Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2000 Páx. 6.723

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 25 de abril de 2000 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais referentes a folga convocada pola Unión Xeral de Traballadores de Galicia, na empresa Sitel Ibérica Teleservices, S.A., no Servicio de Emerxencias Un, Un, Dous SOS-Galicia (112 SOS-Galicia) de Santiago de Compostela, que terá lugar a partir das 00.00 horas do día 26 de abril de 2000 ata ás 24.00 horas do día 28 de abril de 2000.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a protección civil.

O exercicio público da prestación do Servicio Un, Un, Dous (112) non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta o persoal da empresa adxudicataria do Servicio de Emerxencias Un, Un, Dous SOS-Galicia (112 SOS-Galicia), Sitel Ibérica Teleservices, S.A., que desempeña as súas funcións no

edificio de usos múltiples da Xunta de Galicia en San

Marcos, s/n, en Santiago de Compostela, que se

levará a cabo desde as 00.00 horas do día 26 de

abril de 2000 ata as 24.00 horas do día 28 de abril de 2000, e logo da audiencia ó comité de folga,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada desde as 00.00 horas do día 26 de abril de 2000 ata as 24.00 horas do día 28 de abril de 2000, que afecta ó persoal da empresa adxudicataria do Servicio de Emerxencias Un, Un, Dous SOS-Galicia (112 SOS-Galicia), Sitel Ibérica Teleservices, S.A., enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos necesarios en adecuada correspondencia cos criterios rectores que se citan neste artigo.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura no Servicio de Emerxencias Un, Un, Dous SOS-Galicia (112 SOS-Galicia), para evitar que se produzan graves prexuízos irreparables ós cidadáns, que poden afectar incluso a vida das persoas.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos, polas características do servicio dispensado.

Establécense os seguintes servicios mínimos:

-Servicio de operadores: 50% mañá e tarde e 75% noite, desde as 00.00 horas do día 26 de abril de 2000 ata as 24.00 horas do día 28 de abril de 2000.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-lo servicio será determinada polo xerente da empresa adxudicataria do servicio, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios do Servicio de Emerxencias Un, Un, Dous SOS-Galicia (112 SOS-Galicia).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais