens sexan precisos para o funcionamento do instituto.

-Acorda-la contratación das obras de reforma, reparación e conservación de bens que sexan precisadas polo instituto.

-Formalizar contratos de apertura de contas correntes en entidades financeiras, logo de autorización da Consellería de Economía e Facenda.

-Acordar, de forma mancomunada co secretario xeral do Igape, actos de disposición contra as contas correntes aperturadas, autorizándolle o establece

mento de sinaturas suplentes, as que, en todo caso, deberán de actuar mancomunadamente co director xeral ou o secretario xeral do instituto.

-Resolve-los procedementos de concesión de subvencións e axudas públicas, nos casos nos que así delegue o Consello de Dirección do Igape.

-Resolve-los procedementos de incumprimento incoados con respecto a subvencións e axudas das que ten atribuídas as facultades de concesión por delegación o director xeral do Igape.

-Designa-los membros das comisións de valoración previstas nas bases reguladoras e convocatorias das axudas e subvencións do instituto.

-Acordar e formalizar aqueles convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos obxectivos do Igape, nos que o Consello de Dirección do Igape acordase especificamente tal delegación.

2.3. No director da Área de Financiamento:

-Instruí-los procedementos de axudas e subvencións concedidas polo Igape, agás os que sexan competencia da Dirección de Promoción, Innovación e Información Empresarial, elevando proposta ós órganos competentes para a resolución.

-Resolve-lo arquivo dos expedientes, nos casos previstos pola lexislación vixente.

-Resolve-la desistencia e a renuncia de dereitos, nos casos previstos na lexislación vixente.

2.4. No director da Área de Promoción, Innovación e Información Empresarial:

-Instruí-los procedementos de axudas e subvencións concedidas polo Igape, agás os que sexan competencia da Dirección de Financiamento, elevando proposta ós órganos competentes para a resolución.

-Resolve-lo arquivo dos expedientes, nos casos previstos pola lexislación vixente.

-Resolve-lo desestimento e a renuncia de dereitos, nos casos previstos na lexislación vixente.

2.5. No secretario xeral:

-A contratación de bens e servicios que non superen as 500.000 ptas.

-Acordar, de forma mancomunada co director xeral do Igape, actos de disposición contra as contas correntes aperturadas, autorizándolle o establecemento de sinaturas suplentes, as cales, en todo caso, deberán de actuar mancomunadamente co director xeral ou o secretario xeral do Instituto.

3. Requirirán a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia os seguintes acordos:

3.1. A resolución das solicitudes de axudas cando o importe da subvención supere os 500 millóns de pesetas.

3.2. Os convenios a que se refire o acordo do Consello da Xunta do 27 de marzo de 1991 (DOG nº 82, do 30 de abril de 1991).

4. Requirirán informe favorable previo da Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos os seguintes acordos:

4.1. A declaración de interese estratéxico de proxectos empresariais.

4.2. A resolución das solicitudes de axudas cando o importe do investimento subvencionable supere os 5.000 millóns de pesetas.

5. Será necesaria a comunicación preceptiva previa á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de todas aquelas decisións que supoñan a realización dun gasto superior a 1.100.000 ptas., nas seguintes materias:

5.1. Contratos de obras, subministracións, asistencias técnicas e contratos patrimoniais.

5.2. Contratos de persoal.

5.3. Contratación de activos e pasivos financeiros e adquisición de participación doutras empresas.

6. Así mesmo, precisarase informe conxunto, favorable e previo das direccións xerais de Orzamentos (Consellería de Economía e Facenda) e Función Pública (Consellería da Presidencia e Administración Pública) nos seguintes expedientes en materia de persoal:

6.1. Modificacións da estructura e cadro de persoal.

6.2. Contratación de persoal temporal non previsto no cadro de persoal orgánico do instituto.

7. A Consellería de Economía e Facenda autorizará a programación de compromisos plurianuais que se conteña no plan de actividades do instituto.

c) Documentos contables.

Por proposta do órgano xestor, entendido como aquel que organicamente ten asignadas as dotacións orzamentarias, o director de Área ou o secretario xeral executará as programacións e autorizará os documentos contables, ata a fase de proposta de pagamento incluída, nos soportes documentais e informáticos que se establezan. A Subdirección de Xestión Económico-Financeira validará as operacións, logo da comprobación da adopción de acordo polo órgano competente e do soporte documental correspondente a cada fase. Na fase K teranse en conta os límites que se establezan no orzamento de tesourería do instituto. A fase P disporase en función das dispoñibilidades de tesourería e a fase S en base na conciliación bancaria.

d) Soporte documental de cada unha das fases.

Con carácter xeral e sen prexuízo das peculiaridades de cada procedemento contidas no sumario

de procedementos do Igape e marco competencial ou no Manual de Procedementos, os documentos que como mínimo deberán acompañar cada fase contable son os seguintes:

1. Contratación de obras, servicios, subministracións, consultoría ou asistencia:

A autorización do gasto (documento A), como inicio do expediente, irá acompañada da solicitude do órgano competente, do correspondente prego de prescricións técnicas e autorización da contratación formulada polo órgano competente. Recibido na Secretaría Xeral, a Subdirección de Servicios Xurídicos, Deseño e Control de Procedementos elaborará o correspondente prego de cláusulas administrativas debidamente informado e procederá ós trámites pertinentes de acordo coa Lei de contratos das administracións públicas.

Ó documento contable D (Disposición/compromiso) xuntaráselle a resolución de adxudicación asinada polo órgano competente.

A fase D levará consigo a formulación de documento A/ polo importe da diferencia entre a adxudicación e a autorización.

Finalmente, as fases contables de recoñecemento da obriga (O) e proposta de pagamento (K) precisarán da remisión da acta de recepción, se é o caso, e factura debidamente conformada en tódolos seus extremos pola área competente, complementando o expediente a Subdirección de Servicios Xurídicos, Deseño e Control de Procedementos.

2. Concesión de axudas e subvencións.

Co proxecto de orde ou das bases reguladoras expedirase documento RC por parte do órgano propoñente.

A fase A quedará soportada na resolución de aprobación das bases reguladoras da axuda.

Ó documento D achegaráselle proposta e resolución da concesión da axuda ou subvención.

Ás fases OK xuntaráselles, se é o caso, certificación do cumprimento dos requisitos e condicións esixidos na correspondente axuda e resolución de concesión da subvención polo órgano competente coa certificación das autorizacións que en cada caso procedan segundo o establecido na base 4ª.III.b).

Nos casos de renuncias á concesión, incumprimentos e demais incidencias deberán formularse os documentos D/ e D de axuste necesarios, que deberán estar acompañados polas correspondentes resolucións.

Naqueles supostos de axudas relativas a bases de carácter aberto en prazo, poderán acumularse nun só acto as fases de autorización e disposición (AD).

Cando a contratación ou o outorgamento de axudas comporte gastos de natureza plurianual, deberán formularse, coas fases RC, A e D de exercicio corrente os correlativos documentos de futuros debidamente cuantificados e periodificados.

3. Normas particulares relativas a outros gastos.

3.1. Xestión de nóminas e outros gastos de persoal.

Ó inicio do exercicio económico, será expedido pola Subdirección de Xestión Económico-Financeira documento AD polo importe total dos créditos destinados ó pagamento das remuneracións e demais gastos imputables ós efectivos reais nese momento. Mensualmente, e polo importe correspondente a cada nómina, formularase o pertinente documento OK.

Cando se inicie o procedemento de contratación de novo persoal a Subdirección de Xestión Económico-Financeira expedirá os documentos contables correspondentes a cada unha das fases do proceso.

3.2. Anticipos.

Os anticipos ó persoal, as provisións de fondos que transitoriamente se lle libren ós centros de Promoción de Negocios no Exterior e outros gastos anticipados, contabilizaranse na conta de balance correspondente ata o momento da súa xustificación e imputación ás programacións que procedan pola súa natureza.

IV. Xestión financeira do Igape.

Os recursos do Igape estarán formados polas magnitudes ás que se refire o artigo 14 da Lei 5/1992.

a) Fases da xestión financeira.

A xestión financeira dos recursos do Igape será realizada pola Dirección Xeral do Instituto, a través da Secretaría Xeral, e a súa contabilización materializarase de conformidade coas seguintes fases:

1. Compromiso de ingreso (CI). É o acto con base no que se recoñece en contas o dereito a liquidar un determinado recurso por unha contía certa se se cumpren aquelas condicións e trámites que se prevexan nas normas legais aplicables.

2. Contracción do recurso (DR). Configúrase como o acto polo que se liquida un ingreso e se recoñece en contas o dereito definitivo á súa percepción pola súa exacta contía.

3. Recadación (DE). Mediante este proceso a tesourería do Igape fai líquido e ingresa nas súas caixas o importe do recurso.

4. Aboamento efectivo en conta (IS). Consiste esta fase contable no rexistro das operacións de ingreso coa data valor segundo as certificacións bancarias

concibida como o procedemento de conciliación bancaria.

Os documentos contables correspondentes a estas fases serán autorizados, por proposta da Secretaría Xeral, pola Dirección Xeral do Instituto.

b) Contabilización das operacións de ingreso.

Tódalas operacións (elaboración, mecanización, validación e contabilización) de ingreso e a súa formulación nos soportes documentais e informáticos que se establezan serán realizadas pola Subdirección de Xestión Económico-Financeira co visto e prace do secretario xeral do Instituto.

V. Tesourería.

A tesourería do Igape está constituída por tódolos recursos financeiros, sexan diñeiro, valores créditos e demais productos das operacións de endebedamento, se é o caso, que se xeren por calquera tipo de operacións. Tódalas operacións de disposición de fondos serán debidamente rexistradas de conformidade co plan de contabilidade do Igape.

a) Órgano de ordenación de pagamentos.

De acordo coa delegación de competencias establecida nestas bases o director do Igape é o tesoureiro e ordenador de pagamentos deste, se ben delégase esta atribución, por razón da contía e ata un importe máximo de 500.000 ptas., na Secretaría Xeral.

b) Orzamentos de tesourería.

A expedición de ordes de pagamento con cargo á Tesourería do Instituto axustarase ó plan que sobre disposición de fondos (orzamento de tesourería) estableza, con periodicidade mensual, a dirección do instituto.

Este orzamento será elaborado pola Secretaría Xeral con base, por unha parte, nas previsións de dispoñibilidades de existencias de efectivo nas contas operativas e, doutra, na natureza preferente dos pagamentos que propoñan as correspondentes áreas.

c) Situación dos fondos. Contas operativas e restrinxidas.

Os fondos da Institución estarán destinados nas entidades a que se refire o artigo 90 do texto refundido da LRF. Será preciso obter autorización da Consellería de Economía e Facenda para a apertura de cada conta e para a determinación das súas condicións de funcionamento. Terán a natureza de contas operativas as dedicadas a recepción dos ingresos e pagamento das obrigas ordinarias do Igape. Poderán aperturarse contas restrinxidas unicamente para a recepción de determinada clase de recursos que, unha vez liquidados, transferirán o seu saldo ás contas operativas.

d) Control dos fluxos de tesourería. Arqueos.

Con independencia do control derivado do sistema contable, mensualmente a secretaría xeral formalizará arqueos con obxecto de verifica-la conciliación dos correspondentes saldos.

VI. Operacións de peche contable do exercicio, liquidación e formulación do balance e das contas anuais.

O orzamento do Igape liquidarase o 31 de decembro do ano natural correspondente. O proceso de peche contable do exercicio determinarase, por proposta da Secretaría Xeral, por resolución da dirección do instituto, que lles será comunicada ós correspondentes xestores, con indicación, se é o caso, de prazos preclusivos para a formulación de propostas de gasto, disposición, recoñecemento de obrigas e propostas de pagamento.

Dentro do primeiro trimestre do ano seguinte procederase a someter á aprobación do consello de dirección do instituto as contas anuais, previstas no Plan Xeral de Contabilidade Público, acompañadas do informe elaborado por auditor externo independente.

5ª. Control da actividade económico-financeira do Igape.

O Igape está vinculado ó control financeiro previsto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, coa finalidade de procurar que esta entidade, tanto no seu aspecto organizativo como no exercicio da súa actividade económico-financeira, se adecue ós principios de legalidade, economía, eficacia e eficiencia.

Para estes efectos o Igape remitirá, coa periodicidade establecida, toda a documentación que se especifica no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18 de marzo de 1999, normas que o desenvolven ou as que no futuro poidan establecerse.

6ª. Desenvolvemento e interpretación destas bases.

Sen prexuízo das competencias que corresponden ó Consello de Dirección e ó presidente do Igape, facúltase expresamente o director xeral deste instituto para:

1. Interpreta-las bases contidas neste documento e resolve-las dúbidas que puidera suscita-la súa aplicación.

2. Dicta-las instruccións e realiza-lo desenvolvemento de cantos documentos e programas informáticos sexan precisos para a execución destas bases, mediante a elaboración dun manual de xestión económico-financeira do Igape.