Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre primeiros auxilios e excarceración, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
Dota-lo colectivo de voluntarios de Protección Civil de Galicia dos coñecementos necesarios no tema de primeiros auxilios e excarceración, co fin de que cando teñan que intervir en situacións de emerxencia o fagan con total seguridade.
Destinatarios.
O curso vai dirixido ós membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan equipos de excarceración.
Prazas.
O número de prazas ofertadas para este curso será de 27.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 29 de maio, ás 14 horas.
3. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo a non-admisión ó devandito curso.
4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Contido e duración.
O curso terá unha duración de 40 horas lectivas, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Primeiros auxilios. Queimaduras. b) Traumatismos cranioencefálicos e da columna. c) Traumatismos toraco-abdominais. d) Fracturas, escordaduras e contusións. e) Transporte do lesionado. f) O SOS Galicia. A asistencia de emerxencia na nosa Comunidade. g) Excarceración. h) Rescate de feridos con helicópteros.
Datas.
O curso terá lugar do 12 ó 16 de xuño.
O horario será de 9.30 a 14 horas e de 16 a 20 horas.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos publicarase o día 6 de xuño, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.
Lugar.
Na sede da Academia Galega Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, na Estrada.
Certificado de asistencia.
Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia, a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 11 de abril de 2000
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade